A finalidade do programa de axudas á etapa de formación posdoutoral é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema galego de I+D+i fomentando, na súa etapa inicial, a mobilidade internacional para mellorar a súa formación e posibilitando a reincorporación nos axentes que conforman o sistema para, con posterioridade, continuar coa súa traxectoria investigadora na institución a que retorna.
Así, a primeira das accións que se propoñen para a consecución destes obxectivos consiste en ampliar a formación do persoal investigador doutor mediante o financiamento dun contrato de estadía de dous anos no estranxeiro e dun ano na Comunidade Autónoma de Galicia ao retorno da dita estadía.
A segunda acción proposta nesta convocatoria posibilita a continuación da formación dos doutores e doutoras que obtiveron unha axuda para a súa formación inicial na convocatoria do ano 2012 e que permaneceron no programa ata o 1 de abril de 2016, acadando unha avaliación positiva. O obxectivo é dar continuidade á súa carreira investigadora posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.
Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación na formación posdoutoral no Sistema galego de I+D+i, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre mulleres e homes que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. Por isto, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de maneira que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.
Co fin de harmonizar o exercicio das competencias que en materia de I+D+i teñen atribuídas a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia Galega de Innovación (en diante GAIN) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e na procura de sinerxías, considérase de interese a realización de convocatorias conxuntas que axuden a consolidar un sistema de I+D+i suficientemente sólido como para garantir o desenvolvemento social e a competitividade económica.
Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Economía, Emprego e Industria proceden á convocatoria das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral.
En consecuencia, e no uso das atribucións que teñen conferidas,
ACORDAMOS:
Artigo 1. Obxecto da convocatoria
Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da GAIN, de apoio á etapa de formación posdoutoral e procede á súa convocatoria.
O obxecto do Programa de apoio á etapa posdoutoral é outorgar axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e ao IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutores e doutoras nos seus centros.
Para acadar tal fin proponse, por unha parte, a ampliación da especialización no estranxeiro do persoal investigador doutor, mediante o financiamento de contratos dun máximo de dous anos de estadías de investigación posdoutorais no estranxeiro e a súa reincorporación na Comunidade Autónoma de Galicia mediante un contrato de retorno dun ano de duración e, por outra, posibilitar a continuación da súa formación e de establecer unha traxectoria investigadora propia para as persoas que obtiveron unha praza nunha universidade do SUG na convocatoria de 2012 do Programa de axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan I2C e que permaneceron nel ata o 1 de abril de 2016 acadando unha avaliación positiva. Polo tanto, estas axudas adoptan dúas modalidades:
– Modalidade A: contrato dun máximo de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración na Comunidade Autónoma de Galicia (anexo I).
– Modalidade B: contrato de dous anos de duración nunha universidade do SUG e axuda complementaria para o establecemento dunha liña de investigación propia, dirixidos ao persoal doutor investigador beneficiario dun contrato nunha universidade do SUG da convocatoria de 2012 do Programa de axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan I2C e que permaneceu nel ata o 1 de abril de 2016 e acadan unha avaliación positiva (anexo II).
Artigo 2. Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.
Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinaladas no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran na data de peche da convocatoria as condicións que se indican para cada tipo de axuda nos anexos I e II, segundo a modalidade a que opten.
Artigo 3. Número, duración e importe das axudas
O número, a duración e o importe das axudas concedidas para cada unha das modalidades serán:
– Na modalidade A: poderanse conceder ata 55 axudas (a previsión inicial é de 50 en universidades do SUG e 5 no resto de entidades beneficiarias), dun máximo de tres anos, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terán que ser a partir do 1 de xuño de 2016 ata a data que corresponda segundo a sinatura dos contratos das persoas seleccionadas, sen que en ningún caso poidan superar a duración máxima de tres anos e que non poderán ser obxecto de prórroga. O importe máximo de cada axuda é de 43.500 € anuais, con contías variables en función do destino dos dous primeiros anos de estadía, tal e como se describe no artigo 3 do anexo I.
A porcentaxe de axudas concedidas para cada rama de coñecemento das cinco recollidas no Real decreto 1393/2007 (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; e Enxeñaría e Arquitectura) non será inferior ao 14 % para o caso dos contratos financiados no ámbito das universidades do SUG.
– Na modalidade B: 20 axudas, dun máximo de dous anos, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terán que ser a partir do 1 de xullo de 2016 ata a data que corresponda segundo a sinatura dos contratos das persoas seleccionadas, por un importe total máximo de 47.000 € anuais cada unha delas, de acordo coa desagregación que se describe no artigo 3 do anexo II.
Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada deberá achegar a diferenza.
En ningún caso lle serán exixibles á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou á GAIN máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.
Artigo 4. Conceptos subvencionables
Os importes das axudas só poderán ir destinados ao financiamento das actividades necesarias para o desenvolvemento desta convocatoria:
Na modalidade A: pagamento dos contratos, custos sociais e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada.
Na modalidade B: pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Os gastos que se consideran elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, son os seguintes:
1. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar.
2. Pequeno equipamento inventariable e material funxible. O material funxible, de oficina ou informático, non poderá exceder o 5 % da axuda debidamente xustificada anualmente.
3. Material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas.
4. Viaxes e axudas de custo para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente.
5. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.
6. Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixe a universidade ao grupo solicitante, que non superarán o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente.
Artigo 5. Formalización e presentación de solicitudes
1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de xeito individualizado para cada unha das persoas candidatas propostas. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados ED481B para a modalidade A ou ED481D para a modalidade B no caso das universidades do SUG e IN606B para a modalidade A das demais entidades, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial, en soporte CD ou similar, dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá utilizar o seguinte modelo normalizado https://sede.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=595703&name=DLFE-1624.pdf e deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. O prazo de presentación de solicitudes para a modalidade A será dun mes que contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Para a modalidade B o prazo de presentación de solicitudes será do 1 ao 30 de abril de 2016.
Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha única entidade beneficiaria e sempre e cando cumpra os requisitos exixidos.
3. As solicitudes deberán vir acompañadas da seguinte documentación (ademais da específica que se indica nos anexos I e II para cada tipo de axuda):
a) Fotocopia do DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de non autorizar a comprobación dos datos persoais a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que se recolle nos anexos III, III bis e IV.
b) Para o procedemento IN606B, e no caso de entidades incluídas no ámbito de aplicación do artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.
As demais entidades non incluídas no ámbito de aplicación deste artigo, deberán presentar certificacións de cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
c) Documento asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda aceptando a súa candidatura e conforme a presenta por unha única entidade solicitante no ámbito desta convocatoria (anexo V).
d) Documento asinado polo/a responsable ou coordinador/a do grupo de investigación ou equivalente aceptando a persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do equipo de traballo (anexo VI).
e) Documento asinado polo/a director/a do departamento, unidade de traballo ou equivalente, no cal manifesta a súa conformidade para a integración no seu departamento, unidade de traballo ou equivalente da persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo VII).
f) Declaración opcional da persoa candidata a ser destinataria da axuda do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade (anexo V).
g) Fotocopia do DNI ou NIE da persoa candidata a ser destinataria da axuda, só no caso de non autorizar a comprobación dos datos persoais a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que se recolle no anexo V. No caso de persoas non comunitarias que non teñan permiso de residencia en España deberán presentar a fotocopia do pasaporte.
h) Declaración da rama de coñecemento e da área temática ás cales se adscribe a persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo V).
Artigo 6. Consentimentos e autorizacións
1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Para isto, no anexo correspondente inclúese unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán presentarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.
2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os órganos concedentes publicarán na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirán, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.
3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos na norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
4. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.
Artigo 7. Datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos, no caso das solicitudes presentadas polas universidades do SUG, nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía, terceiros e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento, cuxo órgano responsable é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou no caso das solicitudes presentadas polas demais entidades, denominado Posdoutorais 2016, cuxo órgano responsable é a GAIN.
Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e ante a Dirección da GAIN, segundo corresponda, mediante o envío dunha comunicación ao enderezo Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, no primeiro caso, e praza de Europa nº 10-A, 6º B, 15707 Santiago de Compostela, no caso da GAIN, ou a través dos correos electrónicos promocioncientifica.educacion@xunta.es (para os procedementos ED481B e ED481D) ou xestion.gain@xunta.es (para o procedemento IN606B).
Artigo 8. Tramitación
A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades para as solicitudes pertencentes ao SUG e á GAIN para as restantes solicitudes. Para este fin comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán a listaxe de solicitudes admitidas e excluídas onde se sinalen, se é o caso, as causas da exclusión, na internet no enderezo www.edu.xunta.es (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades) e http://gain.xunta.es
Estas listaxes estarán expostas por un período de 10 días naturais e durante este prazo as entidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros ou falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades no caso das universidades do SUG, ou ante a Dirección da GAIN nos demais casos, para o cal presentarán a documentación oportuna. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.
Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, as persoas titulares da Secretaría Xeral de Universidades e da dirección da GAIN ditarán unha resolución pola que se aproban as listaxes definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es e http://gain.xunta.es. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no caso de solicitudes do SUG, ou ante a Presidencia da GAIN, nos demais casos, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Non axustarse aos termos desta convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada, será causa de inadmisión da solicitude presentada, con independencia de que se poidan acordar outro tipo de actuacións.
A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Artigo 9. Avaliación e selección
A avaliación das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas e a selección das entidades beneficiarias das axudas realizarase segundo os procedementos e a documentación que se sinalan nos anexos I e II desta convocatoria para cada modalidade.
Os resultados desta avaliación faranse chegar á comisión de selección, que elaborará un informe para os órganos instrutores en función dos criterios establecidos nesta convocatoria e da dispoñibilidade de recursos.
A comisión de selección estará constituída por oito membros:
– O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en quen delegue, ou o/a director/a da Área de Xestión da GAIN, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a da comisión.
Serán vogais da comisión:
– O/a subdirector/a xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en quen delegue.
– Un/unha director/a de área da GAIN ou persoa en quen delegue.
– Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.
– Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo/a presidente/a da comisión de selección.
– Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.
No informe da comisión de selección figurarán de xeito individualizado as entidades beneficiarias, xunto coa prelación das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no anexo correspondente, respectando, en todo caso, o establecido no artigo 3, sen prexuízo de que a distribución entre o SUG e as demais entidades non se axuste á previsión inicial.
Complementariamente, a comisión de selección incluirá no informe un total de tres listaxes de espera (unha por cada órgano instrutor na modalidade A e outra para a modalidade B) nas cales, por orde decrecente de puntuación, figurarán as solicitudes que non acaden a puntuación suficiente para seren adxudicatarias da axuda pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola comisión de selección. Cada unha das listaxes estará formada por un número equivalente ao 50 % das axudas concedidas para cada modalidade e órgano instrutor. Para a elaboración destas listaxes non se terá en conta ningunha das limitacións recollidas no artigo 3 desta convocatoria relativas á distribución por ramas de coñecemento nin o número máximo de titulados de fóra do SUG que se indica no artigo 2.a) do anexo I.
En caso de igualdade de puntuación, aplicaranse os seguintes criterios de desempate:
1º. Prevalecerán as mulleres sobre os homes.
2º. A solicitude da persoa candidata que se comprometese a utilizar a lingua galega na memoria final da actividade.
3º. A solicitude da persoa candidata que obtivese con anterioridade o título de doutor/a polo que foi avaliado/a.
A proposta de concesión elaborada polos órganos instrutores a partir do informe da comisión así como, de ser o caso, as listaxes de espera para posibles substitucións, publicaranse na internet, no enderezo http://www.edu.xunta.es (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades) e http://gain.xunta.es da GAIN. Esta publicación terá só efectos informativos.
Artigo 10. Resolución
A competencia para resolver estas axudas correspóndelle conxuntamente á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e á persoa titular da Presidencia da GAIN. Os órganos instrutores elevarán a proposta de resolución que incluirá, para cada entidade beneficiaria, a relación de persoas seleccionadas co importe da axuda concedida, as listaxes de espera, de ser o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes. Con cargo aos créditos da Secretaría Xeral de Universidades financiaranse as axudas correspondentes ás universidades do SUG e a GAIN asumirá o financiamento das restantes entidades. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no caso de solicitudes pertencentes ao SUG, e ante a persoa titular da Presidencia da GAIN nos restantes casos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.
A resolución publicarase no prazo máximo de cinco meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes de cada modalidade. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Aceptación da axuda
Unha vez asinada a resolución, as universidades beneficiarias deberán remitir á Secretaría Xeral de Universidades e as restantes entidades á GAIN un escrito de aceptación da axuda no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG e procederán á vinculación das persoas seleccionadas aos seus organismos mediante a formalización do correspondente contrato.
Nos contratos deberá facerse referencia expresa:
a) Ao seu financiamento con cargo ao Programa de apoio á etapa de formación posdoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou da GAIN, segundo o caso.
b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.
c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación de servizo e á duración do contrato, que deberá ser con dedicación a tempo completo.
A data límite para a sinatura dos contratos, que se establecerá na resolución de adxudicación das axudas, será en todo caso antes do 1 de xullo de 2016 para a modalidade A, agás para os cidadáns e cidadás non comunitarios que poderá ser ata o 31 de agosto de 2016, e antes do 1 de agosto de 2016 para a modalidade B.
A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.
Artigo 12. Libramento da subvención
1. As entidades beneficiarias e contratantes das persoas seleccionadas, serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes adecuadas á normativa de aplicación e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.
2. Para proceder ao libramento dos fondos será preciso que a entidade correspondente remita a xustificación da axuda nos termos que a continuación se indican:
a) Documento de aceptación da axuda.
b) Copia cotexada dos contratos asinados no prazo dun mes contado desde a súa sinatura.
c) Certificado de dedicación exclusiva á actividade asinado pola persoa investigadora e pola persoa designada ou proposta para dirixir ou titorar a súa actividade científica durante o período de xustificación.
d) Certificado asinado polo órgano responsable de control da entidade onde conste a permanencia efectiva e a dedicación exclusiva da persoa investigadora ao programa.
e) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Só se terá en conta aquela documentación relativa ás persoas contratadas que permanecesen no programa un mínimo de tres meses, quedando sen ningún tipo de compromiso retributivo para aquelas que non acaden este período.
f) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración, no caso de entidades incluídas no ámbito de aplicación do artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As demais entidades non incluídas no ámbito de aplicación deste artigo, deberán achegar certificacións de cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
3. A documentación indicada achegarase consonte a seguinte periodización:
Período de xustificación |
Documentación |
Data límite de presentación |
1ª xustificación: desde a data de comezo dos contratos ata o mes de outubro de 2016, este incluído |
A documentación indicada nas alíneas a), b), c), d), e), f) do punto 2 deste artigo. |
20 de decembro de 2016 |
Con esta xustificación libraranse: Para as dúas modalidades, os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada, destinado a cada unha das entidades beneficiarias, correspondente ao primeiro ano de contrato e aos contratos que efectivamente se enviasen con anterioridade a esta data. Ademais, para a modalidade B, a axuda para a creación dunha liña de investigación propia por cada persoa contratada, destinada a cada universidade beneficiaria, correspondente á anualidade. |
||
2ª xustificación: mensualidades de novembro de 2016 a abril de 2017, ambos os dous meses incluídos |
– A documentación indicada nas alíneas c), d), e), f) do punto 2 deste artigo. |
30 de xuño de 2017 |
3ª xustificación: de maio de 2017 a outubro de 2017, ambos os dous meses incluídos |
A documentación indicada nas alíneas c), d), e), f) do punto 2 deste artigo |
20 de decembro de 2017 |
Con esta xustificación libraranse: Para as dúas modalidades, os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada, destinado a cada unha das entidades beneficiarias, correspondente ao segundo ano de contrato e aos contratos que efectivamente se enviasen con anterioridade a esta data. Ademais, para a modalidade B, a axuda para a creación dunha liña de investigación propia por cada persoa contratada, destinada a cada universidade beneficiaria, correspondente á anualidade. |
||
4ª xustificación: de novembro de 2017 a abril de 2018, ambos os dous meses incluídos |
– A documentación indicada nas alíneas c), d), e), f) do punto 2 deste artigo. |
30 de xuño de 2018 |
5ª xustificación: de maio de 2018 a outubro de 2018, ambos os dous meses incluídos |
– A documentación indicada nas alíneas b), c), d), e), f) do punto 2 deste artigo. |
20 de decembro de 2018 |
Con esta xustificación libraranse: Para a modalidade A os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das entidades beneficiarias, correspondente ao terceiro ano de contrato. Para a modalidade B, a axuda para a creación dunha liña de investigación propia por cada persoa contratada, destinada a cada universidade beneficiaria, correspondente á anualidade |
||
6ª xustificación: de novembro de 2018 a abril de 2019, ambos os dous meses incluídos |
– A documentación indicada nas alíneas c), d), e), f) do punto 2 deste artigo. |
30 de xuño de 2019 |
7ª xustificación: de maio de 2019 ata a finalización dos contratos |
– A documentación indicada nas alíneas c), d), e), f) do punto 2 deste artigo e a documentación que se indica no punto 6 deste artigo que se ten que enviar coa última xustificación. |
20 de decembro de 2019 |
4. Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 365 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.
5. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.
6. Coa última xustificación, a entidade beneficiaria presentará:
a) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.
b) Unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa. No caso de que a persoa contratada renuncie antes do remate do seu contrato, esta documentación presentarase transcorrido un mes desde a súa renuncia.
c) Unha memoria final da actividade, de aproximadamente 2.000 palabras, na cal se describa o traballo realizado durante a duración do programa. O prazo para a súa presentación será dun mes desde a extinción do contrato de traballo. No caso de persoas que abandonen o programa antes da finalización do contrato, deberán presentar unha memoria da actividade desenvolvida durante o tempo que permaneceron nel, no prazo dun mes desde que se produza a extinción da relación contractual.
7. Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na presente orde.
Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.
Artigo 13. Réxime de compatibilidade
As entidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable, o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.
Artigo 14. Modificación da resolución de concesión de axudas
Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades ou da GAIN (segundo sexa o caso).
Artigo 15. Incumprimento, reintegros e sancións
O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga da entidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.
Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 16. Renuncia das axudas e interrupcións
No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, a entidade beneficiaria deberá comunicar a renuncia, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades ou á GAIN (segundo sexa o caso), nun prazo mínimo de 15 días naturais antes de que se produza. Deberá ir acompañado dun informe da entidade beneficiaria no cal se indique se a persoa contratada desenvolveu unha actividade satisfactoria que permitise o seu perfeccionamento e especialización profesional durante a permanencia no programa.
En ambas as modalidades poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na listaxe de espera, sempre e cando a renuncia se produza dentro do prazo de tres meses a partir da data de publicación da resolución de concesión. Para cubrir as renuncias seguirase a prelación das listas de espera definidas no artigo 9, tendo en conta que as renuncias soamente poderán ser cubertas coas solicitudes da listaxe de espera da modalidade e do órgano instrutor en que se produza a renuncia. A persoa substituta quedará suxeita ás mesmas condicións durante o tempo de aproveitamento da axuda.
As situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade, suspenderán o cómputo da duración do contrato. Cando se produza a suspensión do contrato pola concorrencia dalgunha destas situacións, as entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión, no prazo de 10 días hábiles desde que esa baixa se produza.
A interrupción e a prórroga a que se fai referencia no punto anterior deberá ser autorizada polo órgano concedente correspondente, que poderá solicitar os informes que considere oportunos e dar lugar á modificación dos termos da concesión mediante unha nova resolución. A entidade correspondente deberá presentar o contrato ou o documento xustificativo da prórroga que cubra o dito período, no prazo dun mes desde a súa sinatura.
Cando se autorice a interrupción e prórroga, non se considerarán subvencionables os gastos derivados da contratación en que poida incorrer a entidade beneficiaria (retribución salarial e cota patronal da Seguridade Social) durante o tempo de interrupción, polo que non se incluirán nas certificacións de xustificación económica. A duración do contrato verase ampliada por un período idéntico ao da interrupción, para os efectos contemplados nesta convocatoria.
Artigo 17. Control
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a GAIN poderán realizar as actividades de inspección que consideren oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Así mesmo, poderán solicitar un informe ás entidades beneficiarias sobre a execución das axudas e o seu impacto, en particular, sobre as persoas contratadas mediante un seguimento destas durante os seis meses posteriores á finalización do contrato, que permita constatar cal é a súa situación laboral.
En ambas as dúas modalidades as persoas contratadas serán sometidas a procesos de avaliación do seu rendemento científico dentro do programa, de acordo coas condicións que se establecen en cada un dos anexos.
Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.
Artigo 18. Dotación orzamentaria
As axudas imputaranse ás aplicacións orzamentarias 10.40.561B.444.0, 10.40.561B.744.0 e 09.A3.561A.480.0 correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, nas cales existe crédito adecuado e suficiente, coa seguinte distribución por anos:
Modalidade A:
Entidade beneficiaria |
Nº de axudas |
Aplicación orzamentaria |
Crédito (en euros) |
||||
2016 |
2017 |
2018 |
2019 |
Total |
|||
Universidades |
50 |
10.40.561B.444.0 |
950.000,00 |
2.175.000,00 |
2.025.000,00 |
1.050.000,00 |
6.200.000,00 |
Outras entidades |
5 |
09.A3.561A.480.0 |
95.000,00 |
217.500,00 |
202.500,00 |
105.000,00 |
620.000,00 |
Total |
1.045.000,00 |
2.392.500,00 |
2.227.500,00 |
1.155.000,00 |
6.820.000,00 |
Modalidade B:
Entidade beneficiaria |
Nº de |
Aplicación orzamentaria |
Crédito (en euros) |
|||
2016 |
2017 |
2018 |
Total |
|||
Universidades |
20 prazas |
10.40.561B.444.0 |
260.000,00 |
740.000,00 |
480.000,00 |
1.480.000,00 |
Universidades |
20 axudas investigación |
10.40.561B.744.0 |
100.000,00 |
200.000,00 |
100.000,00 |
400.000,00 |
Total |
360.000,00 |
940.000,00 |
580.000,00 |
1.880.000,00 |
A distribución de fondos entre os organismos financiadores e as aplicacións orzamentarias sinaladas é unha previsión que de acordo co artigo 31 do Regulamento de subvencións de Galicia deberá axustarse tras a valoración das solicitudes para adecuarse á proposta elaborada pola comisión de selección, sendo posible incluso a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, e tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias e que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria só financiará as axudas que correspondan ás universidades do SUG.
O número de axudas e os créditos tamén poderán redistribuírse entre as diferentes modalidades e anualidades cando o volume das solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requira.
Estas axudas, dado que están dirixidas a organismos de investigación de natureza pública ou privada sen ánimo de lucro e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01). En todo caso, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 2 do devandito marco.
Disposición derradeira primeira. Remisión normativa
A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.
De acordo co indicado no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a información correspondente a esta convocatoria foi enviada á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). O extracto desta convocatoria publicarase no DOG por conduto da BDNS.
Disposición derradeira segunda. Recursos
Contra esta orde poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou a persoa titular da Presidencia da GAIN no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2016
Román Rodríguez González |
Francisco Conde López Presidente da Axencia Galega |
ANEXO I
Modalidade A
Artigo 1. Obxecto da axuda
Axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da GAIN, de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral, co obxecto de ampliar a formación do persoal investigador no estranxeiro con posibilidade de retorno, mediante o financiamento dun contrato dun máximo de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2. Requisitos
As persoas que contraten as distintas entidades con cargo a estas axudas deberán cumprir na data límite de presentación de solicitudes os seguintes requisitos:
a) Ter o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o título de doutoramento dunha universidade do SUG. Non obstante, as persoas que non acadasen ningunha destas titulacións nunha universidade do SUG tamén poderán optar á axuda, aínda que o número máximo das que se poderán conceder nese suposto non poderá exceder o 10 % do total das concedidas.
b) Estar en posesión do grao de doutor e que este fose obtido en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2010. Entenderase como data de obtención do título de doutor a data de lectura e aprobación da tese de doutoramento.
A data de obtención do título de doutor/a poderá ser anterior ao 1 de xaneiro de 2010, pero igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2008, no caso dos/as titulados/as que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de tres anos entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2009.
No caso de que o título de doutor/a fose obtido no estranxeiro deberá estar homologado segundo o establecido no Real decreto 309/2005, do 18 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 285/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan as condicións de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de educación superior. Para os efectos sinalados neste punto terase en conta a data de defensa da tese, non a data da homologación.
No caso das persoas candidatas que estean en posesión de máis dun doutoramento, os requisitos expresados referiranse ao primeiro dos doutoramentos obtidos.
c) Non ter sido seleccionada nos programas posdoutorais do Plan I2C da Xunta de Galicia, nos programas Juan de la Cierva e Ramón y Cajal e non ter gozado con anterioridade de ningunha axuda posdoutoral que estableza estadías en centros de investigación no estranxeiro de dous ou máis anos de duración. Non se permitirá que as estadías propostas se desenvolvan: no país de nacemento, no de nacionalidade, naquel en que obtivo o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o de doutor/a que lle deu acceso ao programa, ou nun país en que se mantivese unha relación laboral no campo da investigación.
Artigo 3. Contía, duración e características
O número máximo de contratos que se poderán formalizar con cargo a estas axudas é de 55, por un período máximo de dous anos (fase de estadía), e un terceiro (fase de retorno), sempre que a persoa contratada obteña unha avaliación positiva da fase de estadía, e de acordo coa seguinte distribución:
Na fase de estadía (máximo de dous anos):
– Un total de 33.500 € brutos anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).
– Un total de 38.500 € brutos anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2).
– Un total de 42.000 € brutos anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está nos EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).
Por destino principal enténdese aquel en que a persoa contratada computa un número de meses maior en cada ano de contrato. No caso de que no mesmo ano de contrato se compute igual número de meses en dúas zonas diferentes considerarase que o destino principal está na zona de maior dotación económica.
Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.
– Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.500 € anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas. Este complemento ten por obxecto cubrir, ademais dos gastos asociados á contratación, os custos para cada persoa contratada da subscrición dun seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto sexan insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.
Na fase de retorno (máximo dun ano):
– Un máximo de 36.000 € anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.
– Un complemento a cada unha das entidades beneficiarias que se establece en 1.000 € anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.
No ámbito das universidades do SUG a porcentaxe de axudas concedidas para cada rama de coñecemento (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; Enxeñaría e Arquitectura) non será inferior ao 14 % dos contratos financiados. A rama de coñecemento será a sinalada nos anexos IV e V.
O período de 24 meses de estadías no estranxeiro deberá aterse ás seguintes normas:
a) Deberá presentarse un plan completo para o período cunha relación detallada das datas e centros de destino. Ademais das sinaturas da persoa que vai realizar a estadía e da persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente, deberanse xuntar cartas de aceptación, asinadas por persoas con capacidade para iso, de cada un dos centros de destino.
b) A persoa contratada non poderá realizar a/s estadía/s no país de nacemento, no de nacionalidade, naquel no que obtivo o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o de doutor/a que lle deu acceso ao programa, ou nun país en que se mantivese unha relación laboral no campo da investigación.
c) A estadía deberá ser continuada desde o inicio do contrato. Admítese unha periodización en tramos mínimos de seis meses en cada un dos centros receptores e nun máximo de dúas áreas xeográficas diferentes dentro das sinaladas no artigo 3 deste anexo.
d) Unicamente por circunstancias excepcionais sobrevidas poderá modificarse o plan de estadía aprobado, logo da solicitude e informe favorable da entidade na cal a persoa está contratada, e coa autorización expresa da Secretaría Xeral de Universidades ou da GAIN, segundo corresponda.
O período de contrato retorno deberá aterse ás seguintes normas:
a) A persoa contratada desenvolverá o seu traballo na entidade, grupo e departamento (ou equivalentes) polos cales se realizou a solicitude de axuda.
b) Unicamente por circunstancias excepcionais poderá autorizarse un cambio de destino ou área con respecto ao solicitado. Para estes efectos, a entidade beneficiaria deberá solicitar o cambio mediante escrito motivado, xunto coa petición da persoa contratada e o visto e prace dos/das responsables ou coordinadores/as do grupo ao cal inicialmente foi asignada e do novo grupo de acollida (ou equivalentes), dirixido á Secretaría Xeral de Universidades ou á GAIN (segundo corresponda), que resolverá ao respecto.
Artigo 4. Formalización das solicitudes
Ademais da documentación sinalada nas bases da convocatoria, deberá achegarse a seguinte documentación da persoa candidata a ser destinataria da axuda:
a) Copia do título de doutor/a ou doutro acreditativo de ter alcanzado o dito grao, en que conste a data da súa obtención, só no caso de non autorizar a súa consulta ou de títulos que non figuren no rexistro do Ministerio de Educación. No caso de título de doutor/a obtido no estranxeiro, copia da homologación ou da solicitude de homologación presentada ante o órgano competente.
b) Copia do título de licenciatura, grao ou equivalente. Esta documentación unicamente terá que entregarse se o título de licenciatura, grao ou equivalente foi obtido nunha universidade do SUG e o título de doutor nunha universidade de fóra do SUG e non se autorizou a súa consulta ou é un título que non figura no rexistro do Ministerio de Educación.
c) Curriculum vitae (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda nun modelo normalizado (formato pdf), xunto cos documentos xustificativos dos méritos alegados e coas copias de publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos, etc., que se citen no CV, que se presentarán nun único documento pdf precedido dun índice. Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades ou a GAIN, segundo corresponda, poderán solicitar ás entidades solicitantes os comprobantes dos méritos alegados.
d) Plan de traballo (cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación) das actividades que se propoñen realizar durante a vixencia do programa.
e) Plan de estadía detallado en que se indiquen os períodos de estadía previstos (que deberán ser dun mínimo de seis meses en cada un dos centros seleccionados), a súa duración e os centros de destino escollidos, así como unha xustificación da importancia e relevancia internacional dos centros e grupos de destino para o traballo que se vai desenvolver. Este plan terá que estar asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e a persoa directora do grupo que figura na solicitude. Para cada un dos centros de destino engadirase carta de aceptación da estadía asinada polo director ou directora do centro ou figura equivalente.
f) Declaración responsable de non ter sido seleccionado nos programas posdoutorais do Plan I2C, nos programas Juan de la Cierva e Ramón y Cajal e que o plan de estadía que se propón non se desenvolve: no país de nacemento, no de nacionalidade, naquel en que obtivo o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o de doutor/a que lle deu acceso ao programa, ou nun país no que se mantivese unha relación laboral no campo da investigación (anexo V).
Artigo 5. Avaliación e selección das solicitudes
A avaliación e selección a que fai referencia o artigo 9 desta convocatoria realizarase, para cada rama de coñecemento e área temática sinaladas nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo de avaliadores que estará formado por expertos de fóra do Sistema galego de I+D+i, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a partir da documentación indicada no artigo 4 deste anexo.
Os avaliadores outorgarán a puntuación correspondente a cada persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o baremo que se sinala a continuación, sendo preciso obter unha puntuación igual ou superior a 60 puntos nesta fase:
1. Publicacións de carácter científico: máximo 40 puntos.
1.1. Libros (con ISBN): máximo 40 puntos. A avaliación dos libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.
1.2. Capítulos de libro (con ISBN): máximo 10 puntos en total. A avaliación de capítulos de libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.
1.3. Publicacións en revistas científicas: máximo 40 puntos.
– Tipo A (revistas que aparecen no Science Citation Index, no Social Sciences Citation Index (SSCI), no Arts & Humanities Citation Index (AHCI) ou index equivalente no ámbito científico correspondente: máximo 40 puntos.
– Tipo B (revistas de prestixio non catalogadas como tipo A, que empregan un proceso de revisión de artigos, a través de censores externos): máximo 10 puntos.
– Tipo C (revistas de investigación non incluídas nas epígrafes anteriores): máximo 1 punto.
2. Participación en proxectos, contratos de investigación e patentes: máximo 20 puntos.
2.1. Participación en proxectos de investigación autonómicos, nacionais e europeos e internacionais: máximo 20 puntos. A avaliación desta parte prestará especial atención ás melloras do CV das persoas candidatas como consecuencia da súa participación nos diferentes proxectos.
– Proxectos europeos ou internacionais: máximo 20 puntos.
– Proxectos nacionais: máximo 10 puntos.
– Proxectos autonómicos: máximo 5 puntos.
2.2. Participación en contratos de investigación: máximo 10 puntos. A avaliación desta parte prestará especial atención ás melloras do CV das persoas candidatas como consecuencia da súa participación nos diferentes contratos.
– Contratos con empresas: máximo 10 puntos.
– Contratos coa Administración: máximo 5 puntos.
– Informes técnicos e outros: máximo 2,5 puntos.
2.3. Patentes rexistradas ou en explotación: máximo 10 puntos.
– En explotación: máximo 10 puntos.
– Rexistradas: máximo 2 puntos.
3. Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas: máximo 10 puntos.
3.1. Estadías en universidades ou centros de investigación distintos daquela universidade ou institución en que se expediu o seu título de doutor/a: máximo 5 puntos.
– Estadías posdoutorais: máximo 4 puntos.
– Estadías predoutorais: máximo 2 puntos.
Os comités de expertos só deberán ter en consideración a relevancia científica do centro e da/s actividade/s investigadora/s, relacionadas coa rama de coñecemento e a área temática, levada/s a cabo durante os períodos de estadía.
3.2. Relatorios e comunicacións en congresos ou reunións científicas: máximo 5 puntos.
– Relatorios en congresos internacionais: máximo 5 puntos.
– Relatorios en congresos nacionais: máximo 3 puntos.
– Comunicacións en congresos internacionais: máximo 2 puntos.
– Comunicacións en congresos nacionais: máximo 1 punto.
3.3. Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas: máximo 5 puntos. Valoraranse aqueloutros méritos académico-científicos (dirección de teses, docencia, premios...) relacionados coa rama de coñecemento e a área temática, que non estean recollidos nos puntos anteriores.
4. Plan de estadía e de traballo proposto: máximo 30 puntos.
4.1. Relevancia científica dos centros de estadías propostos: máximo 20 puntos. Valorarase a relevancia científica de cada un dos centros propostos, e a complementariedade entre eles, para o desenvolvemento do plan de traballo da persoa candidata a ser destinataria da axuda.
Terase en consideración a relevancia internacional do centro ou centros propostos establecendo unha gradación segundo a súa adecuación:
– Pouco adecuado: ata 5 puntos.
– Adecuado: desde 5,1 ata 10 puntos.
– Moi adecuado: desde 10,1 ata 15 puntos.
– Excelente: desde 15,1 ata 20 puntos.
Aínda que non é obrigatorio acudir a máis dun centro, os avaliadores poderán considerar positivo que o candidato ou candidata recolla esta posibilidade, sempre que a complementariedade de centros supoña un elemento de mellora do plan de estadías, e nese sentido poderano reflectir na avaliación.
4.2. Plan de traballo que se vai desenvolver durante a totalidade do programa: máximo 10 puntos. Valorarase a calidade, coherencia e viabilidade do plan de traballo en relación coa súa temática e cos obxectivos que se pretenden alcanzar.
Concederanse ata un máximo de 6 puntos ao plan de traballo durante a fase de estadía (dous primeiros anos do contrato) e de 4 puntos na fase retorno (último ano do contrato).
As solicitudes recibidas agruparanse na correspondente rama de coñecemento, das cinco recollidas no Real decreto 1393/2007, isto é: Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura.
As persoas candidatas ordenaranse por orde decrecente de puntos respectando a porcentaxe de prazas establecida para cada rama de coñecemento no artigo 3 e o máximo do 10 % indicado no artigo 2 deste anexo.
Artigo 6. Procedementos de avaliación do rendemento
1. Na fase de estadía:
Unha vez cumpridos 21 meses de estadía, as entidades beneficiarias remitirán un informe, xunto cunha memoria asinada pola persoa contratada e polo/a responsable ou coordinador/a do grupo, sobre o grao de cumprimento do plan de estadías. Este informe, ao cal se deberán engadir os certificados de ter realizado a estadía emitidos polos centros receptores, será avaliado segundo proceda pola Secretaría Xeral de Universidades ou pola GAIN, que poderán contar co asesoramento de expertos externos. Será preciso obter unha avaliación positiva e realizar un mínimo de 21 meses de estadía nesta fase para poder acceder ao contrato na fase de retorno.
2. Na fase de retorno:
Unha vez finalizado o contrato, as persoas contratadas serán sometidas a unha avaliación da actividade investigadora desenvolvida. O proceso de avaliación será realizado por un equipo de avaliadores formado por expertos de fóra do Sistema galego de I+D+i, coa colaboración da ACSUG, a partir da documentación que lle será requirida ás persoas contratadas. Para obter unha avaliación positiva deberán acadarse os criterios sinalados no anexo I da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto) pola que se establecen os criterios de avaliación do programa I3. Estes criterios poderanse modular por proposta dos expertos cando así o consideren necesario nun ámbito ou contexto determinado. O marco temporal comprenderá o conxunto da traxectoria investigadora do persoal contratado, sen exceptuar ningún ano de actividade.
Artigo 7. Dereitos e obrigas
Son obrigas xerais da entidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:
a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.
b) Formalizar un contrato de traballo de duración determinada con dedicación a tempo completo coa persoa candidata seleccionada.
c) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos para o normal desenvolvemento da súa actividade.
d) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.
O persoal investigador contratado ao abeiro destas axudas poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes, nos centros de destino durante o período de estadía ou na súa universidade no ano de retorno, por un máximo de 80 horas anuais, por pedimento propio e coa aprobación dos respectivos centros, respectando en todo caso a normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.
e) Contratar un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto sexan insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.
As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:
1. Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.
2. Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolvan as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.
3. Poderán recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que van realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización). Na fase de estadía, as persoas contratadas poderán recibir bolsas de axuda aos gastos de desprazamento e instalación sempre que sexan concordantes e coherentes co plan de estadías aprobado. Nestes casos será preciso que a entidade beneficiaria presente na Secretaría Xeral de Universidades ou na GAIN (segundo sexa o caso), para a súa autorización se procede, unha breve memoria descritiva da bolsa a que se opta asinada pola persoa contratada, xunto cun informe da persoa responsable ou coordinadora do grupo e outro da propia entidade en que estea contratada, con indicación expresa de que as ditas bolsas son compatibles co seu traballo e co contrato asinado.
4. Presentar a memoria final da actividade a que se fai referencia no artigo 12.6.c) da convocatoria.
As entidades beneficiarias e as persoas contratadas teñen como obriga específica de publicidade adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007. En concreto, as entidades beneficiarias das axudas, así como as persoas contratadas con cargo a elas, deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para isto, nas accións de difusión, así como nos resultados da produción científica e calquera outra acción que se realice ao amparo destas axudas, deberá figurar expresamente o cofinanciamento das actuacións con fondos do Programa de axudas á etapa posdoutoral da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou da GAIN, segundo sexa o caso), que irá acompañado, sempre que sexa posible, do escudo normalizado da Xunta de Galicia.
ANEXO II
Modalidade B
Artigo 1. Obxecto da axuda
Axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de apoio á etapa de formación posdoutoral, co obxecto de dar continuidade á formación do persoal investigador que obtivo unha praza nunha universidade do SUG na convocatoria do 2012 do Programa de formación inicial da etapa posdoutoral: modalidade A do Plan I2C e que permaneceu nel ata o 1 de abril de 2016, e acadar unha avaliación positiva, mediante o financiamento dun contrato de dous anos de duración nunha universidade do SUG.
Artigo 2. Requisitos
As persoas que contraten as universidades con cargo a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter sido seleccionada para unha universidade do SUG na convocatoria de 2012 da etapa inicial de formación posdoutoral: modalidade A.
b) Que permanecesen no programa ata o 1 de abril de 2016.
c) Que obtivesen unha avaliación positiva no dito programa.
O contrato deberá desenvolverse na mesma universidade e área en que a persoa contratada desenvolveu o seu contrato da etapa inicial de formación posdoutoral. Non se autorizarán cambios de praza e área durante a vixencia do contrato, agás por circunstancias sobrevidas de forza maior.
Artigo 3. Contía e duración
O número máximo de contratos que se poderán formalizar con cargo a estas axudas é de 20 por un período máximo de dous anos, sen posibilidade de prórroga, e de acordo coa seguinte distribución:
a) Un total de 36.000 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.
Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.
b) Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación coa seguinte desagregación por anualidades: 5.000 € en 2016 e 2018 e 10.000 € en 2017.
c) Un complemento a cada unha das universidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.
Artigo 4. Formalización das solicitudes
Ademais da sinalada nas bases da convocatoria deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Plan de traballo (cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata) das actividades académico-investigadoras que a persoa propón realizar durante o período de contrato.
b) Curriculum vitae (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda nun modelo normalizado (formato pdf), que irá acompañado dos documentos xustificativos dos méritos alegados, xunto coas copias de publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos, etc. que se citen no CV, que se presentarán constituíndo un único documento pdf precedido dun índice. Sinalaranse de xeito expreso e detallado as melloras no CV durante o tempo de contrato no Programa de formación posdoutoral do Plan I2C. Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades poderá solicitar ás universidades os comprobantes dos méritos alegados.
c) Memoria (extensión de 2.000-3.000 palabras), asinada pola persoa candidata, relativa á actividade investigadora desenvolvida nos anos que foi contratada no Programa de formación posdoutoral do Plan I2C. Nesta memoria deberase facer fincapé expreso nos seguintes aspectos:
c.1. Achegas en forma de artigos orixinais, libros ou capítulos de libro, sobre todo naquelas achegas en que a persoa candidata sexa responsable do traballo ou principal executora. Deberase facer unha breve recensión (de non máis de 500 palabras) da relevancia das achegas deste punto.
c.2. Actividade da persoa candidata no seo de grupos de investigación, liñas de traballo e/ou obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas das administracións públicas ou de entidades privadas sen ánimo de lucro e sinalarase, ademais, o seu grao de participación nestas accións.
c.3. Patentes rexistradas, destacando especialmente a extensión da protección da patente nacional, europea ou polo tratado de cooperación de patentes (PCT).
c.4. Actividade formativa da persoa candidata, especialmente a relacionada coa formación de doutores/as e a dirección de teses de doutoramento.
d) Certificado da universidade de que a persoa candidata foi contratada ao abeiro do Programa de formación posdoutoral do Plan I2C (convocatoria 2012) e que permaneceu nel ata o 1 de abril de 2016.
Artigo 5. Avaliación e selección das solicitudes
A avaliación e selección a que fai referencia o artigo 9 desta convocatoria realizarase, para cada rama de coñecemento e área temática sinaladas nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo de avaliadores que estará formado por expertos de fóra do SUG, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a partir da documentación indicada no artigo 4 deste anexo.
Os avaliadores outorgarán a puntuación correspondente a cada persoa candidata de acordo cos criterios que se recollen na seguinte táboa, e será preciso obter unha puntuación igual ou superior a 75 puntos:
Criterio |
Puntuación máx. |
Plan de traballo que a persoa candidata propón realizar durante o período de contrato. |
40 |
Melloras no CV da persoa candidata durante a súa permanencia no programa posdoutoral. |
10 |
Capacidade da persoa para liderar unha liña de investigación: potencialidade da persoa candidata para o liderado de grupos de investigación, establecemento dunha liña propia de traballo e obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas. |
40 |
Capacidade da persoa candidata para cumprir ao final do seu contrato os criterios dos anexos I e II da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto), referidos a toda a carreira investigadora, sen excluír ningún ano de actividade. |
10 |
Artigo 6. Procedementos de avaliación do rendemento
No último ano, as persoas contratadas serán sometidas a unha avaliación da actividade investigadora desenvolvida para os efectos de obtención do certificado de cumprimento dos requisitos de calidade de produción e actividade científico-tecnolóxica que impliquen unha traxectoria investigadora destacada. O proceso de avaliación será realizado por un equipo de avaliadores formado por expertos de fóra do SUG, coa colaboración da ACSUG, a partir da documentación que lles será requirida ás persoas contratadas. Para obter unha avaliación positiva deberán acadarse os criterios sinalados nos anexos I e II da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto) pola que se establecen os criterios de avaliación do Programa I3. Estes criterios poderanse modular por proposta dos expertos cando así o consideren necesario nun ámbito ou contexto determinado. O marco temporal comprenderá o conxunto da traxectoria investigadora do persoal contratado, sen exceptuar ningún ano de actividade.
Artigo 7. Dereitos e obrigas
Son obrigas xerais da universidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:
a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.
b) Formalizar un contrato de traballo de duración determinada con dedicación a tempo completo co/coa candidato/a seleccionado/a.
c) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos para o normal desenvolvemento da súa actividade.
d) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.
O persoal investigador contratado ao abeiro destas axudas poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes, na súa universidade ou noutras institucións, por un máximo de 120 horas anuais, por pedimento propio e coa aprobación da súa universidade, respectando en todo caso a normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.
As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:
1. Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.
2. Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolva as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.
3. Poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización).
4. Presentar a memoria final da actividade a que se fai referencia no artigo 12.6.c) da convocatoria.
As entidades beneficiarias e as persoas contratadas teñen como obriga específica de publicidade adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007. En concreto, as entidades beneficiarias das axudas, así como as persoas contratadas con cargo a elas, deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para isto, nas accións de difusión, así como nos resultados da produción científica e calquera outra acción que se realice ao amparo destas axudas, deberá figurar expresamente o cofinanciamento das actuacións con fondos do Programa de axudas á etapa posdoutoral da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou da GAIN, segundo sexa o caso), que irá acompañado, sempre que sexa posible, do escudo normalizado da Xunta de Galicia.