Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 4 de marzo de 2016 Páx. 8420

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 18 de febreiro de 2016 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 301387

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index):

Primeiro. Beneficiarios

As universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á devandita entidade.

Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran na data de peche da convocatoria as condicións que se indican nela para cada tipo de axuda nos anexos I e II, segundo a modalidade a que opten.

Segundo. Obxecto

O apoio á etapa posdoutoral mediante dúas modalidades:

– Modalidade A: axudas para a ampliación da especialización no estranxeiro do persoal investigador doutor e a súa reincorporación na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante un contrato dun máximo de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Modalidade B: axudas para posibilitar a continuación da súa formación e de establecer unha traxectoria investigadora propia, para as persoas que obtiveron unha praza nunha universidade do SUG na convocatoria de 2012 do Programa de axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan I2C e que permaneceron nel ata o 1 de abril de 2016 e obtiveron unha avaliación positiva, mediante un contrato de dous anos de duración nunha universidade do SUG.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 8.700.000 €:  6.820.000 € para a modalidade A e 1.880.000 € para a modalidade B.

Na modalidade A poderanse conceder ata 55 axudas (a previsión inicial é de 50 en universidades do SUG e 5 no resto de entidades beneficiarias). O importe máximo de cada axuda é de 43.500 € anuais, que inclúe tres conceptos:

1. O financiamento dun contrato dun máximo de 42.000 € brutos anuais durante a fase de estadía e de 36.000 € brutos anuais durante a fase de retorno.

2. Un complemento anual por axuda destinado ás entidades beneficiarias para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía de 1.500 € anuais durante a fase de estadía e de 1.000 € anuais durante a fase de retorno.

Na modalidade B poderanse conceder 20 axudas. O importe total máximo de cada axuda é de 47.000 € anuais, que inclúe tres conceptos:

1. O financiamento dun contrato posdoutoral dun máximo de 36.000 € brutos anuais.

2. Unha axuda complementaria, por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación, de 10.000 € por ano de contrato.

3. Un complemento anual por axuda, destinado ás entidades beneficiarias para cubrir os gastos asociados á contratación, de 1.000 € anuais.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Francisco Conde López
Presidente da Axencia Galega
de Innovación