Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 7 de marzo de 2016 Páx. 8599

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 25 de febreiro de 2016 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso na categoría 003 (ordenanza e outras) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

De conformidade co establecido no Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 (DOG núm. 47, do 10 de marzo), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o artigo 10 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso na categoría 003 (ordenanza e outras) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir seis (6) prazas de ordenanza (categoría 003 do grupo V de persoal laboral) polo sistema de acceso libre. O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

As prazas convocadas distribuiranse entre os seguintes concellos: A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra.

1.1.1. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a LEPG, o V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, o Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.2. Requisitos das/os candidatas/os.

Para seren admitidas/os ao proceso selectivo as/os aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral os seguintes requisitos:

1.2.1. Ter recoñecida oficialmente unha discapacidade intelectual en grao igual ou superior ao 33 %.

1.2.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

1.2.3. Idade: ter feitos os dezaseis anos.

1.2.4. Formación: acreditar ter cursada a escolaridade obrigatoria requirida no sistema educativo español segundo o correspondente plan de estudios.

Os aspirantes con formación ou titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título ou da formación. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que obtiveran o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

1.2.5. Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas.

1.2.6. Habilitación: non ter sido despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

1.3. Solicitudes.

1.3.1. As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo na páxina web funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos».

As/os solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As/os aspirantes con discapacidades adicionais poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, e no Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Os/as solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante deberá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentala, antes do remate do prazo fixado, nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX-PAC).

As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para ser datadas e seladas polo persoal de Correos antes de ser certificadas.

Xunto coa solicitude deberá achegar a seguinte documentación:

– Copia compulsada do certificado de discapacidade e ditame técnico facultativo que acredite que ten recoñecida oficialmente unha discapacidade intelectual en grao igual ou superior ao 33 %.

Naqueles supostos en que o recoñecemento da condición de persoa con discapacidade correspondese aos órganos competentes da Xunta de Galicia, a concorrencia deste requisito poderá ser comprobada de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública, para o cal o aspirante deberá marcar na solicitude o correspondente recadro de autorización.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información de carácter técnico sobre o procedemento anterior, as/os solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático Cixtec no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

Para calquera outra aclaración ou información, as/os solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico coa Dirección Xeral da Función Pública nos números 981 54 52 46, 981 54 54 81 e 881 99 93 15, das 9.00 ás 14.30 horas, de luns a venres.

1.3.2. De acordo co disposto no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras de Galicia, quen participe neste proceso selectivo está exento do aboamento da taxa por inscrición na convocatoria.

1.4. Admisión de aspirantes.

1.4.1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a/o titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

1.4.2. As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

O feito de figurar na relación de admitidas/os non prexulgará que se lles recoñeza ás/aos aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as/os interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

2. Proceso selectivo.

O proceso selectivo constará de dúas fases:

1. Fase de oposición.

2. Fase de concurso.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo 1 desta orde.

2.1. Fase de oposición.

2.1.1. Primeiro exercicio (eliminatorio).

Consistirá na realización dun cuestionario de 25 preguntas, con 3 respostas alternativas, das cales só unha delas será correcta. Este exercicio constará de dúas partes:

a) Primeira parte: incluirá 10 preguntas da parte xeral do programa do anexo 1.

b) Segunda parte: inclurirá 15 preguntas sobre contidos prácticos do traballo que se realizará incluídos na parte específica do programa do anexo 1.

As respostas erróneas non se penalizarán.

Os aspirantes contarán con 90 minutos para realizar este exercicio.

O exercicio cualificarase de 0 a 80 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 40 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e o modelo coas respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou o exercicio e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 1 de setembro de 2016 e realizarase en Santiago de Compostela.

2.1.2. Segundo exercicio (obrigatorio non eliminatorio).

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 10 preguntas tipo test con tres respostas alternativas das cales só unha delas será correcta, mediante o cal se evidencie o coñecemento por parte dos aspirantes da lingua galega.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e as respostas erróneas non se penalizarán.

Os aspirantes contarán con 60 minutos para realizar este exercicio.

Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 2 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), aos cales se lles asignarán 20 puntos.

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o primeiro exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións do exercicio.

2.2. Desenvolvemento dos exercicios.

2.2.1. A orde de actuación das/os opositoras/es iniciarase alfabeticamente pola/o primeira/o da letra «S», de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2015 (DOG núm. 28, do 11 de febreiro) pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución do 13 de xaneiro de 2015, da Consellería de Facenda (DOG núm. 16, do 26 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2015.

2.2.2. As/os aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que a xuizo do tribunal acredite a súa identidade.

2.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das/os aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradores.

2.2.4. En calquera momento as/os aspirantes poderán ser requiridas/os polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

2.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as/os aspirantes que non comparezan serán excluídas/os.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as dúas medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

2.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

2.2.7. As puntuacións obtidas polos/as aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba de que se trate e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola cal se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

2.2.8. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as/os interesadas/os poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas, publicarao no DOG.

2.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha/algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a/o aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

2.2.10. Rematada a fase de oposición, os/as aspirantes disporán, para presentar a documentación acreditativa dos méritos que desexen que se lles valoren na fase de concurso, dun prazo de 15 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación polo tribunal no DOG das notas do segundo exercicio da fase de oposición ou da resolución pola cal se declare a todos/as os/as aspirantes exentos del. Esta documentación irá dirixida á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela.

2.3. Fase de concurso.

Nesta fase, en que só poderá participar quen superou a fase de oposición, valoraranse, ata un máximo de 20 puntos, os seguintes méritos, que se deberán posuír na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes:

2.3.1. Méritos profesionais. A puntuación máxima será de 12 puntos.

A) Experiencia profesional en postos de ordenanza, subalterno, conserxe, porteiro, mozo, bedel ou otras denominacións semellantes. Neste caso, as tarefas e funcións desenvolvidas deberán ser coincidentes coas que figuran na parte específica do programa do anexo 1:

A.1) Por servizos prestados nas administracións públicas: 0,50 puntos por mes completo de servizos.

A.2) Por servizos prestados noutras entidades: 0,25 puntos por mes completo de servizos.

B) Experiencia profesional en postos de traballo diferentes aos anteriores:

B.1) Por servizos prestados nas administracións públicas: 0,10 puntos por mes completo de servizos.

B.2) Por servizos prestados noutras entidades: 0,05 puntos por mes completo de servizos.

Para os efectos do cómputo dos servizos prestados, os meses consideraranse integrados por 30 días naturais e as fraccións de mes poderán sumarse entre si para acadar un mes completo; despreciarase a fracción resultante inferior ao mes.

Cando os servizos prestados non sexan a xornada completa valoraranse en proporción á xornada realmente traballada.

Non se valorarán as relacións de colaboración social.

2.3.1.1. Forma de acreditación:

– Os servizos prestados nas administracións públicas, mediante o certificado de méritos emitido pola unidade de personal correspondente, segundo o modelo que figura como anexo 2 desta convocatoria; non se valorará ningunha experiencia profesional que non conste no dito anexo.

– Os servizos prestados fóra das administracións públicas, co certificado de vida laboral emitido polo órgano competente da Seguridade Social e copia do/os contrato/s de traballo dos cales derive a dita experiencia; non se poderá acreditar, en ningún caso, esta experiencia profesional mediante o anexo 2 ou mediante calquera outro tipo de certificado de funcións.

2.3.2. Méritos académicos: a puntuación máxima será de 8 puntos. Valorarase:

A) Por cada titulación académica que se posúa: 1 punto.

B) Por ter realizado cursos cuxo contido maioritariamente sexa coincidente coas tarefas e funcións propias do posto de traballo polo cal se optou e que son as que se describen no anexo 1 (parte específica), a valoración realizarase segundo o seguinte detalle:

– Cursos de duración inferior a 15 horas ou aqueles cuxa duración non conste no correspondente diploma: 0,10 puntos por curso.

– Cursos de 15 a 50 horas de duración: 0,50 puntos por curso.

– Cursos de duración superior a 50 horas e igual ou inferior a 100: 0,75 puntos por curso.

– Cursos de máis de 100 horas: 1 punto por curso.

Para a súa valoración deberán ter sido impartidos pola Administración ou por centros legalmente autorizados e recoñecidos.

2.3.2.1. Forma de acreditación:

Para a valoración dos méritos académicos será necesario achegar fotocopia compulsada dos títulos ou certificación de ter realizado todos os estudos necesarios para a súa obtención.

No suposto da letra B, será necesario que conste o seu contido. Non se valorará ningún curso en que non figure este aspecto.

2.3.3. O tribunal baremará a fase de concurso e publicaraa no DOG, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal publicará no DOG a baremación definitiva da fase de concurso.

2.3.4. A orde de prelación dos/as aspirantes que superen o proceso selectivo virá determinada pola suma da puntuación obtida no exercicio da oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

3. Tribunal.

3.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 11 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

3.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da LRX-PAC ou nas instrucións relativas ao funcionamento e á actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de abril de 2007, e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A/o presidenta/e deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesoras/es especialistas previstos na base 3.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as/os aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 29 da LRX-PAC.

3.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

3.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

3.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso da/o presidenta/e e da/o secretaria/o.

3.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na LRX-PAC, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

3.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da/o secretaria/o e co visto e prace da/o presidenta/e.

3.8. A/o presidenta/e do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das/os aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas/es candidatas/os en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade da/o opositora/or.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración da proba (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade dos opositores aos cales corresponden os resultados obtidos.

3.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesoras/es especialistas para as valoracións que coide pertinentes. Estas/es asesoras/es deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública.

3.10. Para os aspirantes que así o fagan constar na súa solicitude, estableceranse as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a realización do exercicio da fase de oposición.

3.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador, realizada segundo o disposto na base 3.1, implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

3.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aspirantes aprobadas/os que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, cando se produzan renuncias das persoas seleccionadas antes da toma de posesión, ou non acrediten os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan as persoas propostas, para o seu posible nomeamento como persoal laboral.

3.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a/o conselleira/o competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da LRX-PAC.

3.14. As comunicacións que formulen as/os aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

4. Listaxe de aprobadas/os, presentación de documentación e nomeamento de persoal laboral fixo.

4.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e na fase de concurso.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, posto que non existe na categoría infrarrepresentación feminina, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida no primeiro exercicio da oposición.

– De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo a que se refire a base 2.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

4.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal laboral fixo.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de aprobadas/os, estas/es disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

A) Para acreditar o nivel de estudos, fotocopia compulsada dalgún dos seguintes documentos:

– Certificado de estudos primarios.

– Certificado de escolaridade.

– Libro de escolaridade.

– Historial académico.

– En ausencia do anterior, un certificado do centro educativo acreditativo de que a persoa estivo escolarizada durante os anos correspondentes á escolaridade obrigatoria.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros estados, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo 3 a esta convocatoria.

C) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a/o aspirante non padece enfermidade nin está afectada/o por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que as/os aspirantes reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

4.3. As/os que teñan a condición de funcionario ou persoal laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia non precisarán achegar aqueles documentos sinalados no punto anterior que xa foron presentados para obter tal condición.

Deberán presentar certificación do servizo de persoal da consellería ou organismo de que dependesen para acreditar tal condición.

4.4. As/os que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 1.2 non poderán ser nomeadas/os persoal laboral fixo da Xunta de Galicia e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

4.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos con anterioridade, as/os aspirantes que o superen serán nomeadas/os persoal laboral fixo da Xunta de Galicia na categoría correspondente mediante orde da/o conselleira/o competente en materia de función pública. Esta orde publicarase no DOG e indicará o destino adxudicado.

4.6. A adxudicación de postos aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base 4.1, segundo a petición de destino de acordo coa puntuación total obtida.

A localización dos postos sinalada na base 1.1 poderá ser modificada atendendo ás necesidades do servizo, o que en todo caso se lles comunicará aos aspirantes.

4.7. A toma de posesión das/os aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 13 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

4.8. Co fin de facilitar a adaptación e o desenvolvemento das funcións dos postos de traballo dos aspirantes que superen o proceso selectivo, a Dirección Xeral da Función Pública, en colaboración con asociacións, organizacións ou entidades, poderá levar a cabo accións de formación e orientación sociolaboral previas ao seu ingreso como persoal laboral fixo na Administración pública, así como o apoio ao desenvolvemento no posto de traballo ao longo da súa carreira profesional.

5. Lista de aspirantes á contratación temporal.

A puntuación dos aspirantes que aproben o primeiro exercicio pero non superen o proceso selectivo terá a consideración de mérito para acceder ao desempeño transitorio de postos da mesma categoría profesional.

6. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as/os interesadas/os poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a/o conselleira/o competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na LRX-PAC, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2016

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO 1

Programa

• Parte xeral (primeira parte do exercicio).

Bloque 0. A Administración. Funcionamento da Administración segundo a Constitución. Niveis da Administración pública. Organización da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. A igualdade na Administración pública. Empregados públicos: tipos, dereitos e obrigas. O ingreso na Administración pública.

• Parte específica (segunda parte do exercicio).

Bloque 1. Control de acceso, identificación, información, atención e recepción de persoal visitante.

Bloque 2. Recepción, distribución e entrega de paquetaría e documentación.

Bloque 3. Manexo de máquinas reprodutoras e outras análogas.

Bloque 4. Franqueo, depósito, entrega, recollida e distribución de correspondencia.

Bloque 5. Realización de recados oficiais fóra e dentro do centro de traballo.

Bloque 6. Información de anomalías ou incidencias no centro de traballo.

ANEXO 2

Certificado de méritos

Don/Dona …………………………………………………………..............……………………….

Cargo ……………………………………………………………….............……………………….

Centro directivo ou unidade administrativa …………………………......…………………........

Departamento ........................................................................................................................

CERTIFICO:

Que segundo os antecedentes que constan neste centro, a persoa abaixo indicada ten acreditados os seguintes méritos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes:

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Tempo de servizo efectivo, de acordo co disposto na base 2.3:

Denominación do posto de traballo no tempo que se certifica

Período

Anos

Meses

Días

Do

Ao

TOTAL

Expedido en …………….....………, …… de ……………………… de 201….

(Sinatura e selo)

ANEXO 3

D./Dna..., con domicilio en..., con DNI/pasaporte..., declara baixo xuramento ou promete, para os efectos de ser nomeada/o persoal laboral fixo da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003, que non se atopa inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de…, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

En (país e localidade)..., ... de... de 2016.