Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 15 de marzo de 2016 Páx. 9516

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2016 pola que se convoca un curso selectivo de acceso á escala básica, categoría de oficial, dos corpos da Policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2016, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de oficial da Policía local conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Mellorar o compromiso profesional de servizo público aos cidadáns, baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.

Facilitarlles aos alumnos unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lles permita un mellor exercicio da súa función.

Dotalos das ferramentas de coñecemento necesarias para a organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.

Destinatarios/as.

Persoal dos corpos de policía local que superaron o proceso selectivo para a categoría de oficial e que non realizasen este curso.

Inscrición.

A inscrición dos/as participantes será gratuíta.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública, en que soliciten a participación no curso da/s persoa/s que se atopen nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do dito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 28 de marzo de 2016.

Duración e contido.

O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de maneira presencial na Academia Galega de Seguridade Pública.

Este curso contén os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo operativo.

– Módulo II: módulo xurídico.

– Módulo III: módulo técnico.

– Módulo IV: módulo administrativo.

– Módulo V: módulo de comunicación.

– Módulo VI: módulo práctico.

Datas.

O curso realizarase do 4 de abril ao 20 de maio de 2016.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu regulamento de réxime interior, publicado por Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG número 30, do 12 de febreiro de 2009.

Certificado.

Unha vez superado este curso, a Agasp emitirá un informe ao concello correspondente en que certifique esta circunstancia, de forma que se poida proceder ao nomeamento como funcionario de carreira e á toma de posesión como oficial do corpo de Policía local.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 1 de marzo de 2016

Luis Menor Pérez
Director da Academia Galega de Seguridade Pública