Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 23 de marzo de 2016 Páx. 10643

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2016 pola que se convoca un curso básico de prevención de riscos laborais para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establecen a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2016, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso básico de prevención de riscos laborais para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil (AVPC) da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo

Curso

Denominación

Básico de prevención de riscos laborais para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Modalidade

En liña

Edicións

1

Horas lectivas

100

Prazas por edición

40

Segunda. Obxectivos e contido

Obxectivos:

• Desenvolver no alumnado aquelas competencias necesarias para exercer as funcións avanzadas en prevención de riscos laborais.

• Adquirir os coñecementos que permitan ao alumnado identificar, evitar, corrixir e previr problemas específicos que poidan poñer en perigo a saúde e integridade dos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil.

• Coñecer as leis e normas en materia de prevención de riscos laborais sobre a base da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

• Analizar os diferentes plans de actuación, técnicas de prevención e de primeiros auxilios que favorecen ou axudan a superar diferentes situacións de risco.

Contido:

Módulo 1. Conceptos básicos de seguridade e saúde no traballo.

Unidade didáctica 1. Introdución á prevención de riscos laborais.

Unidade didáctica 2. Marco normativo básico en materia de prevención de riscos laborais.

Módulo 2. Riscos xerais e a súa prevención (I).

Unidade didáctica 1. Os riscos ligados ás condicións de seguridade.

Unidade didáctica 2. Riscos ligados ao medio natural de traballo.

Unidade didáctica 3. A carga de traballo, a fatiga e a insatisfacción laboral.

Unidade didáctica 4. Sistemas elementais de control de riscos. Protección colectiva e individual.

Módulo 3. Riscos xerais e a súa prevención (II).

Unidade didáctica 1. Nocións básicas de actuación en emerxencias.

Unidade didáctica 2. Primeiros auxilios.

Unidade didáctica 3. O control da saúde dos traballadores.

Módulo 4. Elementos básicos da xestión da prevención de riscos laborais.

Unidade didáctica 1. A xestión da prevención de riscos laborais na empresa.

Unidade didáctica 2. Organismos públicos relacionados coa seguridade e saúde no traballo.

Módulo 5. Riscos específicos da actividade das agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC).

Unidade didáctica 1. Proteccións individuais e colectivas utilizadas.

Unidade didáctica 2. Equipamentos de traballo utilizados.

Unidade didáctica 3. Riscos en accidentes de tráfico (posicionamento de vehículos, incendio e excarceración).

Unidade didáctica 4. Riscos en incendios.

Unidade didáctica 5. Traballos en altura.

Unidade didáctica 6. Atmosferas perigosas habituais asociadas a incendios ou outras emerxencias.

Unidade didáctica 7. Seguridade en incidentes con mercadorías perigosas.

Unidade didáctica 8. Riscos relacionados coa calor.

Unidade didáctica 9. Riscos de tipo biolóxico que se poden presentar nas actuacións dos voluntarios de protección civil.

Unidade didáctica 10. O estrés dos voluntarios de protección civil.

Terceira. Destinatarios/as

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) dos concellos de Galicia.

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

a) Ter prioritariamente a condición de demandantes de emprego.

b) Ter superado o curso básico de protección civil.

c) Estar como voluntario/a activo/a na correspondente AVPC.

Unha vez acreditadas as alíneas b) e c), deberá constatarse a condición de demandante de emprego do/a solicitante; a selección para a cobertura das prazas realizarase de acordo cos criterios establecidos na base novena.

No suposto de existir prazas vacantes non cubertas por desempregados/as, serán cubertas polos restantes solicitantes que non cumpran a dita condición seguindo os criterios da mencionada base.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

O curso desenvolverase en dúas partes: unha parte de formación en liña a través da internet e unha proba presencial final.

5.1. Formación en liña.

1. Lugar: a través da plataforma de formación en liña da Agasp.

2. Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

3. Datas: do 15 de abril ao 6 de xuño.

O alumnado deberán acceder ao curso dentro dos primeiros tres días hábiles (excluídos sábados, domingos e festivos) a partir da data de inicio.

As persoas que non accedan ao curso no prazo indicado serán dados de baixa nel, sen prexuízo de que poidan ser penalizados coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

4. Desenvolvemento: o alumnado participante deberá realizar a través da plataforma de formación en liña da Agasp, e de acordo cun calendario de presentación, as actividades incluídas no curso, que son:

• Visualización dos contidos.

• Superación dos cuestionarios.

• Cumprimento das tarefas segundo as exixencias indicadas.

O/a alumno/a que non realice algunha desas actividades no prazo establecido será sancionado/a coa baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado/a coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

No suposto de que as actividades realizadas non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do equipo docente, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

5.2. Proba presencial final.

1º. Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

2º. Data: 13 de xuño.

3º. Horario: das 10.00 ás 11.30 horas.

4º. Contido: consistirá nun exame tipo test.

5º. Lista de admitidos: poderán realizar a proba presencial os alumnos que realicen satisfactoriamente, ao xuízo do equipo docente, todas as actividades da parte de formación en liña do curso.

A lista de admitidos na proba presencial estará visible na plataforma de formación despois de finalizar a parte en liña do curso e realizada a correspondente avaliación polo equipo docente.

6º. Exixencias: os/as alumnos/as deberán vir ao exame provistos de:

• DNI ou algún outro documento que acredite a súa identidade.

• Lapis do número 2.

• Goma de borrar.

Sexta. Requirimentos técnicos mínimos para os equipamentos do alumnado

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC:

• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

• Navegador: Mozzila Firefox 2 (recomendado) ou Internet Explorer 6.0 ou superior.

• Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

• Para ver os documentos en PDF, necesítase ter instalado Acrobat Reader.

• Para que funcionen algúns elementos correctamente, necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

Sétima. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38; do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Oitava. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de dez (10) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Novena. Criterios de selección

Os criterios de selección son os seguintes e na orde indicada:

1º. Teñen preferencia as persoas que estean en situación de demandantes de emprego.

2º. De acordo co artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, en cada edición do curso reservarase un cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

3º. Teñen preferencia as persoas de maior rango xerárquico na AVPC.

4º. Teñen preferencia as persoas con máis antigüidade como voluntarias de protección civil.

5º. Teñen preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Aplicada a anterior selección combinada para desempregados, no suposto de existiren vacantes, realizarase igual proceso para os solicitantes empregados. Cando no proceso de selección de desempregados non se complete a reserva do ordinal segundo, a dita reserva, de existir suficiente número de solicitantes, continuará aplicándose no colectivo de empregados ata chegar á referida porcentaxe.

Décima. Acreditación da condición de desempregado/a

1. A tramitación das solicitudes de inscrición nas actividades formativas incluídas nesta convocatoria require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas á Agasp para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos.

2. A presentación da solicitude de inscrición nas actividades formativas incluídas nesta convocatoria pola persoa interesada comportará a autorización á Agasp para a consulta da súa situación laboral no Servizo Público de Emprego.

3. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar o consentimento para a mencionada consulta, sinalando a epígrafe correspondente na solicitude de matrícula. Neste suposto, presentará no enderezo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es a tarxeta de demandante de emprego actualizada.

4. O prazo de presentación da documentación mencionada no punto anterior é o mesmo que para a presentación de solicitudes de inscrición, e a documentación presentada fóra de prazo poderá non ser tida en conta non proceso de selección do alumnado para as diferentes actividades formativas.

Décimo primeira. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro), as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décimo segunda. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

O alumnado dos cursos deberá dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de execución relativos ao alumnado refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa operación, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa operación cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Décimo terceira. Certificado de aproveitamento

Entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que superen tanto a parte de formación en liña como a proba presencial final.

Décimo cuarta. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2014-2020, no eixe 1B, obxectivo temático 08 -Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral. Prioridade de investimentos 08.01-Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral. Obxectivo específico 08.01.02-Mellorar a empregabilidade especialmente das persoas desempregadas e/ou demandantes de emprego, a través da adquisición e/ou actualización de competencias profesionais.

Décimo quinta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións del ou suspendelo temporalmente cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 17 de marzo de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública