Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 30 de marzo de 2016 Páx. 11402

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se fai pública a convocatoria para a ampliación das ensinanzas plurilingües á etapa postobrigatoria de bacharelato para o curso 2016/17 nos centros pertencentes á Rede de centros plurilingües de Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou, durante o curso 2010/11, a implantación dos centros plurilingües en Galicia que se rexen pola Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e se establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de centros plurilingües de Galicia.

Para aqueles centros da rede que remataron a implantación do ensino plurilingüe en toda a etapa de educación secundaria obrigatoria é preciso habilitar a posibilidade da súa extensión á etapa do bacharelato.

A disposición derradeira primeira da Orde do 12 de maio de 2011 autoriza a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para realizar convocatorias para a ampliación do programa nos centros xa autorizados.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto realizar a convocatoria no curso 2016/17 da ampliación da ensinanza plurilingüe á etapa postobrigatoria de bacharelato nos centros pertencentes a Rede de centros plurilingües de Galicia.

Artigo 2. Requisitos dos centros

Para que os centros plurilingües poidan ampliar o programa na etapa do bacharelato deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Ser un centro pertencente á Rede de centros plurilingües desde o curso 2010/11, 2011/12 ou 2012/13 e que, polo tanto, no curso 2015/16, xa ten o programa implantado en toda a etapa da ESO.

2. Impartir en lingua estranxeira ata un máximo dun terzo do horario lectivo de cada grupo de alumnos e alumnas.

3. Dispor de profesorado cualificado para impartir as materias non lingüísticas en lingua estranxeira en toda a etapa.

4. Garantir que todo o alumnado que curse bacharelato dentro do programa plurilingüe poida seguir esta etapa con aproveitamento.

5. Aprobación do proxecto polo consello escolar, unha vez oído o claustro do profesorado.

6. Participar e colaborar no desenvolvemento dos procesos de avaliación do alumnado e dos propios centros que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organice.

Artigo 3. Ordenación das ensinanzas.

A ordenación das ensinanzas na etapa de bacharelato nos centros plurilingües que se acollan a esta convocatoria guiarase polos seguintes principios:

1. A impartición das materias non lingüísticas nos centros plurilingües axustarase ao establecido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao establecido no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Así mesmo, axustarase a todo o establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 do decembro, para a mellora da calidade educativa.

2. Os centros plurilingües iniciarán a impartición do programa de plurilingüismo no primeiro curso de etapa e desenvolverano ao longo desta.

3. Na docencia da materia de lingua estranxeira incorporaranse contidos e actividades de apoio ao ensino das materias non lingüísticas que se impartan nesa lingua.

4. O centro planificará e levará a cabo actividades extraescolares e complementarias plurilingües co obxecto de potenciar a aprendizaxe de linguas.

5. No proxecto lingüístico do centro concretaranse medidas tendentes á impartición dun currículo integrado das linguas. Estas medidas incluirán, polo menos, acordos sobre criterios metodolóxicos básicos de actuación en todas as linguas e o tratamento que se lles dará aos contidos e aos criterios de avaliación similares nas distintas áreas lingüísticas, co fin de favorecer que todos os coñecementos e as experiencias lingüísticas do alumnado contribúan ao desenvolvemento da súa competencia comunicativa plurilingüe.

Artigo 4. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta materias non lingüísticas en lingua estranxeira deberá reunir os seguintes requisitos, establecidos no artigo 7 da Orde do 12 de maio de 2011, pola que se regulan os centros plurilingües e se establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de centros plurilingües de Galicia:

1. Ser especialista da materia que vai impartir en lingua estranxeira ou estar en posesión da habilitación correspondente.

2. Acreditar o nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL), segundo a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 5. Compromisos do profesorado

O profesorado que imparta materias non lingüísticas en lingua estranxeira quedará comprometido, nos termos do artigo 8 da Orde do 12 de maio de 2011, a:

1. Impartir a materia da súa especialidade en lingua estranxeira.

2. Participar nunha sesión semanal de seguimento e coordinación convocada pola persoa coordinadora do programa plurilingüe do centro, xunto co profesorado de linguas estranxeiras que participe no programa.

3. Colaborar na elaboración da programación de contidos e actividades de apoio en lingua estranxeira e da memoria final anual.

4. Participar nas actividades de formación e de coordinación entre centros que programe a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 6. Solicitude e documentación

1. Os centros pertencentes á Rede de centros plurilingües de Galicia que desexen ampliar a ensinanza plurilingües á etapa postobrigatoria de bacharelato deberán presentar a súa solicitude (anexo I, modelo normalizado ED531B) e dirixila á xefatura territorial correspondente, e achegar a documentación que se relaciona a continuación:

a) Proxecto de desenvolvemento do programa plurilingüe en cada un dos cursos do bacharelato, con indicación do curso de aplicación no ano académico 2016/17, e planificación da extensión do programa ao seguinte curso.

b) Relación de materias que se impartirán en lingua estranxeira, con indicación desta.

c) Certificación da aprobación do proxecto polo Consello Escolar, oído o Claustro de profesores e profesoras.

d) Relación do profesorado con destino definitivo no centro, ou profesorado contratado no caso dos centros concertados, que impartirá docencia xunto coa titulación que acredite a súa competencia lingüística.

2. A Inspección Educativa emitirá informe sobre a solicitude a través da xefatura territorial correspondente.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada, ou representante, deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Forma de presentación, lugar e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Así mesmo, poderase completar en liña o formulario electrónico dispoñible na epígrafe Linguas estranxeiras, Programa de centros plurilingües (http://www.edu.xunta.es/programaseducativos). Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación, o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat que a persoa representante deberá imprimir, asinar e enviar á xefatura territorial correspondente.

2. A solicitude de autorización formulada pola dirección do centro deberá dirixirse á xefatura territorial correspondente, que a trasladará, co informe da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte á publicación no DOG da presente resolución e rematará o día 30 de abril de 2016.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxefpie@edu.xunta.es.

Artigo 10. Selección dos centros

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizará a selección dos proxectos, mediante unha comisión que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, da cal formarán parte as persoas titulares da Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, así como dúas persoas asesoras técnicas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, unha das cales realizará as funcións de secretaría.

2. A valoración das solicitudes presentadas realizarase considerando a viabilidade do proxecto. Para iso terase en conta a experiencia previa do centro, o cadro de persoal de profesorado dispoñible coa cualificación requirida para desenvolver o programa en toda a etapa (con especial mención ao profesorado especialista en idioma estranxeiro) e os recursos existentes no centro, así como o número de unidades e de alumnado.

3. A Comisión de selección elevaralle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da convocatoria. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de cinco meses, desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A resolución definitiva será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esa resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán formular directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. Seguimento e avaliación

1. Os centros plurilingües establecerán na súa programación xeral anual os procesos de seguimento e avaliación do programa plurilingüe que permitan valorar os resultados obtidos e establecer, cando cumpra, propostas de mellora, que deberán reflectirse na memoria final de cada curso.

2. Correspóndelle á Inspección Educativa supervisar o proceso de implantación e desenvolvemento do programa nos centros plurilingües, e prestaráselle especial atención á práctica docente, así como propor medidas de mellora.

3. Ao rematar o curso escolar a persoa coordinadora do programa, coa participación do profesorado implicado nel, deberá elaborar unha memoria, que se integrará na memoria anual do centro. A Inspección Educativa achegará, antes do 5 de xullo de cada curso escolar, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a memoria do programa xunto co seu informe.

4. Ao rematar a etapa educativa, co fin de verificar o grao de dominio da lingua estranxeira, levarase a cabo a avaliación do alumnado participante no programa plurilingüe, seguindo o procedemento que determine a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 12. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2016

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file