Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 8 de abril de 2016 Páx. 12490

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 37/2016, do 17 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de casinos de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude da competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas que o artigo 27.27 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, lle atribúe a esta comunidade autónoma, aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que é a norma legal autonómica reguladora da materia.

En concreto, o réxime normativo dos casinos está constituído pola dita lei e polo Catálogo de xogos da comunidade Autónoma de Galicia, aprobado mediante o Decreto 166/1986, do 4 de xuño. Non obstante, a nosa comunidade autónoma carecía dunha norma que, de forma específica e pormenorizada, recollese o réxime xurídico dos casinos de xogos polo que se viña aplicando a Orde do Ministerio do Interior do 9 de xaneiro de 1979 pola que se aproba o Regulamento de casinos de xogo e a súa normativa de desenvolvemento, de acordo co previsto na disposición adicional segunda da Lei 14/1985, do 23 de outubro.

Afróntase a creación dunha norma autonómica propia por varios motivos que conflúen na necesidade de aprobar un regulamento de casinos autonómico que alcance unha ordenación integral dos casinos de xogos, plenamente adecuada ás regras, principios e criterios da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia. Neste sentido, cómpre sinalar que a intervención da Administración neste eido está motivada pola protección de intereses de carácter público, nomeadamente a saúde pública, así como a protección de menores e outros grupos de poboación vulnerables, prevención da adicción ao xogo e a protección de persoas consumidoras e usuarias.

A intervención administrativa para a salvagarda de tales intereses non se considera incompatible coa necesaria simplificación procedemental e de redución de trabas e, nesta liña, cómpre destacar a previsión da tramitación integramente electrónica dos procedementos e a previsión de eximir as persoas interesadas da achega de certos datos e documentos que poidan ser incorporados ao expediente pola propia Administración.

Este regulamento conta con 63 artigos, estruturados nun título preliminar e 6 títulos, e con 7 disposicións adicionais, 2 disposicións transitorias e 6 disposicións derradeiras.

O título preliminar contén as disposicións xerais da norma. Recóllese neste título preliminar, entre outras cousas, a creación do Rexistro de Casinos de Xogos da Comunidade Autónoma de Galicia, con explicación da súa estrutura e previsión da inscrición nel das empresas interesadas e dos establecementos en que se vaian practicar os xogos exclusivos de casinos.

O título primeiro denomínase «Os títulos habilitantes». Neste título regúlanse a autorización de instalación e o permiso de apertura e funcionamento, e destácase a necesidade de que as autorizacións de instalación dos casinos se outorguen en virtude dun concurso público. Ademais, neste título primeiro regúlanse todos os requisitos que deben cumprir as empresas que pretendan obter unha autorización para a instalación de salas de casinos de xogos así como tamén todo o procedemento tanto de concesión da dita autorización como da posterior inscrición das salas autorizadas e das propias empresas titulares no Rexistro de Casinos de Xogos.

No título segundo «Das dependencias do casino, salas adicionais e acceso» recóllese o réxime xurídico das salas adicionais dos casinos. Este réxime xurídico está condicionado, fundamentalmente, pola premisa de que unicamente lle será autorizada a instalación dunha destas salas a unha empresa que sexa titular dunha autorización de instalación de casino en vigor. Ademais, tal sala adicional deberá estar necesariamente situada na mesma provincia en que se atope instalado o casino matriz e os requisitos exixidos serán análogos aos exixidos para a apertura do casino matriz.

Así mesmo e con carácter común tanto aos casinos matriz como ás salas adicionais, cómpre destacar neste título a regulación da admisión das persoas visitantes aos casinos de xogos, na cal se pon a maior énfase posible na necesidade de que se impida o acceso a este tipo de establecementos ás persoas menores de idade e a aquelas que o teñan prohibido por estaren inscritas no correspondente rexistro administrativo. Xunto con estas prescricións relativas ao control de acceso, recóllese unha serie de garantías para as persoas usuarias como son a expedición de tarxetas de entrada, a información para o público e a existencia dun libro de reclamacións que pretenden ofrecer a aquelas a necesaria seguridade xurídica que ampare calquera dereito que as poida asistir.

O título terceiro «Dirección e persoal dos casinos» trata sobre o réxime interno destes establecementos e está concibido como un instrumento que garanta a maior calidade posible nos servizos ofrecidos, así como un alto grao de profesionalidade e imparcialidade no desempeño das súas funcións por parte do seu persoal empregado. Así, destaca a existencia dunha relación de condutas que tanto o persoal directivo como o persoal que preste servizos nos casinos de xogo teñen prohibida, e tamén a previsión da posibilidade de crear centros de formación para parte do persoal.

O título cuarto «Funcionamento das salas» profunda no modo en que se deben desenvolver as actividades propias dos casinos de xogos. Ademais de cuestións xerais como o horario de funcionamento das salas ou a posibilidade de trocar os cartos por fichas para participar nos xogos, regúlanse, de forma pormenorizada, as condicións en que os xogos deben ser ofrecidos e o material que pode ser empregado para a súa práctica, e ponse especial atención na regulación do pagamento de premios.

O título quinto «Mecanismos e libros rexistro de control» prevé a existencia dunha serie de libros rexistro que as empresas deben levar con regularidade. A regulación contida neste título é unha clara mostra da intención da Administración de contar cun control obxectivo e rigoroso de todo canto acontece nos casinos de xogos para os efectos de que se dispoña da maior información posible a través de procedementos transparentes que sirvan como instrumentos eficaces para a loita contra a fraude e a criminalidade.

Precisamente, o derradeiro título do regulamento, denominado «Infraccións e sancións» persegue deixar ben sentado que o incumprimento por parte das empresas autorizadas ou do seu persoal das obrigas recollidas ao longo do texto, así como na propia lei da cal deriva este regulamento, comportará a incoación do correspondente expediente sancionador.

No procedemento de elaboración deste decreto foron observados os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de informe da Comisión de Xogo de Galicia, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de marzo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Regulamento de casinos de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia

Apróbase o Regulamento de casinos de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia, que se inclúe a seguir.

Disposición adicional primeira. Homologación e validación de material fabricado ou comercializado fóra de Galicia

1. O material para casinos de xogos legalmente fabricado ou comercializado nos Estados membros da Unión Europea e o orixinario dos países asinantes do acordo sobre o Espazo Económico Europeo e Turquía poderá ser homologado polo procedemento que se estableza na normativa de desenvolvemento do regulamento que se aproba mediante este decreto sempre que reúna os requisitos exixidos naquela.

2. Así mesmo, poderán validarse as homologacións de material para casinos de xogos, concedidas polas autoridades competentes da Unión Europea e do Espazo Económico Europeo e Turquía, sempre que se comprobe que as regulamentacións ao abeiro das cales foron concedidas garantan un nivel equivalente de protección dos intereses lexítimos perseguidos polo regulamento que se aproba mediante este decreto e que se levaron a termo ensaios previos á homologación con niveis de precisión, seguridade, adecuación e idoneidade equivalentes aos requiridos pola normativa de desenvolvemento deste.

Disposición adicional segunda. Políticas de xogo responsable

1. As políticas de xogo responsable dos casinos de xogos supoñen que o exercicio das actividades de xogo se abordará desde unha política integral de responsabilidade social corporativa que prevexa accións de sensibilización dirixidas á información e difusión das boas prácticas do xogo, así como dos posibles efectos que unha práctica non adecuada do xogo pode producir.

2. As empresas titulares dos casinos de xogos deberán elaborar un plan de medidas para a mitigación dos posibles efectos prexudiciais que poida producir o xogo sobre as persoas e que conteña as regras básicas, estratexias e compromisos da política de xogo responsable, así como un programa de responsabilidade social empresarial, asumindo as obrigas de:

a) Prestar a debida atención aos grupos en risco.

b) Proporcionar ao público a información necesaria para que poida facer unha selección consciente das súas actividades de xogo, promovendo actitudes de xogo non compulsivo e responsable.

c) Informar da prohibición de participaren as persoas menores de idade ou as persoas incluídas no rexistro de prohibidos.

Disposición adicional terceira. Presentación de solicitudes e comunicacións

1. A presentación das solicitudes e comunicacións realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para a presentación das solicitudes e comunicacións será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou o representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Disposición adicional cuarta. Modelos normalizados de solicitudes e comunicacións

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes e comunicacións será necesario utilizar os formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición adicional quinta. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación dos procedementos regulados por esta norma, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes e comunicacións, serán incluídos nun ficheiro denominado Integración de Aplicacións e Procedementos Administrativos SXPA de VP-DXEI, co obxecto de xestionar o procedemento de que se trate, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mediante o envío dunha comunicación ao seguinte correo electrónico: secretaria.cpapx@xunta.es

Disposición adicional sexta. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación dos procedementos regulados nesta norma require a incorporación de datos en poder das administracións públicas e, por tal motivo, os modelos de solicitude e comunicacións inclúen autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos por esta norma.

2. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coas súas solicitudes e comunicacións, os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral ou de entidades instrumentais e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na Lei reguladora do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

3. Nos supostos en que sexa imposible obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á resolución.

Disposición adicional sétima. Notificacións

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas só se poderán practicar cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, terase por efectuado o trámite e seguirase o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria primeira. Casinos autorizados con anterioridade á entrada en vigor da norma

Con respecto aos casinos autorizados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, respectaranse, en todo caso, a duración fixada nas autorizacións de apertura e o réxime de funcionamento emitidos no seu día, e resultaralle de aplicación en todo o demais o disposto no presente regulamento.

Disposición transitoria segunda. Servizos de control e asistencia

Mentres non estea aprobada e entre en vigor a norma pola que se regulan os servizos de admisión, e control e asistencia nos establecementos de xogo, será de aplicación aos casinos o disposto na normativa reguladora das distintas modalidades de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia vixente no momento da entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria única. Normas derrogadas

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Normas de desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de xogo e apostas para ditar todas aquelas normas de desenvolvemento necesarias para a aplicación do regulamento que se aproba mediante este decreto.

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 166/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da comunidade Autónoma de Galicia

O número 3 do artigo 2 queda redactado como segue:

«Durante todo o horario de funcionamento das mesas de xogo deberá estar en servizo e durante toda a sesión, como mínimo, unha mesa de xogo.»

Disposición derradeira terceira. Modificación do Decreto 181/2002, do 21 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo

O número 4 do artigo 23 do Regulamento do xogo do bingo, aprobado polo Decreto 181/2002, do 21 de maio, queda redactado como segue:

«A instalación dunha sala de bingo só se poderá autorizar cando garde, respecto doutra sala xa autorizada ou en tramitación, unha distancia non inferior a mil metros seguindo o eixe da vía máis curto que teña a consideración legal de dominio público.

A distancia entre salas medirase partindo do eixe da vía pública a que dá fronte a porta principal de acceso ás respectivas salas, tomando tal eixe desde a perpendicular trazada desde o centro daquelas portas de acceso.

En ningún caso se autorizará a instalación de salas de bingo a menor distancia de 150 metros dos accesos normais de entrada ou saída de centros oficiais que impartan ensino regrado a persoas menores de idade».

Disposición derradeira cuarta. Modificación do Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia

O número 5 do artigo 67 do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, queda redactado como segue:

«En ningún caso se autorizará a instalación de salóns de xogo a menor distancia de 150 metros dos accesos normais de entrada ou saída de centros oficiais que impartan ensino regrado a persoas menores de idade ou cando exista outro salón de xogo, xa autorizado ou en tramitación, a unha distancia inferior a 300 metros do que se pretende instalar.

As autorizacións de instalación outorgadas terán carácter indefinido. En todo caso, a súa eficacia quedará supeditada á obtención do permiso de apertura».

Disposición derradeira quinta. Modificación do Decreto 162/2012, do 7 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia

O número 7 do artigo 47 do Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 162/2012, do 7 de xuño, queda redactado como segue:

«En ningún caso se autorizará a instalación de tendas de apostas a menor distancia de 150 metros dos accesos normais de entrada ou saída de centros oficiais que impartan ensino regrado a persoas menores de idade ou cando exista outro espazo de xogo, xa autorizado ou en tramitación, a unha distancia inferior a 300 metros do que se pretende instalar, agás que se trate dun espazo de apostas autorizado no interior dun recinto deportivo».

Disposición derradeira sexta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de marzo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Regulamento de casinos de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O presente regulamento ten por obxecto a regulación dos casinos de xogos dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para estes efectos, enténdense por casinos de xogos os establecementos que, reunindo os requisitos exixidos, fosen autorizados polo órgano competente para a práctica dos xogos exclusivos de casinos de xogo.

Artigo 2. Réxime xurídico

1. A autorización, a organización e o desenvolvemento dos xogos de casinos suxeitaranse ás normas contidas na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, no presente regulamento, no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia e nas demais disposicións aplicables.

Sen prexuízo do previsto neste regulamento que sexa de específica aplicación para as salas adicionais, a regulación que se establece para os casinos de xogos enténdese aplicable a aquelas.

2. Queda prohibida a organización e a práctica de xogos, incluso na súa modalidade de torneo, demostración ou exhibición que, co mesmo ou distinto nome, constitúan modalidades dos xogos exclusivos de casino e se realicen fóra dos devanditos establecementos ou á marxe das autorizacións, requisitos e condicións establecidos por este regulamento. Así mesmo, ningún establecemento de xogo que non estea autorizado como casino de xogos pode ter tal denominación.

Artigo 3. Rexistro de Casinos de Xogos

1. As sociedades mercantís dedicadas á fabricación e importación de material de casinos de xogos, así como á explotación de casinos que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán figurar inscritas no Rexistro de Casinos de Xogos de Galicia.

2. O rexistro, que será público, contará coas seguintes seccións:

a) Sección I: empresas fabricantes e importadoras.

b) Sección II: empresas titulares de casinos de xogos.

c) Sección III: casinos de xogos.

d) Sección IV: material de casinos de xogos.

3. Cada sección do rexistro disporá de subseccións para inscribir as autorizacións que, segundo este regulamento, lle correspondan a cada tipo de empresa. Estas subseccións recollerán a evolución da situación xurídica de cada autorización e serán desenvolvidas mediante unha orde da consellería competente en materia de xogos e apostas. Para a inscrición destas autorizacións será necesario achegar os datos e documentos requiridos para cada procedemento.

4. Non se poderá inscribir no rexistro material que teña un nome idéntico a outro xa inscrito previamente neste, a non ser que a persoa solicitante acredite que ten inscrito o devandito material con data anterior, e ao seu nome a citada denominación no rexistro administrativo pertinente. Neste caso, procederá a cancelación da primeira inscrición, logo de audiencia da persoa a favor da cal figura a dita primeira inscrición.

Artigo 4. Xogos exclusivos de casino

1. Consideraranse xogos exclusivos de casino e, polo tanto, só se poderán practicar nos establecementos autorizados como casinos de xogo, os seguintes:

a) Ruleta francesa.

b) Ruleta americana.

c) Vinte e un ou black-jack.

d) Bóla ou boule.

e) Trinta e corenta.

f) Punto e banca.

g) Camiño de ferro, bacará ou chemin de fer.

h) Bacará a dous panos.

i) Dados ou craps.

j) Póker, en calquera das variantes regulamentariamente establecidas.

k) Máquinas de azar ou de tipo «C».

2. A organización, a comercialización e a práctica dos xogos sinalados no número 1 poderán levarse a cabo a través da rede da internet, medios electrónicos, telemáticos ou de comunicación a distancia polas empresas autorizadas para a explotación presencial dos xogos de casinos, de acordo coa normativa de desenvolvemento.

Artigo 5. Outros xogos

1. Ademais dos xogos exclusivos, nos casinos de xogos poderanse explotar outros tipos de xogos e apostas conforme o que se estableza na súa normativa específica de aplicación.

2. Despois da comunicación ao órgano competente en materia de xogo, o casino poderá levar a cabo, ademais, nas súas instalacións ou noutras dependencias do edificio en que se atope, torneos dos diferentes xogos exclusivos de casinos enumerados no artigo 4 e aqueles xogos que, sen ser propios de casino de xogos, sexan populares ou de tradición, sempre que non se trate de xogos que requiran autorización, consonte o establecido na Lei reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

3. Entenderanse, en todo caso, por torneos aquelas actividades que consisten no xogo de partidas eliminatorias de forma que os participantes se poidan ir clasificando segundo os resultados obtidos. Nos torneos non se xogará con diñeiro senón unicamente con fichas, non trocables por diñeiro, que serán entregadas ás persoas participantes. Os mellores clasificados obterán un premio que poderá consistir ben na repartición do importe obtido polo prezo das inscricións, deducida, de ser o caso, unha porcentaxe para gastos de organización e xestión do torneo, ben na entrega de bens en especie.

Artigo 6. Servizos complementarios

1. Os casinos de xogos poderán prestar ao público servizos complementarios tales como bar, restaurante, salas de estar, cafetaría, salas de teatro ou cinematográficas, sala de congresos e convencións, actividade comercial, sala de espectáculos ou festas ou instalacións hoteleiras, que se deberán localizar no mesmo inmoble ou conxunto arquitectónico, ou nas denominadas salas adicionais previstas neste regulamento.

2. A prestación dos servizos complementarios será facultativa, pero será obrigatoria no caso daqueles que aparezan incluídos na inscrición do casino no Rexistro de Casinos de Xogos. A inclusión e o cesamento de novos servizos complementarios deberán ser comunicados no prazo máximo dun mes desde que se produzan.

3. Os servizos complementarios que se presten no casino poderán pertencer ou ser explotados por persoa física ou xurídica distinta da que teña a titularidade da autorización do casino.

TÍTULO I

Os títulos habilitantes

CAPÍTULO I

Das sociedades titulares das autorizacións

Artigo 7. Requisitos das empresas

1. As empresas que pretendan ser titulares dunha autorización que lles permita a instalación dun casino de xogos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar constituídas baixo calquera das modalidades de sociedade mercantil previstas na lexislación vixente.

b) Ter a nacionalidade española ou a de calquera dos Estados membros da Unión Europea. A participación directa ou indirecta de capital estranxeiro axustarase ao establecido na lexislación vixente sobre investimentos estranxeiros en España.

c) Ter como obxecto social a explotación de casinos de xogos que, de ser o caso, deberá comprender a dos servizos complementarios relacionados coa súa explotación.

d) Contar cun capital social mínimo equivalente ao produto resultante de multiplicar a capacidade da sala principal pola cantidade de 18.030,36 euros. O capital social deberá estar enteiramente subscrito e desembolsado e estará representado por accións nominativas ou participacións sociais cuxa contía non deberá ser reducida mentres a autorización estea vixente. No caso de que sexa autorizada unha sala adicional, a titular deberá ampliar e manter o capital social por un importe resultante de multiplicar a capacidade da sala adicional pola cantidade de 18.030,36 euros. Tal ampliación e mantemento resultará exixible, así mesmo, cando se incremente a capacidade das salas.

e) Atoparse ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

f) Acreditar que as persoas que ocupen o cargo de persoas socias, administradoras ou directivas non fosen condenadas mediante sentenza firme dentro dos cinco anos anteriores á data da solicitude da autorización, por delito de falsidade, contra a propiedade ou contra a Facenda pública, así como por calquera infracción penal derivada da xestión ou explotación de xogos non autorizados.

g) Acreditar solvencia económica, financeira e técnica polos medios recollidos no artigo 11.

h) Non ter sido sancionada a persoa física, a persoa xurídica ou os seus socios/as, persoal directivo ou administradores/as, mediante resolución firme en vía administrativa por dúas ou máis infraccións moi graves nos cinco anos anteriores á data da solicitude por incumprimento da normativa de xogo do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, se a sociedade non está constituída no momento de se presentar a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 13.3 e 4, letra g), poderá acreditarse o cumprimento dos anteriores requisitos nun prazo máximo de trinta días a partir do día seguinte ao da notificación da resolución da autorización de instalación.

CAPÍTULO II

Das fianzas

Artigo 8. Fianzas

1. As empresas que sexan titulares de autorizacións de instalación de casinos, con carácter previo á súa apertura e funcionamento, deberán constituír unha fianza a favor do órgano competente en materia de xogo por un importe mínimo equivalente ao vinte e cinco por cento do capital social subscrito e desembolsado. A dita fianza poderase presentar en efectivo, en avais prestados por entidades de crédito ou sociedades de garantía recíproca, seguros de caución outorgados por entidades aseguradoras e en valores representados por anotacións na conta ou participacións en fondos de investimento, representadas por certificados nominativos.

2. As fianzas teñen que depositarse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia á disposición do órgano competente en materia de xogo, e garantirán o cumprimento das obrigas previstas neste regulamento e na Lei reguladora dos xogos e apostas en Galicia, especialmente daquelas que teñan que ver co pagamento dos premios, tributos ou sancións pecuniarias impostas á sociedade titular por incumprimento da normativa de xogo.

3. As fianzas teñen que ser mantidas na súa totalidade mentres subsistan as circunstancias que motivaron a súa constitución. De producirse a diminución da contía ou a extinción ou a cancelación da garantía de acordo coa normativa específica, a empresa deberá completala ou repoñela no prazo máximo de quince días, que se contarán desde que se produciu a dita diminución.

4. As fianzas poderanse cancelar cando desaparezan as causas que motivaron a súa constitución, sempre que non existan responsabilidades pendentes ou expedientes en trámite.

CAPÍTULO III

Da autorización de instalación

Artigo 9. Concurso público

O outorgamento das autorizacións para a instalación dun casino de xogos requirirá a convocatoria previa dun concurso público, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia xunto coas bases da convocatoria. Para o outorgamento da autorización valoraranse e puntuaranse as ofertas presentadas de acordo con criterios obxectivos entre os que, necesariamente, se deberán atopar os seguintes:

a) O interese turístico e social do proxecto.

b) A experiencia dos promotores no sector de casinos.

c) A calidade das instalacións e dos servizos complementarios.

d) O programa de investimentos.

e) A xeración de postos de traballo, o plan de formación do persoal e os recursos humanos con que se conta.

f) A tecnoloxía que se pretende adoptar para a organización e a xestión dos xogos.

g) O plan de medidas para a mitigación dos posibles efectos prexudiciais que poida producir o xogo sobre as persoas e as regras básicas, estratexias e compromisos de política de xogo responsable.

h) O programa de responsabilidade social empresarial.

Artigo 10. Solicitudes

As sociedades interesadas na obtención dunha autorización para a instalación dun casino de xogos que cumpran os requisitos especificados no artigo 7 ou as persoas que actúen por conta da sociedade proxectada poderán participar no concurso mediante unha solicitude no modelo normalizado e na forma que se estableza mediante a orde de convocatoria dirixida á persoa titular da consellería competente en materia de xogo e apostas, que deberá conter as seguintes especificacións:

a) Nome e apelidos, nacionalidade, domicilio, número de documento nacional de identidade da persoa solicitante, ou documento equivalente no caso de non ter a nacionalidade española, así como a calidade en que actúa en nome da sociedade interesada. Exixirase a mesma identificación respecto da persoa ou persoas que actúen por conta da sociedade en proxecto.

b) Denominación, duración e domicilio da sociedade representada ou proxecto desta.

c) Nome e apelidos, nacionalidade, número de documento nacional de identidade, ou documento equivalente no caso de non ter a nacionalidade española, tanto das persoas socias que constitúan ou vaian constituír a sociedade, especificando a súa respectiva cota de participación, como das persoas administradoras da sociedade e, de ser o caso, das persoas que desempeñen os postos de dirección ou xerencia ou persoas apoderadas en xeral.

d) Nome comercial do casino e, nos termos que se establezan nas bases da convocatoria, localización xeográfica do terreo en que pretenda instalarse, con especificación da súa superficie, capacidade das instalacións e características xerais destas.

En ningún caso se autorizará a instalación do casino a menor distancia de 150 metros dos accesos normais de entrada ou saída de centros oficiais que impartan ensino regrado a menores de idade.

e) Data máxima en que se pretende a apertura do casino e dos servizos complementarios para o caso de que se trate de prazos diferentes.

f) Xogos para os cales se solicita a autorización, así como os servizos complementarios que se vaian prestar, especificando se estes últimos serán prestados pola propia sociedade solicitante ou por un terceiro.

g) De ser o caso, os períodos temporais de funcionamento do casino.

Artigo 11. Documentación que se deberá xuntar á solicitude da autorización de instalación

Ás solicitudes que se presenten para participar no concurso público deberase xuntar a documentación que se estableza na orde da convocatoria. Como mínimo, a dita orde deberá exixir a seguinte documentación:

a) Copia ou testemuño notarial da escritura de constitución da sociedade e dos seus estatutos, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil. Se a escritura de constitución se encontra en trámite de inscrición, xuntarase copia ou testemuño notarial desta e xustificante acreditativo da súa presentación no Rexistro Mercantil.

Se a sociedade se constitúe cun capital inferior ao exixido no artigo 7, achegarase documento, subscrito polas persoas socias da compañía, que recolla o compromiso de elevar o capital social, como mínimo, ata alcanzar o importe legalmente exixido dentro dos 30 días hábiles seguintes á notificación da resolución de concesión da autorización de instalación do casino de xogo.

Para o suposto de que se acudise cun proxecto de sociedade, presentarase unha escritura pública en que se recolla o compromiso das persoas socias promotoras de constituír a sociedade para o caso de resultar adxudicataria, proxecto da escritura e proxecto dos estatutos sociais.

b) Copia do NIF da persoa solicitante no caso de que non se autorice a súa consulta (segundo modelo anexo IX) ou documento equivalente no caso de persoas estranxeiras.

Para o suposto de que se acudise cun proxecto de sociedade, xuntarase copia do DNI, NIE ou NIF da/s persoa/s socia/s promotora/s solicitante/s, no caso de que non se autorice a súa consulta (segundo modelo anexo IX) ou do documento equivalente no caso de persoas estranxeiras.

c) Relación das persoas socias e copia do seu DNI ou NIE no caso de que non se autorice a súa consulta (segundo modelo anexo IX) ou do documento equivalente no caso de persoas estranxeiras.

Cando se trate de persoas xurídicas, copia da escritura pública de constitución e copia do seu NIF no caso de que non se autorice a súa consulta (segundo modelo anexo IX) ou do documento equivalente no caso de persoas estranxeiras.

d) Certificado que acredite que as persoas socias carecen de antecedentes penais expedido polo Ministerio de Xustiza e declaración complementaria de conduta cidadá.

e) Relación de persoas ás cales se lles conferise o poder de representación da empresa e copia do seu DNI ou NIE no caso de que non se autorice a súa consulta (segundo modelo anexo IX) ou documento equivalente no caso de persoas estranxeiras, así como prazo da súa permanencia no cargo e copia ou testemuño notarial da escritura en virtude da cal se lles outorga a capacidade de representación. No caso de que as persoas ás cales se lle conferise o poder de representación sexan persoas xurídicas, ademais da copia ou testemuño notarial da escritura en virtude da cal se lle outorga a capacidade de representación, deberá achegarse copia da escritura pública da súa constitución e copia do seu NIF no caso de que non se autorice a súa consulta (segundo modelo anexo IX) ou do documento equivalente no caso de persoas estranxeiras.

Para o suposto de que se acudise cun proxecto de sociedade, xuntarase copia ou testemuño notarial do poder que as persoas socias promotoras outorguen a favor da persoa asinante da solicitude.

f) Declaración responsable da persoa física, da persoa xurídica ou dos seus socios/as, persoal directivo ou administradores/as, de non ter sido sancionados mediante resolución firme en vía administrativa por dúas ou máis infraccións moi graves nos cinco anos anteriores á data da solicitude por incumprimento da normativa de xogo do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Axencia Tributaria de Galicia e da Dirección Provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social respectivamente, no caso de que non se autorice a súa consulta. Para estes efectos, consideraranse cumpridas as ditas obrigas cando as débedas estean aprazadas, fraccionadas ou se tivese acordado a suspensión como consecuencia de impugnación, o que deberá acreditarse mediante a presentación dunha copia da resolución en que se concedan os adiamentos ou fraccionamentos ou se acorde a suspensión, no caso de que non se autorice a súa consulta.

h) Certificación do Rexistro da Propiedade correspondente do inmoble onde se instalará o casino de xogos no caso de ser o/a seu/súa propietario/a. No caso de que non sexa propietario/a, os documentos que acreditan a súa dispoñibilidade presente e/ou futura.

i) Estimación aproximada do cadro de persoal que vaia prestar servizos no casino e os seus servizos complementarios, con indicación das categorías ou os postos de traballo respectivos.

j) Memoria onde se describa a organización e o funcionamento do casino de xogos. A dita memoria recollerá, especialmente, unha descrición detallada da tecnoloxía e sistemas de control previstos para a admisión das persoas usuarias do casino e o desenvolvemento do xogo, así como dos sistemas para a selección e formación do persoal, fiabilidade e revisións periódicas do material de xogo e sistema de contabilidade e caixa.

k) Planos e proxectos do casino, con especificacións de todas as súas características técnicas, incluíndo as obras complementarias e de adaptación necesarias, redactados por técnico competente e visados, se procede, polo colexio profesional respectivo.

l) Estudo económico-financeiro da explotación que analice a rendibilidade do proxecto presentado.

m) Relación das medidas de seguridade que se instalarán no casino de conformidade coa lexislación vixente.

n) Documento polo cal se acredite a subscrición e o desembolso do capital social nos termos previstos no artigo 7.1.d).

Ademais destes documentos, poderán tamén xuntarse coas solicitudes os documentos que se consideren pertinentes para unha mellor comprensión do proxecto.

Artigo 12. Tramitación

1. Logo de transcorrer o prazo de presentación de solicitudes, o órgano competente para resolver solicitará dos concellos afectados a emisión dun informe sobre a idoneidade da instalación, en que considere cuestións urbanísticas relativas á instalación proxectada. O devandito informe deberá ser emitido no prazo de trinta días desde a súa solicitude e considerarase favorable se, rematado o dito prazo, non hai comunicación expresa.

2. Así mesmo, solicitará informe da consellería competente en materia de facenda sobre as condicións económico-financeiras e todos aqueles informes que, de conformidade coa normativa vixente, resulten preceptivos.

3. Se algunha solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, quedará excluído/a do concurso.

Artigo 13. Resolución e concesión da autorización de instalación

1. O concurso público finalizará mediante resolución da persoa titular da consellería competente en materia de xogos e apostas, debidamente motivada, que deberá ser ditada e notificada no prazo máximo de tres meses, que se contarán a partir do día seguinte a aquel en que se publique a súa convocatoria.

2. A resolución autorizará a instalación ou declarará deserto o concurso. Declararase deserto o concurso no caso de que ningunha das sociedades solicitantes reúna as condicións exixidas ou as súas propostas non ofrezan as garantías establecidas nas bases da convocatoria.

3. A autorización de instalación quedará sen efecto nos seguintes casos:

a) No caso de que a adxudicataria sexa unha sociedade en proxecto e no prazo máximo de trinta días hábiles, que se contarán desde o seguinte a aquel en que se notificou a resolución de concesión da autorización de instalación do casino de xogos, non se constitúa a sociedade e así o acredite achegando unha copia auténtica da escritura de constitución e o xustificante acreditativo da súa presentación no Rexistro Mercantil correspondente para a súa inscrición, así como a copia do seu número de identificación fiscal.

b) No caso de que a adxudicataria sexa dunha sociedade que se constituíse cun capital inferior ao exixido no artigo 7, e non cumprise co seu compromiso de elevar o capital social, como mínimo, ata alcanzar o importe legalmente exixido dentro dos 30 días hábiles seguintes á notificación da resolución de concesión da autorización de instalación do casino de xogos.

4. Mediante a resolución da autorización de instalación aprobarase o proxecto proposto e nela expresaranse, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Identificación da sociedade adxudicataria.

b) Localización do casino.

c) As medidas de seguridade.

d) Data máxima para proceder á apertura ao público do casino de xogos, así como dos seus servizos complementarios, no caso de que estes non se abran simultaneamente co casino.

e) A obriga de solicitar o permiso de apertura e funcionamento.

f) Períodos de funcionamento do casino, no caso de que o seu funcionamento non sexa permanente.

g) Para o suposto de que a sociedade non estivese constituída, obriga de constituírse e acreditar a dita constitución no prazo máximo de trinta días desde a notificación á persoa adxudicataria.

h) Intransmisibilidade da autorización, sen prexuízo do previsto no artigo 14.5.

i) Capacidade e superficie.

Artigo 14. Vixencia e renovación das autorizacións e transmisión das autorizacións

1. A autorización de instalación terá unha vixencia de dez anos, que se contarán a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión da autorización de instalación, e será renovable por períodos sucesivos de igual tempo, no caso de que se cumpran os requisitos establecidos na normativa en vigor no momento da renovación.

2. A sociedade titular da autorización ten que instar, do órgano competente en materia de xogo, a súa renovación, como mínimo, seis meses antes da data de expiración de cada prazo de vixencia da autorización. Esgotada a vixencia da autorización de instalación sen que se instase a súa renovación no prazo previsto, producirase a súa caducidade, que será declarada de oficio.

3. A referida solicitude, que se realizará no modelo normalizado do anexo I, deberá ir acompañada dos seguintes documentos:

a) Un certificado, expedido por persoal técnico competente, de revisión das instalacións do casino, co obxecto de comprobar o seu grao de mantemento e o cumprimento dos requisitos e das condicións legais e regulamentarias exixidas.

b) O xustificante acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da autorización de renovación será de tres meses, que se contarán desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. O transcurso do prazo máximo para resolver sen terse notificado resolución expresa lexitimará a interesada para entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. Logo de autorización do órgano competente en materia de xogo, poderase transmitir a autorización de instalación, sempre que transcorresen polo menos cinco anos desde o seu outorgamento ou renovación. Para estes efectos, non se considerará que existe transmisión da autorización nos supostos de reorganización empresarial de conformidade coa lexislación vixente, e sempre que a sociedade que resulte da devandita reorganización cumpra os requisitos exixidos neste regulamento para ser titular da autorización de instalación, o que deberá ser comprobado polo órgano competente en materia de xogo con carácter previo á concesión da autorización.

Artigo 15. Transmisión das autorizacións

1. Unicamente se poderá autorizar a transmisión da autorización no caso de que a nova titular cumpra todos os requisitos necesarios para poder ser titular da autorización polo que, xunto coa súa solicitude, conforme o modelo normalizado do anexo II, a interesada deberá presentar os seguintes documentos:

a) Copia ou testemuño notarial da escritura de constitución da sociedade e dos seus estatutos, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil. Se a escritura de constitución se encontra en trámite de inscrición, xuntarase copia ou testemuño notarial desta e xustificante acreditativo da súa presentación no Rexistro Mercantil.

Se a sociedade se constitúe cun capital inferior ao exixido no artigo 7, achegarase documento, subscrito polas persoas socias da compañía, que recolla o compromiso de elevar o capital social, como mínimo, ata alcanzar o importe legalmente exixido dentro dos 30 días hábiles seguintes á notificación da resolución de concesión da autorización de instalación do casino de xogo.

Para o suposto de que a adquirente sexa un proxecto de sociedade, presentarase unha escritura pública en que se recolla o compromiso das persoas socias promotoras de constituír a sociedade para o caso de que se estime a solicitude de autorización de transmisión, proxecto da escritura e proxecto dos estatutos sociais.

b) Copia do DNI, NIE ou NIF da persoa solicitante no caso de que non se autorice a súa consulta.

Para o suposto de que a adquirente sexa un proxecto de sociedade, xuntarase copia do DNI, NIE ou NIF da/s persoa/s socia/s promotora/s solicitante/s, no caso de que non se autorice a súa consulta (segundo modelo anexo IX) ou do documento equivalente no caso de persoas estranxeiras.

c) Relación das persoas socias e copia do seu DNI ou NIE no caso de que non se autorice a súa consulta (segundo modelo anexo IX) ou do documento equivalente no caso de persoas estranxeiras.

Cando se trate de persoas xurídicas, copia da escritura pública de constitución e copia do seu NIF no caso de que non se autorice a súa consulta (segundo modelo anexo IX) ou do documento equivalente no caso de persoas estranxeiras.

d) Certificado que acredite que as persoas socias non teñen antecedentes penais, expedido polo Ministerio de Xustiza, e declaración complementaria de conduta cidadá.

e) Relación de persoas ás cales se lles conferise o poder de representación da empresa e copia do seu DNI ou NIE no caso de que non se autorice a súa consulta (segundo modelo anexo IX) ou documento equivalente no caso de persoas estranxeiras, así como prazo da súa permanencia no cargo e copia ou testemuño notarial da escritura en virtude da cal se lles outorga a capacidade de representación. No caso de que as persoas ás cales se lles conferise o poder de representación sexan persoas xurídicas, ademais da copia ou testemuño notarial da escritura en virtude da cal se lles outorga a capacidade de representación, deberá achegarse copia da escritura pública da súa constitución e copia do seu NIF no caso de que non se autorice a súa consulta (segundo modelo anexo IX) ou do documento equivalente no caso de persoas estranxeiras.

Para o suposto de que a adquirente sexa un proxecto de sociedade, xuntarase copia ou testemuño notarial do poder que as persoas socias promotoras outorguen a favor da persoa asinante da solicitude.

f) Certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Axencia Tributaria de Galicia e da Tesouraría Territorial da Seguridade Social de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, respectivamente, no caso de que non se autorice a súa consulta.

Para estes efectos, consideraranse cumpridas as ditas obrigas cando as débedas estean aprazadas, fraccionadas ou se tivese acordado a suspensión como consecuencia de impugnación, o que deberá acreditarse mediante a presentación dunha copia da resolución en que se concedan os adiamentos ou fraccionamentos ou se acorde a suspensión, no caso de que non se autorice a súa consulta.

g) No caso de ser propietario/a, certificación do Rexistro da Propiedade correspondente do inmoble onde se instalará o casino de xogos ou, noutro caso, os documentos que acreditan a súa dispoñibilidade presente e/ou futura.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da autorización de transmisión da autorización será dun mes, que se contará desde a data na que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. O transcurso do prazo máximo para resolver sen terse notificado resolución expresa lexitimará a interesada para entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A nova titular subrogarase en todos os dereitos e obrigas derivados da autorización, incluído, por tanto, o seu prazo de vixencia.

Artigo 16. Extinción da autorización de instalación

1. Sen prexuízo da posibilidade de acordalo como unha sanción accesoria segundo o previsto no artigo 31 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, mediante resolución motivada da persoa titular da consellería competente en materia de xogo e apostas, extinguirase a autorización de instalación nos casos seguintes:

a) Pola renuncia da persoa titular manifestada por escrito ante o órgano competente en materia de xogos.

b) Pola disolución da sociedade titular.

c) Polo transcurso do prazo de vixencia sen que se solicitase a renovación da autorización.

d) Pola perda da dispoñibilidade legal ou real do uso do local ou establecemento onde está situado o casino de xogos, salvo os supostos de traslado.

e) Polo incumprimento da obriga de constitución e mantemento do capital social e da fianza establecida neste regulamento.

f) Polo peche do casino por máis de trinta días hábiles consecutivos sen autorización previa ou causa xustificada.

g) Pola caducidade ou revogación firme da licenza municipal de apertura ou pola ineficacia da comunicación previa de actividade.

h) Pola modificación dos termos establecidos nas respectivas autorizacións sen obter a autorización previa establecida neste regulamento.

i) Por non abrir o casino nos prazos sinalados na autorización de instalación ou, de ser o caso, transcorrida a prórroga a que se fai referencia no artigo 17. Neste caso, a Administración adxudicará a instalación do casino a outra das sociedades que participase no concurso, sempre que cumpra os requisitos exixidos para iso e na orde de prelación establecida na adxudicación.

j) Por non solicitar o permiso de apertura nos termos sinalados nos seguintes artigos.

2. A resolución de extinción ditarase, de ser o caso, logo de audiencia da titular da autorización e no prazo máximo de tres meses, que se contarán desde o día en que se apreciase a concorrencia da causa de extinción de que se trate.

CAPÍTULO IV

Do permiso de apertura e funcionamento

Artigo 17. Permiso de apertura e funcionamento

1. Cunha antelación mínima de tres meses á data máxima prevista para a apertura do casino, a entidade adxudicataria solicitará o permiso de apertura e funcionamento do casino ao órgano competente en materia de xogo, de conformidade co modelo normalizado correspondente.

2. Despois da petición da adxudicataria, o órgano competente en materia de xogo poderá prorrogar o prazo de apertura por un período máximo de seis meses cando existan causas alleas á vontade da adxudicataria que o xustifiquen, que esta non puido coñecer no momento da adxudicación e que deberán quedar debidamente acreditadas. A petición de prórroga terase que efectuar necesariamente con anterioridade á data máxima prevista para a apertura do casino.

Artigo 18. Documentación que se debe xuntar á solicitude

Na solicitude do permiso de apertura e funcionamento, que deberá presentarse no modelo normalizado do anexo III, deberá facerse constar o nome comercial do casino, así como a indicación dos prazos para a apertura dos servizos complementarios para o caso de que se trate de prazos diferentes dos de apertura do casino. A dita solicitude deberá ir acompañada dos seguintes documentos:

a) Relación inicial do persoal que vaia prestar servizos no casino, con especificación da súa categoría profesional e da identidade do persoal de dirección de xogos unha vez que se dispoña dela e, en todo caso, antes de que se proceda á efectiva apertura do casino.

b) Copia do DNI, NIE ou NIF da persoa que presente a solicitude en nome e representación da interesada, no caso de que non se autorice a súa consulta, ou documento equivalente no caso de persoas estranxeiras.

c) Certificación de final de obra.

d) Certificado de técnico competente, visado polo colexio profesional respectivo, se procede, acreditativo do funcionamento idóneo de todas as instalacións relacionadas co xogo, así como das medidas de seguridade do casino.

e) Relación detallada dos xogos que se van practicar, con indicación, de ser o caso, da banda de flutuación de mínimos, así como o número mínimo de mesas e de máquinas que se van instalar.

f) Xustificante acreditativo do depósito da fianza nos termos exixidos polo artigo 8.

g) Licenza ou habilitación municipal de apertura e funcionamento.

h) Xustificante acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

Artigo 19. Tramitación da solicitude do permiso de apertura e inscrición no Rexistro de Casinos de Xogos da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Unha vez recibida a solicitude e a documentación a que se refire o artigo anterior, o órgano competente en materia de xogo comprobará o cumprimento dos requisitos exixidos. No caso de que falte algún dos documentos exixidos ou de que a documentación presentada teña algún defecto, requirirase a interesada para que emende a falta ou xunte os documentos preceptivos. Concederáselle para iso un prazo de quince días con indicación de que, se así non o fai, se terá por desistida na súa solicitude e revogarase a autorización de instalación.

2. Se a solicitude do permiso de apertura e funcionamento cumpre cos requisitos exixidos, o órgano competente en materia de xogo procederá á inscrición da interesada e do casino no Rexistro de Casinos de Xogos da Comunidade Autónoma de Galicia, o que lle será notificado á interesada. Na devandita inscrición faranse constar, como mínimo, os seguintes datos:

a) Identificación da sociedade titular con indicación do seu NIF, capital social, domicilio social e identificación das persoas socias, integrantes do órgano de administración así como dos órganos de dirección e representantes legais.

b) Nome comercial e localización do casino, así como a súa superficie útil e a súa capacidade máxima.

c) As datas de apertura e de peche das tempadas de funcionamento do casino, ou o seu carácter permanente.

d) A relación de xogos e do número inicial de mesas.

e) Detalle dos servizos complementarios que, de ser o caso, se vaian prestar.

f) A data de autorización de instalación da actividade do casino e os prazos para a apertura da totalidade dos servizos do casino, se non entran todos simultaneamente en funcionamento.

CAPÍTULO V

Das modificacións das autorizacións de instalación e da inscrición no Rexistro de Casinos de Xogos e do peche temporal do casino

Artigo 20. Modificacións

1. Todas as modificacións relativas a aspectos recollidos na resolución da autorización de instalación, así como o peche temporal do casino por máis de trinta días hábiles consecutivos requirirán da autorización previa do órgano competente en materia de xogo. A autorización de modificación non suporá ampliación sobre o período de vixencia da autorización de instalación outorgada no seu día.

2. A solicitude da autorización de modificación da autorización de instalación, así como a solicitude de autorización para o peche temporal do casino por máis de trinta días hábiles consecutivos realizarase conforme o modelo normalizado do anexo IV, e á solicitude débense xuntar aqueles documentos dos relacionados no artigo 11 que resulten necesarios segundo a natureza da modificación solicitada. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses, que se contarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. O transcurso do prazo máximo para resolver sen terse notificado resolución expresa lexitimará a interesada para entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Calquera variación dos datos que consten no certificado de inscrición no Rexistro de Casinos de Xogos non comprendidos no número 1 deberá ser comunicada, mediante modelo normalizado do anexo V, ao órgano competente en materia de xogo no prazo máximo dun mes desde que se produzan, e deberase, de ser o caso, xuntar á dita comunicación a documentación acreditativa dos cambios comunicados. Se a comunicación non reúne os requisitos exixidos ou non se xuntan os documentos preceptivos, requirirase a interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se terá a comunicación por non realizada.

Artigo 21. Modificación da localización dos casinos de xogo

1. De conformidade co establecido no número 1 do artigo 20 poderá autorizarse o traslado da localización do casino de xogo ou da sala adicional sempre que sexa dentro do mesmo termo municipal en que se atopen.

2. En ningún caso se autorizará o traslado cando a nova localización estea situada a menor distancia de 150 metros dos accesos normais de entrada ou saída de centros oficiais que impartan ensino regrado a menores de idade.

3. O órgano competente para resolver solicitará dos concellos afectados a emisión dun informe sobre a idoneidade da instalación, en que considere cuestións urbanísticas relativas á instalación proxectada. O devandito informe deberá ser emitido no prazo de trinta días desde a súa solicitude, que se considerará favorable se, rematado o dito prazo, non hai comunicación expresa.

TÍTULO II

Das dependencias do casino, salas adicionais e acceso

CAPÍTULO I

Salas adicionais

Artigo 22. Concepto

1. Poderá autorizarse a cada un dos casinos de xogo a instalación e funcionamento dunha sala adicional que, formando parte do casino, se atope situada fóra do recinto ou complexo e da cidade en que estea situado este pero dentro da mesma provincia. A dita sala funcionará como apéndice do casino de que forme parte. Nela poderanse practicar todos os xogos autorizados para o casino, nos termos establecidos neste capítulo, e deberá contar, en todo caso, cun rexistro de admisión e cun servizo de control e de asistencia.

2. As zonas destinadas a mesas de xogo das salas adicionais non poderán ter, en ningún caso, unha superficie superior ao 80 % da superficie da zona destinada a mesas de xogos do casino matriz.

Artigo 23. Réxime xurídico

1. Nas salas adicionais poderanse prestar os servizos complementarios comprendidos no artigo 6.

2. Será de aplicación ás salas adicionais a regulación sobre o réxime interior dos casinos de xogos e os xogos exclusivos de casino contida neste regulamento.

Artigo 24. Autorización de instalación

1. A instalación dunha sala adicional dun casino de xogos requirirá autorización de instalación nos termos que se recollen neste capítulo.

2. A empresa que pretenda obter a dita autorización deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser titular dunha autorización de instalación en vigor dun casino de xogos na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Atoparse ao día do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social establecidas nas disposicións vixentes.

Artigo 25. Fianzas

Coa autorización da sala adicional deberase incrementar a fianza de forma que, en todo momento, sexa equivalente ao vinte e cinco por cento do capital social subscrito e desembolsado, de conformidade ao disposto no artigo 8.

Artigo 26. Solicitude da autorización de instalación

1. Na solicitude da autorización de instalación da sala adicional, en modelo normalizado do anexo VI, deberá facerse constar a localización da dita sala, así como o seu horario de funcionamento, e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documento acreditativo do uso ou dispoñibilidade do local.

b) Certificados da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Axencia Tributaria de Galicia e da Dirección Provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social acreditativos de que a sociedade solicitante se encontra ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, respectivamente, no caso de que non se autorice a súa consulta.

Para estes efectos, consideraranse cumpridas as ditas obrigas cando as débedas estean aprazadas, fraccionadas ou se tivese acordado a suspensión como consecuencia de impugnación, o que deberá acreditarse mediante a presentación dunha copia da resolución en que se concedan os adiamentos ou fraccionamentos ou se acorde a suspensión, no caso de que non se autorice a súa consulta.

c) Relación dos servizos complementarios que se prevexa prestar.

d) Planos e proxectos da sala adicional, con especificacións de todas as súas características técnicas, redactados por persoal técnico competente e visados, se procede, polo colexio profesional respectivo.

e) Xustificante acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

2. En ningún caso se autorizará a instalación de salas adicionais a menor distancia de 150 metros dos accesos normais de entrada ou saída de centros oficiais que impartan ensino regrado a persoas menores de idade.

Artigo 27. Resolución da autorización de instalación

1. Unha vez instruído o procedemento correspondente, e dentro do prazo máximo de tres meses que se contarán desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, o órgano competente en materia de xogo resolverá sobre a solicitude da autorización de instalación da sala adicional. O transcurso do prazo máximo para resolver sen terse notificado resolución expresa lexitimará a interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto pola Lei 6/2001, do 29 de xuño.

2. A resolución que outorgue a autorización conterá, polo menos, os mesmos aspectos que os recollidos na autorización de instalación da sala principal establecidos no artigo 13.4, no que sexa de aplicación.

Artigo 28. Vixencia da autorización de instalación

A autorización de instalación dunha sala adicional terá o mesmo período de vixencia que o da autorización da sala principal concedida á sociedade titular do casino matriz e poderá ser renovada nos mesmos termos que os establecidos para esta última autorización.

Artigo 29. Transmisión da autorización de instalación

A autorización de instalación dunha sala adicional poderase transmitir unicamente de forma conxunta coa autorización do casino matriz e nos mesmos termos previstos para esta última no artigo 15.

Artigo 30. Extinción da autorización de instalación

A autorización de instalación dunha sala adicional extinguirase nos mesmos supostos que os previstos para a extinción da autorización do casino matriz, así como no caso de que se extinga a autorización do casino matriz.

Artigo 31. Solicitude do permiso de apertura e funcionamento da sala adicional

Na solicitude do permiso de apertura e funcionamento da sala adicional, en modelo normalizado do anexo VII, deberá facerse constar o nome comercial da sala adicional e a indicación dos prazos para a apertura dos servizos complementarios para o caso de que se trate de prazos diferentes dos de apertura do casino. A dita solicitude deberá ir acompañada dos seguintes documentos:

a) Relación inicial do persoal que vai prestar servizos no casino, con especificación da súa categoría profesional e da identidade do persoal de dirección de xogos unha vez que se dispoña dela e, en todo caso, antes da efectiva apertura da sala adicional.

b) Certificación de final de obra.

c) Certificado de persoal técnico competente, visado polo colexio profesional respectivo, se procede, acreditativo do funcionamento idóneo de todas as instalacións relacionadas co xogo, así como das medidas de seguridade do casino.

d) Relación detallada dos xogos que se van ofertar con indicación, de ser o caso, da banda de flutuación de mínimos, así como do número mínimo de mesas e de máquinas que se van instalar.

e) Xustificante acreditativo do depósito da fianza nos termos exixidos polo artigo 8.

f) Licenza ou habilitación municipal de apertura e funcionamento.

g) Documento polo que se acredite a subscrición e o desembolso do capital social nos termos previstos no artigo 7.1.d).

h) Xustificante acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

De non xuntarse a dita documentación, requirirase a interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se declarará desistida na súa solicitude.

CAPÍTULO II

Dependencias do casino

Artigo 32. Salas de xogo

1. Para a práctica dos diferentes xogos, os casinos disporán dunha sala principal e poderán dispor doutras salas independentes.

A sala principal poderá albergar máquinas de xogo, recreativas e/ou de azar tipo «C», nunha zona ou área diferenciada. O número deste tipo de máquinas que se poderá instalar, tanto en casinos como en salas adicionais, respectará unha ratio máxima dunha máquina por cada 2,5 metros cadrados da superficie total do casino ou sala adicional. Esta zona poderá ter un horario e un período de funcionamento distinto ao da zona das mesas de xogo.

2. As salas a que se refire este artigo deberán encontrarse no mesmo edificio, tanto do casino como das salas adicionais.

3. As salas de xogo independentes poderán ter accesos ou entradas independentes ás da sala principal, así como horarios independentes e servizos complementarios, e contarán cun servizo de control de acceso, salvo se o acceso a elas se realiza desde o interior do casino.

4. No interior das salas de xogo admitiranse outros servizos complementarios aos de cafetaría, bar e/ou restaurante, coa condición de que non interfiran no normal funcionamento daquelas.

5. As salas de xogo disporán dun sistema de gravación de vídeo que dea cobertura, polo menos, a todas e cada unha das mesas. O sistema de gravación deberá indicar a data e a hora. O casino conservará as gravacións durante un período mínimo de cinco días e, en caso de reclamación, ata que esta sexa resolta.

CAPÍTULO III

Admisión ás salas de xogo

Artigo 33. Prohibicións de acceso ás salas de xogo

A entrada nas salas de xogo dos casinos está prohibida:

a) Ás persoas menores de idade.

b) Ás persoas que non se atopen en pleno uso da súa capacidade de obrar.

c) Ás persoas que, a xuízo da dirección de xogo do casino, presenten síntomas de atoparse en estado de embriaguez ou baixo a influencia de drogas tóxicas ou estupefacientes.

d) Ás persoas que se atopen incluídas no rexistro de prohibicións de acceso ao xogo.

e) Ás persoas que, a xuízo do director do casino de xogo, poidan perturbar a orde, a tranquilidade e o desenvolvemento dos xogos ou poidan producir molestias ao resto de xogadores, por ter sucedido así en ocasións anteriores.

Artigo 34. Condicións de admisión

1. Os casinos de xogos poderán exixir a quen queira acceder a eles determinadas condicións relativas á vestimenta ou etiqueta ou outras condicións especiais, tanto con carácter permanente como restrinxidas a determinadas épocas, xornadas ou horas de funcionamento das salas de xogo. Estas condicións deberán advertirse en forma claramente visible no rexistro de admisión.

2. Para a imposición de calquera outra condición específica de admisión non regulada neste regulamento ou, de ser o caso, na normativa de establecementos públicos, os casinos de xogo deberán solicitar autorización á consellería competente en materia de xogos.

3. O exercicio do dereito de admisión non pode supoñer, en ningún caso, discriminación por razón de raza, identidade de xénero, orientación sexual, relixión, opinión, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, nin atentado aos dereitos fundamentais e ás liberdades públicas das persoas usuarias dos establecementos públicos, das instalacións e dos espazos abertos, tanto no relativo ás condicións de acceso e permanencia como ao uso dos servizos que se prestan neles.

4. O/a director/a de xogos poderá convidar a abandonar o casino a aquelas persoas:

a) Que produzan perturbacións na orde das salas de xogo ou cometan irregularidades na práctica dos xogos, calquera que sexa a natureza dunhas e doutras.

b) Que se neguen a presentar a tarxeta de entrada a que se refire este regulamento.

5. As decisións de expulsión expostas no número precedente poderán ser comunicadas ao órgano competente en materia de xogos.

Artigo 35. Rexistro de admisión e servizos de control e asistencia

1. Os casinos de xogos deberán dispor dun rexistro de admisión, que se encargará da identificación e rexistro dos/das visitantes que desexen acceder á sala principal de xogo.

2. No rexistro de admisión do casino deberá existir, mediante un soporte ou sistema informático, un rexistro de visitantes e expedición de tarxetas de entrada no cal se anoten os datos identificativos das persoas que o visiten e as visitas sucesivas. O dito rexistro deberá ser realizado na primeira visita ao casino e deberá conter o nome e os apelidos do/da cliente, a súa data de nacemento, o seu enderezo, o número do documento identificador exhibido e a data da visita. Para a anotación das sucesivas visitas, será suficiente a identificación dos/das visitantes.

3. Os servizos de control e asistencia impedirán o acceso aos casinos de xogos ás persoas que o teñan prohibido segundo o artigo 33.

4. O rexistro de visitantes terá carácter reservado, reunirá os requisitos exixidos pola normativa de protección de datos de carácter persoal e o seu contido só poderá ser revelado, de ser o caso, nos termos previstos na citada normativa e por instancia do persoal de Inspección de Xogos e Apostas.

5. O rexistro de admisión do casino deberá ofrecer información sobre as normas xerais de funcionamento das salas de xogo que a dirección do casino considere de interese e, necesariamente, as relativas ao horario, ao cambio de moeda estranxeira, ás apostas máximas e mínimas en cada tipo de xogo, ás condicións de admisión, aos prezos das tarxetas e aos xogos que se poidan practicar no casino. Deberá ofrecer tamén a información a que se refire o artigo 38.

Artigo 36. Tarxetas de entrada

1. Para ter acceso ás salas de xogo, os/as visitantes deberán acreditar a súa identidade e, no caso de querer acceder á sala principal de xogo, obter no rexistro de admisión do casino de xogo unha tarxeta de entrada de carácter nominativo.

2. A tarxeta de entrada será facilitada logo da presentación do documento nacional de identidade, permiso de conducir, pasaporte ou documento oficial suficiente de identificación, e dará dereito ao acceso ás salas de xogo que existan no casino, así como a practicar os xogos na forma establecida regulamentariamente para cada un deles.

As persoas en cuxo favor se expidan están obrigadas a presentalas en todo momento por requirimento do persoal empregado do casino ou do persoal funcionario encargado da inspección. Se non o fixeren ou non puideren facelo, serán requiridos para abandonar as salas de xogo.

3. As tarxetas de entrada estarán numeradas correlativamente e conterán, polo menos, os datos seguintes: nome e apelidos, número de documento nacional de identidade ou equivalente, número de ficha persoal do cliente, data de emisión e prazo de validez.

4. As tarxetas de entrada expediranse, con carácter xeral, con validez para un só día e a un prezo unitario, que fixará a sociedade titular do casino, e pódense expedir igualmente tarxetas gratuítas.

Poderán expedirse tarxetas de validez superior a un día, por períodos dunha semana, dun mes ou para toda a tempada anual, ou validez permanente, e cuxo prezo fixará a sociedade titular do casino.

5. Nos accesos independentes a determinadas salas separadas das salas principais de xogo e ás salas privadas só se terá acceso coa invitación previa da dirección do casino.

6. O acceso e o goce dos restantes servizos complementarios do casino poden subordinarse á expedición de entradas independentes, con suxeición ás normas especiais que regulan cada tipo de actividade.

7. No caso de producirse unha aglomeración no servizo de admisión do casino, a expedición de tarxetas poderá substituírse transitoriamente pola entrega dun volante provisional, logo de depósito do documento identificador e do importe da tarxeta, a cal deberá ser entregada posteriormente a cada titular unha vez que fose formalizada.

Artigo 37. Excepcións á expedición de tarxetas de entrada

1. Non é exixible a expedición de tarxetas de entrada para o acceso ás salas de xogo e outras dependencias do casino ao persoal funcionario que se presente nelas en cumprimento de funcións relacionadas coas actuacións e actividades que se desenvolvan no casino.

2. As persoas mencionadas no número anterior teñen que acreditar a súa identidade no rexistro de admisión do casino e terán libre acceso a todas as dependencias, de acordo coas súas funcións. Non poderán participar, con todo, nos xogos nin gozar dos servizos complementarios dos casinos na medida en que non o exixa o cumprimento das funcións que teñan que desenvolver.

Artigo 38. Información ao público e reclamacións dos usuarios

1. Nos locais do casino existirá á disposición do público un exemplar da Lei reguladora dos xogos e apostas en Galicia, outro deste regulamento, outro do catálogo vixente de xogos que poden practicarse nos casinos de xogo e outro do regulamento interior do establecemento, se o houber.

2. Sobre cada mesa de xogo ou nun lugar próximo a esta, e en lugar visible para calquera dos xogadores, ten que figurar un anuncio no cal se indique o número da mesa, o importe do anticipo inicial e as apostas mínimas e máximas autorizadas nos xogos.

3. As salas de xogo deberán ter un libro de reclamacións á disposición das persoas usuarias que deberá estar previamente dilixenciado polo órgano competente en materia de xogo e situado nun lugar visible para as persoas usuarias. A entrega, formalización, remisión e tramitación das reclamacións axustarase ao establecido a continuación:

a) Entrega: a persoa responsable ou calquera persoa empregada do establecemento deberá facilitar de maneira obrigatoria e gratuíta á persoa usuaria que llo solicite o libro de reclamacións co fin de que formule a reclamación que considere pertinente.

b) Formalización: a persoa usuaria cubrirá a folla de reclamación e exporá claramente os feitos que a motivaron.

c) Remisión: unha vez cuberta a folla de reclamación, a persoa usuaria entregará o exemplar para o establecemento e para a Administración á persoa responsable ou empregada deste e conservará no seu poder o exemplar para o reclamante. O exemplar para a Administración deberá ser enviado ao órgano competente en materia de xogo no prazo máximo de tres días a partir de que sexa emitida a reclamación.

d) Tramitación: unha vez que o órgano competente en materia de xogo reciba a reclamación, se esta contén unha solicitude de arbitraxe de consumo, a dita reclamación será trasladada ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma con competencias en materia de consumidores e usuarios, para os efectos da súa tramitación por esta vía, o que se lle notificará á persoa reclamante. Para estes efectos, o órgano que tramite a dita solicitude poderá solicitar informe da Inspección de Xogos e Apostas.

No caso de que non se solicite arbitraxe de consumo, se do contido da reclamación presentada e, de ser o caso, das actuacións previas realizadas se aprecia indicio da existencia de infracción administrativa en materia de xogo, o órgano competente acordará a incoación do correspondente expediente sancionador, sen prexuízo das accións civís ou penais que poidan corresponder. De non apreciarse indicios de infracción, o órgano competente acordará o arquivamento da reclamación e informará a persoa reclamante das razóns concretas que motivan o seu arquivamento. O mesmo tratamento darase ás reclamacións en que se aprecie mala fe.

TÍTULO III

Dirección e persoal dos casinos

CAPÍTULO I

Persoal directivo

Artigo 39. Órganos de dirección

1. A dirección dos xogos e o control do seu desenvolvemento corresponden ao/a director/a de xogos, sen prexuízo das facultades xerais que correspondan aos órganos de dirección ou administración da sociedade, de ser o caso.

2. A persoa que exerza a dirección de xogos poderá ser auxiliada no desempeño das súas funcións por un ou varios subdirectores/as ou por un comité de dirección.

3. Os membros do comité de dirección, así como o/a subdirector/a ou subdirectores/as, terán que ser nomeados polo órgano de administración da sociedade titular da autorización ou polo órgano ou persoa en quen estean delegadas as facultades deste, e poden ser nomeados con carácter permanente ou descontinuo dentro dun período anual.

4. O comité de dirección, de ser o caso, estará composto, como mínimo, por catro membros, un dos cales deberá ser necesariamente o/a director/a de xogos.

Artigo 40. Nomeamento dos órganos de dirección

O nomeamento do/da director/a de xogos ou director/a do casino, dos restantes membros do comité de dirección e dos/das subdirectores/as deberá ser comunicado ao órgano competente en materia de xogos no prazo máximo dun mes desde que se produza, e tramitarase de acordo co procedemento establecido no artigo 20.

Artigo 41. Facultades dos órganos de dirección do casino

1. O/a director/a de xogos e, de ser o caso, os/as subdirectores/as e os membros do comité de dirección son as persoas responsables da ordenación e correcta explotación dos xogos fronte á Administración e a sociedade titular, dentro dos termos da autorización e das normas da Lei reguladora dos xogos e apostas en Galicia, deste regulamento, do Catálogo de xogos e do resto da normativa de xeral aplicación. Só eles/elas, ou as persoas que determinen, poderán impartir ordes ao persoal de xogos, conforme a repartición de funcións que entre eles establezan os órganos reitores da sociedade.

2. O/a director/a de xogos ou algún dos subdirectores/as, se os houber, deberá permanecer no casino sempre que algunha mesa de contrapartida permaneza en funcionamento. No caso de ausencia, poderán ser substituídos/as nas súas funcións polos membros do comité de dirección, se os houber. Excepcionalmente, poderán ser substituídos/as polo membro do persoal do casino da máxima categoría presente nel.

3. O/a director/a de xogos, ou persoa que o/a substitúa, é responsable da custodia do material de xogo existente no casino, dos ficheiros dos xogadores/as e demais documentación, así como da correcta xestión da contabilidade específica dos xogos. Todos os obxectos indicados deberán atoparse permanentemente á disposición da Inspección de Xogos e Apostas.

Artigo 42. Prohibicións para os órganos de dirección

Está prohibido ao/á director/a de xogos, aos/ás subdirectores/as, se os houber, e aos membros do comité de dirección:

a) Participar nos xogos que se desenvolvan no propio casino, ben directamente ou ben mediante persoa interposta.

b) Desempeñar funcións propias do persoal empregado das salas de xogo, salvo no caso dos membros do comité de dirección que teñan a consideración de xefes/as de sala. Malia o anterior, os/as subdirectores/as e xefes/as de sala poderán substituír transitoriamente os/as xefes/as de mesa no desempeño da súa función.

c) Recibir por calquera título participacións porcentuais dos ingresos brutos do casino ou dos beneficios dos xogos, salvo naqueles casos en que se pacte unha retribución salarial variable en función destes.

d) Participar na distribución do tronco de propinas, salvo no caso dos membros do comité de dirección que, de ser o caso, presten servizos directamente relacionados co desenvolvemento dos xogos, entre os que se atopan os/as xefes/as de sector, crupieres, persoal de caixa, máquinas, así como os servizos de recepción, entre outros.

e) Solicitar propinas dos/das xogadores/as ou aceptalas a título persoal.

CAPÍTULO II

Persoal de servizos e de xogo

Artigo 43. Prohibicións para o persoal de servizos e de xogo

1. A todo o persoal que traballe no casino estalle prohibido:

a) Entrar ou permanecer nas salas de xogo fóra das horas de servizo ou por razóns alleas ao servizo, excepto coa autorización da dirección do casino.

b) Percibir participacións porcentuais dos ingresos brutos do casino ou dos beneficios dos xogos, salvo naqueles casos en que se pacte unha retribución salarial variable en función destes.

c) Conceder préstamos aos/ás xogadores/as ou visitantes.

d) Transportar fichas, placas ou diñeiro durante o servizo no interior do casino de forma diferente á prevista regulamentariamente, ou gardalas de forma que a súa procedencia ou utilización non poidan ser xustificadas.

e) Consumir bebidas alcohólicas ou drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas durante as horas de servizo.

2. As persoas que desempeñen funcións de crupier ou cambista nas mesas de xogo e o persoal de caixa non poderán levar traxes con petos.

3. Non poderán participar nos xogos que se practiquen no casino, nin directamente, nin mediante terceira persoa, o persoal de xogo, incluído o auxiliar, o persoal de recepción, caixa e de seguridade nin os cónxuxes ou persoas con que convivan, ascendentes e descendentes en primeiro grao do devandito persoal.

Artigo 44. Propinas

1. A sociedade titular do casino poderá acordar a admisión ou non de propinas por parte das persoas xogadoras. No caso de que as admita, a súa entrega será sempre discrecional, en canto á súa ocasión e contía. No caso de que non as admita, incluirá advertencias en tal sentido que deberán ser visibles no acceso ao casino ou no servizo de admisión.

2. Sen prexuízo do anterior, o órgano competente en materia de xogos, logo de audiencia da sociedade titular, poderá prohibir temporal ou definitivamente a admisión de propinas, cando se cometesen abusos na súa exixencia ou percepción.

3. Queda prohibido ao persoal de xogos solicitar propinas dos/das xogadores/as ou aceptalas a título persoal. Nas salas de xogo, as propinas que, por calquera título, entreguen os/as xogadores/as deberán ser inmediatamente depositadas nas caixas que, para ese efecto, existirán nas mesas de xogo e, de ser o caso, nos departamentos de recepción, máquinas e caixa, sen que poidan ser gardadas doutra forma, en todo ou en parte. No caso de erro ou abuso, o/a director/a de xogos disporá o procedente en canto á súa devolución.

4. O importe das propinas das mesas de xogo contarase ao finalizar o horario de xogo e anotarase diariamente nunha conta especial.

5. O tronco de propinas estará constituído pola masa global das propinas e repartirase de xeito que unha parte se distribúa entre o persoal empregado e outra se destine a atender os custos de persoal e as atencións a clientes. A distribución do tronco será establecida de común acordo entre a sociedade titular e a representación do persoal empregado, sen prexuízo do que se poida prever no convenio colectivo de aplicación.

Artigo 45. Escolas de crupieres

1. Os casinos de xogos poden establecer escolas de crupieres tanto no interior dos casinos de xogos como fóra deles, cuxa finalidade sexa a formación de persoal para a futura prestación de servizos naqueles.

2. O persoal en formación poderá asistir como espectador ás sesións de xogo, aínda que non poderá desenvolver funcións de manexo de diñeiro, fichas ou placas de valor. Durante o horario en que a sala de xogo se atope pechada ao público, as prácticas da escola de crupieres poderán realizarse nas propias mesas da dita sala de xogos e coas fichas utilizadas habitualmente no desenvolvemento das partidas, e será quen exerza a dirección do xogo, ou quen o substitúa, a persoa responsable última da custodia deste material de xogo.

TÍTULO IV

Funcionamento das salas

Artigo 46. Horario de funcionamento

1. Os horarios de funcionamento das salas do casino serán os establecidos para os casinos de xogos pola normativa vixente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.

2. Dentro dos límites establecidos na antedita normativa, o casino determinará libremente e sen necesidade de comunicación ou autorización previa as horas de apertura e peche das salas de xogo. Poderá establecer períodos de horarios distintos para a sala de xogos principal, de máquinas, salas privadas e resto de salas e servizos complementarios, así como dentro dunha mesma sala, para as máquinas e cada xogo, xa sexa de contrapartida, círculo ou torneos, e para os días laborables, festivos e vésperas.

3. O casino non poderá suspender os xogos antes da hora prevista, salvo por causa de forza maior ou cando, faltando menos de dúas horas da fixada para o peche, transcorran trinta minutos sen que se atope ningún visitante na sala de xogo.

4. Durante o horario de funcionamento das salas de xogo, o casino poderá suspender transitoriamente a admisión de visitantes cando o número de asistentes no interior faga desaconsellable o seu incremento por razóns de seguridade ou grave inconveniente, ou molestia para a práctica normal dos xogos e, en todo caso, deberá impedir a admisión de visitantes cando se complete a capacidade máxima autorizada.

Artigo 47. Cambios de divisas e caixeiros automáticos

Os casinos de xogos poderán efectuar cambios de moeda estranxeira nas súas dependencias de caixa ou instalar oficinas exclusivamente dedicadas a iso con suxeición ás normas vixentes sobre cambio de divisas. En ningún caso se poderá efectuar o cambio de moeda estranxeira nas mesas de xogo. Igualmente, os casinos de xogo poderán instalar caixeiros automáticos de entidades bancarias.

Artigo 48. Funcionamento das mesas de xogo

1. Os visitantes das salas de xogo non están obrigados a participar neles. Non obstante, as cadeiras e banquetas das mesas de xogo e máquinas de azar están reservadas para as persoas xogadoras.

2. Durante todo o horario de funcionamento das mesas de xogo deberá estar en servizo e durante toda a sesión, como mínimo, unha mesa de xogo. En todo caso, unha vez aberto ao público o casino, a apertura das mesas de xogo levarase a cabo a medida que o demanden as necesidades dos/das clientes presentes.

3. No caso de que un/unha cliente o solicite e a dirección de xogo do casino o considere oportuno, o casino poderá dispor de mesas de xogo privadas.

4. Unha vez efectuado o anticipo sobre a caixa dunha mesa determinada, o casino está obrigado a poñela en funcionamento cando se presente o/a primeiro/a xogador/a e a continuar o xogo ata a hora fixada para a súa terminación. Unha vez iniciado o xogo en cada mesa da maneira descrita, a partida non poderá ser interrompida antes da hora en ningunha mesa, salvo cando os/as xogadores/as se retiren dalgunha delas ou cando concorra o suposto a que se refire o número seguinte. O/a director/a de xogos, coa conformidade do persoal funcionario da Inspección de Xogos e Apostas, se se atopa presente, poderá tamén clausurar o xogo nunha mesa cando existan fundadas sospeitas de que o xogo se desenvolve de forma incorrecta ou fraudulenta, do que se levantará a acta oportuna.

5. Cando nas salas funcionen varias mesas de xogo e a partida perdese animación nalgunha delas, o/a director/a de xogos poderá suspender a partida, pero deixando en servizo mesas do mesmo xogo en número suficiente para que os/as xogadores/as presentes poidan continuar a partida. A mesma regra será de aplicación ao comezo da sesión nas salas de xogo, cando o número de xogadores/as presentes non aconselle a posta en funcionamento de todas as mesas ao mesmo tempo. Nese caso, a apertura de mesas poderá efectuarse de maneira paulatina.

6. Os xogos cesarán obrigatoriamente á hora fixada como límite. En cada mesa de xogo, momentos antes da hora límite, o/a xefe/a da mesa anunciará en alta voz: «as tres últimas bólas», nas mesas de bóla, ruleta francesa e ruleta americana; «o último tirador» nas mesas de dados; «tres últimas tiradas», na roda da fortuna; «as cinco últimas mans», nas mesas de punto e banca, bacará e póker en calquera das súas modalidades, e «o último sabot» ou «o cinco últimos pases» nas mesas de black-jack. Nas mesas de trinta e corenta, a partida debe deterse no último corte que se efectúe dentro dos trinta últimos minutos de horario.

7. O/a director/a do casino, dentro dos límites autorizados, poderá variar o límite das apostas dun xogo ou mesa determinado unha vez posta en funcionamento, con anuncio previo aos/as xogadores/as e conforme o previsto na normativa de aplicación.

8. O casino poderá dispor de mesas reversibles, que poderán servir para xogar a dous xogos, que fosen previamente homologadas. Para poder reconverter a mesa noutro xogo, deberá pecharse previamente o xogo que se estaba a desenvolver.

Artigo 49. Natureza das apostas

1. Os xogos teñen que practicarse con diñeiro de curso legal ou con fichas ou placas, excepto nas máquinas, que se rexerán conforme a súa regulación específica. Están prohibidas e carecen de todo valor as apostas baixo palabra e toda forma de asociación de dúas ou máis persoas xogadoras co ánimo de exceder os límites máximos en cada tipo de apostas establecidas nas diferentes mesas de xogo.

2. As sumas constitutivas das apostas están representadas por billetes e moeda metálica de curso legal, ou por fichas ou placas facilitadas polo casino pola súa conta e risco, a cambio dos medios legais de pagamento.

3. A dirección do casino pode establecer que todas as apostas se efectúen en múltiplos enteiros do mínimo autorizado para cada mesa.

4. O casino de xogo poderá contar con sistemas informatizados para o control e funcionamento dos diferentes xogos.

5. Con independencia do indicado nos puntos anteriores deste artigo, nas instalacións do casino poderán funcionar mesas tipo demostración nas cales se mostrará ou instruirá sobre a forma de practicar os xogos e nas cales os/as clientes non poderán apostar diñeiro.

Este tipo de mesas poderán situarse fóra do recinto do casino con ocasión de feiras, congresos, celebracións, festas privadas e actos similares sempre que sexan atendidas por persoal do casino e se comunique ao órgano competente en materia de xogo con, polo menos, tres días naturais de antelación.

Estas mesas non terán a consideración de mesas de xogo para ningún efecto.

Artigo 50. Apostas nos xogos de contrapartida

1. Nos xogos chamados de contrapartida, as apostas só poderán efectuarse mediante fichas ou placas.

2. O cambio de diñeiro por fichas ou placas para os xogos citados pode efectuarse nas dependencias de caixa que deberá haber nas salas de xogo ou ben na propia mesa. Prohíbese en todo caso efectuar cambios por mediación dos/das empregados/as que se atopen entre os/as xogadores/as, salvo nas salas de máquinas.

3. O cambio de diñeiro ou placas por fichas na mesa de xogo efectuarao o/a crupier que, tras colocar nun lugar visible da mesa disposta para o efecto o billete ou billetes de banco despregados ou as placas, dirá en voz alta o seu valor. Acto seguido, aliñará e contará ante si, de maneira ostensible, as fichas, pasaraas ao/á cliente ou efectuará a aposta solicitada por este/a. Finalmente, e así mesmo de maneira ostensible, colocará a placa ou ficha cambiada na caixa da mesa e introducirá o billete nun recipiente que forma parte da mesma mesa de xogo.

4. Os billetes cambiados non poderán sacarse da súa caixa ata o final da partida e con obxecto de efectuar a conta no departamento de caixa. Porén, se a acumulación de billetes nas caixas é excesiva, poderán extraerse destas e efectuar a conta dos billetes no departamento de caixa. A contía dos billetes así contados farase constar nunha acta sucinta asinada polo/a caixeiro/a e o/a xefe/a de mesa correspondente; unha copia desta será introducida na caixa que deba volver ser colocada na mesa ou na que se colocou para substituír esta.

Este procedemento será tamén aplicable para a conta parcial de propinas, no caso de que a caixa respectiva non admita máis fichas.

Artigo 51. Operacións de cambio en xogos de círculo

As operacións de cambio poderán ser efectuadas nas dependencias de caixa das salas ou nas mesas de xogo polo/a crupier. Neste último caso, para as operacións de cambio extraeranse as fichas ou placas cambiadas dunha caixa especial situada xunto á mesa, que conterá unha suma fixada polo director/a de xogos ao comezo de cada sesión de xogos.

Artigo 52. Apostas esquecidas ou extraviadas

1. As cantidades ou apostas que se atopen esquecidas ou perdidas no chan ou sobre as mesas de xogo, ou abandonadas durante as partidas e cuxo/a propietario/a se descoñeza, serán levadas de inmediato á caixa principal do casino e anotadas nun libro rexistro especial. O seu importe farase constar nunha partida especial da contabilidade do casino, cuxo saldo deberá coincidir, ao finalizar a tempada, coa suma que presente o libro rexistro antes aludido.

2. No caso de cantidades abandonadas durante as partidas, o importe determinarase polo total da aposta inicial esquecida, sen computar nel as ganancias que puidesen acumularse ata o momento en que se advirta, despois de buscar o/a seu/súa propietario/a e que as cantidades ou apostas están efectivamente abandonadas.

3. Se o/a lexítimo/a propietario/a da cantidade ou aposta achada aparece e demostra de maneira indiscutible o seu dereito, o casino restituiralle a dita cantidade. O importe da restitución anotarase na partida especial da contabilidade e no libro rexistro antes mencionado, e farase constar neste a data do reintegro, o nome e apelidos e enderezo do/da interesado/a, probas presentadas e unha referencia á anotación primitiva.

4. As cantidades ingresadas polo casino neste concepto serán entregadas dentro dos trinta primeiros días de cada ano a entidades de asistencia social ou beneficencia.

Artigo 53. Naipes

1. As barallas ou xogos completos de naipes para uso do casino deberán estar agrupados en mazos de seis ou de dez. Cada xogo de seis ou de dez levará un número de orde asignado polo fabricante de naipes, que se anotará no momento da súa recepción nun libro rexistro especial, o cal estará visado polo órgano competente en materia de xogo.

2. Os casinos de xogos só poderán adquirir barallas ou xogos completos de naipes ás empresas fabricantes inscritas no Rexistro de Casinos de Xogos. As devanditas empresas fabricantes non poderán facilitar tales naipes máis que aos casinos legalmente autorizados. Cada casino poderá imprimir o seu logotipo no reverso dos naipes. Os documentos de adquisición de naipes á empresa fabricante deberán estar autorizados polo órgano competente en materia de xogo.

3. En cada casino, e dentro das salas de xogos, existirá un armario en que se gardarán necesariamente as caixas de naipes novos ou usados, xunto co libro rexistro a que alude o número primeiro. Este armario estará permanentemente pechado con chave, que se achará en poder do/da director/a de xogos ou persoa que o/a substitúa. O armario só se abrirá para a extracción de barallas ou para o depósito das novas ou usadas, sempre en presenza da persoa titular da chave e do/da empregado/a que deba facerse cargo dos naipes, ou ben para inspección do seu contido, por requirimento do persoal funcionario encargado da inspección do casino.

4. Non obstante o anterior, a utilización dunha dependencia fóra das salas de xogo que sirva para almacenar o resto das caixas novas de naipes adquiridos que non caiban naquel deberá ser comunicada previamente ao órgano competente en materia de xogo mediante modelo normalizado do anexo VIII.

5. O casino só empregará naipes que se atopen en perfecto estado e que cumpran as normas de homologación determinadas pola consellería competente en materia de xogo e apostas.

6. Os xogos de barallas desbotadas, marcadas ou deterioradas deben ser colocados no depósito de naipes ata a súa destrución posterior, sen que por ningún concepto poidan ser vendidos ou entregados gratuitamente a calquera persoa. A destrución farase en presenza dun/dunha funcionario/a encargado/a da inspección do casino, quen previamente comprobará se as caixas están completas e anotará, posteriormente, a destrución no libro rexistro.

7. O disposto nos números anteriores será aplicable aos xogos de dados, os cales deberán acharse en envases pechados e precintados que deberán romperse á vista do público ou ante o/a funcionario/a encargado/a da inspección do casino antes da súa utilización. A súa conservación e destrución efectuarase na forma prevista para os naipes.

Artigo 54. Comprobación e barallado dos naipes

1. Os naipes serán extraídos do seu depósito no momento en que vaian ser utilizados. Se son novos, desempaquetaranse na mesma mesa de xogo e convidaranse o público e os xogadores/as a comprobar que os precintos están intactos.

2. Os naipes serán colocados sobre a mesa boca arriba para que poida comprobarse que non houbo cambio na súa orde de colocación polo fabricante. O/a crupier contaraos e, acto seguido, depositaraos de novo sobre o tapete e mesturaraos sempre coas cartas boca abaixo. Os naipes que xa fosen utilizados nunha partida anterior serán mesturados da mesma forma.

3. A mestura farase nun só montón, cos dedos separados e os naipes agrupados en paquetes pequenos, de maneira que non se levanten do tapete e non se modifique a orde resultante. Ningún naipe debe ser separado ou sinalado.

4. Cando a sesión de xogos na mesa remate, os naipes deberanse volver colocar de inmediato na orde establecida polo fabricante, así como ser examinados para detectar as marcas que poidan ter.

5. Cando en calquera momento se comprobe que desapareceu algún naipe dos mazos examinados, ou que parezan estraños ao mazo de orixe ou marcados, retirarase da mesa o mazo correspondente e darase conta inmediatamente, con todas as indicacións relativas á forma e circunstancias en que o defecto foi descuberto, ao persoal funcionario encargado da inspección do casino se está presente ou, na súa falta, levantarase acta que se comunicará a este.

6. En todos os xogos de naipes, logo da autorización do órgano competente en materia de xogo, poderán utilizarse mecanismos automatizados e manuais, debidamente homologados para efectuar as operacións de mestura.

Artigo 55. Troco de fichas e placas

1. O casino trocará aos/ás xogadores/as as fichas e placas que se atopen no seu poder polo seu importe en moeda de curso legal, sen poder efectuar dedución ningunha.

2. O casino poderá denegar á persoa visitante ou xogadora o cambio das fichas ou placas cando teña sospeitas fundadas da súa procedencia ilícita. Neste caso, a persoa que exerza a dirección do xogo do casino terá que remitir informe ao órgano competente en materia de xogo e dar conta inmediata aos seus servizos de inspección e control, se están presentes no casino.

3. O pagamento en metálico aos/ás clientes poderá ser substituído pola entrega dun cheque contra a conta do casino, caso en que se levantará a acta por duplicado, asinada polo/a perceptor/a e un/unha caixeiro/a ou persoa que o/a substitúa, e cada unha das partes conservará un exemplar. En todo caso, observarase o disposto na normativa de prevención do branqueo de capitais e demais normas de aplicación.

O pagamento mediante cheque só procederá por petición do/da xogador/a ou logo da súa conformidade expresa, salvo nos casos en que se esgotase na caixa central do casino a suma en metálico que establece o artigo 57.

Se o cheque non resulta pagado en todo ou en parte, o/a xogador/a poderá dirixirse ao órgano competente en materia de xogo para reclamar a cantidade debida para o que xuntará a copia da acta a que se refire este punto. Tras escoitar o/a director/a de xogos e comprobada a autenticidade da acta e a falta de pagamento da débeda, o órgano competente concederá ao casino un prazo de tres días hábiles para depositar na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia a cantidade debida, que se entregará ao/a xogador/a. Se non o fai, expedirá ao/á xogador/a o oportuno mandamento de pagamento co que este/a poderá facer efectiva a cantidade contra a fianza depositada polo casino.

En calquera caso, na resolución que dite o órgano competente farase expresa reserva das accións civís ou penais que poidan corresponder ás partes.

4. O casino non estará obrigado a expedir aos/as xogadores/as certificacións acreditativas das súas ganancias.

Artigo 56. Anticipos mínimos

1. As mesas dedicadas a xogos de contrapartida recibirán da caixa central do casino, no momento de comezar a partida, un anticipo en fichas e placas para responder das ganancias dos/das xogadores/as.

2. O dito anticipo será reposto pola caixa central do casino cantas veces sexa necesario durante a partida, pero a contía dos novos anticipos será sempre a mesma que a do anticipo inicial.

3. O importe mínimo dos anticipos será o que o/a director/a de xogo, ao seu libre criterio, entenda necesario para o desenvolvemento normal dos xogos.

Artigo 57. Depósito mínimo

1. Os casinos de xogos deberán ter na súa caixa central, ao comezo de cada sesión, unha suma de diñeiro que, como mínimo, será de igual contía á do importe do anticipo correspondente á mesa de ruleta co mínimo de aposta máis elevado. Esta suma de diñeiro poderá substituírse parcialmente pola tenza dunha cantidade equivalente, bloqueada nunha conta bancaria e dispoñible en todo momento para o pagamento de premios, logo de autorización do órgano competente en materia de xogo. No entanto, a cantidade existente en metálico na caixa central non poderá ser inferior ao 50 % do total.

2. Con independencia das restantes obrigas contables que se establezan regulamentariamente, a caixa central do casino deberá levar un rexistro especial por mesas para anticipos e reposicións.

TÍTULO V

Mecanismos e libros rexistro de control

Artigo 58. Control de resultados en cada mesa de xogo

1. As fichas e as placas constitutivas do anticipo serán trasladadas á mesa e conservaranse nesta para o normal desenvolvemento das partidas. Unha vez efectuado o peche das mesas, as fichas remanentes do anticipo trasladaranse á caixa central nunha caixa especialmente destinada a esta finalidade.

2. Ao acabar a xornada, ao pechar cada mesa ou cando sexa preciso facer novos anticipos durante o transcurso da partida, deberanse contar as existencias de fichas e placas da mesa e os billetes cambiados nesta, e anotar as cantidades resultantes no libro rexistro de anticipos. Esta conta deberá ser realizada por, polo menos, un/unha empregado/a da mesa e un/unha caixeiro/a en presenza do director/a de xogos ou persoa que o/a substitúa, os cales certificarán baixo a súa responsabilidade a exactitude da anotación efectuada, e, a continuación, asinarán. En calquera caso, na apertura e peche das mesas, a presenza do director/a de xogos no reconto pode ser suplida pola dun subdirector/a, por algún membro do comité de dirección ou por alguén do persoal empregado de máxima categoría.

3. As operacións referidas no número anterior teñen que ser realizadas coa suficiente lentitude para que os presentes poidan seguilas en todo o seu detalle. Calquera das persoas que asistan ao acto pode solicitar o libro rexistro de anticipos para asegurarse de que as cantidades anotadas corresponden exactamente ás pronunciadas.

Artigo 59. Documentación contable

1. Con independencia da normativa contable e fiscal da empresa titular do casino, o control documental de ingresos producidos polos xogos tense que levar a cabo, sempre que non exista un sistema informatizado e autorizado polo órgano competente en materia de xogo, mediante o libro rexistro de beneficios nos xogos de círculo, o libro rexistro de anticipos nos xogos de contrapartida e o libro rexistro de control de ingresos, obrigatorio para un e outro tipo de xogos.

2. Os anteditos libros teñen que estar encadernados e foliados, e deben estar dilixenciados polo órgano competente en materia de xogo. Ademais, levaranse co coidado e regularidade exixidos para os libros de comercio e non poderán presentar emendas nin riscaduras. As correccións que sexan necesarias deberanse facer en tinta vermella, e serán salvadas coa sinatura do director/a de xogos ou persoa que o substitúa.

Artigo 60. Libro rexistro de anticipos

1. En cada unha das mesas dedicadas a xogos de contrapartida debe haber un libro rexistro de anticipos que deberá levar un número que terá que ser o mesmo que o da mesa a que se refire.

2. Nos libros rexistro de anticipos teñen que anotarse, na forma descrita no artigo 56, o importe do anticipo inicial e, se procede, o dos anticipos complementarios, así como o reconto final das existencias de placas, fichas, billetes e moedas nas caixas correspondentes a cada mesa de xogo. Estas anotacións faranse ao final de cada sesión, e debe anotarse o importe do resultado final da mesa.

3. O libro rexistro de anticipos pecharase por sesións e totalizarase cada día, ao final do cal os resultados obtidos deberán ser trasladados ao libro rexistro de control de ingresos.

Artigo 61. Libro rexistro de beneficios

1. En cada unha das mesas de xogo de círculo ten que haber un libro rexistro de beneficios para anotar o ingreso bruto percibido para o casino na práctica destes xogos.

2. Neste libro rexistro deberán facerse constar os seguintes datos:

a) Nome exacto do xogo a que corresponde cada mesa.

b) Número de orde do rexistro, que ten que ser o mesmo que o da mesa.

c) Hora de apertura da partida.

d) Horas de interrupción e de reinicio da partida, se procede.

e) Nome dos/as crupieres e cambista.

f) Nome do banqueiro/a ou banqueiros/as no bacará a dous panos, xa sexa banca aberta ou limitada.

3. Ao acabar a partida, o/a crupier, en presenza do/da director/a de xogos ou persoa que o substitúa, e dun/dunha caixeiro/a, ten que abrir o pozo ou cagnotte, ten que contar as fichas e placas que haxa e ten que pronunciar en voz alta a cantidade total. Esta ten que ser anotada inmediatamente no correspondente libro rexistro de beneficios, no cal o director/a de xogos, o/a caixeiro/a e un/unha empregado/a da mesa teñen que certificar, baixo a súa responsabilidade, a exactitude da anotación efectuada e teñen que asinar a continuación.

4. Nas operacións a que se refire o número anterior, o/a director/a de xogos pode ser substituído por un/unha subdirector/a ou un membro do comité de dirección.

Artigo 62. Libro rexistro de control de ingresos

1. No libro rexistro de control de ingresos anotaranse os resultados dos libros rexistro de anticipos ou de beneficios de cada unha das mesas, totalizados por día.

2. As anotacións no libro rexistro de control de ingresos teñen que efectuarse ao final da xornada e antes necesariamente do inicio da seguinte. Ten que extraerse o resultado total, que se fará constar en números e letras, e, a continuación, ten que certificar a súa exactitude o director/a de xogos ou un subdirector/a ou membro do comité de dirección.

Artigo 63. Información anual

1. O director ou directora de xogos de casino ou persoa que o substitúa terá permanentemente á disposición do órgano competente en materia de xogo información suficiente sobre o número de visitantes, divisas cambiadas, cantidades apostadas polas persoas xogadoras e ingresos de cada unha das mesas, así como da recadación das máquinas.

2. Anualmente, a empresa titular do casino deberá remitir ao órgano competente en materia de xogo, dentro dos dous primeiros meses de cada ano, unha memoria cos datos estatísticos do ano anterior que lle sexan requiridos por aquela.

TÍTULO VI

Infraccións e sancións

Artigo 64. Réxime sancionador

O réxime sancionador será o establecido na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file