Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 8 de abril de 2016 Páx. 12732

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 1 de abril de 2016 pola que se regula o uso de instalacións xuvenís en réxime de oferta concertada durante a campaña de verán 2016.

Mediante a presente orde preténdese articular a utilización das instalacións xuvenís de que é titular a Consellería de Política Social, consciente de que as asociacións xuvenís e as entidades que desenvolven actividades para a xuventude non sempre dispoñen dos medios e instalacións axeitadas para iso. En consecuencia, co obxecto de facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre sen ánimo de lucro, durante a Campaña de verán 2016, isto é, durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 30 de setembro, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A Consellería de Política Social convoca a presente oferta de uso das súas instalacións xuvenís para a campaña de verán do ano que corre –que comprende do 15 de xuño ao 30 de setembro– nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I.

Artigo 2. Servizos ofertados e duración das quendas

O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:

a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

b) Do material (excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación) que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.

c) Xerencia e persoal de servizo.

A duración das quendas e as instalacións ofertadas serán as recollidas no anexo I desta orde.

O primeiro servizo de alimentación será o xantar do día da incorporación e o último, o almorzo do día seguinte ao último día de estadía concedido.

Artigo 3. Entidades e grupos destinatarios

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

1. As asociacións xuvenís as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

2. Os consellos locais e municipais de xuventude.

3. As corporacións locais.

4. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa xuventude.

5. Grupos de mozos e mozas non asociados/as que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e, como tal, será responsable do cumprimento das obrigas que, como beneficiario, lle corresponden. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Artigo 4. Solicitude

4.1. Presentación de solicitudes.

a) Solicitudes presentadas por entidades locais:

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

b) Solicitudes presentadas por outras entidades, asociacións, escolas de tempo libre ou grupos de mozos/as non asociados/as:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4.2. No número de prazas solicitadas incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación, no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento de actividades de tempo libre. Así mesmo, incluiranse as persoas que acompañen os mozos e mozas en calidade de responsables destes ou outro persoal que vaia estar na instalación durante o período solicitado.

4.3. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4.4. Xunto coa solicitude deberá achegarse a copia do DNI ou NIE da persoa representante da entidade ou grupo solicitante, no caso de que non se autorice expresamente a comprobación de datos por medio do acceso electrónico ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

4.5. No suposto de presentación electrónica obrigatoria (entidades locais), a documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No suposto de presentación electrónica ou presencial, a documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4.6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Criterios de adxudicación

1. Para a adxudicación do uso das instalacións ofertadas establécese a seguinte orde de preferencia:

1) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e escolas de tempo libre domiciliadas na Comunidade Autónoma galega e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2) Consellos locais e municipais de xuventude galegos.

3) Corporacións locais galegas.

4) Grupos de mozos e mozas galegos/as non asociados/as que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para os efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas.

5) Outras entidades públicas ou privadas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, que o soliciten con fins asistenciais.

6) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, entidades que realicen actividades coa xuventude e grupos de mozos e mozas, domiciliados noutras comunidades autónomas.

2. Pola súa banda, dentro do previsto no parágrafo anterior, terán prioridade:

a) As que soliciten un maior número de prazas e/ou de días ata o tope máximo de cada instalación fixado no citado anexo I.

b) As solicitudes das entidades que cubran as prazas por convocatoria aberta e non reservadas exclusivamente aos/ás seus/súas membros ou aos/ás seus/súas asociados/as.

c) As entidades que non dispuxeron de prazas en réxime de oferta concertada, durante a campaña de verán, no último ano, agás que tivesen renunciado a prazas concedidas, e neste caso atenderase ao previsto na alínea 3 deste artigo.

d) As que subvencionen o total ou parte da cota que teñen que pagar os/as participantes.

3. Sen prexuízo do disposto nos números 1 e 2 deste artigo, as entidades que en anos anteriores non fixeron uso das instalacións unha vez adxudicadas, sen presentaren causa xustificada no seu momento, pasarán a ocupar o último lugar dentro dos criterios de prioridade descritos nos números anteriores.

No caso de que algunha entidade renuncie ás prazas adxudicadas, estas quedarán dispoñibles para calquera solicitante que as demande e cumpra os requisitos exixidos no artigo 3, e conforme o procedemento sinalado no artigo 7. As renuncias serán sempre respecto do total das prazas adxudicadas e deberán formalizarse mediante correo electrónico no seguinte enderezo: ofertaconcertada.benestar@xunta.es.

Artigo 6. Instrución e resolución

As solicitudes presentadas serán examinadas por unha comisión de valoración constituída para o efecto, e que estará integrada por:

– A persoa titular da xefatura do Servizo de Actividades para a Xuventude, que a presidirá.

– As persoas titulares das xefaturas dos servizos de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social ou a persoa funcionaria en quen deleguen.

– Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado designada polo/a director/a xeral, que actuará como secretario/a.

Esta comisión, unha vez valoradas as solicitudes conforme os criterios establecidos no artigo 5 desta orde, elevará proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que deberá ditar a correspondente resolución nun prazo de 10 días.

A resolución seralles notificada a todas as entidades ou grupos solicitantes no prazo máximo de dous meses contado desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución non esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Política Social no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto for expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7. Dispoñibilidade das prazas non ocupadas

No caso de que, unha vez adxudicadas as prazas conforme os artigos precedentes, queden prazas sobrantes, estas poranse á disposición de calquera entidade ou grupo interesado que cumpra os requisitos do artigo 3, mediante a apertura dun novo período de solicitudes en fase de resultas.

As prazas dispoñibles nesta fase de resultas serán publicadas na páxina web de Xuventude (www.xuventude.net).

Unha vez publicadas as prazas dispoñibles, as entidades e grupos interesados remitirán a súa solicitude de prazas mediante un correo electrónico, ao enderezo ofertaconcertada.benestar@xunta.es, cunha antelación mínima de 7 días á data de inicio da estadía que se solicita.

As entidades e os grupos que remitisen o anexo de solicitude no prazo do artigo 4 e non resultasen adxudicatarias, por aplicación dos criterios recollidos no artigo 5, terán prioridade respecto doutros/as solicitantes que as demanden por primeira vez. Disporán da prioridade sinalada durante un prazo de 10 días contado a partir da publicación das prazas de resultas na páxina web.

A adxudicación das prazas de resultas realizarase por orde de recepción de solicitudes, sen prexuízo da prioridade sinalada no parágrafo anterior; para estes efectos, a adxudicación de prazas entre as entidades e grupos solicitantes con prioridade realizarase, así mesmo, por orde de recepción de solicitudes no prazo de 10 días sinalado.

Artigo 8. Reserva de prazas e primeiro pagamento

1. Recibida a resolución os/as beneficiarios/as están obrigados/as, no prazo de 10 días:

a) A ingresar, en concepto de reserva de prazas, o 25 % do importe correspondente ás prazas adxudicadas. A dita cantidade non será reintegrable nin descontable no seguinte pagamento no caso de que decaese a adxudicación realizada por incumprimento das obrigas expresadas neste artigo, se a entidade adxudicataria anula a reserva de utilización da instalación, reduce o número de usuarios/as previstos/as ou os días de uso solicitado.

b) A presentar, no servizo de Xuventude e Voluntariado da xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente á provincia en que estea a instalación adxudicada, a seguinte documentación:

– Breve proxecto de actividades que se van realizar.

– Acreditación da persoa que subscribiu a solicitude como representante da entidade ou grupo solicitante.

– Xustificante do aboamento do 25 % expresado anteriormente.

2. Se, transcorrido o prazo de 10 días desde a notificación da adxudicación, non se cumpre o disposto no parágrafo anterior, declararase expresamente, a través da oportuna resolución, o incumprimento das condicións da resolución de adxudicación e as prazas adxudicadas quedarán á disposición dos/das demais solicitantes, conforme o procedemento sinalado no artigo 7.

Artigo 9. Autorización de uso temporal

1. Transcorridos 15 días desde a finalización do prazo establecido no artigo anterior, a entidade beneficiaria deberá formalizar o documento de aceptación das condicións particulares de uso da instalación e aboar o 75 % do importe correspondente ás prazas que confirme. A dita cantidade ou a parte proporcional non será reintegrable se o número de usuarios/as ao inicio da actividade é menor do confirmado, ou se o número de días é, así mesmo, inferior ao confirmado.

O documento de aceptación das condicións particulares de uso e o xustificante do segundo ingreso presentaranse no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social da provincia en que estea a instalación adxudicada.

Así mesmo, presentarán a relación dos/das responsables que dirixan a actividade e a acreditación das titulacións exixidas en materia de tempo libre, tendo en conta o disposto no artigo 47 do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (DOG nº 49, do 10 de marzo) no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento dun programa de actividades de tempo libre.

Nos cincos días anteriores ao comezo da ocupación deberá presentarse no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial a relación de persoas usuarias das prazas adxudicadas.

2. Cumpridas as condicións anteriores, a xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social facilitará á entidade beneficiaria o documento de autorización de uso temporal da instalación.

Se, transcorridos os diferentes prazos establecidos neste artigo, as entidades beneficiarias non fan os pagamentos, procederase de acordo co disposto no parágrafo segundo do artigo 8 desta orde.

Artigo 10. Obrigas dos/as beneficiarios/das

Os/as adxudicatarios/as estarán obrigados/as:

1. A cumprir os requisitos exixidos no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (DOG nº 49, do 10 de marzo), modificado polo Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro (DOG nº 25, do 6 de febreiro) de adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos do mercado interior e demais lexislación vixente.

2. A observar as normas de réxime interno da instalación de que sexan adxudicatarios/as, así como as indicacións da persoa responsable desta no referente a aqueles aspectos non recollidos expresamente nas citadas normas.

3. A responder dos actos que se realicen nas instalacións concedidas e das consecuencias que deles deriven, así como de toda responsabilidade civil derivada de calquera acto. As actividades que desenvolva o grupo non teñen a consideración de actividades propias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que os riscos, accidentes e danos derivados das actividades que desenvolva a entidade ou grupo serán responsabilidade exclusiva da dita entidade ou do grupo adxudicatario.

4. A aboar o importe dos danos que se produzan no material e nos equipamentos da instalación durante o período de uso desta.

5. No caso de que se queiran utilizar as piscinas da instalación adxudicada, cada entidade deberá dispor dos/as seus/súas propios/as socorristas.

Artigo 11. Tarifas

1. Os prezos dos servizos ofertados nesta orde aparecen recollidos no anexo I da orde pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Aqueles grupos que figuren inscritos no rexistro da Consellería de Política Social como entidades prestadoras de servizos sociais, gozarán dun desconto do 50 % sobre os prezos sinalados no número anterior.

As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude, domiciliadas na Comunidade Autónoma galega e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, terán, así mesmo, un desconto do 50 % sobre os prezos sinalados neste punto.

2. O aboamento dos diferentes pagamentos regulados nesta orde efectuarase utilizando os impresos destinados para o efecto, que se atoparán á disposición das persoas interesadas na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou en calquera xefatura territorial da Consellería de Política Social.

Artigo 12. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídas nun ficheiro denominado «Actividades dirixidas á cidadanía» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.es.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

ANEXO I
Oferta concertada

Provincia

Instalación xuvenil

Datas

Nº prazas ofertadas

Total de prazas

A Coruña

Albergue xuvenil Gandarío Bergondo

20-30 de xuño

150

390

Campamento xuvenil Virxe de Loreto-Porto do Son

17-28 de xullo

30

2-13 de agosto

30

13-20 de agosto

90

21-28 de agosto

90

Lugo

Albergue xuvenil Area-Viveiro

21-29 de xuño

120

120

Ourense

Campamento Penedos de Xacinto (Entrimo)

15-26 de agosto

100

100

Pontevedra

Campamento xuvenil Illa de Ons-Bueu

10-17 de agosto

60

290

18-29 de agosto

60

Campamento xuvenil Pontemaril-Forcarei

17- 28 de agosto

50

Albergue xuvenil As Sinas-Vilanova de Arousa

30 de agosto a 10 de setembro

120

900

missing image file
missing image file