Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 15 de abril de 2016 Páx. 13727

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 5 de abril de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 303601.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica; b) Ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude; c) Estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia; d) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Segundo. Obxecto

Son axudas económicas individuais de carácter periódico que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para intentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de abril de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Cuarto. Importe

A contía das axudas establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2016, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como so grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso, nun abano que vai desde 300 euros/mes ata 800 euros/mes e ata un máximo de doce mensualidades.

Para a concesión destas axudas destinase un crédito por un importe total de dous millóns trinta e un mil novecentos corenta e catro euros con corenta céntimos (2.031.944,40 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2016.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2016

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade