Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 20 de abril de 2016 Páx. 14389

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 43/2016, do 7 de abril, polo que se aproba a bandeira do Concello de Meaño.

O Concello de Meaño (Pontevedra) considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro, que aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de abril de dous mil dezaseis,

DISPÓN:

Artigo único. Aprobar a bandeira do Concello de Meaño, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

«O pano verde e ao centro unha franxa branca, vertical e de dous terzos do longo, co piñeiro ao natural, flanqueado dos dous acios de uvas verdes».

Santiago de Compostela, sete de abril de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

missing image file