Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2016 Páx. 14654

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a inscrición de embarcacións no censo da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos.

Antecedentes:

1. Os días 8.5.2015, 18.6.2015 e 10.1.2016, as confrarías de pescadores de Fisterra, do Pindo e de Lira remitiron as solicitudes de inscrición no censo da Remip Os Miñarzos das embarcacións Cala Figueira (3ª-CO-5-1-14), Mañón (3ª-CO-5-5-00), Virxe do Carme (3ª-CO-5-1-96) e Tres Hermanos (3ª-CO-6-2095).

2. O día 28 de outubro de 2015 o órgano de xestión, seguimento e control (en diante Oxesco) da Remip Os Miñarzos, na súa reunión ordinaria, debateu entre outras cuestións, a proposta de permitir a incorporación de novas embarcacións ao censo da reserva.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a Remip Os Miñarzos, modificado polo Decreto 240/2008, do 2 de outubro, define aqueles elementos esenciais que determinan o funcionamento da reserva, como unha ferramenta de xestión dos recursos cunha filosofía participativa do sector nela.

Así, o seu artigo 7, no que se establecen as condicións de acceso, establece que será necesario estar inscrito nun censo específico para poder realizar, entre outras, as actividades da pesca marítima profesional coas artes e aparellos tradicionalmente utilizados na zona: anzois, nasas, enmalle, a pesca da centola con gancho, e de conformidade co establecido no Plan de xestión integral, así como para a recollida de ourizo, navalla, poliquetos, anemones, percebe, peneira ou calquera outro recurso específico que se recolla no marco do antedito plan.

2. A Orde do 27 de novembro de 2007, pola que se regula o uso e xestión da Remip Os Miñarzos, modificada pola Orde do 26 de febreiro de 2009, define, no seu artigo 3, o procedemento a seguir para a elaboración do censo de embarcacións autorizadas.

3. O 29 de abril de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 13 de abril de 2015, da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se aprobaba o censo definitivo de embarcacións autorizadas para traballar na reserva mariña de interese pesqueiro (en diante Remip) Os Miñarzos.

4. O 23 de xuño de 2015, a Secretaría Xeral do Mar emitiu a Circular RM-1-2015, relativa ás condicións que deben cumprir as embarcacións incluídas no censo da Remip Os Miñarzos para exercer a actividade pesqueira no seu ámbito a partir do 1 de xullo de 2015.

5. O día 28 de outubro de 2015, o órgano de xestión, seguimento e control da Remip informou favorablemente a proposta de permitir a incorporación de novas embarcacións ao censo da reserva para todas aquelas embarcacións que, non estando inscritas no censo aprobado pola Resolución do 13 de abril de 2015, teñan porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e conten coas modalidades autorizadas na normativa de creación, uso e xestión da reserva e así o soliciten as súas persoas propietarias e/ou armadoras.

6. O artigo 8 do Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, atribúelle á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a dirección e a coordinación das competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, así como de conservación, protección e xestión sustentable dos recursos mariños.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

Iniciar o proceso para a inscrición de embarcacións no censo da Remip-Os Miñarzos de acordo coas seguintes consideracións:

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e deberán presentarse a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución.

3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. As persoas propietarias e/ou armadoras das embarcacións xa inscritas no censo aprobado pola Resolución do 13 de abril de 2015, non teñen que presentar unha nova solicitude para continuar inscritas no censo.

6. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia cotexada do DNI ou NIE da persoa solicitante, en caso de non ter autorizado á Consellería do Mar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009.

7. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

8. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5-2º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.mar@xunta.es.

9. As embarcacións que soliciten a inscrición deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) O permiso de explotación da embarcación que estará en vigor deberá conter algunha das modalidades autorizadas no ámbito da Remip-Os Miñarzos, de acordo co establecido nos artigos 5 e 6 bis do Decreto 87/2007, do 12 de abril, o artigo 4 da Orde do 27 de novembro de 2007, e o Plan de xestión integral aprobado para o ano 2016.

b) A embarcación terá porto base na Comunidade Autónoma galega e deberá estar inscrita no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira.

10. Para poder desenvolver a actividade pesqueira no ámbito da Remip-Os Miñarzos, as embarcacións deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Permitir a instalación dun sistema de localización conectado ás baterías da embarcación o que impide o seu apagado mentres a embarcación estea operativa (artigo 7.3 da Orde do 27 de novembro de 2007 modifica pola Orde do 26 de febreiro de 2009: «Para facilitar os labores de seguimento e control da actividade pesqueira e/ou marisqueira, os armadores das embarcacións inscritas no censo deberán permitir a instalación de dispositivos de identificación»).

b) Comunicar telefonicamente ou por radio VHF a entrada e saída na Remip-Os Miñarzos (artigo 7.1 da Orde do 27 de novembro de 2007: «Todos aqueles que efectúen a actividade pesqueira e/ou marisqueira no ámbito da reserva mariña deben comunicarlle ao persoal asignado á xestión, seguimento e control da reserva a súa entrada na zona da reserva mariña, identificándose convenientemente e notificándolle as capturas no momento de acceder á reserva. Así mesmo, deben notificar a súa saída, o número de artes caladas ou empregadas e as capturas realizadas na zona da reserva. Estas comunicacións deben efectuarse de maneira que lle permitan ao órgano de xestión, seguimento e control realizar a comprobación dos datos transmitidos»).

c) Comunicación das capturas. Esta información será enviada semanalmente á persoa responsable do seguimento científico a través de estadillos específicos. A información será tratada de xeito confidencial e poderá ser utilizada exclusivamente con fins científicos e de xestión.

11. Para asegurar a sustentabilidade das pesqueiras no ámbito da Remip-Os Miñarzos estableceuse un sistema de control do esforzo:

a) Creouse unha bolsa de esforzo sobre a base dos resultados do seguimento científico realizado no período (2008-2012).

b) Non computan na bolsa de esforzo as embarcacións inscritas no censo con porto base en Lira.

c) A distribución da bolsa anual xestiónase por campañas anuais de pesca e non por anos naturais. A campaña anual de pesca comeza o 1 de xullo de cada ano.

d) Para cada campaña o número de xornadas permitidas é de 4.120. Para o cómputo de xornadas traballadas utilízanse todas as modalidades de pesca.

e) Unha «xornada» equivale cando menos a 4 horas de traballo dentro do ámbito da Remip-Os Miñarzos con todo ou parte do arte ou aparello dentro da área. O cálculo do esforzo pesqueiro realizado por embarcacións de distinto porte faise atendendo aos coeficientes indicados na seguinte táboa:

Tipo

TRB

GT

coeficiente

I

< 1.5

< 1.00

x 0,5 xornadas

II

1.5-2.49

1.00-1.74

x 0,5 xornadas

III

2.50-4.99

1.75-4.24

x 0,5 xornadas

IV

5.00-7.49

4.25-7.49

x 1 xornada

V

7.50-9.99

7.50-9.99

x 1 xornada

VI

10.00-19.99

10.00-19.99

x 1,5 xornadas

VII

>=20

>=20

x 1,5 xornadas

f) No suposto de que a bolsa de esforzo se esgotase antes de rematar a campaña anual de pesca, poderá verse incrementada a dita bolsa nunha porcentaxe máxima do 25 % que automaticamente se detraerá da bolsa da campaña seguinte. No suposto dun sobrante da bolsa de esforzo, transferirase á campaña anual seguinte (cun máximo do 25 %). Se dous anos consecutivos precisan de trasvase de esforzo, procederíase a revisión das xornadas da bolsa de esforzo.

12. A contratación de gardapescas para a realización de labores de control, vixilancia e seguimento da Remip-Os Miñarzos levarase a cabo ao abeiro da orde de axudas a proxectos colectivos.

13. O seguimento científico estará a cargo da Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico, que terá como funcións principais:

a) Velar pola consecución dos obxectivos da reserva establecidos no artigo 2 do Decreto 87/2007, do 12 de abril.

b) Velar polo cumprimento dos acordos adoptados no Oxesco.

c) Informar o Oxesco do funcionamento e evolución da reserva.

d) Deseñar e realizar unha análise das ameazas da reserva.

e) Elaborar, en colaboración cos representantes do sector, os plans de xestión integral plurianuais e avaliar o seu cumprimento.

f) Elaborar, en colaboración cos representantes do sector, os plans de acción anuais e avaliar o seu cumprimento.

g) Coordinar o comité asesor integrado por investigadores e técnicos da Administración, xunto coas asistencias técnicas das confrarías con flota inscrita no censo da reserva.

h) Velar polo bo funcionamento das instalacións e equipamento empregado na xestión e vixilancia da reserva.

i) Informar o Oxesco e ás confrarías con flota inscrita no censo do consumo da bolsa de esforzo.

j) Establecer mecanismos para a consecución dos acordos e solución de conflitos.

k) Formar o persoal involucrado na xestión e vixilancia da reserva.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2016

Juan Carlos Maneiro Cadillo
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

missing image file
missing image file