Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2016 Páx. 15000

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de abril de 2016 pola que se determinan servizos mínimos, en dependencias desta consellería, durante a folga que afectará o persoal da empresa Limpiezas del Noroeste, S.A. (Linorsa) na provincia de Lugo.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopa a sanidade.

O exercicio público das funcións en materia de saúde pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais CIG, UGT e CC.OO. comunicaron a convocatoria dunha folga de carácter indefinido que afectará o persoal da empresa Linorsa que presta servizos de limpeza de determinadas dependencias desta consellería na provincia de Lugo, entre elas aquela en que se encontra o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen na presente orde.

Tales mínimos respostan á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa protección da saúde.

O criterio reitor que se toma como base para determinar os servizos mínimos é o seguinte: persoal necesario para garantir o 50 % das presenzas habituais.

Os efectivos de servizos mínimos que resulten da dita garantía poderán ampliarse sempre que se xustifique que resulta estritamente necesario para evitar riscos para a saúde.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario farao a empresa con base no antedito criterio reitor. A xustificación do número de efectivos debe constar no expediente de determinación de mínimos e debe exteriorizarse adecuadamente para xeral coñecemento dos/das destinatarios/as.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente.

Artigo 3

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a empregado/a que voluntariamente acepte o cambio de forma expresa.

Artigo 4

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 5

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade