Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 27 de abril de 2016 Páx. 15457

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, modificado polo Decreto 109/2004, do 27 de maio, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios/as, agrupacións de persoal voluntario e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil.

O Decreto 72/2013, do 25 de abril que regula a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece que lle corresponden, entre outras competencias, as de protección civil.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, dispón, no seu artigo 48.4, que as autoridades en materia de protección civil e emerxencias, en coordinación coa consellería da Administración autonómica competente na materia de voluntariado, promoverán a creación, o desenvolvemento e o equipamento das organizacións do voluntariado de protección civil.

O artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma deberán primar, na forma que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula, como agrupación, asociación, mancomunidade, consorcio, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 229/2012 e 230/2012, do 2 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de Galicia (en diante, AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva.

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas AVPC nos gastos de natureza corrente para posibilitar o seu funcionamento dentro dos respectivos concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as AVPC de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil ou ter presentada oficialmente a solicitude de inscrición nel; neste caso, a concesión da subvención quedará condicionada efectiva á inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter dependencia funcional dun concello de menos de 50.000 habitantes, mancomunidade ou agrupación de concellos.

c) Xustificar o investimento e a liquidación de subvencións concedidas en anos anteriores, segundo o disposto nos artigos aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e concordantes, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de tal forma que a non xustificación deste investimento e liquidación comporta non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Non ter sido condenados por sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións públicas, estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Cumprir o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e contratar un seguro de accidentes, así como de responsabilidade civil.

Artigo 3. Crédito

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de 340.000 € con cargo á partida orzamentaria 05.25.212A.481.0, código do proxecto 2015 00106, correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

As dotacións orzamentarias indicadas poderanse incrementar, se for procedente, con fondos comunitarios, do Estado ou da Comunidade Autónoma. Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de acordo co disposto no artigo 30.2.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, a concesión das subvencións estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Nos casos de renuncia dos solicitantes, anulación ou minoración por menor xustificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderanlles ser adxudicadas a outros solicitantes de acordo coa orde de prelación que resulte da aplicación dos criterios do artigo 8 desta orde. Tamén se poderán aplicar para as aprobacións derivadas da resolución de recursos deste ou de anos anteriores.

Os incrementos das dotacións orzamentarias indicadas no parágrafo anterior poderanse empregar para aumentar as contías das axudas ou o número das subvencións concedidas, sempre que se solicitasen no período indicado no artigo 5, sen necesidade de abrir un novo período de solicitudes.

Artigo 4. Destino das subvencións

As subvencións poderán ser destinadas a:

1. Equipamento e vestimenta persoal de uniforme, de acordo co establecido no Decreto 123/2014, do 18 de setembro, polo que se regula a acreditación, a uniformidade e os distintivos do persoal voluntario, e a Orde do 24 de febreiro que o desenvolve.

2. Equipamentos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible (incluído material de caixa de urxencias).

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola conservación, mantemento e/ou alugamento da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

5. Pagamento de seguros do persoal voluntario de protección civil ou doutro tipo de seguros relacionados cos medios e desenvolvemento do traballo e das tarefas da AVPC.

6. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

7. Equipamento do material informático e de comunicacións, sempre que en ambos os casos se trate de elementos funxibles.

Artigo 5. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante.

A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou o/a representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. A correspondente solicitude, dirixida á persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, presentarase dentro do prazo dun mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Solicitudes e documentación complementaria

1. Solicitudes no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR460A) a esta orde. Na mesma solicitude acéptase e decláranse os seguintes puntos:

a) Que a entidade que solicita a subvención cumpre e acepta as condicións e os requisitos exixidos nesta convocatoria.

b) Que a AVPC reflicte o conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

c) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que a AVPC non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

e) Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a AVPC está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedores por resolución de procedemento de reintegro.

Xunto coa solicitude presentarán a seguinte documentación complementaria:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2015.

b) Copia do NIF da agrupación solicitante, só no caso de que non autorice a súa consulta, non ter solicitado a subvención no ano 2015 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

c) Certificado da compañía aseguradora das pólizas subscritas (accidentes e responsabilidade civil) no cal conste o número de voluntarios asegurados e inscritos no Rexistro de Persoal Voluntario do Servizo Provincial de Emerxencias. No caso de estar incluídos dentro das pólizas de seguro do concello, mancomunidade ou asociación de concellos, remitirase unha certificación do secretario/a destas entidades na cal se indique o número de voluntarios incluídos na póliza.

d) Certificado do órgano competente da mancomunidade ou asociación de concellos no cal se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberanse achegar os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais dos/as beneficiarios/as para esas finalidades, así como a especificada no artigo 9, por exixencia normativa, segundo se especifica no artigo 16 desta orde.

4. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que é o órgano competente para a instrución do procedemento, por medios telemáticos, e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo improrrogable de dez días para emendaren os erros ou omisións.

Transcorrido este prazo, e de non se producir a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Instrución

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración, presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue, e formada polas cinco persoas responsables das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, ou un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo, que non terá dereito a voto.

2. A referida comisión fará unha proposta de resolución tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 8. Criterios de avaliación

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e para a elaboración da proposta de resolución teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a gradación que en cada caso se indica, ata un máximo de 100 puntos:

1. Número de mobilizacións da AVPC constatados polo Centro de Atención de Emerxencias 112, referidas a accidentes, incendios, protección civil, salvamento e rescate, incidencias de circulación, riscos e operativos de protección civil, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña maior número de mobilizacións e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Poderase limitar o número máximo de mobilizacións ao dobre da media do conxunto destas, a partir deste número resultante, adxudicaráselles a mesma puntuación aos que estean por riba no seu rango e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

2. Mobilizacións das AVPC no ano 2015, para prestar colaboración noutras entidades locais, en eventos programados ou de emerxencias, tanto por petición do Centro de Atención de Emerxencias 112 como doutros concellos ou dos servizos provinciais de emerxencias, ata un total de 10 puntos.

Para a valoración deste punto presentarase unha certificación ou declaración dos servizos provinciais ou os concellos solicitantes da colaboración, na cal se reflicten o evento, a data, a AVPC participante, o número de voluntarios mobilizados por AVPC e o número de días que asistiron.

3. Pola prestación mancomunada do servizo de emerxencias e protección civil en concellos asociados ou mancomunados, ata un máximo de 20 puntos. Para a valoración deste criterio terase en conta:

• Pola simple presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión outórganse 10 puntos.

• Polo número de concellos asociados ou mancomunados para os servizos de emerxencia e protección civil, ata un máximo de 10 puntos. Outorgaraselle a maior puntuación ao solicitante con maior número de concellos asociados ou mancomunados e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

4. Ratio de número de voluntarios/as inscritos no Rexistro de Persoal Voluntario do Servizo Provincial de Emerxencias, asegurados por risco de accidentes e morte e responsabilidade civil, por cada mil habitantes do concello, ata un máximo de 20 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña unha mellor ratio e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

5. O risco potencial de emerxencias, estimado polo Platerga, ata un máximo de 10 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto 10, risco alto 8, risco moderado 6, risco baixo 4 e risco moi baixo 2.

6. Atendendo á poboación do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística en 1.1.2016, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación ao solicitante con maior poboación e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

7. Atendendo á extensión do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística ano 2011, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación ao solicitante con maior extensión territorial e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

8. Pola antigüidade da AVPC desde a súa inscrición no Rexistro de AVPC da Xunta de Galicia, ata un máximo de 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:

• 5 puntos as AVPC inscritas ata o ano 1995 inclusive.

• 4 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2000 inclusive.

• 3 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2005 inclusive.

• 2 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2012 inclusive.

9. As AVPC inscritas nos catro últimos anos, contando o actual, ata 5 puntos asignados cos seguintes criterios:

• 3 puntos as AVPC inscritas no ano 2013.

• 4 puntos as AVPC inscritas no ano 2014.

• 5 puntos as AVPC inscritas nos ano 2015 e 2016.

10. Pola atención da AVPC ao servizo 24 horas, constatado pola información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias 112, 5 puntos.

11. Pola presentación anual nos servizos de emerxencia da provincia, por parte da AVPC, dos seguintes documentos: memoria anual de actividades, acta da asemblea ordinaria anual, relación de voluntarios e xunta directiva actualizada, constatado por certificación do xefe do servizo de emerxencias da provincia, 15 puntos.

Quedarán excluídas das subvencións aquelas AVPC que teñan menos de 10 mobilizacións no ano 2015 comunicadas á Central de Atención de Emerxencias 112, agás as rexistradas neste ano, e aquelas que non acaden o 15 % da puntuación máxima outorgada no total de puntuación, unha vez avaliadas a totalidade das solicitudes. No caso das AVPC inscritas en 2016, estarán exentas de achegar outra documentación que a que xa figura no rexistro.

A subvención concedida será proporcional ao resultado da puntuación. En todo caso, cada subvención individual será sempre inferior a 10.000 euros.

O órgano que concede as subvencións asignará o crédito dispoñible na convocatoria entre todas as solicitudes non excluídas segundo a listaxe final da puntuación acadada por cada AVPC.

Artigo 9. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución será adoptada pola persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, e procederase á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. A notificación da resolución será efectuada, vía telemática, pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorridos cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde, sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 10. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das subvencións deberán cumprir as obrigas sinaladas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; en concreto as seguintes:

a) Cumprir o obxectivo ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Comunicarlle, vía telemática, á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a súa aceptación ou renuncia no prazo de dez (10) días contados a partir do seguinte ao da notificación da resolución. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

c) Someterse a calquera actuación, comprobación e control financeiro efectuado tanto polo órgano concedente como polas entidades de control competentes autonómicas, estatais ou comunitarias, para o cal se achegará calquera información solicitada no exercicio desas actuacións. En especial, deberán facilitar a información que lles sexa requirida por esta vicepresidencia e consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que desen lugar á concesión da subvención, en canto se coñeza, ou ben, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Achegar os documentos xustificativos tal e como se prevé no artigo 12.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control. En calquera, caso este período non será inferior a 5 anos.

Artigo 11. Anticipos

Para as subvencións solicitadas poderase aboar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida sempre e cando a cantidade da axuda no exceda os 18.000 € e nos casos en que o gasto exixa pagamentos inmediatos. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente polo beneficiario no propio impreso de solicitude da subvención (anexo I).

A persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá de xeito motivado a concesión do anticipo logo da comprobación de que a entidade solicitante cumpre o regulado neste artigo.

Para obter o ingreso do anticipo, o/a presidente/a de cada agrupación, unha vez publicada a resolución de concesión das subvencións terá que presentar na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, novamente e con data actualizada, o anexo II desta orde, indicando se pediron ou non outras subvencións para a mesma finalidade e declarando se cumpre os requisitos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 12. Xustificación e pagamento

As agrupacións ás cales se lles aprobasen as subvencións segundo o artigo 9 desta orde, disporán ata o 30 de setembro de 2016 para achegaren ás xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia as facturas orixinais ou fotocopias compulsadas polas oficinas de rexistro e xustificantes bancarios de pagamento correspondentes aos gastos aprobados, conformadas polo/a presidente/a da agrupación.

Ademais dos documentos anteriores, deberán achegar novamente e coa mesma data de presentación da xustificación a declaración do presidente/a de cada agrupación segundo o modelo do anexo II.

Se o beneficiario non presenta a xustificación no prazo establecido, as xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia requirirán a súa presentación no prazo improrrogable de dez días.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Terá a consideración de gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, determinado neste artigo e a través dos documentos aquí indicados.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos. Entenderase que queda por conta do beneficiario a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada.

Poderanse admitir os documentos xustificativos por gastos efectuados, de acordo co artigo 4 desta orde, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2016.

Consideraranse xustificantes de pagamento válidos unicamente os seguintes:

• Facturas orixinais, de acordo co establecido no artigo 98.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ou compulsadas polas oficinas de rexistro, xunto cos extractos ou certificacións bancarias correspondentes, debidamente identificados, conformados e asinados polo polo/a presidente/a da AVPC.

• Para aquelas compras realizadas en metálico de ata 1.000 euros por factura, será suficiente a factura orixinal ou compulsada polas oficinas de rexistro, na que figure «pagado» xunto coa sinatura, nome, apelidos e o número de NIF da persoa que recibiu o cobramento na empresa subministradora, conformada e asinada polo/a presidente/a da AVPC.

• Documentos de liquidación de gastos de desprazamento e manutención en operativos de protección civil, nas cales figuren tanto a conformidade do/a presidente/a da AVPC como o recibo do persoal voluntario perceptor desta compensación.

Estas directrices afectan de todos os peticionarios, independentemente de que solicitasen anticipos ou non, para todos os gastos, incluídos os realizados con cargo ás cantidades anticipadas.

Artigo 13. Compatibilidade

Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. No entanto, o importe destes en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outros, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 14. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Reintegro das subvencións

No caso de incumprimento da obriga de xustificación, de destinar a subvención a unha finalidade distinta para a cal foi concedida, ou se a AVPC non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou en calquera dos supostos indicados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das subvencións percibidas e dos xuros xerados, e para isto seguirase o procedemento establecido no artigo 77 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tamén se seguirá este procedemento naqueles casos nos que a xustificación da subvención sexa inferior ao anticipo concedido.

Artigo 16. Consentimentos e autorizacións

As solicitudes das persoas interesadas xuntaranse aos documentos e as informacións determinados no punto 1 do artigo 6, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderase acoller ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa solicitante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Vicepresidencia e Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 17. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante este órgano mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano; San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: emerxencias.interior@xunta.es.

Artigo 18. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Comunicación á BDNS

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) e a BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

De conformidade co previsto no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Lexislación aplicable

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa en materia de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposicións derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file