Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2016 Páx. 15831

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2016, do tribunal designado para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización dos exercicios.

En sesión que tivo lugar o 18 de abril de 2016, o tribunal designado pola Resolución da Dirección Xeral de Mobilidade do 29 de febreiro de 2016 para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada,

ACORDOU:

Primeiro. Os exercicios da primeira convocatoria do ano 2016 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada terán lugar o 14 de maio de 2016, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (Rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n, San Lázaro, Santiago de Compostela).

Segundo. Os/as aspirantes que fosen admitidos/as para a realización das probas serán citados/as en chamamento único segundo a seguinte distribución:

a) Transporte interior e internacional de viaxeiros/as: todos/as eles/as ás 9.00 horas.

b) Transporte interior e internacional de mercadorías:

Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do primeiro apelido estea comprendida entre as letras A-L (ambas as dúas inclusive): 9.00 horas. Non obstante, todos/as aqueles/as aspirantes incluídos/as nesta relación que estean admitidos/as tamén para as probas de viaxeiros/as quedan convocados/as para as 16.15 horas.

Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do primeiro apelido estea comprendida entre as letras M-Z (ambas as dúas inclusive): 16.15 horas.

Terceiro. Unha vez situados/as os/as aspirantes dentro da aula, non se permitirá a súa saída, agás no suposto de entrega do exercicio. Non obstante, o tribunal poderá apreciar a concorrencia de circunstancias médicas debidamente acreditadas, como no suposto de mulleres embarazadas, toma de medicamentos ou similares, que fagan necesario que o/a aspirante teña que ir ao baño.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentarse provistos/as de DNI en vigor ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, tamén en vigor; a súa falta dará lugar á non admisión do/a aspirante á realización das probas. Recoméndase igualmente aos/ás aspirantes que concorran provistos/as da copia da solicitude de admisión e da folla xustificativa do pagamento das taxas de exame.

Así mesmo, deberán dispor dun lapis do número 2 e goma de borrar para realizar o exame, de xeito que se poida efectuar a súa corrección mediante mecanismos automatizados. Poderán tamén levar máquinas calculadoras sen memoria RAM para realizar as operacións matemáticas que resulten necesarias.

Quinto. Non se permitirá o acceso á sala onde se realizarán os exercicios con teléfonos móbiles.

Igualmente, tampouco se permitirá o acceso e tenza de axendas ou outros dispositivos de carácter electrónico, agás o indicado no punto anterior respecto das máquinas calculadoras. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización das probas.

Advírtese de que non haberá servizo de recolla de teléfonos móbiles.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2016

David Conde Varela
Secretario do Tribunal

Visto e prace
Anatón García Río
Presidente do tribunal