Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2016 Páx. 15882

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade da solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.

En agosto de 2013 diferentes asociacións sectoriais, así como viticultores e adegueiros da comarca do Morrazo e concellos próximos, constituíronse en agrupación de produtores para os efectos da tramitación dunha indicación xeográfica para os viños desta área xeográfica.

A dita agrupación presentou en marzo de 2015 un borrador de prego de condicións para a tramitación do rexistro desta indicación xeográfica protexida. Tras a revisión por parte dos servizos da Consellería do Medio Rural, os promotores decidiron, con data do 7 de abril de 2016, modificar determinados aspectos da solicitude inicial.

O devandito prego de condicións establece que esta indicación xeográfica protexida será aplicable a viños brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de determinadas variedades cultivadas nos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa.

A solicitude de inscrición desta indicación xeográfica protexida debe someterse a un proceso preliminar de publicidade para eventuais oposicións a nivel do Estado membro antes da súa tramitación aos servizos da Comisión Europea. Así o recolle o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, que establece que os procedementos nacionais de oposición deben garantir unha publicación adecuada da solicitude e fixar un prazo mínimo de dous meses desde a data da publicación, durante o cal calquera persoa física ou xurídica que teña un interese lexítimo e resida ou estea establecida no seu territorio poida impugnar a solicitude de rexistro proposta presentando unha declaración debidamente motivada.

A normativa estatal reguladora desta materia é o Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, modificado polo Real decreto 149/2014, do 7 de marzo. De acordo co artigo 8.6 desta disposición, unha vez comprobado que a solicitude cumpre os requisitos establecidos na normativa reguladora, debe darse publicidade desta mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, para o inicio do prazo de presentación de eventuais oposicións. A publicación deberá incluír o enderezo da páxina web oficial onde se atoparán o prego de condicións e o documento único. Para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas cuxo ámbito abrangue máis dunha comunidade autónoma e, que, por tanto, son da competencia da Administración xeral do Estado, o devandito real decreto fixou un período de oposición de dous meses, pero non fixou prazo para as de ámbito autonómico, por seren competencia das comunidades autónomas.

Por último, a normativa reguladora da materia no ámbito autonómico é o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Este decreto establece un procedemento para a publicidade e oposición no relativo ás solicitudes de inscrición de novas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas, pero limitado aos produtos alimentarios, xa que, no momento da súa aprobación, para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas vitivinícolas aínda non era de aplicación a normativa europea que exixe este trámite. O período para a presentación de oposicións que establece no caso das denominacións de orixe e indicacións xeográficas do ámbito alimentario é de dous meses.

De acordo co artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten a competencia exclusiva, en colaboración co Estado, en materia de denominacións de orixe. Estas competencias, para os produtos de orixe agraria, son exercidas pola Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, de acordo co que se establece no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da devandita consellería.

Por todo o anterior, cumpridos os preceptivos trámites regulamentarios e vistas as disposicións citadas,

RESOLVO:

Ter por comprobada a documentación e continuar o procedemento de tramitación da solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo e dar publicidade á devandita solicitude mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia do documento único onde se recolle o resumo dos datos do prego de condicións. O devandito documento único, que figura como anexo desta resolución, inclúe un vínculo á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atopa o texto íntegro do prego de condicións.

Tamén se dará publicidade da solicitude mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado, que incluirá os vínculos á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atoparán o contido do prego de condicións e do documento único.

Desde o día seguinte ao da publicación máis tardía de ambas as dúas iniciarase o cómputo dun prazo de dous meses para que calquera persoa física ou xurídica que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida opoñerse ao rexistro da devandita indicación xeográfica protexida mediante a correspondente declaración de oposición, dirixida á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, da Consellería do Medio Rural (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante a Consellería do Medio Rural, de conformidade co previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO
Indicación xeográfica protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo

Documento único

1. Nome e tipo.

a) Denominación que debe rexistrarse:

Ribeiras do Morrazo.

b) Tipo de indicación xeográfica:

Indicación xeográfica protexida.

2. Categorías de produtos vitivinícolas.

Viño.

3. Descrición do/dos viño/s.

Son viños brancos e tintos que se axustan á categoría 1 do anexo VII parte II do Regulamento (UE) 1308/2013. No momento da súa posta ao consumo os viños terán as seguintes características:

a) Características analíticas:

– Graduación alcohólica adquirida mínima (% vol.):

– Viños brancos: 11,5 %.

– Viños tintos: 10 %.

– Graduación alcohólica total mínima (% vol.):

– Viños brancos: 11,5 %.

– Viños tintos: 10 %.

– Contido máximo de azucres totais: cumpriranse os requisitos que se recollen no anexo XIV, parte B, do Regulamento (CE) nº 607/2009 da Comisión, do 14 de xullo, para que os viños teñan a consideración de «secos».

– Acedume total mínima: 5,0 g/l de ácido tartárico.

– Acedume volátil máxima: 17,9 meq/l de ácido acético.

– Contido máximo de dióxido de xofre total: 200 mg/l para os viños brancos e 150 mg/l para os viños tintos.

b) Principais características organolépticas:

Os viños obtidos son frescos e suaves na boca, limpos, brillantes con aromas francos en que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con graduacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acedume. Os viños brancos terán potente intensidade aromática e os viños tintos ben cubertos en fase visual.

4. Prácticas vitivinícolas.

a) Prácticas enolóxicas esenciais:

A recolla da uva realizarase en caixas de vendima ou outros recipientes autorizados pola autoridade competente.

O rendemento máximo na elaboración do viño será de 68 litros por cada 100 kg de uva.

b) Rendementos máximos:

As producións máximas por hectárea serán de 10.000 kg de uva e 6.800 litros de viño para as variedades brancas; e de 8.000 kg de uva e 5.440 litros de viño para as variedades tintas.

5. Zona delimitada.

Terreos aptos para a produción de uva, por debaixo dos 300 m de altitude, dos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa; todos eles na provincia de Pontevedra, Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Variedades de uva de vinificación.

Os viños elaboraranse exclusivamente con uvas das seguintes variedades:

Variedades brancas: albariño, caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo (albarín blanco) e torrontés.

Variedades tintas: brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.

7. Vínculo coa zona xeográfica.

A zona delimitada presenta un clima oceánico-húmido, con 2.100 horas de sol ao ano, temperaturas suaves e amplitude térmica reducida no período vexetativo (entre 7,3 ºC e 25,7 ºC), con temperaturas elevadas no período invernal, pŕactica ausencia de xeadas e cunhas precipitacións que se sitúan entre os 1.300 e 1.800 mm. Está protexida por varias formacións montañosas que producen unha debilitación estival das precipitacións que, ao combinarse con temperaturas relativamente altas na mesma época, inducen valores elevados de evapotranspiración e, consecuentemente, unha marcada influencia mediterránea neste período, con temperaturas medias arredor dos 18 ºC, o que claramente beneficia o cultivo da viña.

Trátase dunha zona costeira en que o cultivo da viña se fai en terreos de aba con suaves pendentes e orientacións protexidas, situados case sempre por debaixo dos 150 m s.n.m. A maioría dos solos son moderadamente ácidos, permeables, con baixa capacidade de retención de auga e con escaso contido en materia orgánica no seu estrato máis superficial. Son, na súa maioría, solos antigos, con fondura suficiente e ben aquecidos pola insolación, o que os fai axeitados para o cultivo. O substrato litolóxico está constituído na súa maior parte por afloramentos graníticos do período herciniano e rochas sedimentarias escasamente metamorfizadas. A proporción de elementos graúdos é moderada, o que produce alta permeabilidade e facilidade de labranza, cunha textura lixeira, sendo a máis habitual franca ou franca-areosa, con boa drenaxe e axeitada aireación. Estes solos son, ademais, soltos e moderadamente ácidos, especialmente en abas de escasa pendente, e resultan favorables para a consecución de excelentes calidades.

Os viños son frescos, cunha graduación alcohólica equilibrada. Os brancos presentan tons amarelos dourados brillantes, con destacados aromas florais e de froitas, boca lixeira e fresca, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final. Os viños tintos presentan unha camada media con tons vermellos de picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave con aromas de froitas vermellas e silvestres cun toque final lixeiramente tánico.

Os viños son fiel reflexo dos efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas, ao cal debe sumarse o efecto do factor humano, que se concreta no axeitado axuste das variedades utilizadas, todas elas variedades autóctonas adaptadas a este medio, a implantación de viñas en zonas de boa exposición con solos quentes e permeables, ou en condicións singulares como os solos de areais e dunas ou os de encostas de rocha granítica, característicos desta área xeográfica. Os sistemas de condución e poda tradicionais tenderon a viñedos de formas baixas con altas densidades para, así, mellor exporse ás influencias marítimas. Todas estas condicións tenden a conferir aos viños producidos nesta comarca equilibrio e harmonía, excelentes expresións aromáticas e boas características de conservación.

8. Requisitos aplicables.

Establécense os seguintes requisitos para os operadores:

a) Envasamento na zona delimitada:

Os viños serán elaborados e embotellados na zona xeográfica de produción delimitada. O transporte e embotellamento fóra da zona de elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. O embotellamento en orixe permite preservar as características e calidade do produto. Este feito, unido á experiencia e coñecemento profundo das características específicas dos viños adquiridos durante anos polos produtores e produtoras locais, fan necesario o envasamento en orixe, que preserva así todas as características fisicoquímicas e organolépticas destes viños.

b) Disposicións adicionais relativas á etiquetaxe:

Todas as botellas levarán unha contraetiqueta numerada subministrada pola autoridade de control, que deberá ser colocada na propia adega. A dita contraetiqueta incluirá o logotipo da indicación xeográfica que figura no anexo II do prego de condicións.

Referencia á publicación do prego de condicións:

http://mediorural.xunta.gal/uploads/media/Prego_Condicions_Ribeiras_do_Morrazo_abril_2016_G.pdf