Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 2 de maio de 2016 Páx. 16092

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de decembro de 2015, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Cordal-Ousá, nos concellos de Friol, Outeiro de Rei e Begonte, promovido pola sociedade Eólica de Cordales, S.L.U. (LU-11/140-EOL).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de decembro de 2015 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Cordal-Ousá, nos concellos de Friol, Outeiro de Rei e Begonte (Lugo), promovido pola sociedade Eólica de Cordales, S.L.U. (LU-11/140-EOL).

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de decembro de 2015,
polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución
e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Cordal-Ousá,
nos concellos de Friol, Outeiro de Rei e Begonte (Lugo), promovido
pola sociedade Eólica de Cordales, S.L.U. (LU-11/140-EOL)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Eólica de Cordales, S.L.U. (en diante o promotor) en relación coa autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Cordal-Ousá (en diante o parque eólico), constan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico cunha potencia de 21 MW e promovido por Fenosa Wind, S.L.

Segundo. O 20.6.2011 Eólica de Cordales, S.L.U., como sociedade filial unipersoal de Fenosa Wind, S.L. e en virtude do artigo 36.e) da Lei 8/2009, do 22 de decembro, solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 19.1.2012 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Lugo (en diante a xefatura territorial) informou sobre os dereitos mineiros afectados polo parque eólico.

Cuarto. O 8.6.2012 o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Quinto. O 5.11.2012 a xefatura territorial emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas recollidas no proxecto de execución do parque eólico.

Sexto. O 7.12.2012 a xefatura territorial solicitou os condicionados técnicos e remitiu as correspondentes separatas do proxecto ás seguintes administracións, organismos ou empresas de servizo público: Concello de Friol, Concello de Begonte, Telefónica Móviles España, S.A.U., Unión Fenosa Distribución, S.A., Begasa, Instituto Geográfico Nacional, Deputación Provincial de Lugo, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Vodafone España, S.A.U., France Telecom España, S.A.U., Retegal, Retevisión I, S.A. e Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Sétimo. Por Resolución do 7 de decembro de 2012, da xefatura territorial, sometéronse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal as instalacións relativas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 31 de xaneiro de 2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 21 de xaneiro e no xornal La Voz de Galicia do 31 de xaneiro. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da xefatura territorial e dos concellos afectados (Begonte, Friol e Outeiro de Rei).

Oitavo. Durante o período de información pública presentáronse, nas datas que se indican, as seguintes alegacións: Manuel Pena López, o 7.1.2013; a Deputación Provincial de Lugo, o 22.1.2013 (4 alegacións); José Antonio Roibas Redondo, na súa condición de presidente do monte veciñal en man común de Ousá, o 1.3.2013 e o 13.5.2013; e José Manuel Varela Trigo, en representación da comunidade de montes veciñais en man común de Santalla de Pena, o 14.3.2013.

Noveno. O 8.1.2013 Unión Fenosa Distribución, S.A. achegou a súa resposta á solicitude do condicionado técnico, a cal se trasladou ao promotor, que achegou a súa contestación o 6.2.2013.

Décimo. O 10.1.2013 Vodafone España, S.A.U. achegou a súa resposta á solicitude do condicionado técnico, a cal se trasladou ao promotor, que contestou o 15.2.2013.

Décimo primeiro. O 11.1.2013 Retegal emitiu o correspondente condicionado técnico, o cal se trasladou ao promotor, que achegou a súa resposta o 21.2.2013.

Décimo segundo. O 16.1.2013 Telefónica Móviles España, S.A.U. achegou a súa resposta á solicitude do condicionado técnico, a cal se trasladou ao promotor, que contestou o 12.6.2013, e presentou, ademais, unha documentación complementaria á separata inicial.

Décimo terceiro. O 16.1.2013 a Deputación Provincial de Lugo emitiu o correspondente condicionado técnico, o cal se trasladou ao promotor, que achegou a súa resposta o 21.2.2013. O 2.12.2013 a Deputación emite unha nova resposta, xuntando o condicionado técnico correspondente, do cal se deu traslado ao promotor, que non contestou.

Décimo cuarto. O 25.1.2013 Retevisión I, S.A. achegou a súa resposta á solicitude do condicionado técnico, a cal se lle trasladou ao promotor, que manifestou a súa conformidade mediante escrito presentado o 15.2.2013.

Décimo quinto. O 25.1.2013 o Instituto Xeográfico Nacional achegou a súa resposta á solicitude do condicionado técnico, a cal se trasladou ao promotor, que manifestou a súa conformidade o 21.2.2013.

Décimo sexto. O 28.1.2013 o Concello de Begonte emitiu o correspondente condicionado técnico, o cal se trasladou ao promotor, que achegou a súa resposta o 28.2.2013.

Décimo sétimo. O 15.2.2013 a Xefatura Territorial solicitou a Begasa o condicionado técnico en relación coa separata do proxecto, presentada polo promotor o 11.2.2013.

Décimo oitavo. O 28.2.2013 a Xefatura Territorial reiterou a solicitude dos condicionados técnicos ás seguintes administracións, organismos ou empresas de servizo público: Concello de Friol, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e France Telecom España, S.A.U.

Décimo noveno. O 26.3.2013 Begasa achegou a súa resposta á solicitude do condicionado técnico, a cal se trasladou ao promotor, que manifestou a súa conformidade o 16.4.2013.

Vixésimo. O 14.6.2013 a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico e estableceu, así mesmo, o correspondente condicionado.

Vixésimo primeiro. O 31.7.2013 a Xefatura Territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Vixésimo segundo. O 19.9.2014 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 14 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 229, do 28 de novembro).

Vixésimo terceiro. O 18.12.2014 Fenosa, S.L.U. e Tasga Renovables, S.L., como socios únicos de Fenosa Wind, S.L. comunicaron unha operación de separación de activos entre eles pola cal Tasga Renovables, S.L. pasa a ser o socio único de Eólica de Cordales, S.L.U.

Vixésimo cuarto. O 27.1.2015 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Vixésimo quinto. O 23.3.2015 o Servizo de Montes de Lugo emitiu o informe a que fai referencia o artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo sexto. O 5.10.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos de capacidade legal, técnica e económica de Tasga Renovables, S.L. como socio único de Eólica de Cordales, S.L.U., tomou razón da operación societaria mencionada no antecedente vixésimo terceiro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes,

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. No informe do Servizo de Enerxía e Minas de Lugo do 19.1.2012 non se recolle ningún dereito mineiro vixente que afecte a área definida pola poligonal do parque eólico.

Cuarto. Durante a tramitación do expediente presentáronse as alegacións indicadas no antecedente de feito oitavo. A seguir resúmese o seu contido:

1. Manuel Pena López manifesta que a parcela da súa titularidade que está afectada por unha servidume de paso para o futuro parque eólico está repoboada con piñeiros e eucaliptos de dez anos de antigüidade, o cal está dado de alta no rexistro do catastro. Solicita, por tanto, que antes do inicio das obras se lle notifique detalladamente a superficie e o número de árbores afectadas, así como a clasificación e a valoración do Xurado de Expropiación de Galicia.

2. A Deputación Provincial de Lugo solicita, nas súas alegacións, que se exclúan da relación de bens e dereitos afectados polo parque eólico as leiras afectas ao dominio público viario de varias estradas provinciais titularidade da dita deputación. Basean as súas alegacións nos respectivos informes emitidos polo Servizo de Vías e Obras, os cales teñen, en síntese, o seguinte contido:

a) A documentación recibida non inclúe a exixible descrición detallada dos bens afectados. Deste xeito, o trazado da condución proxectada sometido a información pública non está suficientemente definido, pois non conta con referencias suficientes para poder efectuar a súa implantación sobre o terreo.

b) Tampouco consideran axeitado cualificar o uso actual dos bens afectados coa denominación «Cultivo: Camiño», posto que parece referirse a vías sen asfaltar de uso peonil.

c) O carácter de bens de dominio público das estradas afectadas exclúen a pretensión da empresa promotora da instalación de impoñer no seu propio favor unha servidume forzosa sobre eles. Pola contra, a lexislación sectorial prevé o establecemento dun posible uso privativo ou especial do dominio público en favor dun concesionario mediante a correspondente autorización pola Administración titular, baixo as condicións que garantan o mantemento do servizo público axeitado para o resto dos usuarios.

En virtude do exposto na dita lexislación sectorial, a Deputación considera autorizables nos terreos de dominio público viario os cruzamentos aéreos ou subterráneos de liñas eléctricas, pero non a implantación de conducións subterráneas paralelas á vía baixo a zona de dominio público polas limitacións e riscos que suporían para o servizo público de tráfico rodado. Por isto, o trazado da liña eléctrica paralela á vía deberá discorrer fóra das zonas de dominio público e de servidume das estradas.

d) Corresponde ao promotor das obras e instalacións previstas na área de influencia da estrada solicitar da Deputación a autorización en que se lle fixarán as condicións en que poida realizar as ditas obras. Para estes efectos, deberá achegar á dita Administración os planos que se detallan nas súas alegacións.

3. José Antonio Roibas Redondo, en representación do MVMC de Ousá, manifesta, nas súas respectivas alegacións, que dúas parcelas do monte veciñal afectadas polo proxecto non se inclúen como de titularidade do dito monte. Achega, xunto coas alegacións, dous informes do Xurado Provincial de Montes en Man Común de Lugo nos cales se acredita que as referidas parcelas se atopan dentro do perímetro do esbozo que figura no expediente de clasificación 39/75, correspondente ao monte veciñal en man común de Ousá.

4. José Manuel Varela Trigo, en representación da CMVMC de Santalla de Pena, presentou unha alegación co seguinte contido:

a) Mostra a súa desconformidade co contido da relación de bens e dereitos afectados do parque eólico por non incluír diversas leiras a nome da comunidade de montes que el representa, as cales pertencen á dita comunidade aínda que non conste así no catastro. Solicitan, por tanto, ser considerados como interesados no expediente e incluídos na relación de bens e dereitos afectados pola instalación eólica.

b) Expón que, debido á afección da instalación proxectada a terreos do monte veciñal, deberá procederse á tramitación da compatibilidade dos aproveitamentos forestal e eólico de acordo co disposto na lexislación sectorial aplicable.

c) Por outra parte, pon de manifesto a afección do proxecto a varios elementos do patrimonio arqueolóxico e fai referencia a aqueles preceptos legais e regulamentarios que se deben observar para asegurar a súa adecuada protección.

En vista do contido das alegacións indicadas e das respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. En primeiro lugar, respecto ás alegacións presentadas pola Deputación Provincial de Lugo, e de acordo co seu contido, o promotor deberá obter as autorizacións que procedan para levar a cabo as obras e instalacións proxectadas nos terreos de dominio público afectos ás estradas de titularidade da dita Administración.

2. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e que corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de cultivo, ...), así como das afeccións reais do proxecto sobre estes.

3. Por outra parte, tal e como expón a CMVMC de Santalla de Pena na súa alegación, no caso de que non se acadase un acordo entre o promotor do parque eólico e a dita comunidade, deberá efectuarse o trámite de compatibilidade/prevalencia a que se refire o artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, de conformidade co recollido neste precepto e na demais normativa sectorial que resulte aplicable para o efecto.

4. Canto á posible afección do proxecto a elementos do patrimonio arqueolóxico, cómpre manifestar que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emitiu informe favorable ao estudo de impacto ambiental do proxecto, e establecer, ademais, as condicións necesarias para a adecuada protección dos elementos patrimoniais existentes na zona de implantación do parque eólico. Posteriormente, estas cautelas incluíronse na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 19.9.2014.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Cordal-Ousá, situado nos concellos de Begonte, Friol e Outeiro de Rei (Lugo) e promovido por Eólica de Cordales, S.L.U., cunha potencia de 21 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Cordal-Ousá asinado polo enxeñeiro industrial José Carlos Rodríguez Vázquez, colexiado nº 1140 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Eólica de Cordales, S.L.U.

Domicilio social: Vía Faraday, 1, 2º dereita, 15890 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación: parque eólico Cordal-Ousá.

Potencia instalada: 21 MW.

Concellos afectados: Begonte, Friol e Outeiro de Rei (Lugo).

Produción neta anual estimada: 66.702 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 13.947.984,95 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

1

603.200

4.773.800

2

605.000

4.771.400

3

605.000

4.771.000

4

603.300

4.771.000

5

601.600

4.772.800

6

601.800

4.773.400

Coordenadas de localización dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

CO01

601.947,49

4.773.162,92

CO02

602.057,63

4.772.803,23

CO03

602.324,68

4.772.615,16

CO04

602.515,74

4.772.161,68

CO05

602.857,41

4.772.049,11

CO06

603.176,71

4.771.933,42

CO07

604.430,32

4.771.419,94

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 7 aeroxeradores Enercon E-101 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, de 99 m de altura de buxa e 101 m de diámetro de rotor.

– 7 centros de transformación de 3.350 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,40/30 kV, instalados individualmente no interior da góndola de cada aeroxerador coas seus correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 100 m de altura, equipada con viraventos, anemómetros, aparellos de medida da temperatura e da presión e rexistrador de datos.

– Liñas eléctricas subterráneas de 30 kV de tensión nominal, maioritariamente en condutor directamente enterrado en gabia, para a evacuación de enerxía xerada, de interconexión entre centros de transformación 0,40/30 kV e subestación transformadora 30/132 kV.

– Camiños ou vías, con plataforma de 6 m de largo, e camadas de grixo compactado para o acceso a aeroxeradores, torre anemométrica, edificio de control e subestación eléctrica.

– Subestación transformadora tipo PASS M0, cunha posición de liña 132 kV cun transformador principal intemperie 30/132 kV, YNd11, de 20/25 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal, grupo electróxeno, e cun sistema de 30 kV cun transformador de servizos auxiliares 30/0,4 kV de 100 kVA, YZn11, xunto cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control en que se situarán, entre outros, os equipamentos de control e as celas de liña, de protección e de medida.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Eólica de Cordales, S.L.U. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 278.959,70 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Eólica de Cordales, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 146.893 euros.

A dita fianza depositarase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que se aproba por esta resolución.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Eólica de Cordales, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de oito meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 19.9.2014 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido nos artigos 38 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.