BDNS (Identif.): 304920.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as persoas propietarias únicas de edificios de vivendas.
Segundo. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións do Programa de rehabilitación edificatoria para a anualidade 2016.
2. Estas axudas están destinadas a subvencionar a realización de actuacións de rehabilitación que consisten na execución de obras e traballos de mantemento e intervención nas instalacións fixas e equipamento propio, así como nos elementos e espazos privativos comúns dos edificios de tipoloxía residencial colectiva que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que estean finalizados antes de 1981.
b) Que, polo menos, o 70 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial.
c) Que, polo menos, o 70 % das súas vivendas constitúa o domicilio habitual das persoas moradoras.
3. Excepcionalmente, admitiranse neste programa os edificios que, sen cumpriren as condicións anteriores:
a) Presenten graves danos estruturais ou doutro tipo que xustifiquen a súa inclusión no programa.
b) Se destinen na súa totalidade ao alugamento durante, polo menos, 10 anos, contados desde a recepción da axuda.
Son subvencionables as actuacións dirixidas á conservación, á mellora da calidade e da sustentabilidade, así como á realización de axustes razoables en materia de accesibilidade, nos edificios de tipoloxía residencial colectiva.
Terceiro. Bases reguladoras
As bases reguladoras das subvencións do Programa de rehabilitación edificatoria previstas nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 10 de xullo de 2015, publicada no Diario Oficial de Galicia, núm. 136, do 21 de xullo.
Cuarto. Importe
1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, por importe de 2.734.497 euros.
2. A contía máxima das subvencións que se concederá por edificio non poderá superar o importe de multiplicar 11.000 euros por cada vivenda e por cada 100 m2 de superficie útil de local, ou 12.100 euros cando se trate de edificios declarados bens de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, e determinarase en función do previsto no artigo 7 das bases.
3. A contía máxima das subvencións que se concederá por edificio non poderá superar o 35 % do custo subvencionable da actuación. Non obstante, no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade, e só na partida correspondente á accesibilidade, poderase chegar ao 50 %.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2016
Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda