Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 9 de maio de 2016 Páx. 17723

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (PO 81/2013).

Eu, María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que por resolución ditada no día da data, no proceso seguido por instancia de Raúl Varela Munín contra Auto Arte Galicia, S.L., en reclamación por ordinario, rexistrado co número de procedemento ordinario 81/2013, se acordou, en cumprimento do que dispón o artigo 59 da LXS, citar a Auto Arte Galicia, S.L., en ignorado paradoiro, co fin de que compareza o día 30.5.2016 ás 12.00 horas, na planta baixa, sala 1, edificio rúa Berlín, para a celebración dos actos de conciliación e, se for o caso, xuízo, aos cales pode comparecer persoalmente ou mediante persoa legalmente apoderada, e que deberá acudir con todos os medios de proba de que se tente valer, coa advertencia de que é única convocatoria e que os ditos actos non se suspenderán por falta inxustificada de asistencia.

Canto á proba:

Interrogatorio do representante legal da empresa Auto Arte Galicia, S.L., María Teresa García Sánchez, é procedente o solicitado conforme o artigo 90.3 da LXS, sen prexuízo de que o momento procesual oportuno para formular e admitir a proba sexa o acto de xuízo (artigo 87 da LXS). Para tal efecto, fágaselle saber á parte demandada que deberá comparecer persoalmente ou mediante persoa con poder suficiente e, en caso de persoas xurídicas, a través de quen legalmente as represente e teña facultades para responder a tal interrogatorio, advertíndolle de que, en caso de non comparecer, se lle poderá impor a multa prevista no artigo 292.4 da Lei de axuizamento civil, e que, se non comparecer sen xusta causa á primeira citación, rexeitar declarar ou persistir en non responder afirmativa ou negativamente, a pesar do apercibimento que se lle fixo, poderán considerarse recoñecidos como certos na sentenza os feitos a que se refiran as preguntas, sempre que o interrogado interviñese neles persoalmente e a súa fixación como certos lle resultar prexudicial en todo ou en parte. En caso de que o interrogatorio non se refira a feitos persoais, admitirase a súa resposta por parte dun terceiro que coñeza os feitos, se a parte así o solicita e acepta a responsabilidade da declaración.

Se o representante en xuízo non interveu nos feitos, deberá presentar no xuízo a persoa coñecedora directa destes. Con tal fin, a parte interesada poderá propor a persoa que se deba someter ao interrogatorio xustificando debidamente a necesidade do dito interrogatorio persoal.

A declaración das persoas que actuaron nos feitos litixiosos en nome do empresario, cando for persoa xurídica privada, baixo a responsabilidade deste, como administradores, xerentes ou directivos, soamente poderá acordarse dentro do interrogatorio da parte por cuxa conta actuaron e en calidade de coñecedores persoais dos feitos, en substitución ou como complemento do interrogatorio do representante legal, salvo que, en función da natureza da súa intervención nos feitos e posición dentro da estrutura empresarial, por non prestaren xa servizos na empresa ou para evitar indefensión, o xuíz ou tribunal acorde a súa declaración como testemuñas.

Documental; procede o solicitado conforme o artigo 90.2 da LXS, sen prexuízo de que o momento procesual oportuno para formular e admitir a proba sexa o acto de xuízo (artigo 87 da LXS). Requírase a demandada Auto Arte Galicia, S.L. para que presente os documentos solicitados, a saber, nóminas do demandante desde maio de 2011 a febreiro de 2012, boletíns de afiliación e cotización á Seguridade Social (TC1 e TC2) do mesmo período, coa advertencia de que, se non o fixer, poderán terse por probadas as alegacións feitas pola contraria en relación coa proba acordada (artigo 94 da LXS).

Se for o caso, sen que isto signifique a admisión da proba proposta polo demandante, xa que este deberá propola e, se for o caso, o/a xuíz/a admitila no acto de xuízo (artigo 87 da LXS).

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que sexan autos ou sentenzas, ou cando se trate de emprazamento.

En caso de que pretenda comparecer ao acto do xuízo asistido de avogado ou representado tecnicamente por graduado social colexiado, ou representado por procurador, porá esta circunstancia en coñecemento do xulgado ou tribunal por escrito, dentro dos dous días seguintes ao da súa citación para o xuízo, co obxecto de que, trasladada tal intención ao demandante, poida estar este representado tecnicamente por graduado social colexiado ou representado por procurador, designar avogado noutro prazo igual ou solicitar a súa designación a través da quenda de oficio. A falta de cumprimento destes requisitos supón a renuncia da parte ao dereito de se valer no acto de xuízo de avogado, procurador ou graduado social colexiado.

E para que sirva de citación a Auto Arte Galicia, S.L., expídese a presente cédula para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e colocación no taboleiro de anuncios deste xulgado.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016

A letrada da Administración de xustiza