Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 12 de maio de 2016 Páx. 18224

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 18 de abril de 2016 pola que se aproba o deslindamento parcial dos montes veciñais en man común de Pradeda, Guntín, Entrambasaugas e Ladairo, entre os puntos Fornotilleira e Alto de Guntín ou Marco do Couto, no concello de Guntín.

Examinado o expediente de deslindamento parcial dos montes veciñais en man común de Pradeda, Guntín, Entrambasaugas e Ladairo, entre os puntos Fornotilleira e Alto de Guntín ou Marco do Couto, no concello de Guntín, e tendo en conta os seguintes

Antecedentes:

Primeiro. O 3.1.2011 o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo ditou sentencia estimatoria do recurso contencioso-administrativo número 77/2010, interposto por Alejandro Fernández Pumariño, en nome e representación da comunidade de montes de Pradeda, contra a desestimación por silencio da petición de deslindamento contraditorio entre os montes veciñais en man común de Pradeda, Guntín, Entrambasaugas e Ladairo, e entre os puntos Fornotilleira e Alto de Guntín ou Marco do Couto. Na dita sentenza declarou contraria a dereito a dita desestimación e condenou a Consellería do Medio Rural a tramitar o procedemento de deslindamento.

O 5.5.2011 a Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso de apelación interposto pola Consellería do Medio Rural contra a anterior sentenza e declarouna firme.

A solicitude de tramitación do procedemento de deslindamento efectuouse con anterioridade á entrada en vigor da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que na súa disposición transitoria décima establece que aos procedementos iniciados de conformidade coa normativa existente con anterioridade é entrada en vigor desta lei lles será de aplicación a normativa existente no momento da súa iniciación.

Segundo. O 23.4.2013, o secretario xeral de Medio Rural e Montes autorizou a realización do deslindamento parcial dos montes veciñais en man común de Pradeda, Guntín, Entrambasaugas e Ladairo, no concello de Guntín.

Ao expediente déuselle a necesaria publicidade, de acordo co artigo 93 do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes, mediante a publicación dun anuncio no Boletín Oficial da provincia de Lugo (BOP núm. 93, do 23 de abril de 2013) e no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 83, do 30 de abril de 2013), e a remisión deste ao Concello de Guntín.

Do mesmo xeito, e para cumprir o artigo 98 do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes, notificouse ás comunidades de montes interesadas o contido do anuncio.

No dito anuncio fíxase o 10.9.2013 como día para o comezo das operacións de deslindamento, emprázase aos estremeiros e ás persoas que poidan ter un interese lexítimo para que asistan ao acto e dáse un prazo de 45 días naturais desde a publicación deste anuncio para que, os que se consideren con dereito á propiedade do monte ou parte del e os estremeiros que desexen acreditar o que poida corresponderlles presenten os documentos pertinentes.

Terceiro. Durante o prazo de presentación de documentación sinalado no artigo 97 do Decreto 485/1962, recibiuse un escrito de Alejandro Fernández Pumariño, en representación da comunidade de montes de Pradeda, xunto ao que achegaba:

• Escrito presentado pola comunidade de montes de Pradeda o 5.6.2009 instando o deslindamento.

• Sentenza número 77/2010 ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo.

• Acto de conciliación do 24.10.2008 ante o Xulgado de Guntín.

Das comunidades titulares dos montes de Guntín, Entrambasaugas e Ladairo non se recibiu ningunha documentación.

A antedita documentación foi remitida ao Gabinete Xurídico Territorial de Lugo, de acordo co disposto no artigo 100 do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes.

O citado gabinete emitiu informe o 19.7.2013 no que indica que no relativo á reclamación presentada pola comunidade de Pradeda considera que, ante as alegacións efectuadas, podería revisarse o deslindamento neses concretos particulares, por se procedese algunha modificación, tendo en conta o enxeñeiro operador os criterios establecidos nos artigos 102 e 111 do Regulamento de montes, segundo estime ou non que as parcelas en discusión pertenzan ao monte.

Cuarto. O apeo iniciouse o día 10.9.2013 ás 10.00 horas e finalizou o mesmo día ás 13.00 horas. Durante as operacións de deslindamento parcial, iniciadas no lugar do Marco do Couto, colocáronse un total de cinco estacas en puntos clave dos posibles límites entre as comunidades de montes. Durante a práctica das operacións de apeo non houbo reclamacións.

Quinto. O 23.9.2013 o enxeñeiro operador emitiu informe relativo ao deslindamento parcial dos montes veciñais en man común de Pradeda, Guntín, Entrambasaugas e Ladairo entre os puntos Fornotilleira e Alto de Guntín ou Marco do Couto, no concello de Guntín. No dito informe o enxeñeiro propón a aprobación do seguinte linde:

«Comezando polo punto coñecido como Marco do Couto, punto en que limitan os montes veciñais en man común de Entrambasaugas, Guntín, Pradeda e Ladairo, e seguindo en dirección norte ata o Marco de Penarrubia, a uns 997 metros do anterior, deixa á súa dereita o monte veciñal en man común de Pradeda e á súa esquerda parcelas do monte veciñal en man común de Ladairo. Seguindo en dirección norte, e a uns 753 metros do Marco de Penarrubia, está o punto coñecido como Marco de Fornotilleira, deixa ao leste parte do monte veciñal en man común de Pradeda e predios particulares de Vilameá e ao oeste parcelas do monte veciñal en man común de Ladairo e propiedades particulares de Vilameá».

Sexto. Para cumprir o disposto nos artigos 120 e 121 do xa citado Decreto 485/1962, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 199, do 17 de outubro de 2013, e no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 233, do 10 de outubro de 2013, o Anuncio do 30 de setembro de 2013, da Xefatura Territorial de Lugo, relativo á apertura do período de vista e reclamacións no presente expediente de deslindamento. O citado anuncio tamén foi notificado ás comunidades de montes interesadas.

Alejandro Fernández Pumariño, en nome e representación da comunidade de Pradeda, presentou as seguintes alegacións:

– Que o apeo permitiu constatar sobre o terreo a existencia do Marco de Fornotilleira, que o Marqués da Ensenada sinala como divisorio das parroquias de Santalla de Pradeda, San Martiño de Vilameá, Santa Cruz de Monte de Meda e Entrambasaugas.

– Que o apeo constatou a existencia do Marco do Couto e que as comunidades de Entrambasaugas, Guntín e Pradeda o tiñan como delimitador das súas parroquias e montes veciñais.

– Que no apeo se confirmou que non se pode considerar como «alto» o que os titulares do monte veciñal de Ladairo pretenden para Alto de Guntín, porque o punto pretendido non resulta ser un alto, senón unha parta baixa e distante do que a orografía obrigaría a considerar como Alto de Guntín.

– Que desde o Marco do Couto ao Marco de San Marcos discorre unha liña recta que pasa por un punto auxiliar tomado no apeo, e que o Marco de Penarrubia é intermedio entre o Marco do Couto e o Marco de Fornotilleira.

– Que a comunidade titular do monte veciñal de Ladairo se interesou por comprobar sobre o terreo o chamado Alto de Guntín, segundo os expedientes de clasificación 144/75, 110/76, 142/75 e 20/75, e que a comprobación constatou que a localización asignada polos esbozos das carpetas-ficha é errónea, xa que non está nun alto, senón máis baixo e a distancia da cima. Resulta, ademais, que as comunidades de Entrambasaugas e Guntín descartan tal situación e coinciden coa comunidade de Pradeda.

– Que a comunidade titular do monte veciñal de Ladairo, pese á súa pretensión de que se tome como Alto de Guntín o sinalado graficamente nos bosquexos dos expedientes de clasificación, non presentou documentación nin proba de ningún tipo, limitouse a comparecer na práctica do apeo e tampouco realizou alegacións.

– Que os bosquexos de clasificación teñen valor indicativo e que, neste caso concreto, sitúan Alto de Guntín nunha localización equivocada.

Finalmente, no escrito presentado por Alejandro Fernández Pumariño, solicítase que se fixe como liña divisoria a que une os Marcos de Fornotilleira, de Penarrubia, do Couto e de San Marcos.

José Luis Jul Rodríguez, en calidade de presidente da comunidade titular do monte veciñal de Ladairo, presentou as seguintes alegacións:

– Que a Sentenza do 3 de xaneiro de 2011, do Tribunal do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, non pode entrar en contradición con sentenzas anteriores, como a do 20 de abril de 1994, ditada pola Audiencia Provincial de Lugo, peza 58/94, sobre declaración de propiedade e outros aspectos, e na que se establece que procede a inmatriculación do monte no Rexistro da Propiedade baseándose no Acordo do Xurado de Montes Veciñais en Man Común de Lugo do 4 de febreiro de 1978.

– Que o deslindamento debe de ser practicado empregando como referencia os puntos de Fornotilleira e Alto de Guntín, mantendo os límites que constan nas carpetas-ficha dos montes veciñais en man común en conflito e complementándoos cos datos topográficos obtidos sobre o terreo.

– Que non é un requisito para a existencia dun monte veciñal que o seu ámbito territorial se circunscriba exclusivamente a unha parroquia determinada.

– Que no deslindamento que se pretende, entre o Marco do Couto e o Marco de Fornotilleira, se localiza un terceiro marco, de Penarrubia, no interior da parroquia de Vilameá, de xeito que o monte veciñal de Pradeda ocuparía unhas catro hectáreas dentro da parroquia de Vilameá; e que, por tanto, o deslindamento sería incongruente co solicitado pola comunidade de montes de Pradeda.

– Que segundo a comunidade de montes de Pradeda, o alto de Guntín é, na realidade, o Marco do Couto, e a tramitación do deslindamento entre os montes debería de ser entre o Marco do Couto e o Marco de Fornotilleira, sen a inclusión do novo Marco de Penarrubia aproveitando a práctica do apeo.

Sétimo. O 20.11.2013 o xefe do Servizo de Montes de Lugo solicitou un informe ao Gabinete Xurídico Territorial de Lugo sobre as reclamacións presentadas polas comunidades de montes interesadas no expediente de deslindamento. No dito informe, emitido o 12.12.2013, o Gabinete Xurídico informou do seguinte:

– Que de conformidade co disposto na Sentenza 77/2010 do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, do 3 de xaneiro de 2011, confirmada pola Sentenza 431/2011 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 5 de maio de 2011, deberá procederse ao deslindamento contraditorio entro os montes veciñais de Pradeda, Guntín, Entrambasaugas e Ladairo. O referido deslindamento, segundo resulta das resolucións xudiciais antes citadas, practicarase «entre os puntos de Fornotilleira e Alto de Guntín ou Marco do Couto».

– Que en canto ao escrito presentado por José Luis Jul Rodríguez, en nome da comunidade titular do monte veciñal de Ladairo, debe sinalarse que non cabe apreciar a pretendida cousa xulgada da sentenza invocada.

– Que da documentación examinada parece desprenderse que a situación asignada nos esbozos a Alto de Guntín é errónea.

– Que non se atopa, desde unha perspectiva xurídica, obstáculo de ningunha clase para que o deslindamento parcial do monte veciñal de Pradeda se practique entre os puntos de Marco de Couto e Marco de Fornotilleira.

Oitavo. Á vista do informe do Gabinete Xurídico Territorial de Lugo e dunha inspección ocular realizada a posteriori, modificáronse os seguintes aspectos no expediente de deslindamento con respecto ao informe do enxeñeiro operador:

– Eliminouse o amolloamento provisional do Marco de Penarrubia, non sinalado na sentenza 432/2001 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que indica que deberá facerse entre o Marco de Fornatilleira e Alto de Guntín ou Marco do Couto.

– Confirmáronse os piquetes denominados Marco de Fornotilleira e Marco do Couto; este último, no cal conflúen tres comunidades. Non se considera Alto de Guntín, que se atopa máis abaixo, nunha ladeira, e non no punto máis alto da liña recta que forman o Marco do Couto e o Marco de San Marcos ou Marco da Capela de San Marcos.

Noveno. O 17.12.2013 o xefe do Servizo de Montes de Lugo emitiu unha proposta de resolución favorable á aprobación do deslindamento parcial do monte de Pradeda de acordo coas actas, rexistro topográfico e planos que figuran no expediente, conforme a seguinte descrición:

– Provincia: Lugo.

– Nome do monte veciñal: Pradeda.

– Concello: Guntín.

– Nome da comunidade de montes: Pradeda.

– Descrición: comezando polo punto coñecido como Marco do Couto (X 607.691,4; Y 4.750.910,1), no cal limitan os montes veciñais en man común de Entrambasaugas, Guntín, Pradeda e Ladairo, ao lado da estrada que vai a Trasulfe. Aproximadamente a 473 metros en dirección leste atópase o punto Marco de San Marcos ou Marco da Capela de San Marcos (X 608.133,2; Y 4.750.741,2), que separa as comunidades de Guntín, Pradeda e Ferreira de Pallares, e Alto de Guntín queda máis ao sur. Retomando o punto de inicio en dirección norte, chégase ao Marco de Fornotilleira (X 608.730,8; Y 4.752.311,3) a uns 1.744 metros do punto denominado Marco do Couto, que deixa ao leste o monte veciñal de Pradeda e predios particulares e ao oeste parcelas do monte veciñal de Ladairo e propiedades particulares de Vilameá.

O 28.1.2014 o secretario xeral de Medio Rural e Montes propuxo a aprobación do deslindamento parcial entre os ditos montes veciñais en man común.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. De acordo co disposto nos reais decretos 167/1981, do 19 de xaneiro; 1706/1982, do 24 de xullo, e 1535/1984, do 20 de xuño, sobre transferencias de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza, no Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se fixou a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixou a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, a conselleira do Medio Rural é competente para ditar esta orde.

Segunda. O Servizo de Montes de Lugo é competente para levar adiante este deslindamento, cumpridas todas as prescricións legais en canto á publicidade, notificación e demais requisitos exixidos nos artigos do 82 ao 125 do Regulamento de montes, aprobado polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro.

Terceira. As resolucións do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común atribúen a propiedade destes ás comunidades veciñais en canto non exista sentenza firme en contra ditada pola xurisdición ordinaria, segundo determina o artigo 30 do Decreto 260/1992, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Tendo en conta os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación e o informe e proposta do xefe do Servizo de Montes de Lugo, esta conselleira, por proposta da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes (actual Dirección Xeral de Ordenación e Producción Forestal),

DISPÓN:

Primeiro. Aprobar o deslindamento parcial dos montes veciñais en man común de Pradeda, Guntín, Entrambasaugas e Ladairo entre os puntos Fornotilleira e Alto de Guntín ou Marco do Couto, no concello de Guntín, de acordo coas actas, rexistro topográfico e plano que figuran no expediente, así como coa descrición perimetral.

O perímetro deslindado queda definido do xeito seguinte: comezando polo punto coñecido como Marco do Couto (X 607.691,4; Y 4.750.910,1), no cal limitan os montes veciñais en man común de Entrambasaugas, Guntín, Pradeda e Ladairo, ao lado da estrada que vai a Trasulfe. Aproximadamente a 473 metros en dirección leste atópase o punto Marco de San Marcos ou Marco da Capela de San Marcos (X 608.133,2; Y 4.750.741,2), que separa as comunidades de Guntín, Pradeda e Ferreira de Pallares, e Alto de Guntín queda máis ao sur. Retomando o punto de inicio en dirección norte chégase ao Marco de Fornotilleira (X 608.730,8; Y 4.752.311,3) a uns 1.744 metros do punto denominado Marco do Couto, que deixa ao leste o monte veciñal de Pradeda e predios particulares e ao oeste parcelas do monte veciñal de Ladairo e propiedades particulares de Vilameá.

Segundo. Que se cancele total ou parcialmente calquera inscrición rexistral en tanto sexa contraditoria coa descrición do deslindamento parcial entre montes veciñais en man común de Pradeda, Guntín, Entrambasaugas e Ladairo, entre os puntos Fornotilleira e Alto de Guntín ou Marco do Couto, no concello de Guntín.

Terceiro. Desestimar as reclamacións presentadas pola comunidade de montes titular do monte veciñal de Ladairo e as reclamacións presentadas por Alejandro Fernández Pumariño, en nome da comunidade de Pradeda, no que se refire á pretensión de fixar a divisoria pola liña determinada polos marcos de Fornotilleira, Penarrubia, do Couto e de San Marcos.

Cuarto. Declarar expresamente que, no referente ás reclamacións de propiedade, a presente resolución esgota a vía administrativa e deixa expedita a xudicial civil.

Quinto. Que se notifiquen os novos datos resultantes da descrición do monte ao rexistro provincial de montes veciñais en man común de Lugo.

Sexto. Que se inmatriculen os montes coas características resultantes no Rexistro da Propiedade.

Sétimo. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os interesados poderán interpoñer contra esta resolución recurso de reposición, con carácter potestativo, no prazo dun mes ante a conselleira do Medio Rural, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa. Ambos os dous prazos computaranse desde o día seguinte ao da recepción da notificación persoal polos interesados, ou ao da publicación para os que non puidesen ser notificados persoalmente.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural