Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 13 de maio de 2016 Páx. 18414

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se aproba o baremo para acceder ás modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións, así como para elaborar as listas e actualizar os méritos para o incremento do número de cotas de captura para as embarcacións incluídas nun plan de xestión de recursos específicos.

Os permisos de explotación para a pesca profesional serán expedidos especificamente para artes ou zonas determinadas e, en función do estado dos recursos, poderanse outorgar cambios nas artes ou nas zonas incluídas nos permisos de explotación, atendendo a criterios de obxectividade, equidade e transparencia, de conformidade co establecido no artigo 18.bis da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

O Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, regula no seu capítulo IV o permiso de explotación para os recursos específicos condicionándoo á inscrición da persoa titular no plan de xestión específico.

O artigo 18.1 da Orde do 6 de abril de 2004, pola que se regulan os procedementos de expedicións, renovación, traslado e transmisión dos permisos de explotación para embarcacións, establece que, de conformidade co artigo 10 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, no permiso de explotación, no traslado, na transmisión e na renovación, se farán constar as modalidades e as artes de pesca autorizadas, así como a zona de pesca, que virán limitadas en función do estado dos recursos. Esta mesma orde, así mesmo, condiciona a inclusión nos permisos de modalidades de extracción de recursos específicos á inscrición previa da embarcación e, de ser o caso, dos tripulantes habilitados, no plan de xestión específico.

A Orde do 30 de decembro de 2015, pola que se regula a explotación dos recursos específicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, na sección 1ª do capítulo III, define os requisitos e o procedemento para a obtención das modalidades de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación.

Así, o artigo 27 determina que a selección das solicitudes para obter as modalidades de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación estará suxeita ao baremo establecido pola resolución da dirección xeral competente en materia de marisqueo. Este baremo terá en conta, cando menos, os seguintes criterios: formación, experiencia profesional no sector, antigüidade da embarcación nun porto base incluído no ámbito territorial da entidade titular do plan de xestión, habitualidade da actividade pesqueira, número de artes ou modalidades no permiso e ter enroladas persoas do xénero feminino.

O artigo 39 da mesma norma establece, como novidade, que o incremento do número de cotas de captura nas embarcacións xa incluídas nun plan de xestión se realizará a través dun sistema de lista aberta na cal a orde de prelación das embarcacións virá dada pola puntuación obtida tras a aplicación dun baremo. Este baremo terá en conta, cando menos, méritos relativos a se a embarcación solicitante ten unha soa cota de captura no plan de xestión, experiencia profesional no sector e a habitualidade da actividade pesqueira.

As persoas armadoras de embarcacións xa inscritas nas listas poden actualizar os méritos, o que pode levar, despois da aplicación do baremo, a unha modificación da puntuación.

A Resolución do 9.10.2007, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, establece o baremo que se aplicará para o acceso ás modalidades de recursos específicos nas embarcacións e para o incremento do número de cotas nas embarcacións xa incluídas nos plans de xestión.

Así pois, este novo contexto normativo, sumado á experiencia acumulada no proceso de valoración de solicitudes, fai aconsellable mellorar o procedemento e adaptalo aos preceptos normativos, así como que a valoración das actividades formativas sexa homoxénea e que as persoas interesadas coñezan de antemán cales son consideradas como méritos e a puntuación que lles corresponde. Por este motivo, recoñeceranse as actividades formativas consideradas como mérito para o baremo e desenvolverase un catálogo no cal se inscribirán e que será público.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, atribúe á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro as competencias da ordenación do marisqueo, o establecemento das condicións para o exercicio da actividade marisqueira e a conservación, protección e xestión sustentable dos recursos marisqueiros.

Así pois, de acordo con todo o anterior, após a consulta realizada co sector interesado,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o baremo, que figura como anexo I, que se aplicará para a valoración das solicitudes:

a) Obter as modalidades de recursos específicos no permiso de explotación, no marco dun plan de xestión.

b) Elaborar as listas para o incremento do número de cotas de captura para as embarcacións incluídas nun plan de xestión de recursos específicos así como para actualizar os méritos.

Segundo. Recoñecer as actividades formativas que serán consideradas como mérito no baremo para incluír as modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións segundo o anexo II desta resolución.

Terceiro. Deixar sen efecto a Resolución do 9.12.2007, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se modifica o baremo aplicable para o acceso á explotación dos recursos específicos.

Os procesos selectivos iniciados con anterioridade á publicación desta resolución rexeranse polo baremo aprobado pola Resolución do 9.12.2007, ata a súa resolución final.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira do Mar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2016

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

ANEXO I
Baremo para a acceder ás modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións, así como para elaborar e actualizar as listas para o incremento do número de cotas de captura para as embarcacións incluídas nun plan de xestión de recursos específicos

A. Criterios xerais.

1. O outorgamento da modalidade de recursos específicos farase en función da puntuación obtida despois de aplicar o baremo previsto na epígrafe B deste anexo. O baremo aplicarase cando o número de solicitantes sexa superior ao de prazas ofertadas.

2. O incremento do número de cotas nas embarcacións xa incluídas nos plans de xestión realizarase de acordo coa orde de prelación das embarcacións na lista elaborada pola xefatura territorial para o recurso específico correspondente resultante da aplicación do baremo previsto na epígrafe C deste anexo.

3. Con carácter xeral, tanto para o outorgamento como para o incremento, o número de cotas asignadas ás embarcacións estará en función das persoas que teñan enroladas, á vista do rol de despachos actualizado da embarcación coa dotación da tripulación enrolada nela e das certificacións profesionais de cada unha delas. En ningún caso poderá superarse o número máximo de prazas autorizadas.

Considerarase que o rol de despachos está actualizado á data en que a xefatura territorial comunique o emprego da lista para o incremento de cotas nas embarcacións ou á data da convocatoria do proceso selectivo, segundo corresponda.

4. O outorgamento de prazas quedará limitado ao número máximo de tripulantes autorizados/as pola Administración marítima.

5. Cando a embarcación sexa explotada por unha sociedade civil, mercantil ou conxuntamente por varias persoas armadoras, só poderá acreditar os méritos unha das persoas e será a mesma para todos os aspectos do baremo.

6. Non se puntuarán os méritos de formación e experiencia profesional cando a persoa ou algunha das persoas seleccionadas sexan armadoras ou propietarias doutras embarcacións que xa posúen as modalidades de marisqueo con vara ou de recursos específicos no permiso de explotación.

7. No suposto de embarcacións incluídas nas listas para o incremento do número de cotas cuxo permiso de explotación foi transmitido a outra persoa armadora, actualizaranse os méritos para a nova persoa armadora no momento en que se autorice a transmisión do permiso de explotación.

8. En caso de empate na puntuación obtida, resolverase por sorteo en presenza das persoas afectadas pola dita situación.

B. Baremo para selección de embarcacións que acceden ás modalidades de recursos específicos.

1. Experiencia profesional no sector da persoa armadora da embarcación.

A puntuación máxima que se poderá obter nesta epígrafe será de 3 puntos.

a) Ter sido titular dun permiso de explotación a pé para recursos específicos nos 2 anos anteriores á data da convocatoria: 1,5 puntos por ano completo.

Non se terá en conta este aspecto cando a perda do permiso de explotación fose como consecuencia de sanción en materia de protección dos recursos mariños ou incumprimento das prescricións ou requisitos establecidos no plan de xestión.

b) Ter estado enrolado/a como percebeiro/a (con acreditación) ou mergullador/a en embarcacións que contan coa modalidade do recurso específico de que se trate no seu permiso de explotación nos 2 anos anteriores á data da convocatoria: 0,13 puntos/mes completo sempre que a embarcación rexistrase actividade pesqueira e vendas para esa modalidade.

Non se computará o período de tempo en que a persoa armadora estivese en situación de incapacidade temporal.

2. Habitualidade da actividade pesqueira.

A puntuación máxima total que se poderá obter nesta epígrafe será de 3 puntos.

2.1. Vendas na lonxa ou centro de venda autorizado da embarcación.

Cando nos dous anos anteriores á data da convocatoria, o volume de vendas da embarcación teña un importe superior ao salario mínimo interprofesional para cada tripulante: 2 puntos.

Para os efectos de computar as vendas descontaranse só os períodos de tempo en que a embarcación estivo inactiva por causa de forza maior, e cando a/as persoa/s solicitante/s non fosen armadora/s da embarcación (segundo o permiso de explotación).

Para o cálculo do salario mínimo interprofesional terase en conta a información relativa ás vendas en lonxa ou centro de venda autorizado que conste en poder da consellería, así como o rol de despachos e dotación.

2.2. Período de actividade da embarcación (rexistro da actividade pesqueira).

Cando nos dous anos anteriores á convocatoria a embarcación rexistrase actividade pesqueira e teña asociadas vendas en lonxa ou centro de venda autorizado:

a) Por un período superior a 18 meses: 1 punto.

b) Por un período comprendido entre 6 e 18 meses: 0,5 puntos.

c) Por un período inferior a 6 meses: 0 puntos.

Non se terá en conta o período de tempo en que a/as persoa/s solicitante/s non fosen armadora/s da embarcación (segundo o permiso de explotación).

3. Antigüidade da embarcación nun porto base incluído no ámbito territorial das/s entidade/s titulares do plan de xestión.

Cando a embarcación teña un porto base incluído no ámbito territorial da entidade titular do plan de xestión durante un período de 2 anos anteriores, inmediatamente anteriores, á data da convocatoria, e sempre que durante todo este tempo as persoas solicitantes fosen armadoras da embarcación: 3 puntos.

Non se exclúen do anterior as persoas que estando asociadas á entidade titular do plan de xestión, a súa embarcación ten un porto base fóra do ámbito territorial da confraría, de acordo coa disposición transitoria única da Orde do 28.6.2004, pola que se regula a autorización de establecemento e cambio de porto base de buques.

4. Número de artes ou modalidades incluídas no permiso de explotación da embarcación na data da convocatoria:

1º. 1 arte/modalidade: 3 puntos.

2º. 2 artes/modalidades: 2 puntos.

3º. 3 artes/modalidades: 1 punto.

4º. 4 artes/modalidades: 0,5 puntos.

5. Formación da persoa armadora da embarcación.

A puntuación máxima total que poderá obter nesta epígrafe é de 3 puntos.

a) Actividades de formación (cursos, seminarios e xornadas ou asimiladas).

1º. Valoraranse as actividades que foron recoñecidas como mérito para acceder ás modalidades de recursos específicos e que figuran inscritas no catálogo de actividades formativas, de conformidade co establecido no anexo II.

2º. Non se computarán as seguintes titulacións ou certificados profesionais: mariñeiro-pescador, formación básica, certificado de mariscador/a, certificado de percebeiro/a e certificado para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.

3º. Cando unha actividade formativa teña varios niveis, só computará aquela que permita acadar a maior puntuación.

b) Titulación académica.

1º. Graduado/a en ESO ou equivalente: 0,15 puntos.

2º. Bacharel ou equivalente: 0,25 puntos.

3º. Diplomatura universitaria ou equivalente: 0,35 puntos.

4º. Licenciatura universitaria ou equivalente: 0,5 puntos.

Só se valorará a titulación académica superior. Para os efectos de equivalencia de titulación, só se admitirán as establecidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Ademais, engadirase 1 punto máis á valoración obtida na titulación académica cando a persoa solicitante posúa algunha titulación profesional regulada de acuicultura ou náutico-pesqueira, así como a formación non regulada, de patrón de pesca local, patrón costeiro polivalente e capitán de pesca.

6. Ter persoas enroladas do xénero feminino.

A puntuación máxima total que se poderá obter nesta epígrafe será de 2 puntos.

Por ter enroladas persoas de xénero feminino na embarcación nos 2 anos anteriores á data da convocatoria: 0,1 puntos/mes completo, sempre que a embarcación rexistrase actividade pesqueira e vendas.

Non se computará o período de tempo en que a persoa estivese en situación de incapacidade temporal.

C. Baremo para elaborar as listas e actualizar os méritos para o incremento do número de cotas de captura para as embarcacións incluídas nun plan de xestión de recursos específicos.

1. Embarcacións que só teñen unha cota de captura no plan de xestión: 5 puntos.

2. Experiencia profesional no sector da persoa armadora da embarcación:

A puntuación máxima total que se poderá obter nesta epígrafe será de 4 puntos.

Terase en conta que a persoa armadora estivese enrolada como percebeira (con acreditación) ou mergulladora en embarcacións que contan coa modalidade do recurso específico de que se trate nos 2 anos anteriores á data da convocatoria: 0,2 puntos/mes completo.

3. Habitualidade da actividade pesqueira.

A puntuación máxima total que se poderá obter nesta epígrafe será de 3 puntos.

a) Se a embarcación acredita ter realizado actividade extractiva entre 15-35 % dos días que foron efectivamente autorizados para a extracción dentro do plan de xestión do ano natural inmediatamente anterior: 1 punto.

b) Se a embarcación acredita ter realizado actividade extractiva entre 35,01-60 % dos días que foron efectivamente autorizados para a extracción dentro do plan de xestión do ano natural inmediatamente anterior: 2 puntos.

c) Se a embarcación acredita ter realizado actividade extractiva superior a un 60,01 % dos días que foron efectivamente autorizados para a extracción dentro do plan de xestión do ano natural inmediatamente anterior: 3 puntos.

Para comprobar este aspecto considerarase a información relativa ás vendas realizadas e rexistros de actividade pesqueira que conste en poder da Consellería do Mar, así como o rol de despachos e tripulación.

Para os efectos de calcular as puntuacións e porcentaxes a que se fai mención, descontarase do período autorizado o tempo durante o que a embarcación permanecese inactiva por causa debidamente xustificada.

ANEXO II
Recoñecemento das actividades formativas como mérito no baremo

1. As actividades formativas (cursos, seminarios, xornadas ou asimiladas) que pretendan ser consideradas como mérito no baremo para obter a modalidade de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación deberán ter contidos nas seguintes materias:

a) Asociacionismo e fórmulas organizativas. Cooperativismo.

b) Habilidades sociais.

c) Habilidades de dirección e negociación. Xestión de organizacións. Responsabilidade social.

d) Lexislación pesqueira, marisqueira e acuícola.

e) Cultivos e xestión das especies de interese marisqueiro en Galicia.

f) Comercialización de produtos pesqueiros.

g) Informática para a xestión das organizacións.

h) Manipulación de produtos pesqueiros frescos.

i) Prevención de riscos laborais no sector pesqueiro e dos recursos específicos.

j) Turismo mariñeiro.

As actividades formativas, segundo a forma de participación, poden ser presenciais, en rede (mediante ferramentas electrónicas) ou mixtas.

2. As actividades formativas recoñecidas como mérito poderán ser:

a) As realizadas pola consellería competente en materia de marisqueo inscritas no catálogo de actividades formativas.

b) As promovidas por outras entidades ou institucións, tanto públicas como privadas, sen ánimo de lucro, que sexan recoñecidas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

As entidades privadas deberán ter entre os seus obxectivos específicos ou estatutarios a realización de actividades formativas, así como expresar que non teñen ánimo de lucro.

3. Requisitos para o recoñecemento das actividades formativas pola consellería competente en materia de marisqueo:

a) A persoa ou entidade interesada no recoñecemento deberá presentar ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a documentación acreditativa da dita actividade. No caso de entidades, a documentación incluirá unha memoria, informe ou programa de cada actividade e, no caso de persoas físicas, será un certificado acreditativo de participación.

Poderán recoñecerse de oficio as actividades formativas realizadas polas administracións, entidades do sector público e corporacións de dereito público.

b) As actividades serán susceptibles de recoñecemento segundo estableza o servizo con competencias en ensinanzas marítimo-pesqueiras, que en calquera momento poderá solicitar á persoa interesada a información necesaria para avaliar a actividade que pretenda ser recoñecida.

c) As actividades de formación que pretendan ser recoñecidas deberán vir expresadas en horas e aquelas que teñan menos de oito horas non serán computables nin poderán acumularse.

d) Nas actividades que se pretendan recoñecer deberán realizarase controis de asistencia.

e) Non se recoñecerán como actividades formativas as accións conducentes á obtención dunha titulación académica.

f) Os certificados acreditativos da participación en actividades formativas constarán dos seguintes datos:

1º. Institución ou entidade organizadora da actividade.

2º. Nome e cargo de quen expide a certificación en representación da institución ou entidade organizadora.

3º. Nome, apelidos e DNI da persoa a que se lle vai facer o certificado.

4º. Denominación da actividade.

5º. Lugar e datas de realización.

6º. Número de horas de duración.

7º. Lugar e data de expedición do certificado.

8º. Sinatura e selo.

Só se aceptarán os certificados que acrediten a superación íntegra da actividade. Non se aceptarán certificacións parciais.

4. Catálogo.

a) Todas as actividades formativas que se recoñezan como mérito no baremo para incluír as modalidades de recursos específicos no permiso de explotación se inscribirán nun catálogo.

b) O catálogo de actividades formativas dependerá da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e será responsable do seu mantemento o servizo con atribucións en ensinanzas marítimo-pesqueiras.

c) O catálogo poderá ser consultado na páxina web http://www.xunta.gal/mar e será actualizado cando se recoñezan novas actividades formativas.