Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 13 de maio de 2016 Páx. 18425

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se aproba o baremo para obter o permiso de explotación a pé para recursos específicos.

O Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, regula no seu capítulo IV o permiso de explotación para os recursos específicos.

A Orde do 30 de decembro de 2015, pola que se regula a explotación dos recursos específicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, na sección 1ª do capítulo II, define os requisitos e o procedemento para a obtención do permiso de explotación a pé para recursos específicos.

Así, o artigo 11 determina que a selección das solicitudes para obter o permiso de explotación a pé para recursos específicos estará suxeito ao baremo establecido pola resolución da dirección xeral competente en materia de marisqueo. O dito baremo terá en conta, cando menos, os seguintes criterios: estar en situación de demandante de emprego, formación, experiencia profesional e o empadroamento nun concello situado no ámbito territorial das entidades titulares do plan de xestión en que está prevista a incorporación.

A Resolución do 26.12.2008, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, establece o baremo que se aplicará para o acceso ao permiso de explotación a pé para recursos específicos, resolución que foi ditada en consonancia coa Orde do 31.5.1995 e a Orde do 6.3.2000 e que acaban de ser derrogadas, parcialmente a primeira e na súa totalidade a segunda.

Así pois, este novo contexto normativo, sumado á experiencia acumulada no proceso de valoración de solicitudes, fai aconsellable mellorar o procedemento e adaptalo aos preceptos normativos, así como que a valoración das actividades formativas sexa homoxénea e que as persoas interesadas coñezan de antemán cales son consideradas como méritos e a puntuación que lles corresponde. Por este motivo, recoñeceranse as actividades formativas consideradas como mérito para o baremo e desenvolverase un catálogo no cal se inscribirán, e que será público.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, atribúe á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro as competencias da ordenación do marisqueo, o establecemento das condicións para o exercicio da actividade marisqueira e a conservación, protección e xestión sustentable dos recursos marisqueiros.

Así pois, de acordo con todo o anterior, despois da consulta realizada co sector interesado,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o baremo para a valoración das solicitudes para obter o permiso de explotación a pé para recursos específicos que figura como anexo I desta resolución.

Segundo. Recoñecer as actividades formativas que serán consideradas como mérito no baremo para obter o permiso de explotación a pé para recursos específicos segundo o anexo II desta resolución.

Terceiro. Deixar sen efecto a Resolución do 26.12.2008, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se modifican os baremos aplicables para o acceso ao permiso de explotación para o marisqueo a pé e para o permiso de explotación a pé para recursos específicos.

Os procesos selectivos iniciados con anterioridade á publicación desta resolución rexeranse polo baremo aprobado pola Resolución do 26.12.2008, ata a súa resolución final.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira do Mar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2016

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

ANEXO I
Baremo para a valoración das solicitudes para obter o permiso de explotación
a pé para recursos específicos

1. Estar en situación de demandante de emprego.

A puntuación máxima total que se poderá obter nesta epígrafe será de 3 puntos.

Polo tempo transcorrido como desempregado/a, debidamente acreditado e sempre que sexa demandante de emprego (non mellora de emprego): 0,25 puntos por mes completo durante un tempo máximo de 1 ano anterior á data da convocatoria.

2. Formación.

A puntuación máxima que se poderá obter nesta epígrafe será de 3 puntos.

Nesta epígrafe computaranse as actividades de formación realizadas pola persoa interesada e a titulación académica que posúa.

a) Actividades de formación (cursos, seminarios e xornadas ou asimiladas).

1º. Valoraranse as actividades recoñecidas como mérito para acceder ao permiso de explotación a pé para recursos específicos que estean inscritas no catálogo de actividades formativas, segundo o establecido no anexo II.

2º. Cando unha actividade formativa teña varios niveis, só computará aquela que permita acadar a maior puntuación.

3º. Os certificados de mariscador/a e percebeiro/a non serán puntuables.

b) Titulación académica.

1º. Graduado/a en ESO ou equivalente: 0,15 puntos.

2º. Bacharel ou equivalente: 0,25 puntos.

3º. Diplomatura universitaria ou equivalente: 0,35 puntos.

4º. Licenciatura universitaria ou equivalente: 0,5 puntos.

Só se valorará a titulación académica superior. Para os efectos de equivalencia de titulación, só se admitirán as establecidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Ademais, cando a persoa solicitante posúa algunha titulación profesional regulada de acuicultura, engadiráselle 1 punto máis á valoración obtida na titulación académica.

3. Experiencia profesional na extracción de recursos mariños.

A puntuación máxima total que se poderá obter nesta epígrafe será de 2 puntos.

a) Ter sido titular dun permiso de explotación a pé para recursos específicos nos 2 anos anteriores á data da convocatoria: 1 punto por ano completo.

b) Ter sido titular dun permiso de explotación para marisqueo a pé nos 2 anos anteriores á data da convocatoria: 0,5 puntos por ano completo.

Non se terán en conta os aspectos recollidos nas letras a) e b) cando a perda dos permisos de explotación fose como consecuencia de sanción en materia de protección dos recursos mariños ou incumprimento das prescricións ou requisitos establecidos no plan de xestión.

c) Ter estado enrolado/a como percebeiro/a (con acreditación) ou mergullador/a en embarcacións que contan coa modalidade do recurso específico do que se trate no seu permiso de explotación nos 2 anos anteriores á data da convocatoria: 0,04 puntos/mes completo sempre que a embarcación rexistrase actividade pesqueira e vendas para esa modalidade.

4. Empadroamento nun concello situado no ámbito territorial das entidades titulares do plan de xestión en que está prevista a incorporación, durante un período mínimo de 1 ano anterior á data da convocatoria: 2 puntos.

5. En caso de empate na puntuación obtida, resolverase mediante sorteo en presenza das persoas afectadas pola dita situación.

ANEXO II
Recoñecemento das actividades formativas como mérito no baremo

1. As actividades formativas (cursos, seminarios, xornadas ou asimiladas) que pretendan ser consideradas como mérito no baremo para obter o permiso de explotación a pé para recursos específicos deberán ter contidos nas seguintes materias:

a) Asociacionismo e fórmulas organizativas. Cooperativismo.

b) Habilidades sociais.

c) Habilidades de dirección e negociación. Xestión de organizacións. Responsabilidade social.

d) Lexislación pesqueira, marisqueira e acuícola.

e) Cultivos e xestión das especies de interese marisqueiro en Galicia.

f) Comercialización de produtos pesqueiros.

g) Informática para a xestión das organizacións.

h) Manipulación de produtos pesqueiros frescos.

i) Prevención de riscos laborais no sector dos recursos específicos.

j) Turismo mariñeiro.

As actividades formativas, segundo a forma de participación, poden ser presenciais, en rede (mediante ferramentas electrónicas) ou mixtas.

2. As actividades formativas recoñecidas como mérito poderán ser:

a) As realizadas pola consellería competente en materia de marisqueo inscritas no catálogo de actividades formativas.

b) As promovidas por outras entidades ou institucións, tanto públicas como privadas, sen ánimo de lucro, que sexan recoñecidas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

As entidades privadas deberán ter entre os seus obxectivos específicos ou estatutarios a realización de actividades formativas, así como expresar que non teñen ánimo de lucro.

3. Requisitos para o recoñecemento das actividades formativas pola consellería competente en materia de marisqueo:

a) A persoa ou entidade interesada no recoñecemento deberá achegar ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a documentación acreditativa da dita actividade. No caso de entidades, a documentación incluirá unha memoria, informe ou programa de cada actividade e, no caso de persoas físicas, será un certificado acreditativo de participación.

Poderán recoñecerse de oficio as actividades formativas realizadas polas administracións, entidades do sector público e corporacións de dereito público.

b) As actividades serán susceptibles de recoñecemento segundo estableza o servizo con competencias en ensinanzas marítimo-pesqueiras, que en calquera momento poderá solicitar á persoa interesada a información necesaria para avaliar a actividade que pretenda ser recoñecida.

c) As actividades de formación que pretendan ser recoñecidas deberán vir expresadas en horas e aquelas que teñan menos de oito horas non serán computables nin poderán acumularse.

d) Nas actividades que se pretendan recoñecer, deberán realizarase controis de asistencia.

e) Non se recoñecerán como actividades formativas as accións conducentes á obtención dunha titulación académica.

f) Os certificados acreditativos da participación en actividades formativas constarán dos seguintes datos:

1º. Institución ou entidade organizadora da actividade.

2º. Nome e cargo de quen expide a certificación en representación da institución ou entidade organizadora.

3º. Nome, apelidos e DNI da persoa a que se lle vai facer o certificado.

4º. Denominación da actividade.

5º. Lugar e datas de realización.

6º. Número de horas de duración.

7º. Lugar e data de expedición do certificado.

8º. Sinatura e selo.

Só se aceptarán os certificados que acrediten a superación íntegra da actividade. Non se aceptarán certificacións parciais.

4. Catálogo.

a) Todas as actividades formativas que se recoñezan como mérito no baremo para obter o permiso de explotación a pé para recursos específicos se inscribirán nun catálogo.

b) O catálogo de actividades formativas dependerá da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e será responsable do seu mantemento ou servizo con atribucións en ensinanzas marítimo-pesqueiras.

c) O catálogo poderá ser consultado na páxina web http://www.xunta.gal/mar e será actualizado cando se recoñezan novas actividades formativas.