Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 13 de maio de 2016 Páx. 18432

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2016 pola que se convoca unha xornada sobre a calidade e innovación, o camiño para reducir custos e incertezas no proceso construtivo.

Conforme os fins que lle encomenda a Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, a EGAP, en colaboración coa Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., convoca unha xornada sobre a calidade e innovación, o camiño para reducir custos e incertezas no proceso construtivo, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

Entre os obxectivos principais desta xornada podemos destacar os seguintes:

– Reducir os custos na cimentación empregando técnicas innovadoras na realización do estudo xeotécnico. Falarase primeiro das exixencias ditadas no CTE en canto ao estudo xeotécnico, para, a seguir, expor as ferramentas que permiten mellorar a tensión admisible no caso das edificacións novas ou rehabilitacións.

– Deseñar a cimentación do edificio en fase de redacción do proxecto para prever e reducir a radioactividade natural nas vivendas en zonas proclives. Exporanse as ferramentas de medición e control que se realizarán no momento da execución do estudo xeotécnico e informarase da lexislación vixente e futura ao respecto.

– Explicar e fomentar as técnicas que existen na actualidade para avaliar o estado das edificacións e as súas patoloxías. Trataranse desde ferramentas para analizar o estado das estruturas ata outras para estudar a envolvente e a eficiencia enerxética do edificio. Así mesmo, comentarase o que dispón ao respecto a vixente Instrución EHE-08, CTE e demais regulamentación. Ademais, abordaranse as axudas da Administración para a mellora da eficiencia enerxética.

2. Contidos.

Trataranse, entre outros, os seguintes temas:

– Optimización da cimentación a través do estudo xeotécnico adecuado. Exemplos de aforro.

– Mellora da salubridade das vivendas e o control da radioactividade natural.

– Ferramentas á disposición da Administración e das D.O. para avaliar o estado das edificacións. Axudas da Administración para a mellora da eficiencia enerxética.

3. Destinatarios.

Arquitectos, arquitectos técnicos e técnicos en xeral das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, salón de actos, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 27 de maio de 2016.

Horario: mañá.

Duración: 4 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 25 de maio de 2016.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41/54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada expediráselles un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública