Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 13 de maio de 2016 Páx. 18435

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2016 pola que se convoca un curso monográfico sobre o estado actual e futuro do urbanismo.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) ten encomendada a función de control e disciplina urbanística na Comunidade Autónoma de Galicia. Para levar a cabo este labor, a APLU intenta realizar accións formativas de interese xeral tanto para os profesionais na materia urbanística coma para a cidadanía en xeral, co propósito de que as medidas para loitar e evitar os ilícitos urbanísticos non sexan só represivas senón tamén preventivas, cumprindo a formación e difusión unha das nosas principais liñas de acción.

Neste senso, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), a APLU, a Dirección Xeral de Administración Local e o Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público organizan este curso, que se desenvolverá en Santiago de Compostela os días 6 e 7 de xuño de 2016, no cal se contará con expertos de recoñecido prestixio nesta materia.

Así, dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase un curso monográfico sobre o estado actual e futuro do urbanismo, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Proporcionarlles aos destinatarios un espazo de reflexión sobre a situación actual do noso modelo urbanístico, os seus problemas, conflitos e posibles solucións. Así mesmo, preténdese ter unha visión de conxunto sobre solucións da nosa contorna comunitaria ante os principais problemas urbanísticos, afondando e debatendo sobre as súas consecuencias. Neste senso, co obxectivo de analizar a cuestión desde unha perspectiva global, contarase con expertos dos ámbitos académico, xudicial e administrativo, coa finalidade de que cada un deles achegue as súas experiencias e coñecementos, intentando entre todos propor posibles melloras para que sexan adoptadas nas actuacións futuras de cara á consecución dun urbanismo sustentable.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A nova lexislación estatal en materia do solo e a súa integración na lexislación autonómica.

– A rehabilitación, rexeneración e renovación urbana en Galicia.

– A incidencia das leis de transparencia no urbanismo.

– As comunicacións previas e declaracións responsables. Problemas de aplicación.

– Unha visión xudicial do urbanismo: a necesidade de abordar un cambio.

– A execución de sentenzas de derrubamento en materia de urbanismo. Causas de imposiblidade legal e material.

– Unha perspectiva doutras comunidades autónomas, particularmente o réxime asimilable ao fóra de ordenación e o cumprimento por equivalencia na normativa andaluza.

– A crise do urbanismo.

– O urbanismo en países da nosa contorna. Alternativas ao modelo español.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

Este curso valorarase con 0,10 puntos a aqueles/as alumnos/as que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamiento da Administración local, en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994; da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se corrixen erros na Resolución do 26 de outubro de 1994, e consonte o establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo).

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 6 e 7 de xuño do 2016.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 18 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/ .

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 1 de xuño de 2016.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do curso e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública