Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 16 de maio de 2016 Páx. 18896

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2016, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na terra para residentes no exterior, durante o ano 2016.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual de maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola que se convoca e se regula o programa de viaxe a Galicia Reencontros na terra, que permite a persoas emigrantes galegas de 65 anos ou máis, residentes en América e con baixos recursos económicos, reencontrarse coa terra que os viu nacer.

En virtude do exposto, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa Reencontros na terra para o ano 2016, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía nunha residencia e posteriormente coas súas familias, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

As axudas consistirán no financiamento do custo da viaxe, de ida e volta, desde os seus países de residencia ata Galicia e da estadía en residencia das persoas emigrantes galegas que carezan de recursos.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as ditas axudas para o ano 2016.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galego.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos.

1.4. Ter, cando menos, 65 anos feitos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Non ter participado nos últimos 15 anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.

1.6. Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.

1.7. Ter ingresos inferiores a 1,5 veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.

2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre e cando estas residan en América e cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.5 e 1.6, e acheguen a documentación xustificativa.

3. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

4. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 3. Características do programa

1. As viaxes serán de ida desde o país de residencia habitual da persoa solicitante ata un aeroporto de Galicia e de retorno ao dito país.

2. As persoas participantes residirán durante 14 días nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

3. Serán por conta das persoas participantes que desexen prorrogar a súa estadía en Galicia todos os gastos durante o tempo que permanezan coa súa familia, unha vez finalizada a estadía no establecemento residencial, ata completar un período aproximado de 30, 60 ou 90 días desde a súa chegada a Galicia.

4. A prestación da asistencia sanitaria das persoas beneficiarias realizarase de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado español e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Prazas convocadas e datas de realización

1. Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países, queda fixada para o ano 2016 do seguinte xeito:

Países Nº de prazas

Arxentina: 77

Brasil: 9

Cuba: 5

Uruguai: 32

Venezuela: 9

Resto de América 3

Total: 135

O número de prazas inicialmente previsto para os distintos países podería variar para adaptalo aos termos económicos previstos no correspondente contrato de servizos.

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25 % do total das 135 indicadas, poderanse distribuír proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación coas prazas ofertadas.

2. Datas de realización.

As persoas beneficiarias deste programa viaxarán a Galicia preferentemente no mes de outubro.

Artigo 5. Financiamento, achegas económicas e compatibilidade das axudas

1. Financiamento.

As subvencións do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Achegas económicas.

2.1. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da viaxe das persoas beneficiarias desde os lugares de partida fixados pola Secretaría Xeral en América ata o lugar de destino designado en Galicia, así como das actividades socioculturais que se realizarán durante a estadía nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

2.2. A Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica colaborará neste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias e das persoas responsables das actividades socioculturais todos os servizos de aloxamento e manutención, durante un período máximo de 14 días, nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

3. Compatibilidade.

As axudas reguladas nesta resolución son compatibles con calquera outra axuda que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

As entidades colaboradoras no exterior deberanlle remitir á Secretaría Xeral da Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo dos dous días seguintes ao remate do prazo de presentación. Este prazo soamente será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O modelo normalizado de solicitude tamén poderá obterse na páxina web: http://emigracion.xunta.es.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta (40) días contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 8. Documentación

1. Documentación relativa á persoa solicitante:

Xunto coa solicitude, a persoa solicitante deberá achegar a seguinte documentación:

a) A documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:

DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, os seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o resto, o pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade da persoa solicitante ou unha certificación consular da persoa solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.

b) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia.

c) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

d) Nos países en que exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, unha copia da última declaración presentada pola persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar. No caso de que non estivesen obrigados a realizala, unha xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar.

e) Nos países en que non exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar.

f) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II, conforme a persoa solicitante é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

g) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

h) Documento en que conste se a persoa solicitante é beneficiaria das prestacións económicas por ancianidade do Estado español. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado no punto 2 do artigo 11.

i) Unha fotografía recente, tamaño carné.

j) Consentimento, segundo o modelo do anexo V, asinado polos familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que as persoas que así o indiquen na súa solicitude poidan residir con eles durante a súa estadía en Galicia, logo de rematar a convivencia no centro residencial dependente da Xunta de Galicia.

2. Documentación relativa á persoa acompañante:

No suposto de que a persoa solicitante desexe vir acompañada da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, esta deberá presentar, debidamente cuberto, o anexo III xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade:

DNI da persoa cónxuxe acompañante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, os seus datos de identidade, segundo o modelo que consta no anexo III. Para o resto, o pasaporte en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia en América.

c) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo IV, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

d) Unha fotografía recente, tamaño carné.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 9. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de cinco meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Crearase un órgano colexiado que valorará as solicitudes non avaliadas nos diferentes países e que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da valoración das diferentes comisións de avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai crearanse comisións de avaliación propias, presididas polas persoas titulares das respectivas delegacións da Xunta de Galicia. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela, á vista do número de solicitudes presentadas, poderanse crear comisións de avaliación, presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por persoal técnico das delegacións e, de ser o caso, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes.

5. Unha vez que finalice o prazo de presentación de solicitudes e que se comprobe que estas e o resto da documentación reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaborarase a lista provisional de solicitudes admitidas, excluídas e incompletas con indicación, se é o caso, das causas de exclusión e a documentación que hai que completar. Estas listas publicaranse, no prazo máximo de 90 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nos das entidades colaboradoras citadas no artigo 6.

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web http://emigracion.xunta.es para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidos da súa petición, e procederase ao seu arquivamento nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido este prazo elaborarase a lista definitiva de solicitudes admitidas e excluídas que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es) e tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nas entidades colaboradoras citadas no artigo 6.

6. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considerase, poderá encargar informes socioambientais, realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos presentados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na valoración das correspondentes solicitudes.

7. Posteriormente, o órgano colexiado indicado no punto 3 elaborará unha proposta de concesión que o órgano instrutor presentará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para a súa resolución.

8. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións e publicará na páxina web http://emigracion.xunta.es a relación de persoas beneficiarias e as reservas.

9. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

10. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos no artigo 8, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias. Incluirá, igualmente, as sancións que puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 11. Criterios de selección

1. En primeiro lugar, seleccionaranse as persoas solicitantes que non participasen con anterioridade en programas de viaxes desta secretaría xeral.

2. En segundo lugar, terán preferencia aquelas persoas solicitantes que sexan beneficiarias das prestacións económicas por ancianidade.

3. En terceiro lugar, terán preferencia aquelas persoas solicitantes que teñan a idade máis avanzada.

No caso de quedaren prazas vacantes unha vez aplicados os criterios anteriores, teranse en conta as persoas solicitantes que xa participasen en edicións anteriores. Neste caso, a orde de preferencia virá determinada polo maior tempo que leven sen participar neste programa. Dentro do grupo de persoas que participaron no mesmo ano, a orde de preferencia virá determinada pola maior idade.

No caso de empate en calquera dos puntos anteriores, este desfarase pola orde alfabética do primeiro apelido das persoas candidatas, empezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

4. A selección dunha persoa solicitante comportará a da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre que esta presentase a súa solicitude e reúna os requisitos establecidos no punto 2 do artigo 2.

5. Seguindo os puntos 1, 2 e 3 anteriores ordenaranse as solicitudes admitidas, que darán lugar ás listas de persoas seleccionadas e reservas de acordo co número de prazas asignadas a cada país no artigo 4.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias, control e seguimento

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lles corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa; neste caso a secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

5. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración, así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita Lei 9/2007.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion@xunta.es.

Artigo 14. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2016

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file