Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 3 de xuño de 2016 Páx. 22018

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 20 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) e para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 307860.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das subvencións obxecto da presente orde os grupos operativos da AEI constituídos para os efectos do desenvolvemento dun proxecto innovador. Segundo a redacción do artigo 35 do Regulamento 1305/2013, do 17 de decembro, na iniciativa de cooperación deberán intervir, como mínimo, dous axentes. Os grupos operativos estarán formados, polo menos, por unha entidade relacionada coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector. Terá preferencia a participación dun centro de innovación ou tecnolóxico de natureza pública ou privada.

Poderán acceder tamén:

a) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.

b) Entidades asesoras na conservación ou no uso sustentables dos recursos naturais.

c) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.

2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións obxecto da presente orde:

a) Organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura e/ou silvicultura.

b) Empresas ou industrias transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais dos beneficiarios regulados no punto 2, os axentes cooperantes. Poderán adquirir tal condición as seguintes entidades:

a) Produtores do sector agroforestal e as súas asociacións e outras organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria.

b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación da comunidade autónoma.

c) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.

d) Entidades asesoras na conservación ou no uso sustentables dos recursos naturais.

e) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións para a execución de proxectos de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas, e para a realización de accións de cooperación para a implantación de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal, e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2016.

En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) e para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Importe

O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 13.02.561A.770.0, código de proxecto 201600217, por un valor total de 3.297.023,08 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 2.153.019,08 euros en 2016 e 1.144.004,00 euros en 2017. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, haberá a seguinte distribución para cada unha das dúas modalidades de axuda:

a) Axudas para a execución de proxectos de grupos operativos (GO) da Asociación Europea da Innovación (AEI), baixo a submedida 16.12, en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola e forestal, por un importe de 1.648.511,54 euros, repartidos en 1.076.509,54 euros para o ano 2016 e 572.002,00 euros para o ano 2017.

b) Axudas para a implantación de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal, baixo a submedida 16.20, por un importe de 1.648.511,54 euros, repartidos en 1.076.509,54 euros para o ano 2016 e 572.002,00 euros para o ano 2017.

A determinación da contía das axudas realizarase en función do número de solicitudes presentadas e da dispoñibilidade orzamentaria, de acordo cos criterios de priorización que se establecen nas bases reguladoras. Teranse en conta os importes seguintes por liña de axuda:

a) As axudas á execución de proxectos de grupos operativos da AEI será do 100 % dos custos subvencionables. Establécese un importe máximo por solicitude de 200.000 euros e un importe mínimo por solicitude de 12.000 euros.

b) A intensidade da axuda aos proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías será do 80 % dos gastos subvencionables. Para o cálculo dos importes das axudas estableceranse custos de referencia con límites máximos admisibles para algúns tipos de gastos, en particular para os relativos á adquisición ou mellora de bens de equipamento e funxibles.

A contía máxima subvencionada en cada iniciativa de cooperación será de 200.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2016

Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural