Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 7 de xuño de 2016 Páx. 22777

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (BEGASA) as autorizacións administrativas previa e de construción do proxecto denominado SE O Ceao 132/20 kV-ampliación do parque de 20 kV, situado no termo municipal de Lugo (expediente IN407A 2015/88-2, 8281 AT).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa), con enderezo para os efectos de notificación na rúa A, parcela U2, do parque empresarial As Gándaras, 27003 Lugo, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 4.4.2014 esta dirección xeral ditou resolución pola que se autorizou administrativamente e se aprobou o proxecto de execución da instalación eléctrica denominada subestación O Ceao-conexión trafo 1 132/20 kV e ampliación celas 20 kV, situada no termo municipal de Lugo e promovida por Begasa (expediente IN407A 2014/8-2, 8145 AT). O alcance da ampliación da citada subestación é o seguinte:

– Intemperie: conexión dun novo transformador de potencia 132/20 kV de 30 MVA, denominado T1 (máquina existente actualmente na instalación, polo que unicamente se procederá á súa conexión ao sistema).

– Interior: apertura de ocos no forxado do edificio para o paso dos respectivos cables cara ás celas de nova instalación; instalación de 8 novas cabinas (6 de liña, 1 de transformador e 1 de medida) de 20 kV, e cableado de novas celas, alimentación en CC e tendido FO.

Con respecto a esta instalación eléctrica, o 18.5.2015 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, Xefatura Territorial) ditou resolución pola que se denegou a súa posta en servizo, á vista do informe definitivo e desfavorable emitido o 21.1.2015 polos seus servizos técnicos.

Segundo. O 28.9.2015 a empresa Begasa, para os efectos de emendar as deficiencias que impediron a autorización da posta en servizo da citada instalación eléctrica (á cal se fai referencia no antecedente de feito anterior), presentou ante a Xefatura Territorial a solicitude de autorización administrativa previa e de construción dun novo proxecto de ampliación da citada subestación do Ceao, que substitúe o proxecto aprobado baixo o número de expediente IN4072014/8-2, 8145 AT.

Esta solicitude, a que a Xefatura Territorial lle asignou o número de expediente IN407A 2015/88-2, 8281 AT), vai acompañada da seguinte documentación:

– O proxecto de execución titulado SE O Ceao 132/20 kV-ampliación do parque de 20 kV, asinado polo enxeñeiro industrial José María Garayo Rodríguez (colexiado nº 13.411 do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado co nº 201503290 e data do 9.9.2015; no cal figura un orzamento de 225.242,05 €.

– A declaración responsable, asinada polo proxectista con data do 28.7.2015, na cal se fai constar que o proxecto cumpre con toda a normativa que lle é de aplicación, de conformidade co exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e da Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria.

Segundo consta neste novo proxecto de execución, o seu obxecto consiste na ampliación da subestación do Ceao con oito novas celas de 20 kV, blindadas e con illamento en SF6, cuxa instalación implicará a realización dos seguintes traballos:

– Montaxe das 8 novas cabinas de 20 kV (6 posicións de liña, 1 posición de transformador e 1 posición de medida).

– Desconexión dos cables de potencia de media tensión da cela da subestación móbil correspondente e conexión á nova cela montada.

– Cableado das novas celas, alimentación en corrente continua e corrente alterna e tendido de fibra óptica.

– Posta en servizo de cada posición.

Terceiro. O 25.1.2016 a Xefatura Territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorizacións administrativas previa e de construción deste novo proxecto de ampliación da subestación do Ceao (expediente IN407A 2015/88-2, 8281 AT), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 3.2.2016 e no Boletín Oficial da provincia do 6.2.2016.

Durante o período en que o devandito proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19.2.2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) as autorizacións administrativas previa e de construción do proxecto denominado SE O Ceao 132/20 kV-ampliación do parque de 20 kV, situado no termo municipal de Lugo (expediente IN407A 2015/88-2, 8281 AT).

2. Revogar a Resolución do 4.4.2014 desta dirección xeral pola que se autorizou administrativamente e se aprobou o proxecto de execución da instalación eléctrica denominada subestación O Ceao-conexión trafo 1 132/20 kV e ampliación celas 20 kV, situada no termo municipal de Lugo e promovida por Begasa (expediente IN407A 2014/8-2, 8145 AT).

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Begasa, titulado SE O Ceao 132/20 kV-ampliación do parque de 20 kV, asinado polo enxeñeiro industrial José María Garayo Rodríguez (colexiado nº 13.411 do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado co nº 201503290 e data do 9.9.2015; e no que figura un orzamento de 225.242,05 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberá cumprirse canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a Xefatura Territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas