Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 8 de xuño de 2016 Páx. 23284

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública dunha instalación de distribución eléctrica no concello das Pontes de García Rodríguez (expediente IN407A 2015/198-1).

Expediente: IN407A 2015/198-1.

Promotor: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Instalación: LMT, CTI e RBT Casilla do Bañal.

Concello: As Pontes de García Rodríguez.

Feitos.

1. O 14.7.2015 o promotor solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. Características técnicas:

– Liña eléctrica de media tensión aérea a CT Casilla do Bañal, a 20 kV, cunha lonxitude de 0,529 km, coa orixe en apoio de formigón existente nº 57 da LMTA MOL-825 (expediente 32140), condutor tipo LA-56 mm2 e final no CT Casilla do Bañal (proxectado).

– Centro de transformación intemperie Casilla do Bañal, cunha potencia de 50 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución información pública: 9.9.2015.

– DOG: 5.10.2015.

– BOP: 22.9.2015.

– Xornal La Voz de Galicia: 17.11.2015.

– Taboleiro de anuncios do concello: dilixencia municipal do 4.2.2016.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

4. Durante o período durante o cal someteu ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

– Ermitas Barro Castro (predio nº 3), mediante escrito recibido o 5 de outubro de 2015, solicita que se proceda a trazar un itinerario alternativo ao paso da liña eléctrica proxectada alegando en síntese o gran prexuízo económico que pode orixinar a instalación da liña eléctrica á viabilidade da súa explotación gandeira.

– Josefa Antonia Dopico Copico (predios 5 e 7), mediante escrito recibido o 5 de outubro de 2015, solicita que se proceda a trazar un itinerario alternativo ao paso da liña eléctrica proxectada alegando en síntese o gran prexuízo económico que pode orixinar a instalación da liña eléctrica á viabilidade da súa explotación gandeira.

– José Dopico Chao (predio 8), mediante escrito recibido o 5 de outubro de 2015, solicita que se proceda a trazar un itinerario alternativo ao paso da liña eléctrica proxectada alegando en síntese o gran prexuízo económico que pode orixinar a instalación da liña eléctrica á viabilidade da súa explotación gandeira.

Destas alegacións déuselle traslado ao promotor, que contestou:

– Escrito recibido o 29 de outubro de 2015, no cal se valoran as alegacións presentadas por Ermitas Barro Castro (predio nº 3), Josefa Antonia Dopico Dopico (predios 5 e 7) e José Dopico Chao (predio 8) e no cal manifesta o seguinte:

Primeiro. Sinalan os interesados que a liña eléctrica que se proxecta afectará o valor económico das súas parcelas. Por iso na normativa que regula os trámites en materia de expropiación forzosa se prevé que os bens e dereitos afectados deberán ser valorados e indemnizados con prezo xusto, que compensa os prexuízos ocasionados sobre os predios afectados. Será establecido no seu momento polo Xurado de Expropiación de Galicia, que tomará en consideración as follas de valoración que tanto a parte expropiada como esta beneficiaria presenten na defensa dos seus lexítimos intereses.

Segundo. Ben que é certo que a superficie afectada pola servidume de paso de enerxía eléctrica aérea non pode ser destinada a un hipotético aproveitamento forestal que non se está a realizar, nesta superficie poderase seguir realizando sen restrición algunha das tarefas que na actualidade se veñen realizando, como o pasto arbusto, o cultivo de forraxe ou o pastoreo. Mesmo recoñece o artigo 162 de Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, que a servidume de paso de enerxía eléctrica non lle impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade. Entenderase que a servidume foi respectada cando a cerca, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte o contido desta e a seguridade da instalación, persoas ou bens de acordo co citado real decreto. En todo, e para as liñas eléctricas aéreas, queda limitada a plantación de árbores e prohibida a construción de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condiciones máis desfavorables, incrementada coas distancias regulamentarias a ambos os lados da dita proxección.

Terceiro. No que respecta ao alegado sobre os efectos prexudiciais dos campos electromagnéticos para a saúde das persoas ou animais, debemos sinalar que as instalacións eléctricas proxectadas cumpren toda a normativa e regulamentación que en materia de seguridade lles pode ser aplicada, ao cal engadimos que con este tipo de instalacións non se alcanzan os niveis establecidos na Recomendación do Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea 1999/519/CE, do 12 de xullo, relativa á exposición ao público en xeral a campos electromagnéticos de 0 Hz a 300 GHz.

Atendendo a esta recomendación, podemos citar a sentenza do Tribunal Supremo de 19/02/201 (ROX: STS 738/2010), na cal se menciona que: «a absoluta proba da inocuidade de calquera produto e, en termos científicos, practicamente imposible, e a valoración que debeu realizar o tribunal exixía analizar cal é o estado da ciencia nesta materia, determinar se os coñecementos científicos dispoñibles permiten identificar a existencia dun risco de efectos potencialmente nocivos para a saúde humana, e se se dá, en definitiva, a incerteza científica que está na base de regra de cautela ou ou principio de precaución, recollida no número 2 do artigo 174 de Tratado da Comunidade Europea, en relación coa política relativa ao ambiente, do cal deriva, conforme a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza (SSTXCE do 5 de maio de 1998; 9 de setembro de 2003, entre outras) que, cando subsisten dúbidas sobre a existencia ou alcance de riscos para a saúde das persoas, poden atoparse medidas de protección sen ter que esperar a que se demostre plenamente a realidade e gravidade de tales. E é evidente que o estado actual da ciencia descarta que haxa efectos adversos para a saúde con exposicións inferiores a 100 microteslas, sen que iso impida unha revisión futura dos límites de exposición fixados pola Recomendación de 1999 e a posible identificación dos eventuais efectos negativos que puidese provocar, non demostrados cientificamente neste momentos, máis alá do exposto».

Cuarto. A solicitude de modificación de trazado non pode ser aceptada por esta solicitude polos seguintes motivos:

– Nestas alegacións presentadas no trámite de información pública non se propón un trazado alternativo concreto sen que as persoas alegantes acrediten que se cumpran conxuntamente as condicións que establece o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, para poder atender a modificación de trazado da liña, ao terse consolidado a través de diversas sentenzas xudiciais que debe ser o solicitante da modificación quen demostre o cumprimento de todas as condicións exixidas pola normativa para que poida ser aceptada a variante proposta.

– Despréndese destas alegacións que os alegantes suxiren trasladar a servidume de paso proxectada sobre outros predios de uso forestal nos cales, segundo manifestan, non se produciría perda económica para ninguén. Entendemos que esta manifestación non é correcta xa que o establecemento desta servidume de paso sobre os predios de titularidade privada sempre ocasiona un prexuízo económico, trátese dunha parcela destinada a un aproveitamento agrogandeiro ou á produción forestal, xa que ambos os usos constitúen distintos tipos de explotación da terra, cos seus correspondentes custos, ingresos e rendas obtidas, e en ambos se impoñen limitacións e se grava o dominio sobre a superficie afectada.

– Non existen neste caso as limitacións ou prohibicións á constitución da servidume de paso establecidas tanto no artigo 57 da Lei do sector eléctrico como no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que impidan o establecemento da servidume de paso desta instalación a través dos terreos incluídos na relación de bens e dereitos presentada.

– As instalacións eléctricas foron proxectadas atendendo ao Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o punto 1.5.1 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07, liñas aéreas de condutores nus. Esta proposta foi a que o autor do proxecto considerou máis axeitada no seu intento de lograr a solución óptima para o conxunto da instalación.

5. Solicitouse o preceptivo informe aos seguintes organismos:

– Concello das Pontes de García Rodríguez: consta informe favorable aceptado polo promotor.

– Axencia Estatal de Seguridade Aérea: consta informe favorable aceptado polo promotor.

– Axencia Galega de Infraestruturas: consta informe favorable aceptado polo promotor.

6. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

– Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 194, do 9 de outubro).

– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar a localización da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións de Unión Fenosa Distribución, S.A. cómpre sinalar:

– Non procede atender a solicitude realizada por Ermitas Barro Castro (predio nº 3), Josefa Antonia Dopico Dopico (predios 5 e 7) e José Dopico Chao (predio 8) de que se proceda a trazar un itinerario alternativo ao paso da liña eléctrica proxectada, porque non achegou unha proposta concreta de trazado alternativo da liña para ser avaliada.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude á cal se xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbese, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 10, do 14 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 12 de maio de 2016

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña