Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 8 de xuño de 2016 Páx. 23266

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Santa Comba (expediente IN407A 2015/171-1).

Expediente: IN407A 2015/171-1.

Promotor: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Instalación: recuamento LMT TA2-809 (liña Outes-Santa Baia), concello de Santa Comba.

Concello: Santa Comba.

Feitos.

1. O 15 de xuño de 2015 o promotor solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. Características técnicas:

– Recuamento de liña eléctrica de media tensión aérea TA2-809, a 20 kV, cunha lonxitude de 0,159 km, con orixe en apoio existente nº 130-B-47-11 da LMT TA2-809 no tramo da derivada aos CC.TT. Almozara (expediente 145/00), O Loureiro (expediente 145/00) e O Campelo (expediente 145/00) condutor tipo LA-30 mm2 (existente), e final no apoio nº 130-B-47-12 existente da LMT TA2-809, apoio onde se realiza a derivada ao CT Almozara (expediente 145/00) mediante a disposición dun novo apoio de tipo CH-15/1000.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución información pública: 14.7.2015.

– DOG: 7.8.2015.

– BOP: 27.7.2015.

– Xornal La Voz de Galicia: 16.10.2015.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo dilixencia municipal do 21.8.2015.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

4. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

• Domingo Caamaño Silva, mediante escrito recibido o 26 de agosto de 2015, formula oposición á declaración de utilidade pública e impugnación e oposición ao proxecto achegado polo solicitante, alegando en síntese o seguinte:

– Que o proxecto busca unha modificación inxustificada do trazado dunha liña, coa colocación dun novo apoio entre dous postes existentes. O solicitado é o recuamento LMT TA2-809 derivada a CT Almozara e non coincide co que se pretende executar.

– Debe valorarse que hai uns anos se modificou o trazado da liña sen lle dar audiencia ao reclamante e na cal foi claramente prexudicado.

– O proxecto que se vai executar non acada a relevancia nin os elementos que a declaración pública exixe.

– Hai outras solucións técnicas posibles como a elevación dos apoios contiguos ao novo, a modificación do trazado ata a posición previa á modificación que se realizou hai poucos anos, a colocación do apoio nun punto equidistante aos dous apoios contiguos ou que vaia polos camiños de dominio público.

Destas alegacións déuselle traslado ao promotor, que contestou:

• Escrito recibido o 19 de setembro de 2015, no cal se valoran as alegacións presentadas por Domingo Caamaño Silva, en que manifesta o seguinte:

– Con esta actuación non se proxecta o tendido dunha nova liña aérea de enerxía eléctrica, senón que se pretende a elevación dos cables condutores da liña xa existente, sen que se modifique a situación dos apoios actuais e, polo tanto, non se produce unha modificación do trazado, como suxire o propietario, nin a modificación da superficie afectada pola servidume de paso de enerxía eléctrica xa creada.

– Desde a construción da liña TA2-809 ata hoxe foron levantadas edificacións baixo a servidume de enerxía eléctrica creada, o que levou a esta sociedade a considerar necesaria a elevación deste tramo de liña que sobrevoa edificacións, aumentando as distancias entre os cables condutores e estas construcións. Por iso, proxéctase un novo apoio e se dá cumprimento á normativa vixente e, en especial, ás distancias mínimas de seguridade establecidas no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09. Co incremento das distancias entre os cables e as edificacións é evidente que estamos a conseguir dous propósitos: por unha banda, evitaranse os riscos de contacto cos cables condutores para as persoas que poidan ter acceso ás edificacións e, por outra, optimízanse as tarefas de mantemento e explotación para levar a cabo por esta sociedade na súa rede de liñas de distribución de enerxía.

– Esta actuación encóntrase amparada, a entender desta parte, polo artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, que establece que «1. Decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso. 2. A dita declaración de utilidade pública esténdese aos efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e das súas localizacións cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas, ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais nelas.

– Por iso consideramos que está totalmente xustificada a declaración de utilidade pública desta nova instalación.

– Esta solicitante manifesta que conforme a letra e) do artigo 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, considera de necesaria expropiación a superficie de dous metros cadrados de solo na parcela identificada co número 1 no proxecto, para a colocación do novo apoio número 130-B-47-11/1, proxectado atendendo ao Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o punto 1.5.1 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07, liñas aéreas con condutores nus, e é a proposta que o autor do proxecto considerou máis adecuada no seu intento de lograr a solución óptima para o conxunto da instalación».

5. Solicitóuselles o preceptivo informe aos seguintes organismos.

– Concello de Santa Comba: consta informe favorable aceptado polo promotor.

– Telefónica: consta informe favorable aceptado polo promotor.

6. Os servizos técnicos da Xefatura Territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

– Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 194, do 9 de outubro).

– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar a localización das instalacións non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións de Unión Fenosa Distribución, S.A. cómpre sinalar:

O obxecto do proxecto titulado recuamento LMT TA2-809 derivada a CT Almozara é elevar a liña TA-809 entre os apoios nº 11 e nº 12, intercalando un novo apoio e retensando os condutores existentes, co fin de cumprir coas distancias regulamentarias. No proxecto non se varía o trazado da liña.

Non hai constancia da modificación, realizada hai poucos anos a que se fai referencia no escrito de alegacións. No expediente IN407A 145/2000 (proxecto do 11 de maio de 2000) o trazado da liña coincide co actual.

A liña que se vai modificar é unha rede de distribución, polo que procede a súa declaración de utilidade pública de acordo co artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Non foi presentado ningún informe pericial ou similar no cal se defina unha proposta concreta de trazado alternativo que poida ser avaliada.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada deberá presentar, ante esta xefatura territorial, unha solicitude á cal se xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 10, do 14 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

A Coruña, 11 de maio de 2016

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña