Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 9 de xuño de 2016 Páx. 23399

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 24 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2016.

O Desenvolvemento Local Participativo (DLP) establécese no título III, capítulo II do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo e Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello.

O desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras e acuícolas establécese nos artigos 58 a 64 do Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello.

O FEMP incorpora, de maneira efectiva, as estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) concibidas e postas en práctica polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), como principal instrumento para o logro da prioridade cuarta da UE de aumentar o emprego e a cohesión territorial mediante o fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades pesqueiras e acuícolas, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima.

O programa operativo para España do FEMP, aprobado por decisión de execución da Comisión do 13.11.2015 C (2015) 8118 final, considera no punto 5.1 a información específica sobre a aplicación de estratexias de desenvolvemento local participativo.

Para a posta en marcha do desenvolvemento sustentable das zonas de pesca na Comunidade Autónoma de Galicia a Consellería do Mar seleccionou, mediante un procedemento en dúas fases, os grupos de acción local do sector pesqueiro e aprobou as súas estratexias de desenvolvemento local participativo para o período de programación do FEMP 2014-2020. Esta selección fíxose con base na Orde do 6 de abril de 2015, da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se fai pública a convocatoria de selección de candidatos a grupos de acción local do sector pesqueiro para a elaboración de estratexias de desenvolvemento local participativo no período de programación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020 en Galicia (DOG núm. 71, do 16 de abril).

As asociacións seleccionadas como candidatas a GALP dispuxeron do apoio financeiro para a elaboración das EDLP recollido no artigo 35.1.a) do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

O día 22 de xaneiro de 2016, por resolución da conselleira do Mar, seleccionáronse os seguintes GALP e zonas pesqueiras e aprobáronse as súas EDLP:

GALP A Mariña Ortegal: Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño.

GALP Golfo Ártabro Norte: Ferrol, Neda, Fene, Narón, Ares, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne.

GALP Costa da Morte: A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Vimianzo, Muxía.

GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia. Costa Sustentable: Fisterra, Corcubión, Cee, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia, Porto do Son.

GALP Ría de Arousa: Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Catoira, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, O Grove.

GALP Ría de Pontevedra: Meaño, Sanxenxo, Marín, Poio, Pontevedra, Bueu.

GALP Ría de Vigo-A Guarda: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, O Rosal, Oia, Baiona, A Guarda.

O día 23 de febreiro de 2016 os GALP asinaron convenios de colaboración coa Consellería do Mar para a aplicación das estratexias de desenvolvemento local participativas no marco do desenvolvemento sustentable das zonas de pesca do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Por todo o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora das normas da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Normas xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante EDLP) aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante GALP).

2. Tamén é obxecto desta orde convocar as axudas para o ano 2016 de acordo coas bases reguladoras.

3. As axudas xestionaranse en colaboración cos GALP no seu respectivo ámbito territorial.

Artigo 2. Réxime xurídico

Para o outorgamento e concesión das axudas reguladas nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, sen prexuízo das demais normas aplicables na materia:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

b) Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.

c) Regulamento delegado (UE) nº 288/2015, da Comisión, do 17 de decembro de 2014, pola que se complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.

d) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, de aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

e) Programa operativo para España do FEMP aprobado por decisión de execución da Comisión do 13.11.2015 C (2015) 8118 final.

f) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

g) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

h) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

k) Os convenios de colaboración asinados entre a Consellería do Mar e cada un dos grupos de acción local do sector pesqueiro.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. No marco deste réxime de axudas, os proxectos e actuacións subvencionables deberán acadar algún dos obxectivos indicados a continuación:

a) Aumento do valor, creación de emprego, atracción de mocidade e promoción da innovación en todas as fases da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura.

b) Apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, á aprendizaxe permanente e á creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.

c) Impulso e aproveitamento do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático.

d) Fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas, incluído o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.

e) Reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais.

2. As axudas poderán incluír medidas previstas nos capítulos I, II e IV do título V do Regulamento (UE) nº 508/2014, agás os artigos 66 e 67, só no caso de que se xustifique claramente a súa xestión a escala local. Cando se conceda axuda para operacións correspondentes as ditas medidas, respectaranse as escalas de contribución e o réxime de axudas establecido para as medidas en cuestión.

Artigo 4. Proxectos

1. Os proxectos que se presenten poderán ser de dous tipos: para investimentos produtivos e para investimentos non produtivos.

2. Defínense como investimento produtivo: as actividades que supoñen a realización dunha actividade económica, tendentes á produción de bens ou servizos e que supoñen unha creación e/ou mantemento de emprego.

3. Defínense como investimento non produtivo: os que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica e/ou non estean afectos a unha actividade económica. Así mesmo, terán este carácter os proxectos de interese público que, mesmo constituíndo unha actividade económica ou estando afectados a unha actividade económica, non incidan sobre o réxime de competencia no territorio de que se trate.

4. Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Contribuír aos obxectivos da estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobada para a zona pesqueira onde se vaian desenvolver.

b) Estar localizados no ámbito territorial elixible de cada GALP.

c) Ser viables técnica e economicamente.

d) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

Artigo 5. Causas de inadmisibilidade de solicitudes

Non poderán optar a unha axuda do FEMP as persoas nas que concorran algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionado coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Artigo 6. Beneficiarios de proxectos de investimento produtivo

Poderán ser beneficiarios dos proxectos de investimento produtivo as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar empadroado ou ter o seu domicilio social e fiscal nalgún concello do ámbito territorial do GALP correspondente.

b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.

c) No caso de municipios densamente poboados nos que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e as súas familias), poderán ser beneficiarios:

1º. As persoas xurídicas e as persoas físicas integrantes do sector pesqueiro e as súas familias.

Para estes efectos, enténdense por familias as persoas físicas que conten dentro da súa unidade familiar, cun membro de ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que sexa pescador/a, mariscador/a, acuicultor/a, ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballara neste sector de maneira significativa.

2º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

d) Os beneficiarios dos proxectos produtivos limitaranse á categoría de peme, agás as entidades públicas de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

e) Non ser unha empresa en crise, segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

Artigo 7. Beneficiarios de proxectos de investimento no produtivo

1. Poderán ser beneficiarios dos proxectos de investimento non produtivo:

a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.

b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.

c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.

d) Entidades públicas locais.

e) Asociacións declaradas de utilidade pública.

f) Entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos, algún dos seguintes:

1º. Fomentar as actividades náuticas.

2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.

3º. Fomentar o ambiente mariño e costeiro.

4º. Promover o patrimonio cultural marítimo pesqueiro.

2. Nos municipios densamente poboados nos que na EDLP non computa a totalidade da poboación poderán ser beneficiarias as entidades indicadas nas letras a), b), c) e d) do punto 1, cuxos proxectos están dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro e as súas familias, ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

3. Ademais, as entidades cumprirán os seguintes requisitos:

a) Ter o seu domicilio social e fiscal no ámbito territorial do GALP correspondente.

b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.

Artigo 8. Beneficiarios conxuntos

1. As entidades sinaladas nos artigos 6 e 7 poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente como unha agrupación de entidades. Neste último caso deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

2. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

3. A agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Cooperación

1. Para os efectos desta orde, enténdense como proxectos de cooperación os que formulen promotores dun GALP xunto con promotores doutros GALP galegos.

2. A presentación dos proxectos de cooperación deberase realizar en cada grupo coa indicación dos participantes doutras zonas e a súa aprobación estará condicionada a que se aproben os respectivos proxectos en cada grupo respecto da súa implicación no proxecto de cooperación. Poderán concorrer do mesmo xeito que o indicado no artigo 8.

3. Non será de aplicación para os proxectos de cooperación a exixencia do requisito establecido nos artigos 6.b) e 7.3.b).

Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material deste.

b) O beneficiario manterá os investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos durante un período mínimo de 5 anos desde o último pagamento efectuado pola Consellería do Mar, ou de 3 anos no caso de mantemento de investimentos ou postos de traballo creados por pemes.

c) Xustificar ante o GALP o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención, conforme o establecido nesta orde.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou o GALP, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente e ao GALP a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Comunicarlle á Consellería do Mar e ao GALP calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.

g) Acreditar perante o GALP, na solicitude do pagamento, que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

h) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable adecuado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Así como, dispor dos rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, de acordo co establecido no artigo 136 do Regulamento (UE; EURATOM) nº 966/2012.

j) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse a disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados ata o 31 de decembro de 2023, salvo que o prazo que resulte do establecido no artigo 140 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 sexa distinto, neste caso comunicarse coa antelación suficiente.

Os documentos conservaranse ou ben en forma de orixinais ou de copias compulsadas de orixinais, ou ben en soporte de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica.

k) Darlle a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), nos termos establecidos no artigo 115 e anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e do capítulo II do Regulamento (UE) nº 821/2014.

l) No caso de proxectos conxuntos, os beneficiarios deberán ratificar ante a Consellería do Mar o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

m) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final ao beneficiario. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento nº 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.

Artigo 11. Gastos subvencionables

1. As accións e proxectos previstos ao abeiro desta orde débense corresponder con accións subvencionables segundo o disposto no Regulamento (UE) nº 508/2014 e a súa normativa de aplicación e desenvolvemento.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo perceptor dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:

a) Contraéronse ao longo da duración da acción coa excepción dos custos relativos a informes finais e certificados de auditoría.

b) Foron pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación, e responden de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.

c) Consignáronse no orzamento estimado total do proxecto.

d) Son necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

e) Son identificables e verificables, en particular constan na contabilidade do beneficiario e inscribíronse de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

f) Cumpren co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Son razoables e xustificados, e cumpren co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custo/eficacia.

3. Os investimentos para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda (data de rexistro de entrada no GALP) nin antes da realización da acta de comprobación previa, no caso de investimentos materiais.

Exceptúase os custos vinculados ao investimento de estudos de viabilidade e de redacción de proxectos.

A non realización de investimentos inmateriais demostrarase mediante a data da factura correspondente.

Para os custos de estudos de viabilidade e redacción de proxectos, a factura poderá ser de data anterior a un ano da visita de non inicio.

No caso de que os proxectos cun investimento material e con acta de non inicio non sexan finalmente subvencionados, poderán terse en conta na convocatoria inmediata seguinte, se así o manifesta o promotor.

4. Son subvencionables os gastos dos proxectos técnicos, estudos técnicos de validación dos proxectos e dirección de obra ata un límite do 12 por cento do custo do investimento total indicado no proxecto, sempre que a actuación a que se refira resulte seleccionada.

5. En relación cos investimentos en establecementos turísticos e hostaleiros rexerá o convenio de colaboración que se asine entre a Consellería do Mar e a Axencia Turismo de Galicia para o período 2014-2020.

6. Investimentos en centros sociais, así como o seu acondicionamento e equipamento. A contía máxima de axuda por cada proxecto que supoña un investimento en creación, reforma ou ampliación dun local social non poderá exceder os 50.000 euros por proxecto.

7. Unicamente os beneficiarios de proxectos de investimento non produtivo poderán subcontratar totalmente a execución destes, de acordo co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Gastos non subvencionables

Para os efectos do disposto nesta orde e nas diferentes EDLP, os seguintes gastos non serán subvencionables:

a) O IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teña a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13 punto 1, parágrafo primeiro da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

b) Os xuros debedores e outros gastos financeiros.

c) A adquisición de terreos non edificados e terreos edificados por un custo superior ao 10 % do gasto total subvencionable. No caso de zonas abandonadas e daquelas cun pasado industrial que comprendan edificios, este límite poderá aumentar ata o 15 %.

d) As recargas e sancións administrativas e penais, así como os gastos dos procedementos xudiciais.

e) A vivenda.

f) O custo dos elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.

g) Non será subvencionable a adquisición de vehículos no sector do transporte. Para estes efectos, entendese que operan no sector do transporte as empresas que realizan operacións de transporte por conta allea.

h) As compras de materiais e equipamentos usados.

i) Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos. Os gastos orixinados por unha simple reposición de anteriores salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

j) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

k) As obras non vinculadas co proxecto, de investimento en vivendas, comedores, obras de embelecemento, equipos de recreo e similares.

l) A urbanización que non estea relacionada coa actividade do proxecto que se pretende financiar.

m) As contribucións en especie.

n) A transferencia da propiedade dunha empresa.

o) Adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

p) Exclúense os investimentos promovidos por entidades locais que se refiran a infraestruturas asociadas a servizos de prestación obrigatoria ou servizos esenciais declarados de reserva a favor das entidades locais, nos termos previstos nos artigos 26 e 86.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

q) A repoboación directa, a menos que estea expresamente prevista como medida de conservación por un acto xurídico da Unión, no caso de repoboación experimental.

r) Os custos indirectos.

s) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 13. Contía das axudas para investimentos produtivos

1. O grao de financiamento dos proxectos para investimento produtivo, ao abeiro da correspondente EDLP para operacións que se leven a cabo en virtude do título V, capítulo III do Regulamento (EU) nº 508/2013, será o seguinte:

a) A porcentaxe de axuda máxima para proxectos de investimento produtivo ascenderá ao 50 % do gasto subvencionable total da operación.

b) No caso de operacións vinculadas á pesca costeira artesanal a axuda pódese incrementar ata o 80 %.

c) No caso de confrarías de pescadores e asociacións profesionais do sector pesqueiro ou asociacións integradas polas entidades mencionadas, a porcentaxe máxima de axuda para os proxectos produtivos non superará o 80 % dos custos dos gastos subvencionables do proxecto, cando a operación responda aos seguintes criterios: interese colectivo, beneficiario colectivo e ofrecer acceso público aos seus resultados.

d) Os proxectos produtivos que se abeiren no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis (DO L 352, do 24 de decembro), aplicaranse as porcentaxes anteriores e limitaranse a un máximo de 200.000 € por promotor durante un período de tres exercicios fiscais.

2. No caso de proxectos para investimentos produtivos para medidas incluídas nos capítulos I, II e IV do título V do Regulamento (UE) nº 508/2014 aplicarase o disposto no artigo 3.2.

3. En todos os casos, teranse en conta os límites que, se é o caso, se establezan nas respectivas EDLP, no caso de ser inferiores aos establecidos.

Artigo 14. Contía da axudas para investimentos non produtivos

1. O grao de financiamento dos proxectos presentados para investimentos non produtivos ao abeiro da correspondente EDLP para operacións que se leven a cabo en virtude do título V, capítulo III do Regulamento (EU) nº 508/2013, será o seguinte:

a) A porcentaxe de axuda máxima para proxectos de investimento non produtivo ascenderá ao 50 % do gasto subvencionable total da operación.

b) A porcentaxe máxima de axuda para os proxectos de investimento non produtivo poderá ascender ao 100 % dos custos dos gastos subvencionables do proxecto cando a operación responda aos seguintes criterios: interese colectivo, beneficiario colectivo e ofrecer acceso público aos seus resultados.

c) Os proxectos que deban abeirarse no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis (DO L 352, do 24 de decembro), aplicaranse as porcentaxes anteriores e alcanzarán como máximo os 200.000 € por promotor durante un período de tres exercicios fiscais.

2. No caso de proxectos para investimentos produtivos para medidas incluídas nos capítulos I, II e IV do título V do Regulamento (UE) nº 508/2014 aplicarase o disposto no artigo 3.2.

3. En todos os casos, teranse en conta os límites que, se é o caso, se establezan nas respectivas EDLP, no caso de ser inferiores aos establecidos.

Artigo 15. Compatibilidade das axudas

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teñan financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme a un programa ou medida diferente, e ademais que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

3. Os beneficiarios deberanlle comunicar por escrito á entidade colaboradora a obtención de calquera outra axuda e deberán achegar, de ser o caso, a resolución de concesión.

Artigo 16. Dotación orzamentaria

1. As axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEMP 2014-2020 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

2. En cada anualidade sucesiva fixaranse por unha orde complementaría o crédito plurianual existente con esa finalidade. Os créditos de cada ano poderán ser incrementados, se é o caso, coas incorporacións dos remanentes de exercicios anteriores que legalmente correspondan.

3. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2016 e a plurianualidade asociada ás axudas que se poidan conceder en este, alcanza o importe de nove millóns catrocentos trinta e oito mil seiscentos cincuenta e cinco euros con sesenta e oito céntimos (9.438.655,68 euros), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:

Partida orzamentaria

Ano 2016

Ano 2017

Ano 2018

Totais

14.03.723C.770.0

3.932.773,00

1.769.747,85

1.376.470,55

7.078.991,40

14.03.723C.780.0

1.310.924,60

655.462,30

393.277,38

2.359.664,28

Totais

5.243.697,60

2.425.210,15

1.769.747,93

9.438.655,68

4. Os importes consignados en cada convocatoria poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que isto dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

5. As convocatorias rexeranse polas bases reguladoras establecidas nesta orde e, se é o caso, pola normativa reguladora de tramitación anticipada de expedientes de gasto.

6. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

7. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 85 % con fondos FEMP e o 15 % pola Comunidade Autónoma.

8. Poderán adquirirse compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 de Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 17. Criterios de selección

1. Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, para o cal os proxectos presentados se valorarán de acordo cos criterios establecidos nas estratexias de desenvolvemento local participativo aprobadas, que deberán aplicar os GALP de xeito que se obteña unha orde de prelación entre as solicitudes.

2. Na selección terase en conta a contribución do proxecto aos obxectivos previstos na EDLP e aos obxectivos e resultados específicos da prioridade pertinente.

3. Os criterios de selección considerarán os principios xerais relativos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e non discriminación, e ao desenvolvemento sustentable.

4. En calquera caso, para promover a igualdade de homes e mulleres e non discriminación, deberá priorizarse na selección de proxectos, entre outras actuacións, a existencia dun plan de actuación para a igualdade efectiva de mulleres e homes na empresa solicitante.

5. Os criterios de selección dos proxectos están incluídos nas respectivas EDLP que se poden consultar na páxina web http://mar.xunta.gal.

CAPÍTULO II
Procedemento de concesión das axudas

Artigo 18. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axudas poderán ser presentadas ao longo de todo o período do programa operativo 2014-2020 ata o 1 de marzo de 2020.

2. Coas solicitudes presentadas ata o 1 de marzo de cada ano poderá realizarse, para cada GALP, unha primeira fase de adxudicación de axudas.

3. De non esgotarse o crédito orzamentario para a anualidade correspondente, poderá realizarse unha nova fase de adxudicación de axudas, coas solicitudes presentadas ata o 1 de setembro de cada ano, co límite do crédito dispoñible.

4. Para a convocatoria de 2016 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

No ano 2016, a primeira fase de adxudicación para cada GALP realizarase con anterioridade ao 31 de agosto.

5. Aquelas solicitudes que non puidesen ser atendidas no período correspondente por falta de crédito poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, no caso de que o solicitante faga manifestación expresa nese sentido, sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

6. A derradeira resolución de concesión realizarase con anterioridade ao 1 de xullo de 2020.

Artigo 19. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes irán dirixidas ao grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) e axustaranse ao modelo que figura como anexo I.

2. No caso de entidades públicas locais, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

No resto dos casos, as solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel no rexistro de cada un dos GALP sitos nos lugares que se indican na páxina web http://mar.xunta.gal.

3. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén esta e na que se fan constar os seguintes puntos:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiara, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que as persoas non se atopan en ningún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrados na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da Política Pesqueira Común (PPC).

4º. Non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, no caso de presentar unha solicitude de axuda ao abeiro do título V, capítulo II do Regulamento (UE) nº 508/2014.

5º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionado coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

e) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

Incluiranse a información sobre outras axudas de minimis cubertas polo Regulamento (UE) 1407/2013 ou por outros regulamentos de minimis, recibidas durante o exercicio fiscal correspondente e sobre os dous exercicios fiscais anteriores, de ser o caso.

6. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, xunto cun índice e ordenada segundo se indica:

a) Acreditación da personalidade:

1º. Se a persoa solicitante é unha persoa física:

i. Copia cotexada do DNI da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

ii. Certificado de empadroamento da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

2º. Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica:

i. Copia cotexada do NIF da persoa xurídica solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

ii. Copia cotexada do DNI da persoa representante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

iii. Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

iv. Certificación do órgano competente na cal se acredite o desempeño actual do cargo.

v. Copia compulsada da escritura de constitución ou dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro, segundo o caso correspondente.

Quedan exoneradas do cumprimento deste requisito as confrarías de pescadores e as súas federacións por estar xa a dita documentación en poder da Consellería do Mar.

b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

1º. Memoria e orzamento que conteña unha descrición do proxecto conforme os modelos que figuran na páxina web http://mar.xunta.gal, dependendo se se trata de investimentos produtivos, que se utilizará o plan de empresa, ou se son investimentos non produtivos, que se utilizará o plan de xestión.

No caso de que o proxecto se poida desenvolver por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas independentemente.

Os proxectos incluirán a información relativa aos indicadores previstos no Regulamento (UE) nº 1242/2014, Regulamento (UE) nº 1243/2014 e Regulamento nº 1014/2014, segundo a medida do FEMP no que se encadre o proxecto.

2º. Plan económico no que se indique que parte corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera Administración estatal, autonómica, local ou institucional. Forma de financiamento da actividade ata a recepción da axuda.

Cubriranse nos modelos que figuran na páxina web http://mar.xunta.gal, dependendo se se trata de investimentos produtivos, que se utilizará o plan de empresa, ou se son investimentos non produtivos, que se utilizará o plan de xestión.

No orzamento detallado de cada unha das accións propostas, o IVE deberá vir separado e acompañarase da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

3º. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

As entidades públicas locais poderán documentar a elección da oferta máis vantaxosa xunto coa solicitude de pagamento, achegando unha certificación das propostas ou ofertas recibidas para a contratación de que se trate, xunto coa resolución ou acordo de adxudicación definitiva.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude de subvención, ou coa xustificación, de ser o caso, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. As ofertas presentadas deben coincidir en conceptos para facilitar a comparación entre elas.

c) Acreditación do IVE soportado non recuperable polo promotor, se é o caso.

d) Proxecto técnico de execución, se é necesario. En actuacións sobre inmobles presentarase un proxecto básico ou un anteproxecto valorado que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar e o seu custo.

e) No caso de que o proxecto o requira, o promotor deberá acreditar a capacidade legal do uso e desfrute ou propiedade dos bens relacionados co proxecto. A acreditación deberá realizarse mediante escritura pública de compra-venda ou certificado do rexistro da propiedade, ou mediante cesión en escritura pública ou contrato de aluger por un período mínimo de 10 anos.

f) Para acreditar a condición de familiar, segundo o artigo 6.c) deberase presentar a seguinte documentación:

1º. Libros de familia nos que figuren todos os membros da unidade familiar e/ou documentación acreditativa do parentesco.

2º. Documentación que acredite a condición de pescador/a, mariscador/a, acuicultor/a ou traballador/a do sector pesqueiro, dun membro da unidade familiar.

3º. Informe de vida laboral da persoa a que se refire o punto 2º.

g) Outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.

h) Se se trata dun proxecto de investimento produtivo tamén terá que presentar:

1º. Os anexos II A) e II B).

2º Último recibo pagado do imposto de actividades económicas (IAE) ou certificación da exención, no caso de empresarios individuais (só no caso de denegar expresamente a súa consulta). No caso de inicio de actividade empresarial, será suficiente o compromiso de darse de alta no IAE.

i) Certificacións acreditativas de estar ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social (só no caso de denegar expresamente a súa consulta).

7. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das alíneas a), c), f), g), h) e i) do punto 6 por cada un dos solicitantes.

No caso da alínea a) presentarase para cada solicitante o DNI ou NIF das persoas solicitantes.

Ademais, engadirase:

a) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

b) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

c) Declaración responsable de cada unha das persoas, de acordo co anexo III.

8. No caso de proxectos de cooperación con promotores doutros grupos sinalarase expresamente na solicitude, e deberá presentarase o proxecto de cooperación coa indicación dos cooperantes e grupos a que pertencen, así como os compromisos que adquiren, cada un deles.

Artigo 20. Documentación complementaria

1. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

2. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número do expediente e o número e código único de rexistro.

Artigo 21. Documentación mínima

Sen prexuízo do disposto no punto 7 do artigo 19, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

a) Anexo I de solicitude da axuda.

b) Memoria e orzamento conforme o modelo exixido.

c) Plan económico conforme o modelo exixido.

Non serán admitidas aquelas solicitudes nas que se aprecie a ausencia desta documentación, nestes casos emitirase resolución de inadmisión da solicitude.

Artigo 22. Fase de instrución

1. Os GALP, como entidades colaboradoras da Administración da comunidade autónoma, son os órganos encargados da instrución das solicitudes. Así, unha vez recibidas as solicitudes, serán revisadas polo equipo técnico dos GALP para comprobar que cumpren os requisitos que se establecen nesta orde.

2. Se a solicitude non reúne todos os requisitos das bases reguladoras, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende as deficiencias, consonte o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coa indicación de que se non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Non se aplicará o disposto no parágrafo anterior ás solicitudes que non veñan acompañadas da documentación mínima imprescindible sinalada no artigo 21.

3. Os proxectos turísticos que impliquen un incremento da oferta aloxativa deberán ser informados polo órgano competente en materia de turismo.

4. O instrutor deberá realizar unha comprobación in situ de que os proxectos e actividades para os cales se solicitou a axuda non se iniciaron e levantará a acta de non inicio en caso de investimentos materiais, no prazo de 20 días desde a presentación da solicitude xunto coa documentación mínima imprescindible.

5. O instrutor deberá emitir un informe de subvencionalidade que preverá os seguintes aspectos:

a) Xustificará en que medida o proxecto contribúe aos obxectivos da EDLP, así como ao cumprimento dalgúns dos obxectivos previstos no artigo 3.1.

b) Indicará a contribución do proxecto ao obxectivo e indicadores de resultados específicos recollidos no programa operativo para a prioridade cuarta da UE.

c) Xustificará a contribución aos obxectivos específicos doutras prioridades do FEMP e indicadores de resultado, de ser o caso.

d) Valorará en que medida se cumpren os requisitos do artigo 4.4.b), c) e d).

e) Indicará se o solicitante cumpre os requisitos para poder ser beneficiario, conforme os artigos 5, 6 e 7.

f) Indicará se os gastos son subvencionables conforme os artigos 11, 12, 13 e 14.

Se o proxecto non cumpre os criterios de subvencionalidade non poderá ser seleccionado.

6. Rematados os traballos anteriores o equipamento técnico do GALP avaliará e baremará os proxectos, atendendo aos criterios de selección establecidos na súa EDLP. Para estes efectos velará pola correcta asignación de fondos previstos para cada anualidade e a súa distribución entre investimentos produtivos e non produtivos, e elevará á Xunta Directiva as propostas de resolución provisional de concesión de axuda.

A proposta de resolución que se eleve á Xunta Directiva do grupo conterá como mínimo:

a) Relación das solicitudes que se propón desestimar porque non cumpren as condicións para ser beneficiarios ou conteñan propostas que non contribúan aos obxectivos do FEMP, do programa operativo ou da EDLP, xunto coa motivación que fundamenta a proposta de desestimación.

b) Relación dos proxectos para os que se propón a concesión de subvencións, indicando para cada un deles a puntuación obtida, a identidade da persoa solicitante, o importe do investimento, o prazo de execución e a contía da subvención proposta.

Artigo 23. Fase de selección e propostas

1. A Xunta Directiva dos GALP seleccionará os proxectos que considere prioritarios para a execución da súa EDLP, de conformidade cos criterios establecidos nesta e realizará a proposta de resolución definitiva, que elevará á Consellería do Mar ata o 15 de abril de cada ano. Para unha segunda proposta, de ser o caso, o prazo será ata o 15 de outubro de cada ano.

Para a convocatoria do ano 2016 a primeira fase de propostas dos GALP elevarase 45 días naturais despois do remate do prazo de presentación das solicitudes.

2. A Xunta Directiva poderá:

a) Propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo de adquisición proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, poderá requirir a achega da valoración dos investimentos solicitados, efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

b) Limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

c) Establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado, no caso de se presentaren varios proxectos para accións substancialmente idénticas.

3. O GALP publicará no seu taboleiro de anuncios a súa proposta de resolución, coa advertencia de que esta non crea ningún dereito a favor dos solicitantes propostos.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do GALP para que a Xunta Directiva formule a proposta de resolución de non admisión ou denegación, na que se indicarán as causas que a motivan.

Artigo 24. Fase de concesión

1. A Consellería do Mar, á vista da proposta de resolución definitiva de cada GALP, e logo de realización dun control das actuacións das fases anteriores, ditará as resolucións de concesión das axudas.

No caso de proxectos de cooperación, a concesión estará condicionada á aprobación dos proxectos en cada grupo.

O prazo máximo para a resolver o procedemento de concesión de axuda será de catro meses contados desde as datas establecidas para ter en conta as solicitudes que compiten en cada período de resolucións, segundo o artigo 18. Transcorrido o dito prazo sen recibir comunicación ao respecto, os solicitantes poderán entender como desestimada a súa solicitude.

2. No caso de presentarse en distintos proxectos accións substancialmente idénticas, poderase establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

Poderase limitar a contía dos gastos elixibles que se consideren que non están xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración económica. Cando o custo dos gastos subvencionables proposto polo solicitante sexa superior ao valor do mercado, poderá proporse a non concesión ou a minoración da axuda.

3. No caso en que se constaten erros ou defectos de legalidade na proposta de resolución dos GALP, o servizo competente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro devolverá o expediente á entidade colaboradora para os efectos de adecuar a proposta de resolución á legalidade vixente ou, de ser o caso, corrixir os erros ou defectos observados.

4. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

5. O prazo de execución dos proxectos obxecto da axuda será fixado na resolución de concesión, que non poderá exceder os 30 meses.

6. A resolución de concesión da axuda notificaráselles aos interesados para que no prazo de dez (10) días comuniquen a súa aceptación ou o rexeitamento da axuda nas condicións expresadas nela. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda, segundo dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

7. Establecerase unha listaxe de reserva con aqueles proxectos incluídos na proposta de resolución definitiva dos GALP que non poidan recibir axuda por falta de crédito, que será utilizada de non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais.

Artigo 25. Modificación da resolución e posibilidade de prórrogas

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención relativa á obtención concorrente doutras subvencións e axudas, incumprimento dos prazos de realización das obras, modificacións que afecten o proxecto, variación do orzamento aprobado, ou calquera outro aspecto que afecte un aspecto substancial da resolución de concesión, poderá dar lugar á súa modificación ou á súa revogación.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.

As modificacións deberán ser comunicadas polo beneficiario por escrito con anterioridade á súa realización e, con antelación suficiente, ao correspondente GALP que, logo das comprobacións que considere pertinentes, elevará proposta de modificación da resolución á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que decidirá sobre a súa procedencia.

Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do investimento inicialmente aprobado.

3. No caso de axudas para financiar investimentos ou gastos de distinta natureza, a execución deberá axustarse á distribución dos conceptos do investimento acordada na resolución de concesión. Non obstante, sen necesidade de instar o procedemento de modificación da subvención e sempre que exista causa xustificada e non se altere o obxecto e finalidade da axuda, na xustificación das partidas poderán ser admitidas compensacións dos importes duns conceptos cos de outros, ata un 15 % do investimento.

4. No suposto de que o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de execución, solicitar prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada e o novo cronograma de actuacións.

A entidade colaboradora elevará proposta de resolución á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada. No caso de que sexa aprobada, non poderá exceder da metade do tempo inicialmente concedido.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

5. Cando por algún dos motivos recollidos neste artigo, os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

CAPÍTULO III
Xestión e xustificación das axudas

Artigo 26. Xustificación

1. O beneficiario deberá acreditar a realización do proxecto, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinaron a concesión da axuda.

2. Para isto, logo da execución do proxecto no prazo sinalado na resolución de concesión da axuda, o beneficiario presentará no rexistro do GALP, ata o 31 de outubro, a seguinte documentación:

a) Escrito no que solicite o pagamento da axuda.

b) Memoria xustificativa da realización do proxecto con especial referencia aos obxectivos acadados. No caso de pagamento final proporcionarase información sobre os indicadores de resultados previstos no Regulamento nº 1014/2014.

c) Declaración responsable de axudas recibidas e solicitadas para o mesmo proxecto, segundo o anexo IV.

d) Declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario.

e) Relación de facturas nas que se indica número de factura, nome da empresa emisora e NIF, importe total con desagregación do IVE.

f) Facturas orixinais e fotocopias compulsadas dos gastos realizados, xunto cos xustificantes bancarios do pagamento das ditas facturas.

g) Certificacións acreditativas de estar ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

h) Os permisos, inscricións e/ou licenzas requiridas para o tipo de actividade de que se trate deberán presentarse, como moi tarde, xunto coa última solicitude de pagamento.

i) No caso dunha actuación que requira proxecto técnico visado polo colexio oficial correspondente, o promotor deberá xuntar á primeira xustificación unha copia do resumo do orzamento por capítulos e da memoria deste. Neste suposto, presentaranse certificacións de obra asinadas por técnico competente.

j) Na xustificación da adquisición de maquinaria e equipamento deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados na cal conste marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación.

k) Na xustificación da realización de estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, o promotor entregará un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén se deben achegar copias se hai edición de libros, folletos, guías, etc. Se a subvención se concede para seminarios ou actividades semellantes, entregarase unha copia dos temas tratados e as conclusións.

l) No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá achegarse a documentación acreditativa de que se fai constar a afectación do ben á subvención no rexistro correspondente, como moi tarde, xunto coa última solicitude de pagamento.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. O GALP recibirá a documentación xustificativa da execución dos proxectos seleccionados, comprobando que está completa, estampando nas facturas o selo do GALP e cotexando as copias.

5. Con anterioridade ao pagamento parcial ou final, o persoal do GALP realizará unha verificación material in situ do investimento realizado na que asegurará a existencia real dos bens obxecto de comprobación, o seu axuste ao proxecto ou memoria valorada, a súa utilidade e funcionamento, a súa coincidencia coa xustificación documental, que o beneficiario cumpre coas normas de publicidade establecidas para o FEMP e cantas comprobacións sexan necesarias en función dos investimentos ou gastos subvencionados.

A acta da verificación material levantarse no prazo máximo de 15 días desde a data límite de xustificación do proxecto.

O persoal do GALP, unha vez verificados os investimentos e os gastos, emitirá unha proposta de certificación que sirve de base para a proposta de pagamento do GALP á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

6. O GALP remitirá á Consellería do Mar as solicitudes de pagamento dos beneficiarios coa documentación acreditativa do investimento e pagamentos realizados, xunto cos informe pertinentes.

7. Cada certificación presentada polo GALP á Consellería do Mar deberá ir acompañada dun informe de auditoría que certifique os seguintes puntos:

a) Que as subministracións de bens, as prestacións de servizos e, en xeral, a actividade subvencionada cuxo custo se certifica foron efectivamente realizadas dentro do prazo establecido.

b) Que os gastos declarados en cada certificación son subvencionables, están soportados con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e están pagados.

8. No caso en que se constaten erros ou defectos de legalidade na proposta de pagamento dos GALP, o servizo competente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro devolverá o expediente á entidade colaboradora para os efectos de adecuar a proposta de pagamento á legalidade vixente ou, de ser o caso, corrixir os erros ou defectos observados.

9. O GALP conservará e custodiará a documentación xustificativa das operacións certificadas, e garante que esta será posta á disposición dos órganos de control que a soliciten.

Artigo 27. Pagamento, pagamentos parciais e anticipos

1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria ao beneficiario e na contía que corresponda segundo os proxectos executados.

No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

2. Poderán realizarse xustificacións parciais a medida que se vaian executando as accións subvencionadas. Os pagamentos parciais non poderán superar o 80 % da axuda e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada. Os pagamentos están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

3. Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención para a anualidade, naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

4. Garantías:

a) Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos parciais, nos seguintes supostos:

1º. Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

2º. Pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda os 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

b) A garantía constituirase mediante presentación de aval solidario de entidade de crédito, que deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou que se anticipen, de conformidade co disposto no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás nos casos previstos no artigo 65.4 dese decreto. O aval será depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

5. O importe conxunto dos pagamentos parciais e anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da subvención concedida, nin superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

6. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á realización do obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Verificación posterior ao pagamento da axuda

A Consellería do Mar realizará os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña unha modificación fundamental das establecidas no artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013, nos cinco ou tres anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, segundo o caso.

Artigo 29. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 30. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que se vaia reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá a declaración de perda do dereito ao cobramento da subvención concedida cando a persoa beneficiaria modifique a actividade que se vaia desenvolver declarada na solicitude e na memoria do proxecto, sen contar coa previa aprobación establecida no artigo 25.2.desta orde.

b) Procederá o reintegro total da axuda concedida no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 10.2.e) da presente orde, relativa a comunicar a obtención doutras axudas no caso de que sexan incompatibles.

c) O incumprimento da obriga establecida no artigo 10.2.e) desta orde, relativa á necesidade de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento segundo o artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable adecuada, segundo o establecido no artigo 10.2.h), desta orde dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

e) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade, establecidas no artigo 10.2.k) da presente orde, dará lugar a un reintegro do 2 % da axuda concedida.

2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relacións coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

A presentación da solicitude de concesión da axuda pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa interesada, ou representante, poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Se por razóns técnicas ou doutra índole, estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor poderán ser requiridos ao interesado.

2. De conformidade co artigo 17.1.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen interpoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 33. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, s/n,15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico: sxt.mar@xunta.es

Disposición adicional primeira

A selección dun novo GALP e aprobación da EDLP con anterioridade ao 31 de decembro de 2017 suporá a ampliación da aplicación deste réxime de axudas ao seu ámbito territorial.

Disposición adicional segunda

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), que dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2016

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file