Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 14 de xuño de 2016 Páx. 24240

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2016 pola que se ordena a publicación do Acordo do Pleno do 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición.

En cumprimento do acordo do Pleno da institución adoptado na sesión celebrada o día 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2016

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Acordo do 31 de maio de 2016, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición

O artigo 223 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo (BOE núm. 59, do 9 de marzo) dispón que:

«1. A fiscalización externa das contas e da xestión económica das entidades locais e de todos os organismos e sociedades delas dependentes é función propia do Tribunal de Contas, co alcance e condicións que establece a súa lei orgánica reguladora e a súa lei de funcionamento.

2. Para ese efecto as entidades locais renderán ao citado tribunal, antes do día 15 de outubro de cada ano, a conta xeral a que se refire o artigo 209 desta lei correspondente ao exercicio económico anterior…

4. O establecido neste artigo enténdese sen menoscabo das facultades que, en materia de fiscalización externa das entidades locais, teñan atribuídas polos seus estatutos as comunidades autónomas.

En Galicia o artigo 53.2 do Estatuto de autonomía, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, dispón que «sen prexuízo do disposto no artigo 136 e na letra d) do artigo 153 da Constitución, créase o Consello de Contas de Galicia…».

A Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, determina no seu artigo 1 que «o Consello de Contas de Galicia, como órgano de fiscalización das contas e da xestión económico-financeira e contable, exercerá a súa función en relación coa execución de programas de ingresos e gastos do sector público da Comunidade Autónoma...» e, no seu artigo 2, sinala que «para os efectos desta lei, compoñen o sector público da Comunidade Autónoma:… b) As entidades locais e os entes e organismos, calquera que for a súa forma xurídica, dependentes ou controlados directa ou indirectamente por aquelas.

Así mesmo, o artigo 25.2 establece que «as entidades locais deberán emitir as contas de cada exercicio directamente ao Consello…»

Resulta pois, que as entidades locais no ámbito territorial de Galicia, deben render as súas contas anuais tanto ao Tribunal de Contas como ao Consello de Contas e quedan suxeitas á fiscalización que da súa xestión económico-financeira poidan desenvolver ambas as institucións.

Para atender ás instrucións de contabilidade local aprobadas polas ordes HAP/1781/2013 e HAP/1782/2013, do 20 de setembro, que modifica esta última o modelo básico, que regula a Orde EHA/4040/2004, do 23 de novembro, que entraron en vigor o 1 de xaneiro de 2015, e á vista da experiencia destes exercicios na consolidación da Administración electrónica como forma de relación cos particulares e tamén das entidades entre si, da xeneralización do uso da sinatura electrónica, e para seguir mantendo a homoxeneidade cos requisitos exixidos polo Tribunal de Contas ás contas xerais das entidades locais, é necesario proceder á revisión da forma en que estas deben render as súas contas establecendo como canle única para o envío da conta das corporacións locais a remisión telemática a través da plataforma establecida para ese efecto.

Estas instrucións representan unha nova etapa na contabilidade da Administración local. Incorporan cambios substanciais na estrutura e no contido dos documentos que integran as contas anuais, o que fixo preciso revisar e modificar o formato informático normalizado da conta xeral, adaptando as especificidades dos ficheiros ás novas contas que se elaborarán a partir da correspondente ao exercicio 2015. Para isto a IGAE aprobou con data do 13 de novembro de 2015 unha resolución que incorpora un novo formato normalizado da conta xeral das entidades locais en soporte informático para a súa rendición. Pola súa vez, resulta precisa a aprobación polo Tribunal de Cuentas e polos OCEX de novas instrucións que regulen o soporte informático que se aplicará ás contas xerais a partir do mencionado exercicio 2015 e o procedemento para a rendición de contas das entidades locais; no que ao Consello de Contas de Galicia se refire, efectúase por esta resolución.

Así, por canto antecede, o Pleno do Consello de Contas de Galicia, na súa sesión celebrada o día 31 de maio de 2016, aprobou as seguintes regras para a rendición, ante o Consello de Contas da conta xeral das entidades locais de Galicia.

Regra primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este acordo regula o formato da conta xeral das entidades locais en soporte informático e o procedemento telemático de remisión ao Consello de Contas de Galicia, así como o uso da sinatura electrónica, con garantías de validez e eficacia xurídicas.

2. O ámbito de aplicación do acordo está constituído por todas as entidades locais de Galicia suxeitas ao réxime xeral de contabilidade pública local establecido na Orde HAP/1781/2013, do 20 de setembro, de instrución do modelo normal; a Orde HAP/1782/2013, do 20 de setembro, de instrución do modelo simplificado; e a Orde EHA/4040/2004, do 23 de novembro, de instrución do modelo básico.

Regra segunda. Formato normalizado da conta xeral e rendición en soporte informático

1. De acordo co establecido no artigo 25.2 da Lei 6/1985, do Consello de Contas de Galicia, a conta xeral das entidades locais será rendida directamente ao Consello de Contas polo dador de contas responsable, no modelo e formato normalizado recomendado pola Resolución da Intervención Xeral da Administración do Estado do 13 de novembro de 2015 (BOE núm. 278, do 20 de novembro).

2. De conformidade co establecido no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e coas instrucións de contabilidade local, a conta xeral das entidades locais, configurada segundo o establecido na norma anterior, deberá ser remitida ao Consello de Contas de Galicia exclusivamente por vía telemática, a través da plataforma de rendición de contas (www.rendiciondecuentas.es), accesible desde a páxina web do Consello de Contas de Galicia (www.ccontasgalicia.es), de acordo coas instrucións e procedementos indicados nestas páxinas de referencia e nos manuais de procedemento e de axuda contidos nelas, coa información adicional definida no anexo 2 desta instrución.

A conta xeral enviarase co documento de remisión recollido no anexo 3 desta instrución.

As sociedades mercantís cuxo capital social pertenza integramente á entidade local, aquelas en que esta teña unha participación maioritaria, as que se consideren dependentes en aplicación da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, así como as entidades públicas empresariais dependentes da entidade local, renderán as súas contas en soporte informático no modelo e formato establecido no anexo 1 da presente instrución.

As entidades sen ánimo de lucro dependentes ou adscritas a unha entidade local ás cales se refire a Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, renderán as súas contas no formato establecido no anexo 1 da presente instrución.

3. A rendición prevista no punto anterior dará lugar a unha anotación no Rexistro electrónico do Consello de Contas de Galicia.

Regra terceira. Procedemento telemático de remisión de contas, efectos, dereitos e garantías

A aplicación desta instrución realizarase con sometemento ás disposicións contidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e ao resto de normas específicas que regulan a propiedade intelectual e o tratamento electrónico da información.

A remisión da conta xeral das entidades locais, conxuntamente cos demais documentos exixidos de acordo coa presente instrución, realizarase a través da plataforma de rendición de contas das entidades locais e tamén producirá plenos efectos perante o Tribunal de Contas en virtude do convenio de colaboración subscrito entre este consello e ou devandito tribunal, con data do 27 de xuño de 2011, para a implantación de medidas de coordinación da rendición telemática das contas xerais das entidades locais de Galicia.

Os ficheiros que configuran a conta que se vai render deberán estar asinados, e para tal fin utilizarase unha sinatura electrónica avanzada baseada nun certificado recoñecido e producida por un dispositivo seguro de creación de sinatura.

O procedemento de remisión telemática das contas (integridade, autenticidade e seguridade, entre outros aspectos) axustarase ao previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como aos estándares establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e nas normas que a desenvolven. Axiña que entre en vigor a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez transcorrido o prazo dun ano de vacancia desde a súa publicación, nos termos establecidos na súa disposición derradeira sétima e na súa disposición derrogatoria única, serán de aplicación esta lei e as súas disposicións de desenvolvemento en relación cos procedementos electrónicos.

Regra cuarta. Cómputos para a remisión de documentación ao rexistro telemático

A presentación de documentos electrónicos no rexistro telemático, así como a súa recepción por aquel, rexerase, para os efectos de cómputo dos prazos fixados en días hábiles polos criterios establecidos para ou uso da referida plataforma.

Disposición transitoria

A rendición das contas xerais das entidades locais correspondentes aos exercicios 2014 e anteriores efectuarase de acordo cos requisitos e cos procedementos contidos na Instrución que regula o formato da conta xeral das entidades locais en soporte informático e co procedemento telemático para a rendición de contas, aprobada por Acordo do Pleno do Consello de Contas do 3 de maio de 2011 (DOG núm. 137, do 18 de xullo).

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Acordo do Pleno do Consello de Contas adoptado con data do 3 de maio de 2011, polo que se aprobou a instrución publicada no Diario Oficial de Galicia, do 18 de xullo de 2011, sobre o formato normalizado da conta xeral das entidades locais en soporte informático e o procedemento telemático para a súa remisión.

Disposición derradeira

Esta instrución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación á rendición de contas de exercicios cuxo prazo de rendición finalice con posterioridade á devandita publicación (exercicio 2015 e seguintes).

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2016; José Antonio Redondo López, conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO 1
Ficheiros que se deben remitir

– Entidades incluídas no ámbito subxectivo da conta xeral que aplican normas e principios de contabilidade pública.

As contas xerais das entidades locais incluídas no ámbito subxectivo da conta xeral das entidades locais que aplican as normas e principios de contabilidade pública, é dicir, a da propia entidade local, a dos seus organismos autónomos e a dos consorcios que se lle adscriban, estarán formadas polos ficheiros establecidos na Resolución da IGAE do 13 de novembro de 2015 coas especificacións nela reguladas.

A relación de ficheiros detállase nos anexos II, III e IV da citada resolución.

– Entidades incluídas no ámbito subxectivo da conta xeral que aplican o PGC aprobado polo Real decreto 1514/2007, modelos normal e abreviado, ou peme (Real decreto 1515/2007).

As sociedades mercantís cuxo capital social pertence integramente á entidade local, aquelas en que teña unha participación maioritaria a entidade, aquelas que se consideren dependentes en aplicación da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, así como as entidades públicas empresariais dependentes da entidade local, renderán as súas contas anuais mediante os seguintes ficheiros:

• ENTIDADE(9)_ EXERCICIO(4)_NOR_CONTAS-ANUAIS.xml, para o modelo de contas anual normal.

• ENTIDADE(9)_ EXERCICIO(4)_ABR_CONTAS-ANUAIS.xml, para o modelo de contas anuais abreviadas.

• ENTIDADE(9)_ EXERCICIO(4)_PYM_CONTAS-ANUAIS.xml, para o modelo de contas anuais de PEMES e microempresas.

• ENTIDADE(9)_EXERCICIO(4)_MEMORIA.pdf

No campo «ENTIDADE» deberá consignarse o NIF da entidade contable (sociedade ou entidade pública empresarial).

Os ficheiros «xml» axustaranse ás especificacións técnicas publicadas no portal do Tribunal de Contas na internet (www.tcu.es) e na plataforma de rendición de contas das entidades locais (www.rendiciondecuentas.es).

Os ficheiros «pdf» non poderán ser obxecto de fraccionamento nin excederá o seu tamaño o publicado en www.rendiciondecuentas.es.

– Entidades sen fin de lucro incluídas no ámbito da conta xeral.

As entidades sen fin de lucro dependentes ou adscritas a unha entidade local de acordo coa regra 49 da instrución modelo simplificado ou a Regra 48 da instrución do modelo normal, en relación coa Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, remitirán as súas contas anuais nos seguintes ficheiros pdf:

• ENTIDADE(9)_ EXERCICIO(4)_ ESTADOS_CONTABLES.pdf

• ENTIDADE(9)_EXERCICIO(4)_MEMORIA.pdf

ANEXO 2
Información adicional

– Información adicional de provincias, illas, municipios, entidades locais menores (estas últimas consonte o disposto na Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local).

As entidades locais completarán unha información adicional formada polos seguintes puntos:

• Datos identificativos: código MAP, NIF, nome, entidade de que depende (se procede).

• Datos identificativos do presidente, interventor xeral, secretario e tesoureiro de cada unha das entidades locais.

• Información sobre cada unha das entidades de que forma parte a entidade local (identificativos, natureza xurídica, etc.).

• Datos sobre cada unha das entidades dependentes ou adscritas á entidade local, con expresión dos seus datos identificativos e actividade.

• Información sobre outras entidades en que participa a entidade local de maneira minoritaria.

• Información sobre as datas en que levaron a efecto os diversos trámites necesarios para a rendición de contas (aprobación da liquidación de orzamentos, formación da conta xeral, ditame da Comisión Especial de Contas, aprobación da conta xeral, etc).

– Información adicional de mancomunidades, comarcas, agrupacións de municipios, áreas metropolitanas.

As entidades locais completarán unha serie de información adicional correspondente a:

• Datos identificativos: código MAP, NIF, nome, así como entidades que forman parte da entidade que rende as contas.

• Datos identificativos do presidente, interventor xeral, secretario e tesoureiro de cada unha das entidades locais.

• Información sobre cada unha das entidades de que forma parte a entidade local (identificativos, natureza xurídica, etc.).

• Datos sobre cada unha das entidades dependentes ou adscritas á entidade local, con expresión dos seus datos identificativos e actividade.

• Información sobre outras entidades en que participa a entidade local de xeito minoritario.

• Información sobre as datas en que levaron a cabo os diversos trámites necesarios para a rendición de contas (aprobación da liquidación de orzamentos, formación da conta xeral, ditame da Comisión Especial de Contas, aprobación da conta xeral, etc.).

ANEXO 3
Documento para a remisión telemática

O arquivo que contén os estados contables, contas e xustificantes virá acompañado por un documento de remisión, igualmente protexido por sinatura dixital, do seguinte teor:

D/Dª.............. (nome e apelidos do dador de contas),............... (cargo que exerce o alcalde de.............../presidente de..........), rendo a conta xeral de......... correspondente ao exercicio.................., coñecida pola entidade local no Pleno de..............................., cumprido o procedemento establecido nos artigos 201 e 212 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, na forma e coa documentación adicional a que se refire a instrución do Consello de Contas de Galicia, aprobada mediante Acordo de … de maio de 2016 adoptado polo seu Pleno, pola que se regulan a rendición telemática a esta institución da conta xeral das entidades locais e o formato da devandita conta a partir da correspondente ao exercicio 2015.

A información relativa á devandita conta queda contida no ficheiro……..…., cuxo resumo electrónico é………..., nos termos indicados polo punto sexto da Resolución da IGAE do 13 de novembro de 2015, pola que se recomenda o formato normalizado das contas xerais das entidades locais en soporte informático (BOE do 20 de novembro de 2015).

En....................., .... de.............. de 20...

O alcalde/presidente da entidade local.

Este arquivo será nomeado como se indica a seguir:

ENTIDADE(9)_ EXERCICIO(4)_ DOC-REMISION.pdf

No campo «ENTIDADE» deberá consignarse o NIF da entidade local de que se trate.

No campo «EXERCICIO» farase constar aquel a que se refire a conta xeral.