A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na redacción establecida pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, determina na disposición adicional quinta que o calendario escolar, que fixarán anualmente as administracións educativas, comprenderá un mínimo de 175 días lectivos para o ensino obrigatorio e que, en calquera caso, no cómputo do calendario escolar se incluirán os días dedicados ás avaliacións previstas nos seus artigos 20.3, 21, 29 e 36 bis.
A disposición derradeira quinta da citada Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, establece o calendario de implantación desta lei orgánica. No punto 2 establécese que as modificacións introducidas no currículo, a organización, obxectivos, requisitos para a obtención de certificados e títulos, programas, promoción e avaliacións de educación secundaria obrigatoria se implantarán para os cursos segundo e cuarto no curso escolar 2016/17. No punto 3 disponse que as modificacións introducidas no currículo, a organización, obxectivos, requisitos para a obtención de certificados e títulos, programas, promoción e avaliacións de bacharelato se implantarán para o segundo curso no curso escolar 2016/17. No punto 6 establécese que as condicións de acceso e admisión ás ensinanzas reguladas nesta lei orgánica serán de aplicación no curso escolar 2016/17.
Tendo en conta que as funcións de planificación, regulación e administración do ensino regrado son competencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e co obxecto de fixar o calendario escolar e as actividades de fin de curso para o curso 2016/17 nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Calendario escolar
Artigo 1. Aprobación
Apróbase o calendario escolar para o curso 2016/17 coas especificacións que se sinalan nesta orde.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
Esta orde é de aplicación en todos os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.
Artigo 3. Duración do curso académico
1. O curso académico abranguerá desde o día 1 de setembro de 2016 ata o 31 de agosto de 2017.
2. Nos primeiros días do mes de setembro, e ata o día 6 como máximo, realizaranse as probas correspondentes á convocatoria extraordinaria do curso 2015/16 para o alumnado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional básica.
3. As sesións de avaliación e a entrega de cualificacións da devandita convocatoria extraordinaria poderán realizarse ata o día 8 de setembro incluído.
4. Sen prexuízo do establecido no artigo 10 desta orde, nos días en que se celebren as probas extraordinarias será de aplicación o punto 107 das instrucións aprobadas pola Orde do 1 de agosto de 1997 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 324/1996, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e se establece a súa organización e funcionamento, e o punto 127 das instrucións aprobadas pola Orde do 3 de outubro de 2000 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 7/1999 polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias. Para tal fin, as direccións dos centros elaborarán o correspondente horario de gardas.
5. O alumnado de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato que non se poida matricular no prazo ordinario poderá facelo no prazo extraordinario, que rematará o día 12 de setembro de 2016 incluído.
Artigo 4. Comedores escolares dos centros públicos
Os comedores escolares funcionarán en educación primaria desde o día 12 de setembro de 2016 ata o 23 de xuño de 2017 e en educación secundaria obrigatoria, desde o día 15 de setembro de 2016 ata o 23 de xuño de 2017.
Artigo 5. Actividades lectivas
1. No 2º ciclo de educación infantil, na educación primaria e na educación especial, a impartición efectiva de clases realizarase do día 12 de setembro de 2016 ao 23 de xuño de 2017, ambos incluídos.
2. Na educación secundaria obrigatoria, no bacharelato e na formación profesional, a impartición efectiva de clases realizarase do día 15 de setembro de 2016 ao 23 de xuño de 2017, ambos incluídos. Non obstante o anterior, para o segundo curso de bacharelato a impartición efectiva de clases rematará de acordo coas datas previstas para a avaliación final de bacharelato establecida no artigo 36 bis da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada parcialmente pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa. Terán a consideración de días lectivos os dedicados á impartición efectiva de clases e aqueles que se dediquen á realización das probas e avaliacións finais das convocatorias ordinaria e extraordinaria.
3. Nas ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas realizaranse entre os días 15 de setembro de 2016 e 30 de xuño de 2017, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.
Artigo 6. Períodos de vacacións
1. Nadal: desde o día 22 de decembro de 2016 ata o día 6 de xaneiro de 2017, ambos inclusive.
2. Entroido: días 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo de 2017.
3. Semana Santa: desde o día 10 ata o 17 de abril de 2017, ambos incluídos.
Artigo 7. Días non lectivos
1. Ademais das festas de ámbito estatal, son días non lectivos os festivos así declarados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, en exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, sobre regulación da xornada de traballo, xornadas especiais e descansos, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, e as festas laborais de carácter local publicadas por resolución da devandita consellería.
2. Nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local a que se refire o punto anterior non coincidan con días de clase, os consellos escolares, os consellos sociais ou, na súa falta, os responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, segundo proceda, un ou dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral do centro, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica. Esta petición deberá facerse antes do día 27 de outubro de 2016 perante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que, logo de informe da Inspección educativa e dos que coide oportunos, resolverá o que proceda.
É recomendable que os centros da mesma localidade elixan, de ser o caso, os mesmos días non lectivos, para o cal se buscará o consenso entre todos os centros para a súa selección.
3. Ademais dos anteriores, sen prexuízo do establecido no artigo 8.3 e co fin de unificar a celebración dos patróns de cada nivel educativo, establécese o Día do Ensino coa consideración de non lectivo para efectos académicos e que no curso 2016/17 se celebrará o 31 de outubro de 2016.
Artigo 8. Conmemoracións
1. Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:
– 20 de novembro de 2016: Día Universal da Infancia.
– 25 de novembro de 2016: Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
– Do 1 ao 11 de decembro de 2016: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.
– 10 de decembro de 2016: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
– 30 de xaneiro de 2017: Día Escolar da non Violencia e da Paz.
– 8 de marzo de 2017: Día Internacional da Muller.
– 15 de marzo de 2017: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.
– Do 6 ao 10 de marzo de 2017: Semana da Prensa. Un día desta semana traballarase na aula con xornais.
– 7 de abril de 2017: Día Mundial da Saúde.
– Entre o 17 e o 21 de abril de 2017: Semana do Libro.
– 9 de maio de 2017: Día de Europa.
– Do 9 ao 17 de maio de 2017: Semana das Letras Galegas.
– 5 de xuño de 2017: Día Mundial do Medio Ambiente.
2. De conformidade co establecido no artigo 26.2 da Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual, os centros docentes sostidos con fondos públicos realizarán actividades específicas próximas ás datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo do dereito destas persoas.
3. Cando algunha das datas a que se refiren os puntos anteriores sexa sábado, domingo, festividade local ou estea incluída nalgún dos períodos de vacacións establecidos no artigo 6 desta orde, a correspondente conmemoración celebrarase o día lectivo inmediatamente anterior ou posterior, segundo estableza a programación xeral anual de cada centro.
4. As datas a que se refiren os puntos 1 e 2 son lectivas para todos os efectos e nelas os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a salientar a importancia das conmemoracións mencionadas.
CAPÍTULO II
Inicio do curso
Artigo 9. Actividades de programación
1. Desde o día 1 de setembro de 2016 ata o inicio das clases, o profesorado dos centros públicos, ben individualmente ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica correspondentes, baixo a dirección dos seus responsables, colaborará na elaboración da programación xeral anual e na revisión dos proxectos educativos e concrecións de currículos, participará nas reunións de ciclos, departamentos, claustros e cantas outras actividades estean relacionadas coa organización do curso. Neste período, os departamentos didácticos, os equipos de ciclo e os equipos docentes de cada curso, baixo a coordinación e dirección da respectiva xefatura de departamento, coordinación de ciclo ou do profesor titor/a, dedicaranse a elaborar a programación didáctica das ensinanzas correspondentes ao ciclo, ás áreas, materias ou módulos integrados no departamento e a organizar o curso escolar.
2. As direccións dos centros, a través da xefatura de estudos, velarán para que o profesorado realice as funcións do punto anterior.
3. Previamente ao inicio do curso, o profesorado responsable de cada departamento, da coordinación de ciclo na educación infantil e o titor ou titora de curso fará entrega da programación didáctica á xefatura de estudos. Cando haxa máis dunha persoa titora por curso, desenvolverá a función o titor ou a titora que designe a dirección, oídos todos/as os/as titores/as de curso.
A dirección do centro remitirá as programacións didácticas á Inspección educativa, que comprobará a súa adecuación ao establecido nas disposicións vixentes.
En desenvolvemento do establecido no artigo 34 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, os centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de formación profesional deberán utilizar para a elaboración e o seguimento das programacións dos módulos profesionais dos títulos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a aplicación informática web de programacións. Do mesmo xeito, para as entregas, para a supervisión e comprobación por parte das xefaturas de departamento e das direccións destes centros e da Inspección educativa, tamén se debe utilizar a aplicación mencionada.
4. Ao inicio de curso, o profesor ou profesora responsable de cada departamento, da coordinación de ciclo na educación infantil e o titor ou titora de curso elaborará a información básica relativa á programación didáctica, que dará a coñecer á comunidade educativa seguindo o procedemento establecido no centro para garantir a súa publicidade. Así mesmo, o profesorado informará o alumnado das programacións didácticas da súa área ou materia. Esta información básica incluirá os obxectivos, contidos, criterios de avaliación, procedementos e instrumentos de avaliación, criterios de cualificación do ciclo ou curso correspondente e, de ser o caso, os estándares de aprendizaxe avaliables e o seu grao mínimo de consecución para superar a materia.
5. Nos centros pertencentes á Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, seguirase o establecido no artigo 3 da Orde do 29 de xullo de 2011 pola que se desenvolve o Decreto 77/2011, do 7 de abril, polo que se establece o Regulamento orgánico dos centros integrados de formación profesional competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
6. Nas escolas oficiais de idiomas seguirase o establecido na Orde do 5 de agosto de 2011 pola que se desenvolve o Decreto 189/2010, polo que se establece o Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula a organización e o acceso ás ensinanzas de idiomas de réxime especial.
7. Nos conservatorios profesionais de música e danza seguirase o disposto na Orde do 4 de agosto de 2011 pola que se desenvolve o Decreto 223/2010, do 30 de outubro, polo que se establece o Regulamento orgánico dos conservatorios elementais e profesionais de música e de danza da Comunidade Autónoma de Galicia.
8. Nas escolas de arte e superiores de deseño observarase o disposto na Orde do 8 de agosto de 2011 pola que se desenvolve o Decreto 61/2011, do 24 de marzo, polo que se establece o Regulamento orgánico das escolas de arte e superiores de deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 10. Xornada escolar
1. A xornada escolar será a establecida pola lexislación vixente para cada unha das etapas e niveis.
2. Aqueles centros que combinen o servizo de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización da xefatura territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, un horario que, coas adaptacións necesarias, lles permita garantir o axuste e a perfecta coordinación dos centros con este servizo. Estes centros comunicaranlle á xefatura territorial a proposta de horario escolar para o curso 2016/17, que deberá resolver antes do inicio das clases.
3. A xornada matinal nos centros que a tivesen concedida pola xefatura territorial para os meses de xuño e setembro do ano académico 2015/16 considérase prorrogada para o curso 2016/17 nos mesmos termos, sempre que non variasen as circunstancias en que foi concedida.
CAPÍTULO III
Final de curso
Artigo 11. Centros que imparten educación infantil, educación primaria e educación especial
1. Actividades non lectivas.
O período comprendido entre o remate de impartición de clases e o 30 de xuño de 2017 incluído será dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elaborar as actas de avaliación, os informes individualizados, os informes para as familias e os documentos de avaliación que correspondan. O profesorado dedicará especial atención á análise e á valoración de resultados da avaliación do rendemento académico do alumnado. Todo o profesorado dos centros públicos permanecerá no centro ata o día 30 de xuño de 2017 incluído.
Nese período de tempo, logo de autorización da Inspección educativa, a dirección poderá adecuar o horario do profesorado de acordo coas actividades programadas.
2. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción.
Sen prexuízo do anterior, as direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións finais ou decisións de promoción ou titulación, realizadas dentro dos prazos previstos no punto 11 do capítulo IV do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997 pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios rurais agrupados, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para o alumnado de educación infantil e primaria.
Artigo 12. Centros que imparten educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial
1. Calendario final do curso.
Os claustros dos centros sinalados elaborarán un calendario das actividades docentes para o final de curso 2016/17, de acordo coas instrucións que seguen.
As direccións dos centros citados enviarán aos servizos territoriais de Inspección educativa, antes do día 1 de maio de 2017, un resumo do calendario aprobado polo claustro, conforme os modelos recollidos nos anexos I, II, III ou IV desta orde. Nos casos en que proceda, a Inspección comunicará as modificacións aos centros antes do 15 de maio de 2017 para que as direccións as dean a coñecer ao profesorado para o seu cumprimento.
Ademais das actividades docentes lectivas, o calendario aprobado polo claustro deberá incluír as actividades docentes referidas ás probas de avaliación, sesións de avaliación conxunta, recuperacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso.
2. Probas finais.
2.1. O alumnado de ESO con materias pendentes de cursos anteriores será convocado, de ser o caso, a unha proba final durante o mes de maio de 2017.
2.2. O alumnado de 2º de bacharelato con materias pendentes de cursos anteriores será convocado, de ser o caso, a unha proba final que se adecuará ás datas previstas para a avaliación final de bacharelato establecida no artigo 36 bis da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada parcialmente pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.
2.3. Naqueles centros ou ensinanzas que prevexan a realización de probas, a dirección do centro deberá propor as datas correspondentes á xefatura territorial que corresponda, para a súa autorización.
3. Sesións de avaliación.
3.1. As sesións de avaliación final do alumnado de ESO, do primeiro curso de bacharelato, do primeiro curso da formación profesional básica, do primeiro curso dos ciclos formativos de formación profesional no réxime ordinario e dos ciclos formativos no réxime de persoas adultas deberán realizarse a partir do día 23 de xuño de 2017.
3.2. As sesións de avaliación final do alumnado do segundo curso de bacharelato adecuaranse ás datas previstas para a avaliación final de bacharelato establecida no artigo 36 bis da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada parcialmente pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.
3.3. Para as sesións de avaliación final do resto do alumnado, a dirección do centro deberá propor as datas correspondentes á xefatura territorial que corresponda, para a súa autorización.
4. Horario do profesorado.
4.1. Unha vez realizadas as avaliacións finais do segundo curso de bacharelato, impartiranse as clases nas disciplinas obxecto da avaliación final de bacharelato establecida no artigo 36 bis da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada parcialmente pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa ata a realización da citada proba. Con este fin, quedan autorizadas as direccións dos centros para introducir modificacións nos horarios do profesorado e dos grupos de alumnado afectados, asignándolle ao profesorado as tarefas da súa responsabilidade nas horas en que deixe de impartir a súa materia, segundo o cargo ou posto que desempeñe, incluídas as gardas que se consideren necesarias.
4.2. Así mesmo, quedan autorizadas as direccións dos centros para introduciren modificacións nos horarios do profesorado que se vexa afectado pola realización do módulo de formación en centros de traballo do alumnado, asignándolle tarefas da súa responsabilidade nas horas en que deixe de impartir os módulos da súa competencia, segundo o cargo ou posto que desempeñe, incluídas as gardas que se consideren necesarias.
4.3. Sen prexuízo do expresado nos puntos 4.1 e 4.2 anteriores, o profesorado dos institutos de educación secundaria seguirá cumprindo o seu horario lectivo ata o día 23 de xuño de 2017 incluído. A partir dese día e ata o día 30 incluído, as direccións dos institutos de educación secundaria poderán modificar os horarios do profesorado para adecualos ás actividades establecidas no calendario aprobado polo claustro e aceptado pola Inspección educativa (entrega de cualificacións, atención a reclamacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso).
O profesorado dedicará especial atención á análise e valoración de resultados da avaliación do rendemento académico do alumnado, que deberá incluírse na memoria final de curso coas propostas de mellora que correspondan. Así mesmo, esta memoria incorporará propostas de modificación ás programacións didácticas, especialmente no que se refire a mínimos exixibles, estratexias metodolóxicas e criterios de cualificación, promoción e titulación.
4.4. Durante o mes de xuño, as direccións dos centros públicos de ensinanzas de réxime especial poderán adaptar os horarios do profesorado ás necesidades específicas de cada centro. Tal adaptación non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo de cada profesor ou profesora.
4.5. Durante o curso académico, nos centros pertencentes á Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o horario do profesorado adaptarase ás necesidades que permitan cumprir coas actividades formativas e accións establecidas para cada área funcional e/ou departamento segundo o plan anual.
5. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción ou titulación.
As direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións finais, de conformidade co procedemento establecido na seguinte normativa ou na normativa posterior que a substitúa e que resulte de aplicación:
Orde do 28 de agosto de 1995 pola que se regula o procedemento para garantir o dereito dos alumnos de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato a que o seu rendemento escolar sexa avaliado conforme criterios obxectivos, para a educación secundaria obrigatoria e o primeiro curso de bacharelato.
Orde do 22 de abril de 2010 pola que se establece o procedemento que cómpre seguir nas reclamacións das cualificacións outorgadas no segundo curso do bacharelato establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para o 2º curso de bacharelato.
Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, para a formación profesional inicial.
Orde do 25 de abril de 2007 pola que se regula a avaliación, a acreditación académica e a mobilidade do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Artes Plásticas e Deseño e as de Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia, para as ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño e as de conservación e restauración de bens culturais.
Orde do 11 de febreiro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de Danza que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para as ensinanzas profesionais de danza.
Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de Música que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para as ensinanzas profesionais de música.
Orde do 30 de maio de 2008 pola que se regula a avaliación das ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de Técnico Deportivo e Técnico Deportivo Superior na Comunidade Autónoma de Galicia, para as ensinanzas técnico-deportivas.
Orde do 8 de setembro de 2008, modificada pola Orde do 19 de abril de 2012, pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas especializadas de idiomas de réxime especial que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para as ensinanzas especializadas de idiomas de réxime especial.
Orde do 1 de decembro de 2008 pola que se regula a organización, a avaliación e a acreditación académica das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, para as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.
Orde do 30 de setembro de 2010 pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso ao dito grao.
Orde do 30 de setembro de 2010 pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso ao dito grao, corrixida no DOG do 17 de abril de 2012.
Orde do 30 de setembro de 2010 pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Música na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso ao dito grao.
Orde do 30 de setembro de 2010 pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso ao dito grao.
Orde do 24 de xullo de 1991 pola que se regula a organización das actividades docentes nos centros de bacharelato, formación profesional e institutos de educación secundaria e profesional, no punto 10.2, para o restante alumnado de ensinanzas de réxime especial.
Artigo 13. Actas de avaliación final
1. As secretarías dos centros deberán remitir á xefatura territorial correspondente fotocopias autenticadas das actas de avaliación final de todos os cursos do seu centro e dos centros privados adscritos, de ser o caso, antes do día 15 de xullo de 2017.
2. As actas correspondentes aos cursos que teñan convocatoria extraordinaria (setembro) enviaranse antes do día 15 de setembro de 2017.
CAPÍTULO IV
Outras disposicións
Artigo 14. Memorias de fin de curso
1. As direccións dos centros que impartan educación infantil e/ou educación primaria enviarán ao servizo territorial de Inspección educativa respectivo, antes do día 10 de xullo de 2017, a memoria anual do centro a que se refire o punto 5 do capítulo I do anexo á citada Orde do 22 de xullo de 1997.
2. As direccións dos centros públicos integrados enviarán ao servizo territorial de Inspección educativa respectivo, antes do 10 de xullo de 2017, a memoria anual do centro a que se refire o punto 43 das instrucións aprobadas pola citada Orde do 3 de outubro de 2000.
3. As direccións dos institutos de educación secundaria enviarán ao servizo territorial de Inspección educativa respectivo, antes do día 10 de xullo de 2017, a memoria anual do centro a que se refire o punto 43 das instrucións aprobadas pola citada Orde do 1 de agosto de 1997.
4. As direccións dos centros de ensinanzas de réxime especial, conforme o establecido na normativa específica que lle é de aplicación a cada ensinanza, elaborarán ao longo do mes de xuño de 2017, logo do informe dos respectivos claustros, unha memoria que recolla o grao de consecución dos obxectivos fixados na programación xeral anual, as dificultades atopadas e as medidas correctoras introducidas, de ser o caso. A devandita memoria, con informe do consello escolar do centro, enviarase ao servizo territorial de Inspección educativa respectivo antes do 10 de xullo de 2017 e terase en conta á hora de elaborar a programación do curso seguinte, sobre todo para programar novamente obxectivos non acadados ou acadados parcialmente no curso anterior e articular novos medios para logralos.
5. As direccións dos centros pertencentes á Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, seguirán o establecido no artigo 12 da Orde do 29 de xullo de 2011.
Disposición adicional primeira. Modificación do calendario escolar e comedores escolares
As xefaturas territoriais, por circunstancias concretas de organización, poderán autorizar a modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas e de funcionamento dos comedores escolares.
Calquera modificación que se precise facer no calendario escolar deberá ser solicitada, polo menos con quince días de antelación, polo centro interesado á xefatura territorial, que, logo do informe da Inspección educativa e dos que coide oportunos, resolverá o procedente.
Disposición adicional segunda. Período de adaptación do alumnado de educación infantil que se incorpora por primeira vez ao centro
O período de adaptación do alumnado de educación infantil que se incorpora por primeira vez ao centro, a que se refiren o punto 1.8 do capítulo VI do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997 pola que se regulan determinados aspectos organizativos e de funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios rurais agrupados, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o punto 53 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos centros públicos integrados, aprobadas pola Orde do 3 de outubro de 2000 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, e o artigo 3 da Orde do 25 de xuño de 2009 pola que se regula a implantación, o desenvolvemento e a avaliación do segundo ciclo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, terá a mínima duración posible que permita acadar os seus obxectivos e, en todo caso, non se poderá prolongar máis de 10 días lectivos desde a data de inicio das clases.
Disposición adicional terceira. Desenvolvemento e execución
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.
Disposición adicional cuarta. Adscrición funcional en educación primaria
Para os únicos efectos da adscrición funcional do profesorado do corpo de mestres e co obxecto de respectar o dereito de cada grupo de alumnos e alumnas a manter o mesmo titor durante dous cursos, na educación primaria, este dereito entenderase referido a: primeiro e segundo curso, terceiro e cuarto curso, e quinto e sexto curso.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2016
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO II
Resumo do calendario de actividades de xuño. Curso 2016/17
O/A director/a da Escola de Arte e Superior de Deseño ........................................./Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais pon no seu coñecemento que o calendario de actividades docentes programadas para o final de curso, aprobado polo claustro, recolle o seguinte:
O último día de clase será o |
As datas das sesións de avaliación final serán do ao |
................................, ...... de .................. de 2017
O/A director/a,
Asdo.: ...........................................................
Inspector/a de Educación
ANEXO III
Resumo do calendario de actividades de xuño. Curso 2016/17
O/A director/a da Escola Oficial de Idiomas .....................................................................pon no seu coñecemento que o calendario de actividades docentes programadas para o final de curso, aprobado polo claustro, recolle o seguinte:
O último día de clase será o |
As datas das probas da convocatoria ordinaria de xuño serán do ao |
................................, ...... de .................. de 2017
O/A director/a,
Asdo.: ...........................................................
Inspector/a de Educación
ANEXO IV
Resumo do calendario de actividades de xuño. Curso 2016/17
O/A director/a do Conservatorio de Música/Conservatorio de Danza .......................................... ............................................. pon no seu coñecemento que o calendario de actividades docentes programadas para o final de curso, aprobado polo claustro, recolle o seguinte:
O último día de clase será o |
As datas da avaliación conxunta do alumnado serán do ao |
As probas de acceso realizaranse do ao |
................................, ...... de .................. de 2017
O/A director/a,
Asdo.: ...........................................................
Inspector/a de Educación