Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 22 de xuño de 2016 Páx. 25864

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 14 de xuño de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2016 e 2017.

BDNS (Identif.): 309507

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial, a título individual ou agrupadas, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil nun polígono industrial ou parque empresarial ou nas súas inmediacións.

c) Achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos os/as non nados/as e en proceso de adopción.

d) Presentar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

2. As entidades solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

Segundo. Obxecto

Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas para a posta en funcionamento de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o período 2016-2017.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de xuño de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2016 e 2017.

Cuarto. Importe

As axudas consistirán nunha subvención de ata o 100 % do custo total do investimento realizado, cun límite máximo global por escola infantil e entidade beneficiaria de 200.000 euros.

Para as axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dous millóns trescentos corenta e tres mil catrocentos sesenta e oito euros (2.343.468 euros) que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.781.0 distribuído en dúas anualidades, correspondendo 585.867 euros ao ano 2016 e 1.757.601 euros ao ano 2017.

Esta partida estará cofinanciada ao 80 % con fondos Feder do programa operativo de Galicia 2014/2020, eixe prioritario10, prioridade de investimento 05, obxectivo específico 01.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social