Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 27 de xuño de 2016 Páx. 26938

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 14 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico extraordinario de investimentos destinado á mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia.

BDNS (identif.): 310010

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes que formulen petición e que estean nalgún dos seguintes supostos:

a) Concellos cuxa súa actuación respecte os requisitos fiscais impostos pola normativa estatal de estabilidade orzamentaria, regra de gasto, límite de débeda e período medio de pagamento a provedores. A relación de concellos será facilitada pola Consellería de Facenda e referenciada na data de publicación desta orde no DOG.

b) Concellos afectados polos temporais acontecidos na Comunidade Autónoma de Galicia nos meses de xaneiro e febreiro do presente ano, segundo a relación elaborada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio conforme os criterios e os datos facilitados por Meteogalicia.

c) Concellos que non recibisen axudas superiores a vinte mil euros (20.000 €) na liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, convocadas ao abeiro da Orde do 21 de decembro de 2015 pola que se regulan os criterios e repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2016, segundo os datos de que dispón a Dirección Xeral de Administración Local.

Segundo. Obxecto

Serán subvencionables os investimentos na mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais que se indican a continuación:

a) Obras de saneamento e abastecemento de auga.

b) Pavimentación de vías públicas municipais.

c) Reformas de edificios e instalacións municipais.

d) Dotación de equipamentos relacionados con calquera das alíneas anteriores.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan Específico extraordinario de investimentos destinado á mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de dous millóns de euros (2.000.000,00 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2016

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza