Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 27 de xuño de 2016 Páx. 26917

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico extraordinario de investimentos destinado á mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, dispón que os concellos deberán prestar á súa cidadanía os servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.

Así mesmo, a citada lei dispón que as funcións de coordinación e axuda da Comunidade Autónoma de Galicia se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo de prestación homoxénea dos ditos servizos.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia busca garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que os cidadáns galegos teñan unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, potenciando e apoiando a prestación de servizos por parte dos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, e converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional.

O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de Administración local, e, en particular, son competencias da Dirección Xeral de Administración Local as relacións coas entidades locais e demais institucións relacionadas co ámbito do poder local, a coordinación das políticas públicas en materia de Administración local e o fomento das liñas de colaboración coas entidades locais galegas no referente á convocatoria e execución das subvencións a elas destinadas.

En consecuencia, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza regula mediante a presente orde, dentro do ámbito das súas competencias, axudas específicas para investimentos destinados aos concellos de Galicia para a mellora de infraestruturas e equipamentos, coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local.

Igualmente, de acordo co compromiso adquirido na reunión celebrada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Administración xeral do Estado o pasado 26 de febreiro de 2016, é vontade da Xunta de Galicia colaborar cos concellos na reparación de danos en bens de titularidade municipal, ocasionados polos episodios de climatoloxía adversa de natureza extraordinaria dos meses de xaneiro e febreiro do ano en curso, e poderán chegar a financiarse, a través da presente orde, en función das dispoñibilidades orzamentarias, ata dous terzos do custo total das ditas actuacións de reparación, sen prexuízo das contribucións necesarias que deban achegar as restantes administracións, nomeadamente as deputacións provinciais e a Administración xeral do Estado.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencions de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito disponible. A elección deste procedemento de concesión de axudas vén xustificado pola propia natureza destas e a súa concesión vén determinada polo cumprimento por parte dos concellos dos requisitos establecidos na propia orde.

A presente orde financiarase cos recursos adicionais que proporciona o novo obxectivo de estabilidade orzamentaria para as comunidades autónomas en 2016, establecido en aplicación da nova senda aprobada no Pleno 94 do Consello de Política Fiscal y Financiera, celebrado o pasado 28 de abril.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e beneficiarios

1. As subvenciones reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para investimentos destinados aos concellos de Galicia a que se refire o número 3 deste artigo, para a mellora de infraestruturas e equipamentos, coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

3. Poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes que formulen petición e que estean nalgún dos seguintes supostos:

a) Concellos cuxa súa actuación respecte os requisitos fiscais impostos pola normativa estatal de estabilidade orzamentaria, regra de gasto, límite de débeda e período medio de pagamento a provedores. A relación de concellos será facilitada pola Consellería de Facenda e referenciada na data de publicación desta orde no DOG.

b) Concellos afectados polos temporais acontecidos na Comunidade Autónoma de Galicia nos meses de xaneiro e febreiro do presente ano, segundo a relación elaborada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio conforme os criterios e os datos facilitados por Meteogalicia.

c) Concellos que non recibisen axudas superiores a vinte mil euros (20.000 €) na liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, convocadas ao abeiro da Orde do 21 de decembro de 2015 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2016, segundo os datos de que dispón a Dirección Xeral de Administración Local.

4. Serán subvencionables os investimentos na mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais que se indican a seguir:

a) Obras de saneamento e abastecemento de auga.

b) Pavimentación de vías públicas municipais.

c) Reformas de edificios e instalacións municipais.

d) Dotación de equipamentos relacionados con calquera das alíneas anteriores.

Artigo 2. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.760.0 (código de proxecto 2016 00376), ata un importe máximo de dous millóns de euros (2.000.000 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

2. A axuda económica que se conceda acadará a totalidade do investimento realizado, co límite máximo de trinta e cinco mil euros (35.000 €) por concello, ata o esgotamento do crédito a que se refire o punto anterior.

3. No caso de agotamento do crédito dispoñible, informarase a través da páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://cpapx.xunta.gal).

Artigo 3. Ampliación de crédito

1. Sen prexuízo do establecido no artigo 2, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; neste caso, o órgano concedente procederá a publicala nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

2. A ampliación de crédito que se produza, de ser o caso, destinarase a atender as solicitudes presentadas polos concellos afectados polos temporais acontecidos na Comunidade Autónoma de Galicia nos meses de xaneiro e febreiro do presente ano nos termos previstos no artigo 1.3.b).

3. A axuda económica concederase de conformidade co establecido nos artigos 6 e 7 da presente orde e poderá chegar a acadar ata dous terzos do investimento realizado polo concello, ata que se esgote o crédito ampliado.

Artigo 4. Destino das subvencións

Poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados polo concello nas actuacións indicadas no artigo 1.4 desta orde.

Non será obxecto de subvención o importe do imposto sobre o valor engadido correspondente aos investimentos na mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos.

Artigo 5. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. Os concellos que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración local segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

6. A entidade solicitante deberá xuntar á solicitude a seguinte documentación:

a) Declaración responsable asinada polo representante da entidade local solicitante, incluída no anexo I desta orde, segundo proceda, en que se faga constar:

a. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b. Que a entidade local non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade local está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

b) Certificación emitida polo/a secretario/a da entidade local solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:

a. O acordo do órgano competente da entidade local polo cal se solicita a subvención para as actuacións que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

O acordo estará referido a todas as actuacións que integran o proxecto, polo que se deberá consignar a denominación e o orzamento de cada unha, así como o orzamento total.

O incumplimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

b. A remisión das contas da entidade local ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2014. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo cal se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c) Memoria xustificativa da necesidade das actuacións para as cales solicitan subvención, asinada polo/a representante da entidade local.

d) Nas solicitudes para obras deberá achegarse o proxecto ou anteproxecto da/s obra/s que se vaian realizar co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado.

– Planos a escala suficiente.

e) Nas solicitudes para equipamento deberá achegarse unha memoria explicativa dos equipamentos para os cales se solicita subvención, asinada polo representante da entidade solicitante, que conterá a descrición e orzamento detallado do equipamento solicitado.

f) Certificación emitida polo/a secretario/a da entidade local, no modelo do anexo II, referida á plena dispoñibilidade da entidade solicitante sobre os terreos e predios onde se pretenden realizar as actuacións. Deberá quedar acreditado que a entidade, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, ten a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

7. O defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas pola Dirección Xeral de Administración Local e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daraselles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se lles terá por desistidos da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Instrución

1. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo una convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que, ao abeiro do establecido no artigo 5.7 da presente orde, se requirise aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por rexistro de entrada da solicitude presentada a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

2. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación que exixe o artigo 4.6 da presente orde, é correcta e está completa, ata o esgotamento do crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local elevará as sucesivas propostas de concesión á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 7. Resolución, notificación e modificación

1. O prazo para a resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será dun mes, contado a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada no artigo dous da presente orde.

3. A resolución notificaráselles a todos os concellos interesados, na forma prevista no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo o establecido no artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

4. Contra a resolución os concellos interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo.

5. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberán cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproban o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Aceptación

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

3. Os concellos beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

4. A Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 9. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 10 desta orde.

c) Incumprimento da obriga de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de cinco anos.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme coas prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sen prexuízo do establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

6. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos do seu remate unha modificación que afecte a natureza do investimento.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 10. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións que integran o proxecto subvencionado e que constitúe o obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación da contratación das obras, equipamentos ou servizos será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das con-secuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

3. Nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características do gasto subvencionable non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

4. A entidade beneficiaria deberá acreditar as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/a adxudicatario/a.

Artigo 11. Xustificación e pagamento

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a conta xustificativa ata o 31 de outubro de 2016.

2. A conta xustificativa estará integrada polos seguintes documentos:

a) Declaración responsable asinada polo representante do concello beneficiario segundo o modelo do anexo III desta orde, en que se faga constar:

1º. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións con indicación do importe e da súa procedencia.

2º. Que o concello beneficiario non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que as entidades locais beneficiarias están ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedoras por resolución de procedemento de reintegro.

b) Certificación emitida no modelo do anexo IV polo/a secretario/a do concello beneficiario relativa:

1º. Á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, na cal se faga constar de forma detallada:

a. Ao cumprimento da finalidade da subvención.

b. Aos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

2º. Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade do gasto correspondente á execución do proxecto subvencionado.

3º. Que, segundo informe do/a secretario/a do concello, a contratación das obras, equipamentos ou servizos se realizou consonte a normativa de contratación do sector público.

Nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deberá facerse constar:

a. As tres ofertas que deben solicitar, de conformidade co establecido no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 10 desta orde.

b. Que se cumpriu o establecido nos artigos 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, especialmente que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

3. A Dirección Xeral de Administración Local poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 12. Libramento das subvencións

1. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Administración Local poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axuda, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actuación subvencionada.

Artigo 15. Incumprimento de obrigas

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 16. Publicidade das subvencións concedidas

As entidades beneficiarias e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos establecidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; integraranse do mesmo xeito, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

Artigo 17. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: administracionlocal@xunta.gal.

Artigo 18. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Administración Local, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://cpapx.xunta.gal).

b) Nos teléfonos 981 54 62 11 e 981 54 62 12.

c) No enderezo electrónico: administracionlocal@xunta.gal.

Artigo 20. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file