Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 27 de xuño de 2016 Páx. 27117

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 31 de maio do 2016, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se notifica o Auto do 5 de maio de 2016 ditado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña no procedemento de entrada en domicilio 0000106/2016J.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña ditou auto do 5 de maio do 2016, no procedemento de entrada en domicilio 0000106/2016 J, en cuxa parte dispositiva se sinala: «Acordo que, estimando integramente a solicitude formulada pola Consellería de Medio Ambiente, debo autorizar e autorizo a entrada nas instalacións de Recoge Galicia de Gestión, S.L., sitas en Camposa, Gaiosa, dentro do termo municipal de Cerceda (A Coruña), para proceder á execución forzosa (Acordo do secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 3 de febreiro de 2016) das medidas impostas pola Resolución do 7 de outubro de 2015, ditada no procedemento de responsabilidade patrimonial SA-RA-01/2015, consistentes na extracción e trasfego dos lixiviados acumulados no vaso de vertedura existente nas citadas instalacións, en recoller a masa de residuos en condicións de estabilidade e en executar a posterior selaxe provisoria.

A entrada deberá ter lugar entre as 9.00 horas e as 19.00 horas, comezando nun dos quince días seguintes á notificación á representación da Administración solicitante da presente resolución e continuando, sempre no mesmo horario, sen prexuízo da adopción das medidas nocturnas de aseguramento que foren necesarias, os días seguintes que foren necesarios, e deben concluír nos sete meses seguintes ao do seu inicio.

A Administración que solicitou a entrada debe remitir a este xulgado, no prazo dos dez días seguintes á conclusión da dilixencia, copia da acta levantada e informe das incidencias ocorridas durante ela.

En todo caso, os funcionarios actuantes deberán entregar copia desta resolución ao interesado ou persoa que na súa representación se encontre no lugar, con carácter previo ao inicio, e advertirlle que poderá interpor contra ela recurso de apelación dentro dos quince días seguintes á súa notificación.

Entréguese á Administración solicitante testemuño da presente resolución para que sirva de oportuno mandado de entrada e copia para a súa entrega ao interesado».

Tras tentar notificar o devandito auto á entidade Recoge Galicia de Gestión, S.L. mediante comunicación do 9 de maio do 2016 remitida, tanto á instalación referida no devandito auto como ao domicilio social da citada mercantil, con resultado infrutuoso en ambos os dous casos; o acceso á instalación nos termos autorizados se produciuse ás 9.00 horas do día 19 de maio do 2016, sen que se atopase presente ningún responsable ou persoal da empresa no seu interior.

Polo exposto, de conformidade co artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, publícase o presente anuncio para efectos de notificación do devandito auto, a cal se entende producida con efectos desde o día seguinte á publicación deste anuncio no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 31 de maio do 2016

Justo de Benito Basanta
Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental