Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 14 de xullo de 2016 Páx. 30224

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa e da solicitude de pagamento, establecido na Resolución 28 de marzo de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2016.

Por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 28 de marzo de 2016 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo (DOG nº 61, do 31 de marzo).

O artigo 15 da Resolución do 28 de marzo de 2016 establece que para a xustificación das axudas concedidas, as persoas beneficiarias presentarán, con data límite do 15 de xullo de 2016, a documentación que se indica no número 2. Tendo en conta o volume de solicitudes presentadas e o longo proceso de tramitación, e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o dito artigo 15, ampliando o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte das persoas beneficiarias.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o punto 1 do artigo 15 (prazo, xustificación e pagamento) da Resolución do 28 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, que queda redactado como segue:

«A axuda concedida será aboada nun pagamento único polo importe que corresponda segundo as contías determinadas no artigo 6 desta resolución, unha vez presentada a documentación sinalada no número 2 deste artigo coa data límite do 14 de outubro de 2016. O pagamento farase por transferencia na conta que as persoas solicitantes fagan constar no modelo de solicitude (anexo I)».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2016

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade