Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 14 de xullo de 2016 Páx. 30312

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 15 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos e ás asociacións de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos para a consecución de mercados de excelencia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN223A).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, indica que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins, así como a reforma, coordinación e mellora das estruturas comerciais.

A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles, e moi especialmente os mercados municipais que teñen unha singular significación por constituír espazos de centralidade comercial que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría. É preciso, polo tanto, renovar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, desde o momento que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun entorno urbano das vilas e cidades.

O Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 ten entre os seus obxectivos a modernización do comercio galego prestando especial atención á imaxe, a presentación do produto e a prestación de servizos complementarios ao cliente, por isto se inclúen medidas como a mellora da imaxe e o equipamento dos mercados e prazas de abastos galegos, así como a creación dunha rede de mercados excelentes.

Por outra banda, o Plan tamén destaca a importancia das feiras e mercados tradicionais, non só por ser referentes na venda dos nosos produtos locais e tradicionais de calidade, senón por constituír un modo de abastecemento arraigado na tradición galega que incentiva a actividade económica das nosas comarcas.

O Plan de mercados excelentes é un instrumento que pretende destacar o potencial dos nosos mercados e prazas de abastos como eixos e motores do comercio de proximidade, adaptándoos ás novas tendencias do mercado.

A súa finalidade fundamental é aproveitar a súa situación estratéxica e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, vencellándoos ao contorno no que se integran, ao produto local e a valores como a sustentabilidade, a proteción do ambiente, a calidade, o trato personalizado e o compromiso coa sociedade.

Incrementar os servizos que se prestan aos clientes, mellorar a súa accesibilidade, acadar a súa modernización e dixitalización son algúns dos retos do Plan de mercados excelentes que, ademais de incluír unha guía de boas prácticas, e un sistema de avaliación para determinar a excelencia do mercado, recolle un conxunto de medidas para acadar a excelencia dos nosos mercados e prazas de abastos, entre as que se inclúen a mellora do equipamento e dos servizos neles prestados, a mellora das súas condicións tecnolóxicas e a posta en marcha de accións que permitan aproveitar as sinerxias do Camiño de Santiago.

Polo tanto, resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e as corporacións locais para posibilitar medidas e actuacións que sirvan para a mellora dos espazos comerciais urbanos, a adecuación dos espazos do comercio non sedentario, e especialmente a potenciación dos mercados municipais e prazas de abastos, para acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global e unitaria que aglutine os intereses dos comerciantes e ofrecer ao consumidor o produto e servizo que actualmente demanda, en definitiva, crear unha rede de mercados excelentes de Galicia.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dirixidas aos concellos galegos e ás asociacións e cooperativas de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos situados en concellos polos que discorran os camiños de Santiago, para a consecución de mercados de excelencia, a mellora dos recintos onde se desenvolva o comercio non sedentario e a posta en marcha de actuacións que permitan aos mercados aproveitar as sinerxias xeradas polo Camiño de Santiago.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2016.

3. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 330.000,00 € que será imputado ás aplicacións orzamentarias seguintes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2016:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Beneficiarios

09.30.751A.761.3

300.000,00

Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia

09.30.751A.781.1

30.000,00

Asociacións e cooperativas de persoas praceiras

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para presentar as solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https.//sede.xunta.es/chave365).

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel utilizando os formularios dispoñibles na sede por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante Lei 30/1992), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. No caso de que os solicitantes sexan concellos, a presentación das solicitudes realizarase exclusivamente por vía electrónica.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento, non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses, contados a partir do día seguinte ao do remate de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN223A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas xefaturas territoriais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions

b) Os teléfonos das xefaturas territoriais, A Coruña: 981 18 49 62/14, Lugo: 982 29 49 38/670, Ourense: 988 38 67 12/717 e Vigo: 986 81 75 50/557.

c) Os correos electrónicos das xefaturas territoriais:

A Coruña: axudas-IN223.cei.co@xunta.es

Lugo: axudas-IN223.cei.lu@xunta.es

Ourense: axudas-IN223.cei.ou@xunta.es

Vigo: invigo@xunta.es

d) Os teléfonos dos servizos centrais, 981 54 45 30 e 981 54 55 96/97 e o correo electrónico da Dirección Xeral de Comercio: cei.dxcomercio@xunta.es

e) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1º. Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2º. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de subvencións aos concellos galegos e ás asociacións de persoas
praceiras dos mercados das prazas de abastos para a consecución de
mercados de excelencia, para o ano 2016

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dirixidas aos concellos galegos e ás asociacións e cooperativas de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos, para a consecución de mercados de excelencia, a mellora dos recintos onde se desenvolva o comercio non sedentario e a posta en marcha de actuacións que permitan os mercados aproveitar as sinerxias xeradas polo Camiño de Santiago.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Así mesmo, quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis (agás no caso dos concellos), polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en diante Lei 9/2007, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

4. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as que a continuación se especifican, sempre que estas sexan realizadas desde o 1 de xaneiro de 2016 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación das actuacións.

4.1. Para concellos.

Consideránse actuacións subvencionables:

a) Investimentos en mercados municipais e prazas de abastos:

– Acondicionamento dunha imaxe común do mercado ou praza de abastos mediante o emprego dunha homoxeneidade na rotulación, pintura, sinaléctica, iluminación e outros elementos que abrangan a totalidade do espazo de venda das instalacións.

A porcentaxe subvencionable acadará o 70 % do investimento, cun máximo de 60.000,00 euros de subvención por solicitante.

– Posta en marcha de servizos para os clientes, tales como carros de compra adaptados ás características das instalacións do mercado; consigna frigorífica; puntos de atención ao cliente; posta en marcha de espazos multifuncionais como creación de espazos infantís, salas de lactación e outros, que complementen a actividade comercial; mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; creación e mellora de aparcadoiros sempre que sexan contiguos ás instalacións do mercado ou praza de abastos e mellora das condicións de salubridade, incluída a reforma integral de baños e aseos adaptados, e a ventilación/calidade do aire.

A porcentaxe subvencionable acadará o 70 % do investimento, cun máximo de 60.000,00 euros de subvención por solicitante.

– Acondicionamento de instalacións para a creación dun servizo de envío a domicilio con «personal maker» e/ou creación e posta en marcha de novos sistemas de comercialización que combinen o comercio online e offline, poñendo á disposición dos clientes recursos tecnolóxicos, así como a implantación e actualización de páxinas web dirixidas a mellorar a comercialización dos produtos e que conten con tenda online e pasarela de pagamento. Quedan excluídas neste punto as accións de publicidade, así como os traballos de fotografía cando non exista implantación da web.

A porcentaxe subvencionable acadará o 70 % do investimento, cun máximo de 30.000,00 euros de subvención por solicitante, agás as actuacións en novos sistemas de comercialización, que terán unha subvención máxima de 6.000,00 euros cada unha.

A porcentaxe subvencionable acadará o 70 % do investimento, cun máximo de 60.000,00 euros de subvención por solicitante, independentemente das actuacións solicitadas.

Estes investimentos requiren a inclusión, por parte do concello solicitante, da realización de actuacións de asesoramento-formación dirixidas ao «mentoring comercial», aumento da rendibilidade do punto de venda con técnicas de «visual merchandising», colocación do produto e atención ao cliente, cunha subvención máxima de 800,00 euros, incluída na subvención máxima de 60.000,00 euros.

b) Investimentos para a adecuación física ou mellora de construcións existentes destinadas a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica.

A porcentaxe subvencionable acadará o 70 % do investimento, cun máximo de 30.000,00 euros de subvención.

4.2. Para asociacións e cooperativas de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos.

Consideránse actuacións subvencionables.

A realización de actuacións por parte das asociacións e cooperativas de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos situados en concellos polos que discorran os camiños de Santiago que teñan por finalidade a creación de lotes de produtos con packaging específico ou merchandising relacionado co Camiño e que leven o logo Prazas do Camiño que será facilitado pola Dirección Xeral de Comercio.

A porcentaxe subvencionable acadará o 50 % do investimento, cun máximo de 1.000,00 euros de subvención.

5. Actuacións e gastos non subvencionables:

a) Custos relativos á adquisición de bens inmobles e/ou o seu mantemento, así como alugamento de locais.

b) Custos relativos á redacción de proxectos técnicos que non leven aparellada a súa execución.

c) Custos relativos a obras de construción e rehabilitación de prazas de abastos e mercados.

d) Custos relativos a obras coa única finalidade de correxir defectos ou patoloxías que non melloren a estética e funcionalidade do edificio e se non se integra nun plan para acadar a excelencia do mercado.

e) Custos de toda clase de persoal, agasallos promocionais, premios, trofeos, gastos de representación e a realización de recepcións e actos análogos, agás as actuacións previstas nos puntos 4.1.a) e 4.2.

f) Campañas de promoción ou calquera outra actuación que teña por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica ou similares, así como as actuacións promovidas polas asociacións ou cooperativas de persoas praceiras das prazas de abastos, agás as actuacións previstas no punto 4.2.

g) Os impostos recuperables ou repercutibles polo/a beneficiario/a.

h) Aquelas que non estean directamente vinculadas coa realización da actuación subvencionable.

Cada solicitude presentada terá como obxecto a realización dunha única actuación das relacionadas no punto 4. En consecuencia, tipoloxías distintas de actuación serán obxecto de solicitudes diferentes, e non poderán superar o conxunto das solicitudes a subvención máxima de 60.000,00 euros.

De presentarse máis dunha solicitude, deberá sinalarse a súa priorización e, de non producirse esta, optarase pola de menor contía e aplicarase o disposto no artigo 9.4.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 330.000,00 € que será imputado ás aplicacións orzamentarias seguintes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2016:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Beneficiarios

09.30.751A.761.3

300.000,00

Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia

09.30.751A.781.1

30.000,00

Asociacións e cooperativas de persoas praceiras

2. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

Artigo 3. Beneficiarios/as

Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nos solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Concellos galegos.

b) Asociacións e cooperativas de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos, legalmente constituídas, que estan situadas en concellos polos que discorran os camiños de Santiago.

Artigo 4. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indica na convocatoria.

2. Cada solicitude presentada terá como obxecto a realización dunha única actuación das relacionadas no artigo 1 destas bases. En consecuencia, tipoloxías distintas de actuación serán obxecto de solicitudes diferentes.

3. Xunto coa solicitude, anexo II, deberá presentarse a documentación que se refire a continuación.

3.1. Concellos:

a) Xustificar que se atopa ao día na rendición de contas xerais diante do Consello de Contas de Galicia, de acordo co previsto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011.

b) Certificación do acordo de aprobación polo pleno do concello, ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.

c) Certificación acreditativa da dispoñibilidade dos inmobles ou das vías en que estea previsto realizar o investimento, segundo os casos.

d) Memoria explicativa que considere os seguintes aspectos:

– Interese, oportunidade e necesidade do investimento.

– Programa de execución con especificación das datas de inicio e remate previstas, acompañado do orzamento desagregado de gastos.

– Estado actual do equipamento de que se trate e, se é o caso, detalle das súas instalacións, antigüidade, capacidade comercial e adecuación entre necesidades e funcións que cumpre.

– En investimentos de mercados e prazas de abastos, indicar a existencia de ordenanza reguladora, horario do servizo, número total de postos de venda, diferenciando a súa localización, sexa interior ou exterior e por tipo de produto, así como o número dos ocupados, segundo modelo normalizado do anexo II. Noutros investimentos, cadro detallado, por tipoloxía, dos establecementos comerciais existentes na zona concreta da actuación.

– En investimentos de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica, certificado do órgano competente do concello acreditativo da realización neses espazos da devandita actividade comercial de xeito habitual e periódico, indicando, así mesmo, as datas de celebración.

e) Reportaxe fotográfica do estado actual onde se proxecta o investimento, incluíndo, se é o caso, os establecementos comerciais afectados.

f) Declaración responsable de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, segundo o modelo normalizado do anexo II.

g) Memoria valorada, asinada por técnico competente, con detalle no nivel de capítulo, das actuacións que se pretenden executar cando se trate de realización de obras.

h) Memoria valorada, asinada por técnico competente, con detalle no nivel de capítulo, das actuacións que se pretenden executar cando se trate de actuacións recollidas nos punto 4.1.a) e 4.1.b) do artigo 1 das bases reguladoras.

i) Certificación acreditativa da celebración, de xeito habitual e periódico, de mercados tradicionais e ambulantes.

3.2. Asociacións e cooperativas de persoas praceiras:

– Acta, escritura ou documento de constitución e estatutos e modificacións posteriores da entidade solicitante, se é o caso, acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e, só no caso de denegar expresamente a súa consulta, copia do NIF da entidade solicitante.

– Poder suficiente de quen represente a entidade solicitante, acompañado do seu documento nacional de identidade, só no caso de non autorizar a súa verificación.

– Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da asociación ou cooperativa de persoas praceiras que acredite a relación de asociados ou cooperativistas que a integran indicando o seu NIF correspondente.

– No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

– Certificación do acordo de aprobación pola asociación ou cooperativa do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.

– Certificacións emitidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

As certificacións indicadas só se deben presentar no caso de que a entidade solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que a solicite de oficio. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o devandito documento sen compulsar.

– Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, que incluirá a súa descrición, obxectivos e valoración das actuacións que se pretenden executar.

– Facturas ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

3.3. Para os efectos sinalados no artigo 10 destas bases, achegarase a seguinte documentación que, en ningún caso, será obxecto de requirimento:

Para as asociacións e cooperativas de persoas praceiras achegarase a seguinte certificación, se é o caso, que non será obxecto de requirimento:

Certificación do órgano competente da entidade no que se enumere e describa as actuacións complementarias de dinamización en relación ao Camiño de Santiago ao longo do ano 2016.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén se poderá presentar en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio, a través dos respectivos departamentos territoriais, poderá solicitar ao concello cantos informes considere oportuno para a valoración dos proxectos.

Artigo 5. Consentimento e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación a autorizan as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións Administrativas coa Cidadanía e Entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

De acordo co artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que deba efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no punto 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio, xunto coas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, serán os órganos competentes para a instrución do procedemento de concesión da subvención.

A proposta de resolución realizaraa a Dirección Xeral de Comercio e correspóndelle ao secretario xeral técnico, por delegación do conselleiro de Economía, Emprego e Industria (Orde do 10 de decembro de 2014, Diario Oficial de Galicia número 3/2015) ditar a resolución de concesión.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que subministre cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. A Comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos/ás interesados/as.

2. A Comisión será presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e formarán parte como vogais, os/as xefes/as dos departamentos territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Comercio, ou un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Se, por causa xustificada, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán, de forma individualizada, os/as solicitantes propostos/as para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles/as ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidos, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 10. Criterios de valoración

Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes:

Concellos:

a) Poboación do concello:

– Menos de 10.000 habitantes: 6 puntos.

– Entre 10.001 e 20.000 habitantes: 4 puntos.

– Entre 20.001 e 70.000 habitantes: 2 puntos.

– Máis de 70.001 habitantes: 1 punto.

b) Proxectos que inclúan a previsión de incorporación de novas tecnoloxías para a actividade comercial: 1 punto.

c) Que o concello posúa mecanismos específicos de control do mercado ou praza de abastos que garantan a rotulación e exhibición de prezos: 2 puntos.

d) Mercados municipais ou prazas de abastos que incorporen un plan de xestión específico, aprobado polo concello, 2 puntos. Sen plan de xestión: 1 punto.

e) Proxectos que contribúan á eliminación de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e de comunicación, segundo criterios de accesibilidade, comodidade e información dos consumidores e usuarios: 1 punto.

f) A maior achega de investimento sobre a contía subvencionable: 2 puntos.

g) Proxectos que incorporen actuacións referidas ás enerxías alternativas ou que posibiliten a reciclaxe e a eliminación de residuos: 1 punto.

h) Concellos que dispoñan de ordenanza reguladora da praza de abastos ou do mercado tradicional e ambulante de apertura periódica, segundo os casos, aprobada con posterioridade a 1 de xaneiro de 2010: 3 puntos.

i) Ocupación de máis do 50 % dos postos de venda dispoñibles na praza de abastos: 2 puntos.

Os criterios de valoración referidos nos puntos c), d) e h) veñen recollidos no anexo II (continuación), no punto 2. Perfil comercial do mercado municipal.

Asociacións e cooperativas de persoas praceiras:

a) A maior achega de investimento sobre a contía subvencionable: 2 puntos.

b) Asociacións e cooperativas que representen máis do 50 % dos postos do mercado: 2 puntos; noutro caso: 1 punto.

c) Realización doutras actuacións complementarias de dinamización en relación ao camiño de Santiago ao longo do ano 2016: 1 punto. Este criterio de valoración acreditarase mediante certificación do órgano competente da entidade solicitante.

d) Ocupación de máis do 50 % dos postos de venda dispoñibles na praza de abastos por parte da asociación ou cooperativa de praceiras e praceiras: 2 puntos, noutro caso: 1 punto.

Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Menor contía do total das subvencións solicitadas.

2º. Investimentos en concellos de menos de 10.000 habitantes.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior, cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o instrutor formulará a proposta de resolución que se elevará a través do órgano instrutor ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria.

2. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvencionará e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate de presentación de solicitudes.

Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Nesta publicación especificarase a data de convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión das subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria debendo cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade da presente orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxeran a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de vinte días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado. No caso dos concellos, poderán solicitar a modificación das características da actividade subvencionada cunha antelación mínima dun mes á data de remate do prazo de realización da actividade (artigo 7.1 do Decreto 193/2011). Non facelo dará lugar á perda da totalidade da subvención na parte afectada pola modificación, sen prexuízo de que tamén poderá implicar a perda da totalidade da subvención concedida no caso de variación substancial do proxecto, tramitándose, se é o caso, o correspondente procedemento de reintegro.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada no termos previstos no artigo 11 destas bases.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, de conformidade co disposto polo artigo 21.5 da Lei 9/2007, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación da proposta de resolución definitiva desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992.

3. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará a correspondente resolución no termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o disfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención.

5. Acreditar con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

8. Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se lle dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.

Artigo 17. Obrigas específicas de publicidade

O beneficiario deberá adoptar as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade no lugar das actuacións subvencionadas unha vez rematado o investimento, mediante a instalación dunha placa explicativa coa imaxe corporativa da Xunta de Galicia–Consellería de Economía, Emprego e Industria–Dirección Xeral de Comercio. No caso das actuacións do artigo 1, punto 4.2, no material que se edite deberá figurar a devandita imaxe corporativa.

Artigo 18. Subcontratación

Enténdese que o beneficiario subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Para os efectos do establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, permitirase a subcontratación do cen por cen das actividades subvencionadas.

Na xestión da contratación, as entidades locais, pola súa natureza xurídica, están sometidas ao ámbito subxectivo delimitado polo texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que deberá respectar, en todo caso, as prescricións desa lei para os procedementos de contratación subvencionados por esta orde de axudas.

Será responsabilidade da entidade local beneficiaria o cumprimento da citada normativa de contratación pública, e poderá o seu incumprimento dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se solicite e conceda a súa previa autorización (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria, en orixinal ou copia compulsada, da documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o 30 de novembro de 2016.

2. Documentación xustificativa:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través de internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

c) Anexo III da orde de convocatoria debidamente asinado.

d) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

e) Evidencia documental do cumprimento das obrigas en materia de información e publicidade: fotografías de carteis e placas, exemplares das actuacións de dinamización e publicidade e, se é o caso, a súa axeitada difusión a través da páxina web.

f) En caso de investimentos materiais:

– Proxecto técnico ou memoria técnica definitiva asinados, documentos que non poderán variar substancialmente da memoria presentada coa solicitude, todo isto agás que a devandita documentación se achegase con anterioridade.

g) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.

3. En todos os casos para concellos:

– Certificación do órgano que ten atribuídas as facultades de control da legalidade, acreditativa do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

– Certificación da intervención respecto da achega municipal comprometida para financiar o investimento.

– Certificación da secretaría da Mesa Local do Comercio no que conste a presentación do proxecto.

– A entidade local beneficiaria estará obrigada a xustificar o cumprimento da finalidade da subvención mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada, con carácter xeral, pola documentación que se relaciona nos parágrafos seguintes, e que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

A conta xustificativa conterá:

a) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na letra c) do artigo 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a).

c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

4. No caso das asociacións e cooperativas de persoas praceiras, no caso de que se denegase expresamente a autorización ao órgano xestor, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

– De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Calquera outro documento que se requira na resolución de concesión da axuda.

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen tela presentado, de conformidade co disposto polo artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, requirirase ao beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que legalmente correspondan. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 20. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, as respectivas xefaturas territoriais, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento do investimento subvencionado.

2. O libramento da subvención aboarase nun único pagamento unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamentado que serviu de base para a resolución de concesión, e sempre que estea garantida a consecución do obxecto, ou de resultar a concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o custo do investimento.

O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculada en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade, sempre que se xustifique un mínimo do 65 % do importe establecido na resolución de concesión.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 65 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007 e no título VI do seu regulamento.

Artigo 22. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007.

3. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Para estes efectos, os concellos beneficiarios das axudas achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases se aplicará o previsto na Lei 9/2007; no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 30/1992; no Decreto 193/2011, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (CE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file