Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 19 de xullo de 2016 Páx. 31367

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, de prórroga de seccións bilingües de lingua inglesa en conservatorios profesionais de música de Galicia.

Mediante a Orde do 14 de xullo de 2014 (DOG do 23 de xullo), autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, de seccións bilingües de lingua inglesa en conservatorios profesionais de música. En concreto, autorizáronse seccións bilingües no CMUS Profesional da Coruña, no CMUS Profesional de Santiago de Compostela e no CMUS Profesional de Vigo.

O artigo 9 da devandita orde establece que o proxecto ten unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos, logo do informe favorable do servizo de inspección educativa emitido tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Igualmente, na disposición derradeira primeira da citada orde autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.

Emitidos os correspondentes informes favorables polos servizos de Inspección educativa, de acordo co establecido no artigo 9 da citada orde,

RESOLVO:

Primeiro. Prorrogar, por un período de dous anos, as seccións bilingües no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, no CMUS Profesional de Santiago de Compostela e no CMUS Profesional de Vigo, coa finalidade de favorecer a práctica do inglés entre o alumnado dos ditos centros.

Segundo. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2016

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional
e Innovación Educativa