Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 19 de xullo de 2016 Páx. 31359

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, sobre delegación de competencias nas xefaturas territoriais desta consellería.

Mediante o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, establécese a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e intégrase nela a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

A actividade administrativa da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral supón unha concentración de funcións arredor do seu titular, que exerce as relativas ao cumprimento das obrigas de empresarios/as e traballadores/as e, se é o caso, a potestade sancionadora nas materias relativas ao emprego e desemprego segundo o artigo 48 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro.

Dado o volume desta actividade administrativa concorrente, así mesmo, con outras funcións concentradas no titular da Dirección Xeral, faise aconsellable recorrer á delegación dalgunhas das súas funcións nas xefaturas territoriais, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe. Por isto, facendo uso das facultade que me confire o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1

Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no seu ámbito territorial, as seguintes competencias da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral:

a) A resolución dos expedientes sancionadores por infraccións leves e graves en materia de emprego e desemprego;

b) A resolución das reclamación administrativas previas á vía xurisdicional social que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas;

c) O exercicio das competencias previstas no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a prendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, sen prexuízo das que lle corresponden a outras administracións competentes.

Artigo 2

As delegacións de competencias referidas no artigo 1 comportan que a tramitación dos correspondentes procedementos administrativos se desenvolva nas unidades administrativas dependentes da correspondente xefatura territorial, segundo a estrutura dos servizos periféricos que determina o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 3

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación de competencias conferida por esta orde farán constar expresamente esta circinstancia, con referencia ao número e a data da súa publicación no DOG, e consideraranse ditadas polo órgano que delega.

Artigo 4

As xefaturas territoriais darán conta trimestralmente á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e, en calquera caso, cando esta así o requira, dos expedientes tramitados conforme a presente orde de delegación de competencias.

Artigo 5

O titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral podera avogar, en calquera momento, o exercicio das competencias delegadas nesta orde e non poderán ser obxecto de delegación as materias reguladas no artigo 13.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición adicional única

A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral ditará cantas instrucións se consideren necesarias para homoxeneizar criterios de tramitación, no ámbito da presente delegación de competencias, para as catro xefaturas territoriais.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2016

José Alfonso Marnotes González
Director xeral de Orientación e Promoción Laboral