Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Martes, 26 de xullo de 2016 Páx. 32561

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 6 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de bolsas destinadas ao alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2016/17.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado de ensino universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

A formación e o perfeccionamento do alumnado das universidades galegas desempeña un papel fundamental para o progreso tanto individual como da sociedade no seu conxunto e constitúe a base para proporcionar o capital humano altamente cualificado e formado que a sociedade galega precisa para afrontar os retos que a sociedade actual demanda.

A mobilidade dos/as estudantes é un importante factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e leva consigo unha maior riqueza e a apertura a unha formación de máis calidade. Así mesmo, permite ao alumnado participar nalgún tipo de actividade académica ou estudantil nunha institución diferente á súa, mantendo a condición de universitario/a, integrándose nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos profesionais e lingüísticos, así como a súa cualificación.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, 140 bolsas destinadas ao alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participe no curso 2016/17 en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa «Erasmus+», relacionados cos estudos que está a cursar.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 cunha contía global de 210.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da consellería, de conformidade cos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Período e dotación da bolsa

1. O programa de mobilidade para o que se solicita a bolsa será realizado durante o curso académico 2016/17.

2. A dotación económica asignada a cada beneficiario/a será dun máximo de 1.500 euros.

Artigo 4. Requisitos dos/as solicitantes

Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2016/17 en calquera das universidades do Sistema universitario Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica.

b) Os/as estudantes extracomunitarios/as non poderán realizar o intercambio con universidades do seu país de orixe.

c) Participar no programa de mobilidade universitaria con autorización da universidade de orixe (universidades do Sistema universitario Galicia).

d) Non ter gozado desta bolsa de mobilidade en convocatorias anteriores.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED441B dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As solicitudes serán subscritas directamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.es

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación que hai que presentar

1. Xunto coa solicitude (anexo I, modelo normalizado ED441B) deberá achegar:

a) Copia do DNI ou do NIE cando o/a solicitante non autorice a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para consultar os seus datos no Sistema de verificación de datos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Copia da autorización da estadía ou residencia cando o/a solicitante sexa extracomunitario/a e non autorice a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para consultar os seus datos de residencia legal de persoas estranxeiras que figuran en poder do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Extracto do expediente académico, dun período non anterior a un mes desde a publicación desta orde, no que constará a nota media obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).

Os/as alumnos/as que estean cursando estudos de 2º ciclo (licenciatura, arquitectura, e enxeñaría) por accederen desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, o orixinal do extracto do expediente completo do primeiro ciclo realizado. Igualmente, os alumnos que estean cursando estudos oficiais de grao por accederen desde unha titulación de primeiro ou primeiro e segundo ciclo, deberán presentar o orixinal do extracto do expediente completo no que se inclúa o recoñecemento das materias cursadas nestes.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que son auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Obrigas das universidades

1. As oficinas de relacións internacionais das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirán á Secretaría Xeral de Universidades unha certificación na que conste:

a) O nome e apelidos do/a estudante, número do DNI, NIE, pasaporte ou tarxeta de estranxería.

b) Que o/a alumno/a está admitido/a nun programa de intercambio indicando o centro, o país e o período temporal no que realiza a estadía.

2. Así mesmo, unha vez finalizado o período de estadía as oficinas de relacións internacionais das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirán unha certificación do órgano competente onde conste unha relación de todos/as os/as alumnos/as que realizaron o programa de intercambio.

Artigo 8. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e unha vez examinadas estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/ na epígrafe de Ensinanza/Universidade.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días e, durante ese prazo, poderán emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaria Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de expertos/as na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/ha dos/as compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 10. Criterios de avaliación

1. A selección das solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria será realizada pola comisión avaliadora atendendo ao expediente académico coa cualificación da nota media máis alta obtida polo/a alumno/a.

2. A nota media calcularase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).

3. En caso de empate na nota media do expediente académico entre varias persoas solicitantes, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:

1º. Menor número de suspensos.

2º. Maior número de matrículas de honra.

3º. Maior número de sobresalientes.

4. Así mesmo, a comisión elaborará unha listaxe de suplentes, por orde de puntuación do seu expediente académico, na cal figurarán os/as solicitantes que, cumprindo os requisitos exixidos na convocatoria, non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatarios/as da axuda.

Artigo 11. Proposta de resolución

1. Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a adxudicación das bolsas mediante a correspondente resolución.

2. A Secretaría Xeral de Universidades comunicará a proposta de resolución ás persoas seleccionadas como beneficiarias.

No caso de rexeitar a bolsa deberán renunciar por escrito á Secretaría Xeral de Universidades nun prazo de cinco días contados desde a data da recepción da comunicación.

3. No suposto de producirse algunha renuncia ou baixa, tendo en conta o remanente de crédito, a Secretaría Xeral de Universidades comunicará a proposta ás persoas que figuren na listaxe de suplentes pola orde que nela aparecen.

O prazo límite para propoñer a adxudicación das axudas a que dean lugar as renuncias ou baixas será de 10 días contados desde a data da recepción da última comunicación realizada ás persoas seleccionadas como beneficiarias.

As renuncias que se produzan con posterioridade non darán dereito a novas substitucións.

Artigo 12. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe de beneficiarios/as das bolsas.

b) Listaxe de suplentes en que figurarán os/as alumnos/as que, reunindo os requisitos exixidos, non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatararios/as da bolsa.

c) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, http://www.edu.xunta.es pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. Os/as solicitantes aos/ás que lles sexa denegada a axuda poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Pagamento

O aboamento das bolsas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 14. Obrigas dos/as beneficiarios/as

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Realizar as actividades previstas nos programas de mobilidade e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.

b) Notificar á Secretaría Xeral de Universidades por escrito a renuncia á bolsa e a causa que determina a dita renuncia acompañada da documentación xustificativa das actividades de formación realizadas durante o período anterior á renuncia.

c) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 15. Compatibilidades, alteración, modificación e reintegro das bolsas

1. Estas bolsas son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial por parte do/a bolseiro/a de calquera das condicións establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora que lle puideran corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá ao reintegro das cantidades xa percibidas, xunto cos xuros de demora que lle correspondan en cada caso, no caso de renuncia ou incumprimento das súas obrigas, salvo en casos excepcionais autorizados pola Secretaría Xeral de Universidades.

6. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 16. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxu@edu.xunta.es

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias das bolsas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file