BDNS (Idenf.): 312445.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeira. Entidades beneficiarias
As empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten por conta allea persoas traballadoras desempregadas de longa duración, para prestaren servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para os distintos tipos de axudas.
Segunda. Obxecto
Favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos parados e paradas de longa duración que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permaneceren no mercado de traballo a través dos seguinte programas:
a) Programa de incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas paradas de longa duración.
b) Programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos.
Terceira. Bases reguladoras
Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.
Cuarta. Importe
Para a concesión destas axudas destínanse dous millóns de euros (2.000.000 €).
Quinta. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2016.
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2016
Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria