Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 27 de xullo de 2016 Páx. 32916

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 30 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa operativo do Fondo Social Europeo e ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se convocan para o ano 2016. Programa I-Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

BDNS (Identif.): 312632.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego, persoas vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo temporal, ou socias a proba da cooperativa a que se incorporan.

Segundo. Obxecto e finalidade

Fomentar a incorporación de persoas desempregadas, de traballadores e traballadoras con carácter temporal e de persoas socias a proba, como persoas socias traballadoras ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa operativo do Fondo Social Europeo e ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se convocan para o ano 2016 (http://www.emprego.ceei.xunta.gal).

Cuarto. Contía

Por cada persoa que se incorpore a xornada completa:

a) 5.500 € con carácter xeral.

b) Cando a persoa incorporada sexa unha muller: 7.000 €.

c) No caso de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social: 10.000 €.

As contías anteriores incrementaranse nun 15 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural e nun 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil (ou un 50 % se esta é de nova creación).

Cando a dedicación sexa a tempo parcial (mínimo o 50 % da xornada ordinaria), a contía dos incentivos previstos nos puntos anteriores reducirase ao 50 %.

A contía máxima por beneficiaria é de 15.000 euros por persoa incorporada, ata un máximo de 50.000.

O orzamento do programa é de un millón douscentos trinta e un mil trescentos corenta e seis euros (1.231.346 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Os incentivos a que se refire esta convocatoria están sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos regulamentos da Comisión (UE) 1407/2013, 1408/2013 ou 717/2014, segundo proceda.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria