Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 27 de xullo de 2016 Páx. 32918

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 30 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa operativo do Fondo Social Europeo e ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se convocan para o ano 2016. Programa II-Fomento do acceso á condición de persoa socia.

BDNS (Identif.): 312638.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. As persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido, que desenvolvan a súa actividade nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia e que, no momento da súa incorporación, sexan persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego, socias a proba ou asalariadas da cooperativa á cal se incorporan, asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral (sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada) ou socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial, que accedan á mesma condición a tempo completo.

2. As persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego que emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializar os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia.

Segundo. Obxecto e finalidade

Fomentar o acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como o fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas, a través do financiamento das achegas económicas ao capital social.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa operativo do Fondo Social Europeo e ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se convocan para o ano 2016 (http://www.emprego.ceei.xunta.gal).

Cuarto. Contía

Ata o límite das contías que subscriba o socio ou socia en concepto de achega de capital social e cota de ingreso, ou de accións ou participacións sociais, segundo o caso, pola súa incorporación, cos seguintes topes máximos:

a) No caso de persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo:

– Ata 2.250 € con carácter xeral.

– Ata 2.500 € se a persoa incorporada é unha muller.

– Ata 3.000 € cando se trate dunha persoa con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión.

b) En todos os demais casos:

– Ata 4.500 € con carácter xeral.

– Ata 5.000 € se a persoa incorporada é unha muller.

– Ata 6.000 € cando se trate dunha persoa con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión.

As contías anteriores incrementaranse nun 15 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural e nun 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil (ou un 50 % se esta é de nova creación).

Cando a dedicación da persoa incorporada sexa a tempo parcial (mínimo o 50 % da xornada ordinaria), a contía máxima dos incentivos previstos nos puntos anteriores reducirase ao 50 %.

O orzamento do programa é de novecentos mil euros (900.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Os incentivos a que se refire esta convocatoria están sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos regulamentos da Comisión (UE) 1407/2013, 1408/2013 ou 717/2014, segundo proceda.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria