Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 27 de xullo de 2016 Páx. 32921

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 30 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa operativo do Fondo Social Europeo e ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se convocan para o ano 2016. Programa III-Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais para persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

BDNS (Identif.): 312646.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As cooperativas e as sociedades laborais que incorporen mozos ou mozas inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil como persoas socias traballadoras ou de traballo, con carácter indefinido ou a proba.

Segundo. Obxecto e finalidade

Impulsar o autoemprego colectivo no marco dos programas de garantía xuvenil, fomentando a incorporación de mozas e mozos como socios e socias traballadoras ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa operativo do Fondo Social Europeo e ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se convocan para o ano 2016 (http://www.emprego.ceei.xunta.gal).

Cuarto. Contía

Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido a xornada completa:

– Con carácter xeral: 12.000 €.

– Se a persoa incorporada é unha muller: 13.500 €.

– No caso de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social: 15.000 €.

Por cada persoa incorporada como socia traballadora ou de traballo a proba a xornada completa: 600 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.

As contías anteriores incrementaranse nun 15 %, no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural, e nun 25 %, se se trata dunha cooperativa xuvenil.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial (mínimo un 50 % da xornada ordinaria), a contía dos incentivos previstos nos puntos anteriores reducirase ao 50 %.

A contía máxima por beneficiaria é de 18.000 € por persoa incorporada, ata un máximo de 75.000 €.

O orzamento do programa é de trescentos vinte e seis mil catrocentos setenta e sete euros con trinta e un céntimos (326.477,31 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2016.

Sexto. Outros datos

Os incentivos a que se refire esta convocatoria están sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos regulamentos da Comisión (UE) 1407/2013, 1408/2013 ou 717/2014, segundo proceda.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria