Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 29 de xullo de 2016 Páx. 33445

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os titulares de explotacións leiteiras que estean en dificultades financeiras derivadas da súa actividade.

O sector lácteo galego está a experimentar una situación delicada, derivada de distintos feitos acaecidos nos últimos meses sobre o sector, onde o máis significativo se pode considerar a desaparición das cotas lácteas, situación que están a aproveitar a maior parte das explotacións da UE para incrementar a súa produción, polo que nestes momentos todos os países europeos están nunha situación de exceso de oferta. Non hai que esquecer que a UE é a maior produtora de leite mundial, polo que unha vez que desapareceron as cotas lácteas, a produción desta experimentou grandes aumentos con respecto á existente baixo o réxime de cotas.

Recordar a gran volatilidade que experimentan os prezos da leite habitualmente a nivel mundial, coincidindo estes meses con momentos en que os importes percibidos polos produtores están nun ciclo de prezos baixos que, unido a un exceso de leite producido, fai que os importes percibidos polos produtores lácteos sexan inferiores aos doutros meses do ano.

Constátase ademais una baixada do consumo nun 4 % aproximadamente, que, unido aos incrementos de produción, fai que agora mesmo haxa máis leite dispoñible que o que o consumo pode absorber. Esta situación está a facer que as industrias lácteas teñan que destinar parte das súas recollidas de leite á produción de leite en po, produto que serve para absorber excedentes, ben que neste intre este leite en po tampouco está tendo saída no mercado xa que os prezos de intervención pública están nuns niveis moi baixos, co que non se activan as medidas de intervención pública de leite, é dicir, a retirada de leite do mercado por compra por parte da Administración.

Moitas das explotacións lácteas están agora mesmo nun proceso de reestruturación para se poderen adaptar ás novas condicións do mercado. Para afrontar este proceso, no seu día tiveron que solicitar algún crédito asociado, ou non, a unha axuda da Administración que as obrigou a un estado de endebedamento para o cal contaban cuns ingresos derivados da venda do leite que nun momento dado deixaron de percibir debido á baixada dos prezos, co cal toda a súa programación baseada nestes ingresos vén abaixo. Esta coxuntura levou un importante número de explotacións lácteas a situacións financeiras de falta de liquidez, o que motivou distintos tipos de impagamentos das débedas contraídas.

Dada esta especial problemática que se está a vivir nestes meses, cómpre publicar esta convocatoria para este ano 2016.

A isto hai que engadir que todas estas explotacións leiteiras están a desenvolver tanto unha función social, evitando o despoboamento do rural galego, coma unha función protectora do ambiente, ao non deixar abandonado o medio rural.

A medida regulada nesta orde réxese polo réxime establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aínda que se acolle expresamente ao procedemento de concesión en concorrencia non competitiva, conforme o previsto no artigo 19.2 da dita lei.

Por outra banda, estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE n° L 352, do 24 de decembro), quedan condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2016 as axudas de minimis, en réxime de concorrencia non competitiva, establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás explotacións de vacún de leite da nosa Comunidade Autónoma que, no momento de publicarse esta convocatoria, estean en dificultades financeiras (procedemento MR259B) derivadas dalgunhas das situacións establecidas nela.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Réxime de aplicación

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE n° L 352, do 24 de decembro), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. De acordo co artigo 1 dese regulamento, estas axudas non poderán ser:

a) Axudas cuxo importe se fixe sobre a base do prezo ou a cantidade dos produtos comercializados;

b) Axudas a actividades relacionadas coa exportación;

c) Axudas subordinadas á utilización de produtos nacionais con preferencia aos importados.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas titulares de explotacións agrarias de vacún de leite que se atopen, no momento da publicación desta convocatoria, nalgunha das situacións relacionadas a continuación:

1. Con relación a cotas vencidas e impagadas ou embargos de préstamos:

a) Que teñan cotas vencidas e impagadas dun préstamo concedido para a mellora da súa explotación.

b) Que teñan unha resolución ou providencia de embargo de bens propios ou alleos por débedas relacionadas co impagamento dun préstamo concedido para a mellora da súa explotación.

2. Con relación á modificación das condicións do crédito concedido:

a) Que refinanciasen a débeda concedida pola entidade bancaria

b) Que ampliasen o prazo do pagamento do crédito.

c) Que ampliasen o período de carencia do capital.

3. Con relación ás débedas con provedores da súa explotación gandeira vencidas e non pagadas, nas cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que pasase un prazo de máis de tres meses desde o seu vencemento.

b) Que as obrigas fosen reclamadas xudicialmente.

Artigo 4. Requisitos para todos os beneficiarios da axuda

1. Todas as explotacións que soliciten a axuda deberán:

a) Estar inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Agrarias de Galicia (en diante Reaga), co tipo de explotación vacún de leite, e ter realizadas entregas de leite nos últimos 12 meses anteriores á data da publicación desta convocatoria.

b) Estar nalgún dos supostos establecidos nos puntos 1, 2 e 3 do artigo 3.

c) Ter a condición de pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

2. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, estar declaradas en concurso, salvo que neste adquirise eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

i) Ser sancionada por delitos ou infraccións ambientais.

3. Os beneficiarios non poderán ser empresas en crise. A consideración de empresa en crise efectuarase de acordo coas definicións establecidas no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, e no punto 20 das Directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01).

Artigo 5. Compromisos dos beneficiarios

O beneficiario deberá cumprir cos seguintes compromisos:

a) Exercer a actividade agraria na explotación da que é titular durante polo menos cinco anos contados desde a data de pagamento da axuda.

b) No prazo dun mes desde o pagamento da axuda, o beneficiario terá que acreditar o importe da axuda foi destinado aos conceptos subvencionados. Para iso deberá achegar a correspondente certificación bancaria no caso de amortización ou pagamento de xuros, ou a factura xunto co selo xustificante de pagamento mediante transferencia bancaria, no suposto de débedas a provedores.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

Serán subvencionables os seguintes conceptos:

a) As cotas de amortización de capital vencidas e impagadas dun préstamo concedido para mellorar a explotación.

b) Os xuros impagados xerados por un préstamo concedido para mellorar a explotación.

c) A amortización dun préstamo refinanciado concedido para mellorar a explotación.

d) Gastos impagados de xestión da explotación (tales como alimentación, sementes, abonos, fitosanitarios, etc.) con máis de tres meses desde o seu vencemento.

Artigo 7. Contía e tipo de axuda

A contía da axuda calcularase con base no establecido nas alíneas seguintes:

a) No caso dos beneficiarios do artigo 3, puntos 1.a) e 1.b).

Unha cantidade equivalente ás cotas reclamadas mediante a providencia de embargo ou ás cotas vencidas e impagadas dun préstamo na data de presentación da solicitude.

En todo caso, o límite máximo por explotación será de 15.000 €.

b) No caso dos beneficiarios do artigo 3, puntos 2.a), 2.b) e 2.c):

Unha cantidade equivalente ao principal do préstamo refinanciado ou modificado nos 12 meses anteriores á data de publicación desta orde.

En todo caso, o límite por explotación será de 7.500 €.

c) No caso dos beneficiarios do artigo 3, puntos 3.a) e 3.b):

Unha cantidade equivalente ás débedas contraídas con provedores da explotación gandeira, vencidas e non pagadas, relacionadas con gastos propios da explotación.

En todo caso, o límite por explotación será de 15.000 €.

A repartición da axuda realizarase de forma que inicialmente se lles pague aos beneficiarios do artigo 3, puntos 1.a) e 1.b), a cantidade máxima a que teñan dereito ata o máximo establecido na orde. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte a todos os beneficiarios, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

Se a cantidade pagada aos beneficiarios do punto anterior non esgota o crédito da orde, pasaráselles a pagar aos beneficiarios do artigo 3, puntos 2.a), 2.b) e 2.c), ata a cantidade máxima asignada para cada un deles neste punto. No caso de que a cantidade destinada a os beneficiarios deste punto non fose suficiente para pagar a cantidade solicitada, realizarase un rateo entre todos eles, en función da débeda pendente de pagamento, ata consumir o crédito dispoñible.

Se a cantidade pagada aos beneficiarios do punto anterior non esgota o crédito da orde, pasaráselles a pagar aos beneficiarios do artigo 3, puntos 3.a) e 3.b), ata o importe máximo asignado a cada solicitante neste punto. Igual que nos parágrafos anteriores, no caso de que a cantidade non fose suficiente para pagar os importes solicitados, realizarase un rateo entre todos eles, en función da débeda impagada, ata consumir o crédito dispoñible.

As axudas das alíneas a), b) e c) deste artigo poderanse acumular nun mesmo beneficiario, xunto coas restantes axudas de minimis recibidas, ata o máximo de 15.000 € para un período de tres exercicios fiscais establecido no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

Artigo 8. Presentación das solicitudes

1. As persoas que estean interesadas en acceder ás axudas previstas nesta orde dirixirán a solicitude de axuda á Consellería do Medio Rural, conforme o modelo normalizado que figura no anexo I.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

3. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

6. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

8. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

9. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Tramitación e resolución das axudas

1. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 71.1 e 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A persoa titular desta consellería, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e os criterios establecidos nesta orde, no prazo de dous meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender rexeitada a súa solicitude.

3. O prazo para resolver será de tres meses desde a publicación desta orde.

Artigo 10. Notificacións

Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

Artigo 11. Publicación

As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, onde figurarán os datos do beneficiario, finalidade da axuda, a contía e a aplicación orzamentaria. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; e co previsto no Decreto 132/2006, do 7 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigo 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 12. Recursos administrativos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda rexeitada por silencio administrativo, ou ben sexa impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, se a resolución for expresa.

Artigo 13. Incompatibilidade

As axudas financeiras previstas nesta orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan conceder outras administracións públicas.

Artigo 14. Reintegro da axuda

Atendendo ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009 que a desenvolve, procederá o reintegro total do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo da concesión da subvención.

d) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos conceptos subvencionados.

e) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos que fundamentan a concesión da subvención.

Artigo 15. Control

Os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e ás que sexan realizadas por calquera órgano nacional ou comunitario de inspección ou control.

Artigo 16. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural acreditativa, entre outras, da situación de dificultade financeira da explotación, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 17. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación destes procedementos require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos e as informacións previstos nesta norma, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte do interesado comportará a autorización ao órgano xestor durante todo o período de compromisos, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 7 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigo 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Asemade, a presentación da solicitude tamén leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo:

Consellería do Medio Rural/Secretaría Xeral Técnica

Edificio Administrativo San Caetano

San Caetano, s/n

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal

CAPÍTULO II
Convocatoria

Artigo 19. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2016, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas para os titulares de explotacións leiteiras que estean en dificultades financeiras derivadas da súa actividade, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde.

Artigo 20. Prazo de solicitude

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 21. Documentación que deban presentar

As solicitudes de subvención axustaranse ao modelo que figura como anexo I, á cal se xuntará a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do DNI da persoa física solicitante, no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural para a consulta dos datos do DNI no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Copia cotexada do NIF da persoa xurídica solicitante, no caso de que se denegue expresamente a súa verificación (se for o caso).

c) Copia do DNI do seu representante legal, no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e acreditación da súa representación (se for o caso).

d) Certificación bancaria que acredite a existencia de cotas vencidas e impagadas ligadas a un crédito concedido á explotación gandeira para a mellora das súa estrutura produtiva, sinalando o principal concedido, a cantidade pendente de pagamento e as cotas impagadas na data da presentación da solicitude (se for o caso).

e) Resolución ou providencia de embargo de bens, a súa relación coa explotación gandeira do titular, así como o importe da débeda que trae causa do embargo.

f) Certificación bancaria da modificación das condicións do crédito concedido realizadas nos últimos 12 meses anteriores á data de publicación desta orde, en que conste o refinanciamento da débeda da explotación gandeira por créditos concedidos para a mellora da súa estrutura produtivo, a ampliación do prazo de amortización deste ou ben a ampliación do período de carencia do capital pendente de pagamento.

g) No caso de dificultades financeiras derivadas de impagamentos a provedores, mediante facturas e certificado do provedor de entrega de mercancía e impagamento ou a correspondente reclamación xudicial. Non se considerará impagada unha factura mentres existan pagamentos posteriores ao seu vencemento ao mesmo provedor por conceptos semellantes; esta circunstancia acreditarase mediante certificación bancaria en que a entidade informe sobre a existencia de pagamentos con anterioridade á data de publicación da orde e sobre posteriores pagamentos ao provedor. Xuntarase ademais extracto bancario coa relación de movementos desde a data de pagamento da última factura ao provedor ata a publicación da orde.

h) Reclamación xudicial do impagamento a provedores.

Unha vez finalizado o prazo de presentación revisaranse as solicitudes e verificarase que conteñen a documentación exixida e que reúnen todos os requisitos para a concesión das axudas que se establecen na presente orde. Se se apreciase algunha omisión ou erro, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días achegue a documentación necesaria ou emende os defectos observados, facéndolle saber que, en caso contrario, se dará por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

i) Memoria descritiva da situación da explotación leiteira en relación ás dificultades financeiras obxecto desta liña de axudas, Nesta memoria farase unha descrición motivada da situación concreta pola que se precisa a liña de axuda: orixe, situación actual e previsións de futuro.

Artigo 22. Xustificación e pagamento da axuda

Tendo en conta a natureza e os fins das axudas reguladas na presente orde, non se precisa prazo de xustificación da subvención por parte do beneficiario, xa que todos os datos necesarios son achegados polo solicitante na súa solicitude de axuda. O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria á conta indicada polo solicitante na súa solicitude de axuda.

Artigo 23. Financiamento

1. As axudas financeiras reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.712B.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, por un importe de tres millóns de euros (3.000.000 €).

2. A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou doutras administracións, tendo en conta o disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que tal incremento orzamentario implique a apertura de novo prazo para a presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición adicional primeira. Réxime xurídico

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse:

– Pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file