Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 1 de agosto de 2016 Páx. 33902

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Betanzos

EDICTO (469/2014).

Testemuño

Eu, María Patiño Junquera, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Betanzos, dou fe e testemuño de que nos autos de divorcio contencioso 469/2014 consta sentenza número 52/2016, que literalmente se pasa a transcribir a continuación:

Sentenza

En Betanzos, 19 de abril de 2016.

Vistos por min, Emma Mourenza Couto, maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Betanzos e o seu partido xudicial, os presentes autos de divorcio, co número 469/2014, seguidos por instancia de Cristina Moya Moya, representada polo procurador Sr. García Brandariz e baixo a dirección letrada do Sr. Santoandré Arcay contra Ernesto Alejandro de la Cruz Luna en situación procesual de rebeldía.

Antecedentes de feito

Primeiro. O procurador Sr. García Brandariz, na representación xa indicada, presentou demanda de divorcio matrimonial contra Ernesto Alejandro de la Cruz Luna, a cal foi asignada e correspondeulle a este xulgado, e alegando no seu escrito os feitos e os fundamentos de dereito que estimou convenientes e aplicables ao caso, finalizando co suplico de que se ditase sentenza pola que se acordase o divorcio do devandito matrimonio, por concorrer a causa prevista no artigo 86 do Código civil, así como a adopción de medidas que se detallan na demanda.

Segundo. Tívose por parte o citado procurador, na representación que acreditaba, con quen se entenderían as sucesivas dilixencias no modo e maneira que a lei prevé, admitíndose a trámite a demanda formulada, que se substanciaría polos trámites do xuízo verbal coas especialidades previstas no artigo 753 da LAC, tras o cal se deu traslado da citada demanda á demandada para que a contestase no prazo de 20 días. A demandada deixou transcorrer o prazo indicado sen comparecer nin contestar a demanda, polo que foi declarada en situación procesual de rebeldía en virtude dilixencia de ordenación do 1 de abril de 2016, citando as partes para a celebración da correspondente vista.

Terceiro. Ao acto da vista compareceu a representación procesual da parte demandante. Non compareceu a demandada.

A parte demandante ratificouse no seu escrito de demanda e solicitou como proba a documental existente en autos. Unha vez practicada a proba proposta e admitida quedaron os autos vistos para sentenza.

Cuarto. Na tramitación do presente procedemento observáronse as prescricións legais.

Fundamentos de dereito

Primeiro. Ernesto Alejandro de la Cruz Luna e Cristina Moya Moya casáronse o 2 de agosto de 2013. Do matrimonio non houbo fillos.

Segundo. O artigo 81 do Código civil expresa que “se decretará xudicialmente a separación, calquera que sexa a forma de celebración do matrimonio: 1º) Por petición de ambos os dous cónxuxes ou dun co consentimento do outro, unha vez transcorridos tres meses desde a celebración do matrimonio. Á demanda xuntarase unha proposta de convenio regulador redactada conforme o artigo 90 deste código. 2º) Por petición duns dos cónxuxes, unha vez transcorridos tres meses desde a celebración do matrimonio. Non será preciso o transcurso deste prazo para a interposición da demanda cando se acredite a existencia dun risco para a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou liberdade e indemnidade sexual do cónxuxe demandante ou dos fillos de ambos os dous ou de calquera dos membros do matrimonio. Á demanda xuntarase proposta fundada das medidas que deban regular os efectos derivados da separación”. Pola súa banda, o artigo 86 do mesmo corpo legal establece que “se decretará xudicialmente o divorcio, calquera que sexa a forma de celebración do matrimonio, por petición dun só dos cónxuxes, de ambos os dous ou dun co consentimento do outro, cando concorran os requisitos e circunstancias exixidos no artigo 81”.

Terceiro. Á vista do desenvolvido no presente procedemento, queda patente a vontade dos esposos de poñer fin á súa unión conxugal e a concorrencia dos presupostos legalmente exixidos para que tal disolución poida ser xudicialmente acordada (recórdese que transcorreron máis de tres meses desde a celebración do matrimonio tal e como exixe o artigo 86 do Código civil), razón pola cal procede decretar a disolución por divorcio do matrimonio formado por Ernesto Alejandro de la Cruz Luna e Cristina Moya Moya, con todos os pronunciamentos legais que lle son inherentes.

Cuarto. Non cabe facer especial pronunciamento sobre as custas procesuais, a teor da causa do procedemento.

Vistos os artigos citados, e demais de xeral e pertinente aplicación.

Resolvo:

Que estimando a demanda presentada polo procurador Sr. García Brandariz, en nome e representación de Cristina Moya Moya, debo acordar e acordo a disolución por divorcio do matrimonio formado por Cristina Moya Moya e Ernesto Alejandro de la Cruz Luna cos pronunciamentos legais que lle son inherentes, todo iso sen efectuar expreso pronunciamento acerca das custas procesuais.

Unha vez firme esta resolución, remítase testemuño desta ao encargado do Rexistro Civil competente, co fin de que se practique a correspondente inscrición marxinal no asento de inscrición do matrimonio.

Notifíquese a presente ás partes e fágaselles saber que contra ela cabe interpoñer recurso de apelación no prazo de 20 días, contados a partir de que aquela tivese lugar, para ser resolto pola Audiencia Provincial da Coruña, sendo necesario que para iso se proceda a ingresar na conta de depósitos e consignacións deste xulgado o depósito establecido pola Lei orgánica 1/2009, do 3 de novembro.

Así, por esta a miña sentenza, da que se levará testemuño ás actuacións orixinais, pronúncioo mando e asino.

Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza, pola señora xuíza que a ditou, celebrando audiencia pública no mesmo día da súa data, coa miña asistencia. Dou fe.

O anteriormente transcribido concorda ben e fielmente co seu orixinal ao que me remito. Estendo o presente edicto.

Betanzos, 19 de abril de 2016

A letrada da Administración de xustiza