Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 1 de agosto de 2016 Páx. 33758

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 91/2016, do 14 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da obra de conexión CG 1.5 en Sampaio-Portobravo, de clave AC/12/031.01.

Antecedentes:

O 22 de maio de 2014 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 97) a Resolución do 15 de maio de 2014 pola que se somenten ao trámite de información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da obra de conexión CG 1.5 en Sampaio-Portobravo, de clave AC/12/031.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Posteriormente, e tras a análise das alegacións e informes presentados, o 1 de xullo de 2015 se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da obra de conexión CG 1.5 en Sampaio-Portobravo, de clave AC/12/031.01.

O mencionado proxecto de trazado ten por obxecto a mellora da conexión do corredor CG 1.5 Brión-Noia en Sampaio co núcleo de Portobravo no concello de Lousame. Para isto formúlase unha nova vía con enlace coas estradas autonómicas AC-543, AC-311 e AC-308, que fornece unha conexión máis curta e máis segura ao evitar o treito en travesía.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada porque na vía obxecto do proxecto débense corrixir as interseccións existentes coa construción de novas rotondas, mellorando a seguridade e eficiencia da vía. Tamén se dotará de maior accesibilidade o núcleo de Noia e o seu polígono industrial.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar á realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de xullo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da obra de conexión CG 1.5 en Sampaio-Portobravo, de clave AC/12/031.01.

Santiago de Compostela, catorce de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda