Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 2 de agosto de 2016 Páx. 34309

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2016 pola que se ordena a publicación do Acordo do 14 de xullo de 2016, do Consello Reitor, de delegación da competencia na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Visto o acordo do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas na súa reunión do 14 de xullo de 2016, relativo á delegación de competencias na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta publicación para os efectos da súa entrada en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO
Acordo do 14 de xullo de 2016 do Consello Reitor da Axencia Galega
de Infraestruturas de delegación da competencia

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co establecido no Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas, correspóndelle a xestión de expedientes sancionadores por comisión de infraccións tipificadas na normativa de estradas. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia ao cal lle corresponde o exercicio da potestade sancionadora no caso de infraccións cualificadas como moi graves na normativa reguladora de estradas.

Por Resolución do 23 de xaneiro de 2014 (DOG do 6 de febreiro) publicouse o acordo do Consello Reitor desta axencia do 14 de outubro de 2013, polo que delega na persoa titular da Dirección a competencia para o exercicio da potestade sancionadora en caso de infraccións cualificadas como moi graves na normativa reguladora de estradas.

Para os efectos dunha maior axilidade e eficiencia na xestión administrativa e tendo en conta os principios de eficacia, coordinación e racionalización que deben inspirar a actuación e a organización da Administración, require efectuar unha delegación de competencias para a resolución dos recursos administrativos que procedan contra as anteriores resolucións sancionadoras .

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas acorda delegar na persoa titular da secretaría xeral técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda a competencia para a resolución dos recursos administrativos interpostos contra as resolucións dos expedientes nos que se exerce a potestade sancionadora en caso de infraccións cualificadas como moi graves na normativa reguladora de estradas, así como as solicitudes de suspensión que se formulen.