Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 8 de agosto de 2016 Páx. 35226

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2016 pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, derroga o Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

A pesar da dita derrogación, na disposición transitoria única do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, indícase que os expedientes iniciados ao abeiro do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, seguirán tramitándose conforme este decreto e poderán realizarse convocatorias de subvencións para os citados expedientes.

As actuacións subvencionadas no Decreto 44/2011, do 10 de marzo, teñen por finalidade fomentar a recuperación do patrimonio arquitectónico e tradicional, en prol de favorecer a súa utilización como vivenda habitual e permanente.

O 27 de abril de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 8 de abril de 2016 pola que se convocan as subvencións para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

O punto cuarto da citada resolución sinalaba como actuacións subvencionables aquelas que conten cunha cualificación definitiva de data anterior ao 18 de maio de 2014 para o ámbito rural e do 1 de xaneiro de 2013 para o ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago.

Nestes momentos existe unha dotación orzamentaria extraordinaria que permite realizar unha nova convocatoria de subvencións que abranga todos os expedientes cualificados definitivamente ao abeiro do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, que non solicitaran a subvención ao abeiro da Resolución do 8 de abril de 2016.

Debe terse en conta, así mesmo, que a disposición transitoria cuarta do citado Decreto 44/2011, do 10 de marzo, prevé a posibilidade de presentarse a estas convocatorias de subvencións a aquelas persoas que dispuxeran da cédula de rehabilitación concedida de acordo ao derrogado Decreto 157/2006, do 7 de setembro, de rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e en conxuntos históricos de Galicia.

Esta convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De acordo co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no artigo 25.3 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo; nos artigos 4 e 5 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), a competencia correspóndelle á persoa titular da Presidencia do IGVS e, en consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas subvencións están recollidas no Decreto 44/2011, do 10 de marzo (Diario Oficial de Galicia número 58, do 23 de marzo), polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de remate de fachadas e cubertas, así como de rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

Terceiro. Orzamento

1. Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2016 figura o crédito a través do cal serán atendidas as solicitudes de axudas previstas nesta convocatoria e que se poderán outorgar no ano 2016.

No ámbito rural as axudas faranse efectivas na aplicación orzamentaria 08.80.451A.780.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 700.000 euros.

No ámbito histórico e dos Camiños de Santiago as axudas faranse efectivas na aplicación orzamentaria 08.80.451A.780.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 800.000 euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. No caso de haber remanente nunha das aplicacións orzamentarias e o crédito da outra aplicación non resulte suficiente, poderá realizarse un reaxuste entre as aplicacións, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Cuarto. Actuacións subvencionables

Serán subvencionables as actuacións previstas no Decreto 44/2011, do 10 de marzo, para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago que conten coa resolución de cualificación definitiva ou coa cédula de rehabilitación de calidade e non foran subvencionadas con anterioridade.

Quinto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas promotoras das actuacións que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e, ademais, conten coa resolución de cualificación definitiva ou coa cédula de rehabilitación de calidade.

No suposto de actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, só poderán ser beneficiarias as persoas físicas titulares das vivendas ou dun dereito real que permita acometer as ditas actuacións. Estas persoas serán beneficiarias en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras.

2. Así mesmo, será necesario que a vivenda constitúa domicilio habitual e permanente da persoa beneficiaria ou das persoas que a ocupan en condición de arrendatarias. Neste caso, será preciso que o contrato de alugamento se formalizase entre o día seguinte ao da notificación da cualificación definitiva e o da publicación da convocatoria de subvención e, ademais, que a súa duración non sexa inferior aos cinco anos.

No suposto de vivendas con cédula de rehabilitación de calidade ou no caso de actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, o cumprimento deste requisito deberá ser desde a data da solicitude da subvención.

No caso de persoas galegas residentes no exterior da Comunidade Autónoma e que non destinen as vivendas ao alugamento, a obriga de residencia habitual e permanente limitarase á residencia na vivenda rehabilitada ou reconstruída durante un período de, polo menos, 15 días ao ano.

3. Os ingresos das unidades de convivencia da persoa beneficiaria non poderán exceder os seguintes límites:

a) 3,5 veces o índice público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM), no caso de expedientes no ámbito rural iniciados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que continuaron a súa tramitación en aplicación das disposicións transitorias segunda e cuarta do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.

b) 6,5 veces o IPREM, no caso de expedientes no ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago iniciados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que continuaron a súa tramitación en aplicación da disposición transitoria segunda do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.

4. Para o caso de actuacións con destino ao alugamento, os ingresos ponderados das unidades de convivencia que residan nas vivendas non poderán exceder 4,5 veces o IPREM.

5. En ningún caso poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas que as solicitaran ao abeiro da Resolución do 8 de abril de 2016, agás que desistiran expresamente das súas solicitudes, as presentaran fóra do prazo ou as que, aínda presentándoas dentro do prazo, fagan referencia a cualificacións definitivas posteriores ao 18 de maio de 2014 no ámbito rural ou ao 1 de xaneiro de 2013 para o ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago.

Sexto. Importes máximos das subvencións

1. As actuacións subvenciónanse nunha contía equivalente ao 50 por 100 do orzamento que figure na resolución de cualificación definitiva, sen que esta subvención poida superar a cantidade de 6.600 euros, no caso das modalidades de remate de fachada e rehabilitación, e a cantidade de 8.600 euros, na modalidade de reconstrución de edificios e vivendas. En todo caso, o importe da subvención non poderá superar a contía do gasto subvencionable, de acordo co establecido no artigo 3.g) do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.

2. No suposto de actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, a subvención prevista no número anterior calcularase para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras. Para o caso de que, simultaneamente coas obras de elementos comúns, se realicen actuacións protexibles nas vivendas do edificio, a subvención total que lle correspondería a cada vivenda non poderá exceder as contías establecidas no número anterior.

Sétimo. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán achegar os documentos e os datos exixidos nesta resolución, agás que xa estivesen en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente ese consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Oitavo. Presentación de solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto, á cal se xuntará a documentación que nel se indica. Deberase dirixir á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando para isto o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar por vía electrónica, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

6. No modelo de solicitude poderán asinarse as seguintes autorizacións a favor do IGVS:

a) Para acreditar a identidade da persoa solicitante poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

b) Para acreditar a súa identidade, no caso de actuar por medio de representante, poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

c) Para consultar os datos de residencia da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de Residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase xuntar o certificado de empadroamento.

d) Para consultar os datos de discapacidade, no caso de ser expedida pola Xunta de Galicia. No caso de non ter autorizado a súa consulta ou de tratarse dun recoñecemento de discapacidade non expedido pola Xunta de Galicia, deberá presentar copia do certificado de discapacidade.

7. No modelo de solicitude realizaranse, ademais, as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para o mesmo proxecto. No caso de ter solicitado ou concedida algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

c) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.

Noveno. Documentación complementaria

Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou do NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, do seu representante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

b) Certificados acreditativos de atoparse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, de facenda e coa Seguridade Social, e declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF) ou nivel de renda correspondente ao exercicio vencido na data de presentación da solicitude, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, para o suposto de ter denegado expresamente a súa consulta.

c) Certificado de empadroamento na vivenda obxecto da rehabilitación da persoa solicitante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, salvo que a vivenda se destine ao alugamento.

d) No caso de que a vivenda se destine ao alugamento, o correspondente contrato de arrendamento.

e) No caso de persoas galegas residentes no exterior da Comunidade Autónoma e que non destinen a vivenda ao alugamento, declaración responsable de dedicar a vivenda a residencia de, polo menos, durante 15 días ao ano, acompañada de documentación xustificativa, tal como copia das facturas dos consumos de auga, luz ou calquera outra documentación a nome da persoa solicitante.

f) Anexo II, de xustificación do pagamento, ao que se xuntará a seguinte documentación:

1º. Relación clasificada de gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento acreditativo do gasto, o seu importe, a data de emisión e, se for o caso, as datas de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

2º. As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporadas na relación a que se fai referencia no número anterior, e a documentación acreditativa do pagamento. No suposto de actuacións promovidas polas comunidades de propietarios/as, as facturas e os documentos bancarios poderán vir a nome da comunidade.

3º. Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se for o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos, incorporados na relación a que se fai referencia no número 1.

g) Para o caso de solicitudes de subvención correspondentes a vivendas con expedientes iniciados co Decreto 157/2006, do 7 de setembro, documentación acreditativa do cumprimento dos límites de ingresos familiares establecidos no punto 5.3 desta resolución e presentando a seguinte documentación:

1º. Anexo III de declaración responsable da composición da unidade familiar e autorización dos membros da unidade familiar ao IGVS para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a ingresos, identidade e discapacidade. Para o suposto de non ter autorizada esa consulta, deberase presentar a copia da declaración do IRPF correspondente ao exercicio vencido, inmediatamente anterior á data de solicitude, e o certificado das rendas expedido pola AEAT, relativo ao conxunto dos membros da unidade familiar. Igualmente, no caso de non ter autorizada a consulta, presentarase copia do DNI ou NIE e do certificado de discapacidade, de ser o caso.

2º. No caso de non estar obrigado/a a presentar a declaración do IRPF, deberase xuntar o modelo de devolución e a copia da notificación-liquidación emitido pola AEAT. No suposto de que non se achegase o citado modelo, deberase xuntar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, á cal deberá xuntar, de ser o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do Inem e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

3º. No suposto de persoas galegas residentes no exterior da Comunidade Autónoma, deberanse xustificar os ingresos familiares mediante a achega dunha copia da declaración do IRPF presentada en España, para o caso de non autorizar a consulta. No suposto de non ter presentada a declaración do IRPF en España, presentarase copia da declaración similar presentada no país onde presten os seus servizos, autenticada pola agregadoría laboral correspondente ou pola delegación consular de España no seu país de residencia.

h) Anexo IV, no caso de solicitudes de subvención correspondentes a actuacións con destino ao alugamento, para acreditar a identidade, o grao de discapacidade, de ser o caso, así como o cumprimento do límite de ingresos familiares, establecidos no punto 5.4.

Décimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Décimo primeiro. Procedemento de concesión

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a presente resolución de convocatoria.

2. A instrución do procedemento correspóndelle á persoa titular da xefatura da área do IGVS onde estea situado o edificio ou vivenda, quen formulará a proposta de resolución.

3. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, á vista das propostas de resolución e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo segundo. Requirimentos de emenda

De conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os requirimentos de emenda e as notificacións das resolucións de concesión ou denegación poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Décimo terceiro. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver e notificar a concesión será de tres meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. O prazo para a interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo cuarto. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgúns dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será o da maior antigüidade da data de resolución da cualificación definitiva ou, se é o caso, da cédula de rehabilitación de calidade. No caso de igualdade da data de resolución da cualificación definitiva, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude completa no rexistro da correspondente área provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

Décimo quinto. Xustificación do gasto subvencionable

1. A obtención da cualificación definitiva terá a consideración de memoria da actuación para os efectos do previsto no artigo 48.1 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A memoria económica do custo das actividades deberá xustificarse a través da documentación referida no punto 9.f), de conformidade co establecido no artigo 48.2 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. De acordo co establecido nos artigos 3 g) e 31 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, o gasto subvencionable deberá estar efectivamente pagado e xustificado mediante extractos ou certificacións bancarias.

Décimo sexto. Pagamento da subvención

O pagamento das subvencións ás persoas beneficiarias realizarase, unha vez concedida a subvención, mediante transferencia bancaria na conta que sinalen para o efecto.

Décimo sétimo. Compatibilidade

De acordo co establecido no artigo 36 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, o réxime de compatibilidades é o seguinte:

a) As subvencións previstas nesta convocatoria son compatibles coas axudas establecidas en materia de rehabilitación, tanto na normativa estatal como na autonómica, excepto no suposto previsto na alínea c) deste punto.

b) O importe das subvencións non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

c) Non poderán concederse axudas para aquelas vivendas que, ao abeiro de calquera norma autonómica reguladora de axudas para actuacións de rehabilitación, reconstrución ou renovación, ou ao abeiro da normativa estatal dos plans de vivenda, as teñan solicitado nos catro anos inmediatamente anteriores ao da presentación da solicitude de subvención, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes remataran o seu procedemento sen obter subvención por esgotamento do crédito establecido na convocatoria.

Décimo oitavo. Publicidade das subvencións concedidas

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e ás subvencións recibidas no devandito rexistro e das posibles sancións que se lle poidan impoñer.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

Décimo noveno. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: aluga.igvs@xunta.gal.

Vixésimo. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados por vía electrónica accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Vixésimo primeiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file