Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 8 de agosto de 2016 Páx. 35217

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da denominación de orixe Valdeorras.

O Consello Regulador da denominación de orixe Valdeorras solicitou a modificación da normativa que rexe a produción destes viños. Despois de diversas modificacións sobre a proposta inicial, o pleno do Consello Regulador aprobou o texto definitivo da modificación, para a súa tramitación de conformidade co establecido na normativa europea, estatal e autonómica.

A solicitude de modificación afecta o rendemento produtivo máximo admisible das parcelas inscritas na denominación de orixe, parámetro que se recolle tanto no prego de condicións como no documento único que serviron de base para a súa inscrición no rexistro europeo, e debe someterse a un proceso preliminar de publicidade para eventuais oposicións a nivel do Estado membro antes da súa tramitación aos servizos da Comisión Europea. Así o recolle o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, que establece que os procedementos nacionais de oposición deben garantir unha publicación adecuada da solicitude e fixar un prazo mínimo de dous meses desde a data da publicación durante o cal calquera persoa física ou xurídica que teña un interese lexítimo e resida ou estea establecida no seu territorio poida impugnar a modificación proposta presentando unha declaración debidamente motivada.

A normativa estatal reguladora desta materia é o Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, modificado polo Real decreto 149/2014, do 7 de marzo. De acordo co artigo 8.6 desta disposición, unha vez comprobado que a solicitude cumpre os requisitos establecidos na normativa reguladora, debe darse publicidade desta mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, para o inicio do prazo de presentación de eventuais oposicións. A publicación deberá incluír o enderezo da páxina web oficial onde se atoparán o novo prego de condicións e o documento único. Para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas cuxo ámbito abrangue máis dunha comunidade autónoma, e que por tanto son da competencia da Administración xeral do Estado, o dito real decreto fixou un período de oposición de dous meses, pero non fixou prazo para as de ámbito autonómico, por seren competencia das comunidades autónomas.

Por último, a normativa reguladora da materia no ámbito autonómico é o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Este decreto establece un procedemento para a publicidade e oposición no relativo a solicitudes de inscrición de novas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas, e tamén para as modificacións dos pregos de condicións das existentes, pero limitado aos produtos alimentarios, xa que no momento da súa aprobación, para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas vitivinícolas aínda non era de aplicación a normativa europea que exixe este trámite. O período para a presentación de oposicións que establece no caso das ditas denominacións de orixe e indicacións xeográficas do ámbito alimentario é de dous meses.

De acordo co artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten a competencia exclusiva, en colaboración co Estado, en materia de denominacións de orixe. A dita competencia, para os produtos de orixe agraria, é exercida pola Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, de acordo co que se establece no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da dita consellería.

Por todo o anterior, cumpridos os preceptivos trámites regulamentarios e vistas a disposicións citadas,

RESOLVO:

Ter por comprobada a documentación e continuar o procedemento de tramitación da solicitude de modificación do prego de condicións da denominación de orixe protexida «Valdeorras», e dar publicidade á dita solicitude mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia do documento único onde se recolle o resumo dos datos do prego de condicións. Este documento único, que figura como anexo desta resolución, inclúe un vínculo á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atopa o texto íntegro de dito prego de condicións, no cal figuran sinalados os cambios respecto da versión vixente.

Tamén se dará publicidade da solicitude mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado, que incluirá os vínculos á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atoparán o contido do prego de condicións e do documento único.

Desde o día seguinte ao da publicación máis tardía de ambas as dúas, iniciarase o cómputo dun prazo de dous meses para que calquera persoa, física ou xurídica, que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida opoñerse ao rexistro da dita modificación mediante a correspondente declaración de oposición, dirixida á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, da Consellería do Medio Rural (edificios administrativos de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a Consellería do Medio Rural, de conformidade co previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO
Denominación de orixe protexida (DOP) Valdeorras
Documento único

1. Nome e tipo.

a) Denominación que debe rexistrarse:

Valdeorras.

b) Tipo de indicación xeográfica:

Denominación de orixe protexida.

2. Categorías de produtos vitícolas.

– 1. Viño.

– 5. Viño espumoso de calidade.

– 15. Viño de uvas pasificadas.

3. Descrición dos viños.

a) Categoría viño.

a.1) Viños brancos.

• Breve descrición textual:

– Fase visual: cores amarelas pálidas con tonalidades de verdosas a ambarinas.

– Fase olfactiva: aromas primarios limpos e frescos, afroitado de intensidade media.

– Fase gustativa: móstrase suave, lixeiro e afroitado, equilibrado na súa estrutura.

Os viños que leven a indicación «produción controlada» (aos cales se exixen rendementos de produción en parcela máis limitados) e os viños «crianza», «reserva» e «gran reserva» (envellecidos en madeira diferentes períodos, o que matiza as súas características organolépticas) terán unha graduación alcohólica mínima de 12,5.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 10,5.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 5.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes por litro): 13,33.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 160.

a.2) Viños brancos: Valdeorras Godello e Valdeorras castes nobres.

• Breve descrición textual:

Cores amarelas pálidas con tonalidades de verdosas a ambarinas. Aromas primarios limpos e frescos, afroitado de intensidade media. Móstrase suave, lixeiro e afroitado, equilibrado na súa estrutura. O «Valdeorras godello» está elaborado exclusivamente con esa variedade e os «Valdeorras castes nobres» están elaborados cun mínimo do 85 % de variedades brancas consideradas preferentes. Os que leven a indicación «produción controlada» (con rendementos de produción en parcela máis limitados) e os viños «crianza», «reserva» e «gran reserva» (envellecidos en madeira diferentes períodos, o que matiza as súas características organolépticas) terán unha graduación alcohólica mínima de 12,5.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 11,5.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 5.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes por litro): 13,33.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 160.

a.3) Viños tintos.

• Breve descrición textual:

– Fase visual: cor vermella picota morada, limpa, brillante de boa capa, con reflexos de violeta a rubí.

– Fase olfactiva: intensos aromas a froitos vermellos maduros, propios das variedades de que proceden.

– Fase gustativa: carnosos, secos, equilibrada expresión tánica, acidez media-alta e agradable posgusto.

Os viños que leven a indicación «produción controlada» (aos cales se exixen rendementos de produción en parcela máis limitados) e os viños «crianza», «reserva» e «gran reserva» (envellecidos en madeira diferentes períodos, o que matiza as súas características organolépticas) terán unha graduación alcohólica mínima de 12,5.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 10,5.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4,5.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes por litro): 13,33.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 150.

a.4) Viño tinto: Valdeorras mencía e Valdeorras castes nobres.

• Breve descrición textual:

Cor vermella picota morada, limpa, brillante de boa capa, con reflexos de violeta a rubí. Intensos aromas a froitos vermellos maduros. Carnosos, secos, equilibrada expresión tánica, acidez media-alta e agradable posgusto. Os «Valdeorras mencía» elabóranse cun mínimo do 85 % da devandita variedade e os «Valdeorras castes nobres» cun mínimo do 85 % de variedades tintas consideradas preferentes. Os identificados como «produción controlada» (con rendementos en parcela máis limitados) e os viños «crianza», «reserva» e «gran reserva» (envellecidos en madeira, o que matiza as súas características organolépticas) terán unha graduación alcohólica mínima de 12,5.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 11,5.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4,5.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes por litro): 13,33.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 150.

b) Categoría viño espumoso de calidade.

• Breve descrición textual:

– Fase visual: cores amarelas con tons pálidos ou dourados e brillantes. Carbónico lixeiro con adecuada burbulla fina e persistente.

– Fase olfactiva: aromas intensos, limpos e con suaves tons do seu paso por botella.

– Fase gustativa: fresco, con lixeira acidez e agradable carbónico, equilibrado.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 11.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes por litro): 18.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 160.

c) Categoría viño de uvas pasificadas (tostado).

• Breve descrición textual:

– Fase visual: (brancos ou tintos): cores amarelas e vermellas intensas, con matices dourados e violetas.

– Fase olfactiva: aromas limpos, francos, intensos, con recordos da variedade de que proceden moi florais e fondo meloso.

– Fase gustativa: sabor intenso, agradable paso de boca con dozura e ampla persistencia.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 13.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes por litro): 40.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos por litro): 160.

4. Prácticas vitivinícolas.

a) Prácticas enolóxicas esenciais.

Prácticas enolóxicas específicas.

– Nos Valdeorras «godello» empregarase exclusivamente esta variedade e nos «mencía», polo menos un 85 % da devandita variedade. Nos «castes nobres» empregarase como mínimo un 85 % das variedades preferentes.

– Os espumosos elaboraranse polo menos cun 85 % de godello.

– O «tostado» con uvas tintas das variedades autorizadas ou coa variedade branca godello.

– O rendemento de extracción de mosto non será superior a 72 %.

– Na elaboración do «tostado» a pasificación durará un mínimo de 90 días, cun rendemento máximo de 40 l por cada 100 kg de uvas pasas.

– O cómputo do período de envellecemento en barrica non poderá iniciarse antes do día 1 de decembro do ano da colleita.

b) Rendementos máximos.

– 15.000 quilogramos de uvas por hectárea.

– 108 hectolitros por hectárea.

5. Zona delimitada.

A zona de produción dos viños protexidos pola denominación de orixe Valdeorras está constituída polos terreos aptos para a produción de uva coa calidade necesaria para obter viños das características específicas dos amparados pola denominación, e sempre que se atopen situados nos concellos do Barco de Valdeorras, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín e Rubiá, todos eles na provincia de Ourense, na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Principais uvas de vinificación.

Mencía e godello.

7. Descrición do/s vínculo/s.

Os solos e o clima mediterráneo-oceánico da zona conforman un ecosistema selectivo a que se foron adaptando as variedades de vide, en xeral variedades autóctonas, entre as cales destacan o godello e a mencía. O cultivo desenvólvese en ladeiras, ás veces con importantes pendentes socalcadas. É fundamental a selección das mellores orientacións que fixeron secularmente os viticultores. O resultado son viños singulares: a variedade godello dá lugar a viños estruturados e untuosos, cunha acidez natural que os fai frescos e elegantes. Os tintos a base de mencía teñen intensos aromas a froitos vermellos maduros, con acidez media a alta e equilibrada expresión tánica.

8. Outras condicións esenciais.

a) Envasamento na zona delimitada.

O embotellamento realizarase na área delimitada, nas adegas inscritas na denominación de orixe.

b) Disposicións adicionais relativas á etiquetaxe.

– O uso das mencións «godello», «mencía», «variedades nobres/castes nobres» e «produción controlada» queda condicionado ao cumprimento dos requisitos do prego e o dos termos «barrica», «crianza», «reserva» e «gran reserva» ao da normativa xeral.

– Nos viños de uva pasificada incluirase a mención «tostado».

– Nos embotellados por encargo aparecerá o nome do embotellador.

– Os viños comercialízanse con identificadores de garantía, co logo da denominación que figura no prego.

Referencia á publicación do prego de condicións:

http://mediorural.xunta.gal/uploads/media/DOP_VALDEORRAS_Pliego_Condiciones_julio_2016_CCC.pdf